DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 22 de decembro de 2008 Páx. 22.762

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 274/2008, do 18 de decembro, polo que se fixan as gratificacións e indemnizacións que percibirán os membros da Administración electoral en Galicia e o persoal ao seu servizo, así como os xuíces de primeira instancia ou de paz, representantes da Administración da comunidade autónoma nas mesas electorais, así como o persoal dos servizos centrais da Xunta de Galicia, co gallo das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009.

De conformidade co disposto nos artigos 13.2º e 22.2º da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, o Consello da Xunta de Galicia será quen deba fixar as compensacións económicas que correspondan aos membros da Xunta Electoral de Galicia e das xuntas electorais provinciais e de zona para as eleccións ao Parlamento de Galicia 2009.

Por outro lado, e tal e como preceptúa o articulado anterior, é tamén obriga do Consello da Xunta de Galicia facilitarlles ás xuntas electorais provinciais e de Zona que poidan dispor dos medios persoais e materiais necesarios para o exercicio das súas funcións.

Neste senso, e co obxecto de acadar unha axeitada integración entre os principios regulados polo Real Decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, e a normativa electoral autonómica, á hora de fixar estas compensacións, consideráronse as funcións que lle corresponden á Administración electoral no marco fixado pola vixente lexislación e valoráronse os precedentes dos procesos electorais que aconteceron desde as ultimas eleccións autonómicas.

Polo tanto, para un mellor desenvolvemento do proceso electoral autonómico e co obxecto de dar obrigado cumprimento ás prescricións legais contidas na Lei orgánica do réxime electoral xeral e evitar, deste xeito, as disfuncións que a dispersión da norma puider provocar, faise necesario regular, sen demora ningunha, as gratificacións e indemnizacións anteriormente citadas.

Na súa virtude, facendo uso da habilitación que lle confire a disposición adicional primeira da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, que faculta a Xunta de Galicia para ditar as disposicións precisas para o seu cumprimento e execución, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día dezaoito de decembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Xunta Electoral de Galicia.

1. Os membros da Xunta Electoral de Galicia terán dereito, polo desempeño das súas funcións nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009, ás gratificacións fixas que a seguir se detallan:

Presidente: 4.300 €.

Vicepresidente: 2.100 €.

Secretario: 3.400 €.

Vogais: 1.900 €.

2. O resto das indemnizacións e a súa forma de pagamento serán acordadas polo Parlamento de Galicia.

Artigo 2º.-Xuntas electorais provinciais e de zona.

1. Os membros das xuntas electorais provinciais teñen dereito, polo desempeño das súas funcións nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009, ás gratificacións fixas que a seguir se detallan:

a) Xuntas electorais provinciais da Coruña e Pontevedra.

Presidente: 3.400 €.

Secretario: 3.200 €.

Vogais xudiciais: 1.500 €.

Vogais non xudiciais: 850 €.

Delegado da Oficina do Censo Electoral: 1.500 €.

b) Xuntas electorais provinciais de Lugo e Ourense.

Presidente: 3.100 €.

Secretario: 2.900 €.

Vogais xudiciais: 1.400 €.

Vogais non xudiciais: 750 €.

Delegado da Oficina do Censo Electoral: 1.400 €.

c) O dereito ás gratificacións sinaladas neste punto nacerá desde o momento en que se tome posesión do cargo correspondente e enténdese referido á totalidade do tempo en que as xuntas electorais provinciais cumpran as súas funcións, desde a súa constitución ata que conclúan o seu mandato por expiración do prazo legal, de conformidade co disposto no artigo 15.2º da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

No suposto de que o período de desempeño do cargo dalgún dos seus membros sexa inferior ao mandato legal anteriormente mencionado, terán dereito exclusivamente a unha cantidade proporcional ao tempo efectivo do desempeño do cargo.

2. Os membros de todas as xuntas electorais de zona percibirán como gratificación polo desempeño das súas funcións nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009 as gratificacións fixas que a seguir se detallan:

Presidente: 2.550 €.

Secretario: 2.350 €.

Vogais xudiciais: 1.060 €.

Vogais non xudiciais: 650 €.

O dereito á percepción das gratificacións sinaladas neste punto nacerá desde o momento en que se tome posesión do cargo correspondente e enténdese referido á totalidade do tempo no que as xuntas electorais de zona cumpran as súas funcións, desde a súa constitución ata que conclúan o seu mandato por expiración do prazo legal, de conformidade co disposto no artigo 15.2º da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

No suposto de que o período de desempeño do cargo dalgún dos seus membros sexa inferior ao mandato legal anteriormente mencionado, terá dereito exclusivamente a unha cantidade proporcional ao tempo efectivo do desempeño do cargo.

3. Para remunerar os servizos extraordinarios prestados polo persoal colaborador das xuntas electorais provinciais e de zona, asignarase a cantidade de 50 euros por cada unha das mesas que efectivamente se constitúan na respectiva provincia máis unha achega adicional de 4.700 euros ás provincias de Lugo e Ourense.

Neste senso, para poderen participar como persoal colaborador das xuntas electorais provinciais e de zona será precisa a súa pertenza como funcionario ou laboral a calquera das administracións públicas. O importe resultante no ámbito provincial terá carácter limitativo e será repartido pola Xunta Electoral Provincial entre todas as xuntas electorais existentes na provincia.

4. Cando os membros das xuntas electorais provinciais e de zona, para asistiren ás reunións regulamentariamente convocadas, teñan que desprazarse fóra do municipio da súa residencia habitual, seranlles aboados integramente os gastos de transporte e, se utilizasen o seu vehículo particular, aboaráselles cada quilómetro percorrido a razón de 0,19 euros.

Se ao efectuaren o desprazamento se fixese todo ou parte do percorrido por autoestrada de peaxe, será indemnizable o gasto da peaxe, que se deberá acreditar coa presentación do xustificante que verifique a súa realización.

5. A Xunta de Galicia, co obxecto de dar obrigado cumprimento ao preceptuado na normativa electoral vixente, porá á disposición das xuntas electorais provinciais e de zona os medios materiais necesarios para o exercicio das súas funcións.

Neste senso e con cargo a este punto, sufragaranse todos aqueles gastos de natureza material que resulte necesario efectuar para o correcto funcionamento das administracións electorais especificadas no parágrafo anterior.

Artigo 3º.-Delegados das xuntas electorais de zona.

1. Os secretarios dos concellos, pola súa condición de delegados das xuntas electorais de zona, percibirán unhas cantidades fixas, que virán determinadas polo número total de mesas electorais que efectivamente se constitúan no municipio ou municipios nos que actúen como tales, con independencia da natureza dos agrupados ou acumulados que teñan aqueles con relación ao titular da Secretaría.

Os importes que se aboarán aos delegados das xuntas electorais de zona serán os seguintes:

Ver referencia pdf "24700D002P046.PDF"

O dereito á percepción das gratificacións anteriores enténdese referido á totalidade do proceso electoral autonómico. No suposto de que se permaneza no cargo por un tempo inferior, terase dereito a unha cantidade proporcional ao que permanecese nel.

No suposto de que o titular dunha secretaría sexa adscrito a un novo concello durante a celebración do proceso electoral autonómico, percibirá, se é o caso, ademais, a diferenza que lle corresponda co xa percibido, se o concello de destino está comprendido nun tramo distinto ao de orixe.

2. Para remunerar os servizos extraordinarios prestados polo persoal colaborador dos concellos, asignarase a cantidade de 42 euros por cada mesa electoral efectivamente constituída no respectivo municipio, tendo a cantidade resultante carácter limitativo.

3. Cando os secretarios dos concellos, como membros das xuntas electorais de zona, teñan que desprazarse fóra do municipio da súa residencia habitual para asistir ás reunións regulamentariamente convocadas por estas, seranlles aboados integramente os gastos de transporte e se utilizasen o seu vehículo particular aboaráselles cada quilómetro percorrido a razón de 0,19 euros.

Se ao efectuaren o desprazamento se fixese todo ou parte do percorrido por autoestrada de peaxe, será indemnizable o gasto da peaxe, que se deberá acreditar coa presentación do xustificante que verifique a súa realización.

Artigo 4º.-Membros das mesas electorais.

1. Quen sexa nomeado presidente e vogal das mesas electorais de conformidade co establecido na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, percibirá 62,42 euros en concepto de indemnización. Só terán dereito á indemnización antes mencionada aqueles que teñan a condición de titulares e os suplentes unicamente cando adquiran tal condición. Así mesmo, o dereito a ela será no seu importe íntegro, con independencia do tempo da xornada electoral en que se estiver desempeñando o cargo.

2. Co obxecto de facilitar o cumprimento do preceptuado no artigo 101.1º da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, cada un dos presidentes das mesas electorais, únicos membros das mesmas que teñen a obriga de entregar a documentación electoral pertinente na sede do xulgado de primeira instancia ou de paz, percibirá 8 euros en concepto de indemnización por desprazamento.

A cantidade fixada no parágrafo anterior corre a cargo da Xunta de Galicia, e establécese con base no previsto no artigo 101.1º da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, sen que isto menoscabe a obriga que pesa sobre a forza pública e que se atopa establecida no citado precepto.

3. Os presidentes, vogais e suplentes das mesas electorais que resulten nomeados de conformidade co establecido na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, quedarán protexidos polo sistema da Seguridade Social fronte ás continxencias e situacións que poidan derivar da súa participación nas eleccións.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, os referidos membros das mesas electorais considéranse, durante o exercicio da súa función, como asimilados aos traballadores por conta allea do réxime xeral da Seguridade Social para a continxencia de accidentes de traballo.

Neste senso, a Xunta de Galicia, e de conformidade co disposto no artigo 7 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, farase cargo da cotización correspondente á cobertura de riscos fronte ás continxencias e situacións que poidan derivar da participación dos presidentes, vogais e suplentes das mesas electorais nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009.

Artigo 5º.-Xuíces de primeira instancia ou de paz.

1. Pola realización das actividades estipuladas polo artigo 101 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, os xuíces de primeira instancia ou de paz, se é o caso, que fosen nomeados para a súa execución, percibirán a cantidade de 62 euros.

2. Sen prexuízo do estipulado no parágrafo anterior, polo traslado da documentación electoral a que fai referencia o artigo 101.3º da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, aos xuíces de primeira instancia ou de paz seranlles aboados integramente os gastos de transporte e, se utilizasen o seu vehículo particular, aboaráselles cada quilómetro percorrido a razón de 0,19 euros.

Se ao efectuaren o desprazamento se fixese todo ou parte do percorrido por autoestrada de peaxe, será indemnizable o gasto da peaxe, que se deberá acreditar coa presentación do xustificante que verifique a súa realización.

Artigo 6º.-Representantes da Administración autonómica nas mesas electorais e representantes coordinadores.

Os representantes da Administración autonómica nas mesas electorais percibirán unha indemnización individual de 100 euros en compensación polas funcións que deberán levar a cabo durante as eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009.

Entenderanse incluídas dentro desta indemnización todos aqueles gastos de transporte en que incorran os representantes da Administración durante os días en que deban prestar os seus servizos nos vindeiros comicios autonómicos.

Os representantes coordinadores percibirán unha indemnización individual de 120 euros en compensación pola tarefas de apoio que deberán levar a cabo durante as eleccións ao Parlamento de Galicia 2009.

Entenderanse incluídos dentro da dita indemnización todos aqueles gastos de transporte en que incorran os representantes coordinadores durante os días en que deban prestar os seus servizos nos vindeiros comicios autonómicos.

Artigo 7º.-Persoal colaborador das delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral.

Dada a multitude de tarefas que deberán levarse a cabo como consecuencia das peculiaridades propias deste proceso electoral, para remunerar os servizos extraordinarios prestados polo persoal colaborador das delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral, que, en calquera caso, se considerarán prestados fóra da súa xornada normal de traballo, asígnanse as cantidades que a seguir se fixan:

Ver referencia pdf "24700D002P046.PDF"

A repartición destas cantidades levarase a cabo de acordo coa certificación que o delegado da Oficina do Censo Electoral correspondente emita en cada caso, tendo as cantidades anteriores carácter limitativo.

Artigo 8º.-Persoal colaborador dos servizos centrais da Xunta de Galicia.

O persoal colaborador dos servizos centrais da Xunta de Galicia poderá ser gratificado polos traballos extraordinarios que realice en compensación polas funcións que leve a cabo durante as eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009, logo do acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Disposición adicional

Única.-Para o aboamento das cantidades establecidas neste decreto, deberán observarse, en todos os seus termos, as instrucións económico-administrativas que dite a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para a execución dos orzamentos de gastos electorais co gallo das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 78/2005, do 21 de abril, polo que se fixan as gratificacións e indemnizacións que percibirán os membros da Administración electoral en Galicia e o persoal ao seu servizo, así como os xuíces de primeira instancia ou de paz e os representantes da Administración da comunidade autónoma nas mesas electorais, así como o persoal dos servizos centrais da Xunta de Galicia co gallo das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2005.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza