DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 16 de decembro de 2008 Páx. 22.330

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 11 de decembro de 2008 pola que se regula a descarga de mexillón cultivado en viveiros flotantes de Galicia e o seu control.

O número de cultivos en viveiros flotantes (bateas) existente en Galicia dedicados ao cultivo de mexillón, xunto co elevado número de portos onde é posible efectuar a descarga desta especie, dificulta o control das devanditas descargas.

É por iso que en aplicación do Regulamento (CE) nº 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, en especial o relacionado coa emisión e transmisión de documentos relacionados coa rastrexabilidade e, ao abeiro da Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se regula o control da descarga e do transporte dos produtos pesqueiros frescos ata a fase de primeira venda e o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos, faise necesaria a existencia dunha infraestrutura determinada (PC, conexión a internet...) que permita a áxil e eficiente transmisión telemática dos datos así como o seguimento efectivo das diferentes partidas desembarcadas.

Por outra banda, segundo o artigo 14º c) da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, son funcións dos consellos reguladores, aplicar, de ser o caso, e nos termos establecidos no artigo 15, os sistemas de control establecidos pola normativa comunitaria e polos seus propios regulamentos, referidos aos produtos, á calidade, ás circunstancias conducentes á certificación do produto final e outros que correspondan, dentro dos produtos acollidos a unha denominación.

Cómpre, polo tanto, establecer unha disposición onde se estableza unha infraestrutura racional, que permita a transmisión telemática dos documentos á Administración e unha rastrexabilidade do produto desde o punto de vista sanitario e pesqueiro, así como que esa infraestrutura sirva para a supervisión dos produtos ao abeiro da denominación de orixe e, polo tanto, se alcance unha eficiencia nas obrigas que van desde a extracción do mexillón ata o seu destino final.

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto regular as descargas de mexillón cultivado en viveiros flotantes da Comunidade Autónoma de Galicia nos portos do ámbito territorial desta comunidade autónoma, a emisión dos documentos relacionados coa súa rastrexabilidade e a transmisión dos correspondentes datos e, no caso dos productos certificados pola DOP Mexillón de Galicia, o control das descargas.

Artigo 2º.-Portos de descarga.

1. A descarga de mexillón deberá realizarse desde buques auxiliares da 4º lista que estean inscritos no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.Para a descarga de mexillón cultivado en viveiros flotantes de Galicia autorízanse os seguintes portos: Lorbé, Muros, O Freixo, A Pobra, Cabo de Cruz, Rianxo, Vilaxoán, Vilanova de Arousa, Tragove, A Illa de Arousa, Meloxo, Combarro, Bueu, Aldán, Moaña, Domaio, Santo Adrián e Baiona.

3. Poderase empregar con carácter circunstancial un porto distinto dos establecidos no punto anterior, coa autorización previa do director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, por solicitude da entidade que xestione a emisión dos documentos e a transmisión telemática dos datos contidos neles á Administración.

Artigo 3º.-Requisitos para a descarga.

1. Os portos previstos no artigo anterior dotaranse de instalacións nas que se que se realizarán, entre outros, os labores de emisión dos documentos de rexistro de moluscos bivalvos vivos da orde autonómica en vigor, ao abeiro do Regulamento (CE) nº 853/2004, así como a transmisión telemática dos correspondentes datos para o control da rastrexabilidade pola Administración.

2. Todas as descargas de mexillón deberán obter o correspondente documento de rexistro de moluscos bivalvos vivos nas devanditas instalacións e realizarse nun horario de 7.00-20.00 horas.

3. As devanditas instalacións serán xestionadas por quen determine a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

4. As descargas que sexan obxecto de certificación da DOP Mexillón de Galicia serán supervisadas polo Consello Regulador do Mexillón de Galicia, que designará as persoas e os medios necesarios para a devandita supervisión.

Artigo 4º.-Sancións.

O incumprimento do establecido nesta orde dará lugar á incoación do correspondente expediente sancionador, segundo o establecido na Lei 8/2004, do 30 de xullo, de protección, control, infraccións e sancións en materia marítimo-pesqueira de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos poderá dotar dos medios económicos necesarios a entidade xestora que designe como responsable da emisión dos documentos de rexistro de moluscos bivalvos vivos e da transmisión telemática dos correspondentes datos para o control da rastrexabilidade pola Administración, a través da subscrición dun convenio de colaboración para a dita finalidade.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca para ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Terceira.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2008.

Camen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos