DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 16 de decembro de 2008 Páx. 22.335

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de decembro de 2008 pola que se resolve a convocatoria da Orde do 15 de setembro de 2008 sobre concesión de axudas a alumnos e alumnas que inicien durante o curso 2008-2009 ensino de formación profesional específica de grao medio en familias profesionais non vocacionais demandadas polo mercado laboral.

Cumpridos os trámites que figuran na Orde do 15 de setembro de 2008, Diario Oficial de Galicia do 26 de setembro, pola que se convocan axudas a alumnos e alumnas que vaian iniciar durante o curso 2008-2009 ensino de formación profesional específico de grao medio en familias profesionais non vocacionais demandadas polo mercado laboral.

Vista a proposta de adxudicación das subvencións da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais prevista no artigo 6 da citada orde de convocatoria e de conformidade co establecido nela,

RESOLVO:

Artigo 1º

Conceder, con cargo ao concepto orzamentario 09.03.422M.480.1 da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, unha axuda económica por importe de 368,55 euros a cada un dos alumnos que se relacionan no anexo I. O importe total das axudas concedidas é de 149.999,85 euros.

Artigo 2º

Denegar, polos motivos que se indican, as solicitudes que se relacionan no anexo II.

Artigo 3º

De conformidade co artigo 8 da Orde do 15 de setembro, nos quince días naturais seguintes ao da publicación desta orde de concesión das axudas o alumnado deberá presentar no centro educativo a documentación seguinte:

Anexo IV da Orde do 15 de setembro de 2008 (DOG do 26 de setembro), relativo á aceptación previa da subvención concedida e ao compromiso de cumprir os requisitos exixidos na convocatoria.

Así mesmo, ao remate do prazo sinalado o centro educativo remitiralle á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais os citados anexos xunto cunha certificación do director conforme os alumnos do centro que figuran como beneficiarios da axuda seguen a avaliación continua polo menos no 70% dos módulos, durante o curso 2008/2009.

De non presentarse a citada documentación no prazo establecido, entenderase que o beneficiario renuncia á axuda concedida, polo que se procederá ao arquivo do expediente.

Artigo 4º

Contra esta orde os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da jurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "24300D007P067.PDF"

Ver referencia pdf "24300D008P074.PDF"