DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 16 de decembro de 2008 Páx. 22.332

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de decembro de 2008 pola que se resolve a convocatoria de axudas para financiar o mantemento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais de alumnos/as de centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o curso académico 2008-2009.

Por Orde do 22 de agosto de 2008 (DOG nº168, do 1 de setembro) publicáronse as bases e convocáronse axudas para financiar o mantemento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais de alumnos/as de centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o curso académico 2008-2009.

Cumpridos os trámites previstos na orde de convocatoria e atendendo á proposta de resolución elaborada pola Comisión de Valoración, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Conceder ás entidades que se relacionan no anexo desta orde as axudas para financiar o mantemento dos servizos de comedor escolar, polos importes que tamén se especifican, con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.423A.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por unha contía total de 1.000.000 de euros.

Segundo.-Denegar o outorgamento das subvencións a ANPA do CEIP Mestre Valverde Maio de Mos e a ANPA Bandaseca do CEIP Salustiano Rey Eiras da Pobra do Caramiñal, por presentar as solicitudes fóra de prazo.

Terceiro.-Arquivar a solicitude formulada pola ANPA do CEIP Lamas de Abade, sito en Santiago de Compostela, por renunciar a ela.

Cuarto.-Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ser impugnada directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación non Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "24300D006P064.PDF"