DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 17 de decembro de 2008 Páx. 22.451

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 12/2008, do 3 de decembro, pola que se modifican a Lei 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal, e a Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, e se racionalizan os instrumentos de xestión comarcal e de desenvolvemento rural.

Exposición de motivos

I

A Lei 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal, supuxo a consolidación legal dun modelo experimental de desenvolvemento local iniciado en 1990.

A intervención no territorio que pretendía ese modelo tiña como obxectivo a corrección dos desequilibrios territoriais. Partía de estruturas comarcais como pezas básicas para atinxir un desenvolvemento territorial equilibrado e introducía o deseño de instrumentos de planificación comarcal e a creación e designación de órganos encargados da súa execución.

Porén, o tempo transcorrido desde a aprobación da devandita lei amosa uns escasos resultados. Constátase que os instrumentos de xestión e promoción deseñados apenas contribuíron a estimular o desenvolvemento endóxeno da xeneralidade das comarcas do país e a dinamizar aquelas de carácter rural con maiores índices de regresión económica e demográfica.

II

Esta lei, considerando as circunstancias anteditas, derroga a regulación da Lei 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal, no que atinxe aos órganos de xestión e promoción, co obxectivo de mellorar a coordinación das actuacións da Xunta de Galicia en materia de desenvolvemento rural, de xeito que se favoreza dun xeito máis eficaz o desenvolvemento de iniciativas que impulsen a dinamización económica e a mellora da calidade de vida nas áreas rurais de Galicia a través dun enfoque territorial, integrado e participativo, que supere a concepción que presidía a devandita disposición legal.

As modificacións introducidas afectan, en primeiro termo, as fundacións para o desenvolvemento comarcal; derrógase o artigo 25 da Lei 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal, que determinou a composición dos padroados destas fundacións, co fin de que o seu impulso e a súa promoción residan nos axentes públicos e privados de cada territorio, incluíndo non só os representantes dos concellos e dos sectores estratéxicos produtivos da comarca, senón tamén os axentes doutros sectores económicos e sociais da comarca. Con iso, estase a posibilitar que sexan os propios padroados de cada fundación os que establezan a súa composición, e unha maior autonomía de vontade para decidir o futuro delas en función das características de cada ámbito territorial, sen máis límites ca os establecidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

En segundo lugar, a adopción dunha estratexia coordinada en materia de desenvolvemento rural e comarcal fai que deveña innecesario o mantemento da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, sociedade de carácter instrumental para a realización de actividades de planificación e desenvolvemento comarcal.

Como consecuencia, reorganízanse as competencias en materia de dinamización comarcal para englobalas nas máis amplas de desenvolvemento rural, tendo en conta a existencia de centros directivos administrativos e mesmo doutros entes de dereito público dependentes da Administración galega con competencias análogas, o que, con base nos principios de eficacia e coordinación que presiden a actuación pública, leva a que as funcións desempeñadas ata agora pola devandita sociedade na mencionada materia pasen a ser exercidas polas unidades da propia Administración competentes en desenvolvemento rural.

Nesa liña, prevese un maior protagonismo do centro directivo con competencias en materia de desenvolvemento rural no que atinxe á definición e integración das políticas de desenvolvemento comarcal na estratexia de desenvolvemento rural. Así mesmo, dáselles unha nova redacción ás funcións que desenvolve a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, co fin de asumir parte das actuacións relacionadas co desenvolvemento comarcal, especialmente no relativo á xestión dos centros comarcais. O obxectivo é mellorar a integración destes centros nas estruturas que deseñan e executan a política de desenvolvemento rural, co fin de que contribúan a dar apoio ás iniciativas de desenvolvemento rural, polo que se orienta prioritariamente a súa actividade a impulsar proxectos innovadores dirixidos á dinamización económica e á mellora da calidade de vida nas áreas rurais.

Alén diso, tamén se adecuan as funcións da citada axencia ás previstas no novo período de programación 2007-2013 dos fondos agrarios de desenvolvemento rural, así como á asunción daquelas funcións relacionadas co desenvolvemento económico e social baixo un enfoque territorial a nivel local e comarcal.

No que atinxe a outras actividades desenvolvidas pola Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia -como é o caso dos servizos que presta de apoio ao desenvolvemento territorial, a través do Sistema de Información Territorial de Galicia, que axuda a unha mellor xestión do territorio e á ordenación do espazo rural e, así mesmo, pode ser unha ferramenta útil para a xestión da conservación da superficie agraria útil e a mobilidade das terras agrarias produtivas-, pasarán a ser desenvolvidas pola sociedade pública creada en virtude da autorización do artigo 7 da Lei 7/2007, do 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia, xa que dentro do seu obxecto social figuran actividades análogas ás desenvolvidas pola unidade do Sistema de Información Territorial de Galicia, como é a ordenación territorial galega e o mellor aproveitamento das terras para a actividade agraria, en prol de racionalizar o

sector público. Se ben correspóndelle ao Consello da Xunta, en virtude do establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da comunidade autónoma, a definitiva decisión sobre a disolución da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, así como a adopción das medidas relativas ao persoal e bens pertencentes ou adscritos a esta.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei, a Lei pola que se modifican a Lei 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal, e a Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, e se racionalizan os instrumentos de xestión comarcal e de desenvolvemento rural.

Artigo primeiro.-Modificacións na Lei 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal

Un.-O artigo 20 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 20.-Órganos.

A coordinación do Plan de desenvolvemento comarcal levarana a cabo o órgano competente en materia de desenvolvemento comarcal da Xunta de Galicia, así como o Consello Comarcal e a Comisión de Comarcalización regulados nesta lei.»

Dous.-O parágrafo primeiro do artigo 21 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 21.-Órgano competente en materia de desenvolvemento comarcal.

A Xunta de Galicia, a través do órgano que teña asignadas as funcións en materia de desenvolvemento comarcal, exercerá as competencias en materia de elaboración, coordinación e seguimento do Plan de desenvolvemento comarcal.»

Artigo segundo.-Modificacións na disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo

Un.-O punto Dous queda redactado nos seguintes termos:

«As funcións da axencia serán:

a) Elaborar estratexias e plans integrados de valorización do medio rural, que coordinen actuacións de diversa natureza e conten coa participación dos axentes socioeconómicos públicos e privados.

b) Difundir e realizar o seguimento das políticas de desenvolvemento rural aplicables en cada momento.

c) Impulsar a formulación e aplicación a nivel comarcal de estratexias de desenvolvemento rural integrado, en especial mediante a dinamización e coordinación dos grupos de desenvolvemento rural encargados da súa execución.

d) Articular proxectos de desenvolvemento rural con carácter piloto e innovador, dirixidos ao reforzamento da base produtiva das áreas rurais, á valorización dos seus recursos e á mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

e) Promover e favorecer a cooperación entre os axentes públicos e privados cuxas actuacións incidan directa ou indirectamente no desenvolvemento das zonas rurais.

f) Contribuír ao reforzamento do tecido social e á mellora da capacidade organizativa das áreas rurais.

g) Xestionar as medidas e actuacións que se lle encomenden no marco da programación 2007-2013 dos fondos agrarios de desenvolvemento rural.

h) Aplicar outras medidas e actuacións que teñan por obxecto, en particular, a dinamización do tecido produtivo e a fixación de poboación nas áreas rurais, realizando as actuacións precisas para promover a igualdade efectiva de mulleres e homes, en aplicación do artigo 30 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, dos artigos 31.3º e 38.3º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e do artigo 30 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

i) A dinamización comarcal, a través dos centros de desenvolvemento comarcal dependentes da Xunta de Galicia.»

Dous.-O punto Seis queda redactado nos seguintes termos:

«Os recursos da axencia serán:

a) As consignacións orzamentarias que lle sexan asignadas cada ano para o desenvolvemento do medio rural nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os recursos procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e outros fondos comunitarios, en canto proceda a súa consignación.

c) As subvencións e achegas de entidades e institucións públicas ou privadas, así como de particulares.

d) Calquera outro recurso que se lle poida atribuír.»

Disposicións adicionais

Primeira.-Disolución da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

1. Autorízase o Consello da Xunta de Galicia a proceder á disolución, ao abeiro do previsto nos artigos 45 e seguintes da Lei 3/1985, de 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e nos artigos 262 e seguintes do Real decreto lexislativo 1564/1989, do 22 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades anónimas, da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

2. Facúltase a Xunta de Galicia para que estableza o réxime e destino do patrimonio e do persoal da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, de acordo co previsto nesta disposición adicional.

3. O patrimonio desta sociedade integrarase no patrimonio da comunidade autónoma, que queda adscrito ás entidades dependentes da Xunta de Galicia que asuman a continuidade das actividades e funcións da dita sociedade, de acordo co previsto na normativa aplicable en materia de patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

4. O persoal que prestaba os seus servizos na Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia baixo unha modalidade de contrato laboral fixo, e fora seleccionado baixo os principios de publicidade, mérito e capacidade consonte o previsto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, ou, se é o caso, de acordo coa normativa vixente no momento da incorporación, terá a opción de integrarse e pasar a prestar servizos, baixo a mesma modalidade contractual e na mesma categoría profesional e nas restantes condicións laborais, na Sociedade Anónima Xestora Bantegal ou na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural consonte a regulación prevista nesta disposición adicional.

Para estes efectos, a opción de integración exercerase, no prazo dos vinte días seguintes ao acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se autorice a disolución da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, consonte as seguintes regras:

a) Na Sociedade Anónima Xestora Bantegal, cuxos estatutos foron aprobados polo Decreto 182/2007, do 6 de setembro, como persoal laboral fixo na mesma categoría profesional e nas restantes condicións laborais que teñan no momento da integración:

-O persoal laboral adscrito á Subdirección do Sistema de Información Territorial de Galicia (Sitga).

-O persoal laboral adscrito á Xerencia das categorías profesionais de técnicos superiores (grupo I, categoría 4 e categoría 9), coa excepción da previsión específica regulada na letra seguinte, secretaria de xerencia (grupo III, categoría 62), ordenanza-condutor e auxiliar de xestión (grupo IV, categorías 16 e 1) e técnico de apoio a sistemas de información (grupo III, categoría 2).

b) No ente de dereito público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, como persoal laboral fixo na mesma categoría profesional e nas restantes condicións laborais que teñan no momento da integración:

-O persoal laboral adscrito á Subdirección Técnica e de Estudos.

-O persoal laboral adscrito á Subdirección de Dinamización Comarcal.

-O persoal laboral adscrito á Xerencia das categorías profesionais de técnicos de apoio á xestión (grupo III, categoría 2), condutor (grupo III, categoría 63), oficial administrativo (grupo III, categoría 62), técnicos de deseño (grupo III, categoría 69); técnico superior TIC (grupo I, categoría 19) e técnico medio TIC (grupo II, categoría 7), así como o técnico superior xurídico que presta labores de apoio na xestión das fundacións comarcais.

5. No caso de que non se exerza a opción de integración no prazo previsto, producirase a extinción da relación laboral de acordo co previsto no Estatuto dos traballadores, cos efectos previstos nesa norma.

6. O persoal que prestaba os seus servizos na Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia baixo unha modalidade de contrato laboral temporal manterá a mesma relación, de acordo coas funcións que desempeñaban na devandita sociedade, na Sociedade Anónima Xestora Bantegal ou na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural en tanto non se produza o seu cesamento por algunha das causas previstas legalmente.

Segunda.-Réxime específico das modificacións orzamentarias previstas nesta lei.

Facúltase a Consellería de Economía e Facenda, por proposta da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural, a aprobar as modificacións orzamentarias previstas para levar a efecto o previsto nesta lei, incluídas as relativas aos orzamentos de explotación e capital das sociedades públicas afectadas, e será de aplicación a excepción ás limitacións de transferencias de créditos relativa a reorganizacións administrativas prevista no artigo 68.3 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Terceira.-Réxime das fundacións para o desenvolvemento das comarcas.

As fundacións para o desenvolvemento das comarcas rexeranse polo previsto nos seus estatutos e na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Cuarta.-Referencias normativas ao Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial.

As referencias previstas na normativa vixente ao Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial entenderanse efectuadas, de conformidade coas previsións contidas nesta lei, ao órgano da Xunta de Galicia que teña asignadas as funcións en materia de desenvolvemento comarcal.

Disposición transitoria

Única.-Réxime das condicións laborais do persoal afectado pola reestruturación.

En tanto non se desenvolva, se é o caso, a negociación colectiva que estableza o réxime aplicable ao persoal das sociedades públicas e entes públicos afectados pola reestruturación, este rexerase polas seguintes condicións laborais:

1. O persoal que opte pola integración manterá as mesmas condicións laborais e salariais das que gozaba na Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

2. O persoal da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantense estritamente ad personam nas condicións particulares que, con carácter global e en cómputo anual, excedan do conxunto de condicións do persoal integrado e veñan derivadas de normas preexistentes ou acordadas colectivamente.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

1. Derróganse os artigos 24, 25 e 26 da Lei 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal de Galicia.

2. Así mesmo, derróganse cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Título competencial.

Esta lei dítase en exercicio das competencias contidas nos artigos 27.24 e 30.I.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Segunda.-Desenvolvemento normativo.

Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para desenvolver calquera outro aspecto necesario para a aplicación do disposto nesta lei.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente