DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 16 de decembro de 2008 Páx. 22.364

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 10 de decembro de 2008 pola que se determina ampliar o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2008 ao abeiro do Plan de Vivenda 2005-2008 regulado polo Real decreto 801/2005 e polo Decreto 18/2006.

O Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008.

O seu artigo 6 establece que as axudas se atenderán da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Vivenda e Solo que determinarán a aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 12 de febreiro de 2008 determinaba as aplicacións do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, onde figuran os créditos con cargo aos cales serán atendidas as axudas previstas no Decreto 18/2006.

Dada a necesidade de ampliar as contías inicialmente fixadas, e dado que existe crédito dispoñible nas partidas orzamentarias afectadas, determínase ampliar o importe máximo destas axudas para o exercicio de 2008.

Por todo o exposto,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos do disposto no artigo sexto do Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, e para dar cobertura aos expedientes que alcancen neste exercicio a fase de concesión, determínase ampliar o importe das seguintes aplicacións do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, onde figuran os créditos con cargo aos cales serán atendidas as axudas previstas no citado decreto:

1. Para adquisición de vivenda protexida e usada e promoción para uso propio por parte de familias e institucións sen ánimo de lucro a aplicación é a 17.02.451B.780.1 e o importe máximo amplíase ata os 5.267.287 €.

2. Para as actuacións de urbanización protexida de solo e a promoción de vivendas protexidas de nova construción para aluguer e de aloxamentos protexidos por sociedades públicas corresponderá á aplicación 17.02.451B.741.0 o importe máximo de 3.013.549,90 no proxecto 2006 00602.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2008.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo