DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 22 de decembro de 2008 Páx. 22.767

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 275/2008, do 27 de novembro, polo que se desafecta do dominio público un inmoble situado en Boqueixón motivado pola expropiación de terreo por obras do AVE.

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular dun inmoble no concello de Boqueixón coñecido como Escola de Capacitación Agraria de Sergude, ao abeiro do Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, de traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e pesca.

O Ministerio de Fomento está tramitando expediente expropiatorio sobre parte da parcela anterior como consecuencia das obras do AVE.

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos de lexislación da expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrución do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

A Consellería do Medio Rural informou favorablemente a desafectación do terreo afectado pola expropiación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de novembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público o ben descrito a continuación:

Franxa de terreo de 665 m2 dentro do inmoble onde se situa a Escola de Capacitación Agraria de Sergude, situada no concello de Boqueixón e cunha superficie total de 960.000 m2. Atópase inscrita no Rexistro da Propiedade nº 1 de Santiago de Compostela ao tomo 1304, libro 90, folio 143, predio 6.678. Forma parte da referencia catastral 15012A027008630000EH.

Artigo 2º

O inmoble anteriormente descrito adquire natureza patrimonial.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e sete de novembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda