DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 22 de decembro de 2008 Páx. 22.765

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 16 de decembro de 2008 pola que se modifica a Orde do 31 de xaneiro de 2008, pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría da indemnización compensatoria e se convocan as axudas previstas no contrato de explotación sustentable no ano 2008.

A Orde do 31 de xaneiro de 2008 (DOG nº 23, do 1 de febreiro) coas súas correccións de erros publicadas no DOG nº 32, do 14 de febreiro e no DOG nº 79 do 24 de abril, e a súa modificación publicada no DOG nº 74, do 17 de abril, establece a regulación da aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e da indemnización compensatoria, e convoca as axudas previstas no contrato de explotación sustentable, no ano 2008. O Regulamento (CE) nº 146/2008, do Consello, do 14 de febreiro de 2008, modifica tanto o Regulamento (CE) nº 1782/2003, polo que se establecen disposicións comúns aplicables aos réximes de axuda directa no marco da política agrícola común e se instauran determinados réximes de axuda aos agricultores, como o Regulamento (CE) nº 1698/2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Na súa disposición adicional primeira, parágrafo 1, precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas, e no seu parágrafo 3 sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, tramitando o expediente de modificación de crédito oportuno.

Coa finalidade de poder amparar todas as solicitudes de indemnización compensatoria financiadas polo Feader e as solicitudes das axudas directas no marco da aplicación da política agraria común en Galicia financiadas polo Fondo Europeo Agrario de Garantía e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, aprobouse o correspondente expediente de modificación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

Tamén o elevado número de solicitantes de axudas agroambientais dentro do marco do CES, e o feito de que se trata dunha axuda destinada ao fomento da utilización de sistemas de produción agraria sustentable e que o Programa de desenvolvemento rural de Galicia prevé un volume de 144.446.206 € para todo o período 2007-2013, enténdese que é preciso incrementar o límite orzamentario das axudas agroambientais con cargo ao ano 2009.

A Orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión das axudas para o fomento dos sistemas de producións agrarias sustentables a través da implantación do contrato de explotación sustentable recolle que poderán acollerse ao contrato de explotación sustentable os titulares de explotacións agrarias que se comprometan a cumprir nun período mínimo de cinco anos os requisitos de carácter xeral e os compromisos específicos que se regulan nesta orde. Polo tanto, as medidas agroambientais son unhas axudas con compromisos plurianuais, nas que o beneficiario fai unha solicitude inicial ao comezo do período e solicitudes de pagamento nos anos posteriores ata acadar os cinco anos de compromiso.

A coincidencia do comezo do novo programa 2007-2013 nas axudas agroambientais cos antigos compromisarios destas axudas dificultou unha previsión axeitada dos orzamentos precisos que, tras a tramitación das solicitudes deste ano, se mostran claramente insuficientes.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do EAG e facendo uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 562/2005, do 1 de decembro,

DISPOÑO :

Artigo único.-A Orde do 31 de xaneiro de 2008 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e da indemnización compensatoria, e se convocan as axudas previstas no contrato de explotación sustentable, no ano 2008, publicada no DOG nº 23, do 1 de febreiro, coa súa corrección de erros publicada no DOG nº 32, do 14 de febreiro, e a súa modificación, publicada no DOG nº 74, do 17 de abril, queda modificada do seguinte xeito:

Un.-O punto 1 do artigo 81 queda redactado do seguinte xeito:

Este capítulo ten por obxecto establecer a convocatoria plurianual, en réxime de concorrencia competitiva, para as solicitudes presentadas no ano 2008, das axudas para o fomento dos sistemas de produción agraria sustentables a través da implantación do contrato de explotación sustentable (CES), de acordo coas bases reguladoras previstas na Orde do 25 de xaneiro de 2008, e coas regras contidas neste título, así como o establecido no capítulo I do título I desta orde, en canto ás disposicións xerais das solicitudes. No caso de solicitar a ampliación dos compromisos en convocatorias futuras, a súa aprobación farase segundo o réxime de concorrencia competitiva dependendo da dotación orzamentaria dispoñible e limitaranse ao tempo restante do período de compromisos establecido na súa solicitude inicial e cumprindo o artigo 18 da Orde do 25 de xaneiro de 2008.

Dous.-A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas nos capítulos II a V do título II da Orde do 31 de xaneiro de 2008 (DOG nº 23, do 1 de febreiro), conforme a disposición adicional primeira, parágrafo 1, alínea a) da dita orde, increméntase no importe de 94.056.678,04 euros, con cargo á aplicación 11.90.713F.779.1, primas gandeiras, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2008.

Tres.-Procédese á ampliación e ao reaxuste das anualidades das aplicacións orzamentarias 11.02.712B.772.1 e 11.03.713C.770.4, sinaladas no segundo parágrafo do punto 1.b) da disposición adicional, e queda redactado do seguinte xeito:

-11.02.712B.772.1, indemnización compensatoria, por importe de 13.500.005 €.

-11.02.712B.772.1, para as axudas previstas na medidas agroambientais, por importe de 5.902.591 € no ano 2008; para o ano 2009, 10.200.000 €; para o ano 2010, 15.000.000 €; para o ano 2011, 15.000.000 €; para o ano 2012, 15.000.000 €; e para o 2013, 15.000.000 €. A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

-11.03.713C.770.4, para as axudas ao benestar animal, por importe de 500.000 € no ano 2008; para o ano 2009, 25.000 €; para o ano 2010, 25.000 €; para o ano 2011, 25.000 €; e para o ano 2012, 25.000 €; A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Segunda.-As ampliacións e o reaxuste de anualidades previstas no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 31 de xaneiro de 2008.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural