DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 16 de decembro de 2008 Páx. 22.317

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de decembro de 2008 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo.

O Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, determina no seu capítulo V os aspectos básicos que regularán a oferta, o acceso, a admisión e a matrícula nos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo, e habilita expresamente, nos artigos 21, 23, 25, 26 e 30, as administracións educativas para ditaren as medidas necesarias para organizar e desenvolver no seu ámbito territorial as ensinanzas conducentes á obtención do correspondente título académico de formación profesional.

Nesta liña, a implantación dos programas de cualificación profesional inicial, regulados pola Orde do 13 de maio de 2008, a experiencia acumulada na materia e a aplicación do novo marco normativo da formación profesional aconsellan ditar esta orde pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo, e pola que se derroga a regulación contida na Orde do 1 de abril de 2002, modificada pola Orde do 30 de xaneiro de 2007.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle están conferidas,

DISPÓN:

I. Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto a regulación das probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e grao superior de formación profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, consonte o establecido no artigo 41.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e no Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo.

Artigo 2º.-Finalidade e persoas destinatarias das probas de acceso.

1. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de graduado en educación secundaria obrigatoria establecido pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, continuaren a súa formación accedendo aos ciclos formativos de formación profesional de grao medio nunhas condicións suficientes para cursar con aproveitamento estas ensinanzas.

2. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de bacharelato establecido pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, a posibilidade de continuaren formándose en ciclos de formación profesional de grao superior coa madureza e a idoneidade suficientes para realizar con aproveitamento estas ensinanzas.

3. Para os efectos de equivalencia doutros estudos para o acceso directo a ciclos formativos de grao medio e de grao superior, aplicarase o disposto nos artigos 5.2º e 6.2º da Orde do 5 de xuño de 2007 pola que se regula na Comunidade Autónoma de Galicia o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas.

Artigo 3º.-Convocatoria das probas de acceso.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará de xeito ordinario e con carácter anual probas de acceso a ciclos formativos de graos medio e superior, por medio de resolución da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, ás que poderán concorrer aquelas persoas que non cumpran os requisitos académicos que permitan o acceso directo aos ciclos formativos. A publicación da devandita convocatoria realizarase con anterioridade ao 31 de xaneiro de cada ano.

2. Así mesmo, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá convocar de xeito extraordinario probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e/ou superior para atender a demanda de colectivos específicos que, por causas debidamente xustificadas, non poidan realizar as probas nas datas previstas na convocatoria ordinaria a que se fai referencia na alínea anterior. A solicitude de convocatoria extraordinaria de probas de acceso deberá ser tramitada polos interesados cunha antelación de polo menos catro meses á data proposta de realización.

3. Con independencia do establecido nas alíneas anteriores, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá convocar de xeito extraordinario probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e/ou superior en datas diferentes ás establecidas para a convocatoria ordinaria. A publicación da devandita convocatoria realizarase cunha antelación mínima de tres meses á data de realización da proba.

4. En cada convocatoria, todas as persoas aspirantes realizarán a proba na mesma data e á mesma hora.

5. O delegado ou a delegada provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria proporanlle á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais un inspector ou unha inspectora responsables das probas de acceso, así como os centros públicos da súa provincia onde se vaian constituír as comisións de realización de probas de acceso e a súa composición, consonte o establecido no artigo 7º desta orde.

Artigo 4º.-Inscrición para as probas de acceso.

1. A inscrición para realizar as probas de acceso farase na secretaría dos centros docentes públicos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que impartan ciclos formativos de formación profesional, nos prazos que se determinen na correspondente convocatoria.

2. Os modelos de solicitude para a inscrición nas probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e grao superior recóllense respectivamente nos anexos I e II desta orde.

Artigo 5º.-Probas de acceso adaptadas ás persoas que acrediten discapacidades.

1. As persoas con necesidades específicas derivadas de discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais poderán solicitar as medidas ou os recursos adicionais necesarios para desenvolver a proba de acceso.

Quen solicite proba adaptada deberao facer constar expresamente no momento da inscrición e presentar o correspondente certificado acreditativo de minusvalidez emitido polo organismo competente, así como o seu ditame técnico facultativo.

2. A adaptación da proba que deban superar estas persoas deberá respectar o esencial dos referentes de avaliación establecidos para cada un dos ciclos formativos de grao medio ou superior.

II. Desenvolvemento e avaliación das probas

Artigo 6º.-Tribunal avaliador das probas.

1. Para cada convocatoria de probas e co obxecto de garantir o acceso aos ciclos formativos de formación profesional en igualdade de condicións, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais designará un tribunal composto por un presidente ou unha presidenta, e tantas persoas coordinadoras-correctoras como áreas ou materias avaliables.

O presidente ou a presidenta deberán ser un inspector ou unha inspectora de educación, ou ben un director ou unha directora dun centro público docente onde se impartan ensinanzas de formación profesional.

As persoas coordinadoras-correctoras deberán ser membros dos corpos de profesorado de ensino secundario, de profesorado técnico de formación profesional, ou de catedráticos de ensino secundario.

2. O tribunal avaliador desenvolverá as seguintes funcións:

a) Elaboración das probas e dos criterios de corrección.

b) Publicación das listaxes provisionais e definitivas das persoas admitidas para a realización da proba.

c) Resolución provisional e definitiva das solicitudes de exención da proba.

d) Resolución provisional e definitiva de solicitudes de proba adaptada.

e) Resolución provisional e definitiva de cualificacións das probas.

3. A corrección das probas poderase realizar de xeito centralizado ou descentralizado en función do que determine a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais na resolución da convocatoria das probas.

4. En cada área ou materia poderán incorporarse tantas persoas correctoras como se considere necesario en función das características da proba e do número de persoas inscritas. Este persoal corrector encargarase da corrección das probas e, de ser o caso, da revisión das reclamacións presentadas contra as cualificacións.

No caso de corrección descentralizada, as persoas correctoras formarán parte das comisións de realización de probas de acceso a que se fai referencia no artigo 7º desta orde.

No caso de corrección centralizada, as persoas correctoras serán designadas directamente polo director ou a directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

5. Ao tribunal avaliador poderán incorporarse os asesores ou as asesoras que cumpra para resolver as posibles exencións da proba, así como as solicitudes de adaptación para a súa realización, en caso de persoas que acrediten discapacidades.

Artigo 7º.-Constitución das comisións de realización de probas de acceso en centros educativos.

1. Do desenvolvemento das probas responsabilizarase, en cada centro proposto e para cada grao, unha comisión de realización de probas nomeada polo delegado ou a delegada provincial, por proposta do servizo provincial de inspección educativa.

2. As comisións de realización de probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio estarán integradas por:

a) Un inspector ou unha inspectora de educación, ou a persoa responsable da dirección do centro educativo onde se realicen as probas, que exercerá a presidencia da comisión.

b) Un máximo de seis vogais, un por cada un dos departamentos didácticos das materias incluídas en cada unha das partes en que se estrutura a proba. Un destes vogais actuará como secretario ou secretaria da comisión.

3. As comisións de realización de probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior estarán integradas por:

a) Un inspector ou unha inspectora de educación, ou a persoa responsable da dirección do centro educativo onde se realicen as probas, que exercerá a presidencia da comisión.

b) Un máximo de trece vogais, un por cada un dos departamentos didácticos das materias que compoñen a proba. Un destes vogais actuará como secretario ou secretaria da comisión.

4. Os vogais das comisións de realización das probas actuarán como persoal corrector en representación do tribunal, segundo se establece no artigo 6º.3 desta orde.

Ademais, de xeito excepcional, cando o número de solicitudes así o requira, poderase autorizar a ampliación do número de correctores da comisión que actúe nese centro.

En caso de intervir varias persoas correctoras nunha mesma materia, a revisión das reclamacións contra as cualificacións corresponderalle ao vogal da comisión.

5. Os vogais e o persoal corrector a que se fai referencia na alínea anterior han actuar como vixiantes o día da proba. Non obstante o anterior, en función das necesidades e da dispoñibilidade do centro, o presidente ou a presidenta da comisión poderán, de xeito excepcional, propor persoal adicional do centro para reforzar as funcións de vixilancia o día da proba, así como servir de apoio ao desenvolvemento administrativo do proceso.

6. Logo de se nomearen, as comisións de realización de probas de acceso executarán a sesión de constitución con polo menos cinco días de antelación á data prevista para a súa realización.

7. Non poderá formar parte das comisións o persoal docente que no mesmo ano académico impartira no mesmo centro un programa de cualificación profesional inicial ou o curso de preparación ás probas de acceso a que se fai referencia no artigo 41.5º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 8º.-Funcións das comisións de realización das probas de acceso.

1. As funcións das comisións de realización das probas de acceso serán as seguintes:

a) Organizar a realización da proba de acceso no instituto de educación secundaria ou centro integrado de formación profesional que corresponda.

b) Corrixir a proba de acceso de acordo cos criterios establecidos.

c) Atender e resolver as incidencias orixinadas durante a realización da proba.

d) Revisar os exames obxecto de reclamación.

e) Formalizar as actas de seguimento do proceso de realización das probas, así como a información de carácter económico que derive del.

f) Emitir as certificacións derivadas do proceso de realización das probas.

g) Calquera outra que lle encomende a Administración educativa no ámbito das súas competencias.

2. A inspección educativa supervisará o desenvolvemento das actuacións que se leven a cabo nas comisións de probas de acceso, para garantir así a calidade e a fiabilidade do proceso.

3. As comisións de probas de acceso realizarán a xestión das funcións encomendadas por medio dunha aplicación informática facilitada para tal efecto pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

III. Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio

Artigo 9º.-Requisitos das persoas participantes na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio.

Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio, consonte o establecido no artigo 41.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, aquelas persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e teñan cumpridos dezasete anos ou os cumpran no ano natural de realización da proba.

Artigo 10º.-Estrutura e organización da proba.

As probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio adecuaranse a aspectos básicos do currículo de determinadas materias da educación secundaria obrigatoria, establecidas no Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Estruturaranse en tres partes, cada unha delas asociada a unha serie de competencias básicas consideradas imprescindibles para cursar con aproveitamento un ciclo formativo de grao medio:

a) Parte sociolingüística: tomará como referencia as competencias básicas de comunicación lingüística e a competencia básica social e cidadá. Organizarase en tres probas:

-Lingua castelá.

-Lingua galega.

-Ciencias sociais.

b) Parte matemática: tomará como referencia as competencias básicas de matemáticas. Organizarase nunha única proba:

-Matemáticas.

c) Parte científico-técnica: tomará como referencia as competencias básicas de coñecemento e interacción co mundo físico. Organizarase en dúas probas:

-Ciencias da natureza.

-Tecnoloxía.

Artigo 11º.-Exencións para as probas de acceso a ciclos formativos de grao medio.

1. De acordo co artigo 41.4º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e os artigos 21.3º e 23 do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, quen participe nas probas de acceso a ciclos formativos de grao medio poderá solicitar a exención total ou parcial da proba.

2. Poderán quedar exentas da totalidade da proba as persoas que acrediten unha das seguintes circunstancias:

-Ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

-Ter superada unha proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional inicial, de ensinanzas deportivas ou de artes plásticas e deseño.

-Ter superada unha proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de ensinanzas deportivas ou de artes plásticas e deseño.

Estas persoas poderán participar no proceso de admisión a ciclos formativos de grao medio, presentando directamente o certificado acreditativo na secretaría do centro correspondente nas condicións que se indican no artigo 12º.2 desta orde.

3. O alumnado que solicite a exención parcial da proba deberá formulalo no momento da inscrición, e á súa solicitude deberá achegarlle a documentación acreditativa correspondente, orixinal ou copia compulsada, de acordo co seguinte:

a) Exención da parte sociolingüística da proba:

-Certificación académica de ter superados os ámbitos social e de comunicación dun programa de cualificación profesional inicial ou do nivel II da educación secundaria para as persoas adultas.

b) Exención da parte matemática e da parte científico-técnica da proba:

-Certificación académica de ter superado o ámbito científico-tecnolóxico dun programa de cualificación profesional inicial ou do nivel II da educación secundaria para as persoas adultas.

c) Exención da parte científico-técnica da proba, acreditando unha das seguintes circunstancias:

-Certificación académica de ter superados os módulos obrigatorios dun programa de cualificación profesional inicial.

-Certificado de profesionalidade de calquera nivel, consonte o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade.

-Acreditación como mínimo dun ano de experiencia laboral en xornada completa, con independencia do campo profesional en que se traballase. As persoas interesadas deberán cumprir este requisito con anterioridade ao remate do período de inscrición para as probas.

No caso de traballadores e traballadoras por conta allea, a documentación para presentar será a seguinte:

-Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou da mutualidade laboral en que se estivese afiliado, onde conste a empresa e o período de contratación. No caso de persoal das Forzas Armadas, certificación de vida laboral expedida pola pagadoría do centro de destino actual, onde consten os empregos desempeñados por destino, coa especialidade militar e o período de exercicio.

No caso de traballadores e traballadoras por conta propia, a documentación para presentar será a seguinte:

-Certificación do período de cotización no réxime especial de traballadores autónomos.

-Certificación da inscrición no censo de obrigados tributarios.

4. A resolución sobre a exención parcial ou total da proba corresponderalle ao tribunal avaliador, conforme se indica no artigo 6º desta orde.

5. A acreditación positiva de exención dalgunha das partes da proba de acceso a ciclos de grao medio, consonte o disposto nesta orde, manterá a súa validez en futuras convocatorias.

Artigo 12º.-Cualificación das probas de acceso a ciclos formativos de grao medio.

1. Segundo o disposto no artigo 27 do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, a cualificación de cada unha das partes da proba será numérica, entre cero e dez puntos.

A nota final da proba calcularase sempre que se obteña polo menos unha puntuación de catro puntos en cada unha das partes, e será a media aritmética destas, expresada con dous decimais. Será positiva a cualificación de cinco puntos ou superior. En caso contrario, a nota final cualificarase como non apto/a.

2. Para os efectos de cálculo da nota final da proba de acceso non se terán en conta as partes da proba das que a persoa participante fora declarada exenta. Así mesmo, no caso de exención de todas as partes da proba, a cualificación final expresarase como exento/a. Para os efectos de admisión en ciclos formativos, a exención total da proba equivalerá a unha cualificación de cinco puntos, de acordo co establecido no artigo 5.4º da Orde do 5 de xuño de 2007, pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas.

3. Para as persoas que superasen un programa de cualificación profesional inicial e realizasen o curso de preparación da proba de acceso a que fai referencia o artigo 41.5º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no cálculo final da nota engadiráselle á media aritmética a puntuación resultante de multiplicar polo coeficiente 0,15 a cualificación obtida no devandito curso.

4. As actas de cualificacións definitivas, segundo o modelo do anexo III desta orde, serán remitidas polo tribunal avaliador aos servizos provinciais de Inspección Educativa, que procederán ao seu arquivo. Así mesmo, remitirase unha copia delas a cada centro onde se realizase a proba, para o coñecemento das persoas interesadas, o seu arquivo e a emisión das certificacións correspondentes.

Artigo 13º.-Certificación.

O alumnado que realice a proba de acceso a ciclos formativos de grao medio na Comunidade Autónoma de Galicia recibirá unha certificación, logo da súa solicitude, expedida pola secretaría do centro onde realizara a proba, en que conste a nota final lograda e a cualificación obtida en cada unha das partes que a compoñen, segundo o modelo que figura no anexo IV desta orde.

Artigo 14º.-Validez das probas de acceso.

1. De conformidade co establecido no artigo 28 do citado Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, a superación da totalidade da proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio de formación profesional terá validez en todo o territorio do Estado.

2. No caso de superación da totalidade da proba, a devandita certificación dará acceso a calquera ciclo formativo de grao medio, nas condicións de admisión que se establezan.

3. Para o alumnado que realizase a proba na Comunidade Autónoma de Galicia e non a superase na súa totalidade, a certificación a que se fai referencia no artigo anterior permitirá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco, en futuras convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos de grao medio en Galicia durante un máximo de dous anos. As persoas interesadas en acollerse a esta posibilidade deberano acreditar no momento de formalizar a inscrición.

IV. Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior

Artigo 15º.-Requisitos das persoas participantes na proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior.

Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior, consonte o establecido no artigo 41.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder ao ciclo formativo de grao superior e se atopen nalgunha das seguintes situacións:

a) Ter cumpridos dezanove anos ou cumprilos no ano natural de realización da proba.

b) Cumprir ou ter cumpridos dezaoito anos no ano natural de realización da proba, e dispor dun título de técnico que pertenza a algunha familia profesional incluída na opción a que opta, consonte o que se establece no anexo V desta orde.

Artigo 16º.-Estrutura e organización da proba.

1. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior adecuaranse a aspectos básicos do currículo de determinadas materias das modalidades de bacharelato establecidas no Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. Estruturaranse en dúas partes: común e específica.

2. A parte común valorará a madureza e a idoneidade das persoas candidatas para seguiren con éxito os estudos de formación profesional de grao superior, así como a súa capacidade de razoamento e expresión escrita. Organizarase en tres probas:

-Lingua galega.

-Lingua castelá.

-Matemáticas.

3. A parte específica valorará as capacidades de base referentes ao campo profesional de que se trate, e versará sobre coñecementos básicos das materias de referencia establecidas para cada ciclo formativo a que se pretenda acceder.

Organizarase con base en tres opcións, A, B e C, en función das familias profesionais e as materias de referencia establecidas para cada unha delas, segundo se establece no anexo V desta orde.

A persoa aspirante deberá elixir unha das tres opcións no momento de formalizar a solicitude de inscrición para a proba, escollendo dúas das tres materias das que desexa que se lle examine:

-Opción A: economía da empresa, lingua estranxeira (inglés ou francés), e filosofía e cidadanía.

-Opción B: debuxo técnico, tecnoloxía industrial e física.

-Opción C: ciencias da terra e ambientais, química e bioloxía.

Artigo 17º.-Exencións nas probas de acceso a ciclos formativos de grao superior.

1. Consonte o artigo 41.4º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e os artigos 21.3º e 23 do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, as persoas participantes nas probas de acceso a ciclos formativos de grao superior poderán solicitar a exención total ou parcial da proba.

2. Poderán quedar exentas da totalidade da proba as persoas que acrediten ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

Estas persoas poderán participar no proceso de admisión a ciclos formativos de grao superior, presentando directamente o certificado acreditativo na secretaría do centro correspondente, nas condicións que se indican no artigo 18º.2 desta orde.

3. Quen solicite exención parcial da proba deberao formular no momento da inscrición, e á súa solicitude deberalle achegar a documentación acreditativa correspondente, orixinal ou copia compulsada, de acordo co seguinte:

a) Exención da parte común da proba, acreditando unha das seguintes circunstancias:

-Certificación de ter superada a proba de acceso a outros ciclos formativos de grao superior de réxime xeral non incluídos na opción pola que se presenta, conforme o anexo V desta orde.

-Certificación de ter superada unha proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de ensinanzas deportivas ou de artes plásticas e deseño.

b) Exención da parte específica da proba, acreditando unha das seguintes circunstancias:

-Certificación de superación dun ciclo formativo de grao medio que pertenza a algunha das familias profesionais incluídas na opción pola que se presenta, consonte o anexo V desta orde.

-Certificación de superación dun certificado de profesionalidade de nivel dous ou superior dalgunha das familias profesionais incluídas na opción pola que se presenta, conforme o anexo V desta orde.

-Acreditación como mínimo dun ano de experiencia laboral en xornada completa en campos profesionais que se correspondan cos estudos que se pretenda cursar, consonte o anexo V desta orde. As persoas interesadas deberán cumprir este requisito con anterioridade ao remate do período de inscrición para as probas.

No caso de traballadores e traballadoras por conta allea, a documentación para presentar será a seguinte:

-Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou da mutualidade laboral en que se estivese afiliado, onde conste a empresa, a categoría laboral ou grupo de cotización, e o período de contratación. No caso de persoal das Forzas Armadas, certificación de vida laboral expedida pola pagadoría do centro de destino actual, onde consten os empregos desempeñados por destino, coa especialidade militar e o período de exercicio.

-Certificación da empresa en que se adquirira a experiencia laboral, segundo o modelo do anexo VI desta orde, onde se fagan constar especificamente as actividades laborais desenvolvidas pola persoa interesada relacionadas co campo profesional que corresponda cos estudos que pretenda cursar, e número de horas dedicadas a elas.

No caso de traballadores e traballadoras por conta propia, a documentación para presentar será a seguinte:

-Certificación do período de cotización no réxime especial de traballadores autónomos.

-Certificación da inscrición no censo de obrigados tributarios.

-Memoria descritiva segundo o modelo do anexo VI, realizada pola persoa interesada, das actividades desenvolvidas durante o exercicio profesional.

4. A resolución sobre a exención parcial ou total da proba corresponderalle ao tribunal avaliador que se indica no artigo 6º desta orde.

5. A acreditación positiva de exención dalgunha das partes da proba de acceso a ciclos de grao superior, de acordo co disposto nesta orde, manterá a súa validez en futuras convocatorias.

Artigo 18º.-Cualificación das probas de acceso a ciclos formativos de grao superior.

1. Segundo o disposto no artigo 27 do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, a cualificación de cada unha das partes da proba será numérica, entre cero e dez puntos.

A nota final da proba calcularase sempre que se obteña polo menos unha puntuación de catro puntos en cada unha das partes, e será a media aritmética destas, expresada con dous decimais. Será positiva a cualificación de cinco puntos ou superior. En caso contrario, a nota final cualificarase como non apto/a.

2. Para os efectos de cálculo da nota final da proba de acceso non se terán en conta as partes da proba das que a persoa participante fora declarada exenta. Así mesmo, no caso de exención de todas as partes da proba, a cualificación final expresarase como exento/a. Para os efectos de admisión en ciclos formativos, a exención total da proba equivalerá a unha cualificación de cinco puntos, consonte o establecido no artigo 9.4º da Orde do 5 de xuño de 2007, pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas.

3. Para as persoas que dispoñan dun título de técnico incluído nalgunha das opcións a que se fai referencia no anexo V desta orde e realizasen o curso de preparación da proba de acceso a que fai referencia o artigo 41.5º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no cálculo final da nota engadiráselle á media aritmética a puntuación resultante de multiplicar polo coeficiente 0,15 a cualificación obtida no devandito curso.

4. As actas de cualificacións definitivas, segundo o modelo do anexo VII desta orde, serán remitidas polo tribunal avaliador aos servizos provinciais de Inspección Educativa, que procederán ao seu arquivo. Así mesmo, remitirase unha copia delas a cada centro onde se realizase a proba, para o coñecemento das persoas interesadas, o seu arquivo e a emisión das certificacións correspondentes.

Artigo 19º.-Certificación.

O alumnado que realice a proba de acceso a ciclos formativos de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia recibirá unha certificación, logo da súa solicitude, expedida pola secretaría do centro en que realizase a proba, en que constará a nota final lograda, así como a cualificación obtida en cada unha das partes que a compoñen, segundo o modelo que figura no anexo VIII desta orde.

Artigo 20º.-Validez das probas de acceso.

1. De conformidade co establecido no artigo 28 do citado Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, a superación da totalidade da proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior de formación profesional en función da opción elixida terá validez en todo o territorio do Estado.

2. No caso de superación da totalidade da proba e en función da opción elixida de acordo co anexo V desta orde, a devandita certificación incluirá a relación de familias profesionais nas que se posibilitará o acceso a ciclos formativos de grao superior, nas condicións de admisión que se establezan.

3. Para quen realizase a proba na Comunidade Autónoma de Galicia e non a superase na súa totalidade, a certificación a que se fai referencia no artigo anterior permitirá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco en futuras convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos de grao superior en Galicia durante un máximo de dous anos. As persoas interesadas en acollerse a esta posibilidade deberán acreditalo no momento de formalizar a inscrición.

V. Reclamacións e recursos

Artigo 21º.-Reclamacións.

1. Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisional de persoas admitidas, contra a resolución provisional de exencións, contra a resolución provisional de probas adaptadas e contra a cualificación provisional das probas de acceso, no prazo de tres días hábiles desde a correspondente publicación.

As reclamacións deberanse presentar na secretaría dos centros docentes públicos que se especifiquen na convocatoria das probas de acceso, e estarán dirixidas ao presidente ou á presidenta do tribunal.

2. A publicación das listaxes e das resolucións provisionais e definitivas terán efectos de comunicación ás persoas reclamantes.

Artigo 22º.-Recursos de alzada.

Contra a listaxe definitiva de persoas admitidas, a resolución definitiva de exencións, a resolución definitiva de probas adaptadas e as cualificacións definitivas da proba de acceso, poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da correspondente listaxe definitiva, ante o director ou a directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificacións da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

VI. Disposicións

Disposicións adicionais

Primeira.-Vixencia das certificacións de superación das probas de acceso.

1. A certificación de ter superada a proba de acceso a ciclos formativos de grao medio consonte o establecido na Orde do 1 de abril de 2002 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional específica terá os mesmos efectos que a certificación da superación da proba de acceso a que se fai referencia no artigo 13º desta orde.

2. A certificación de ter superada a proba de acceso a un determinado ciclo formativo de grao superior consonte a citada Orde do 1 de abril de 2002 manterá a súa vixencia ata a extinción do título correspondente establecido pola Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo.

Logo de extinguido o título establecido pola Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, a devandita certificación permitirá o acceso aos ciclos formativos declarados equivalentes para os efectos académicos, ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, segundo se estableza nos reais decretos dos títulos correspondentes.

Segunda.-Vixencia das resolucións de exencións da parte específica da proba de grao superior.

Quen dispoña de resolución positiva de exención da parte específica da proba de grao superior, ao abeiro da Orde do 1 de abril de 2002 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional específica, modificada pola Orde do 30 de xaneiro de 2007, poderaa presentar en futuras convocatorias mantendo a súa validez, sempre que a opción elixida A, B ou C inclúa o ciclo para o que se concedese a devandita exención.

Terceira.-Constitución de comisións de probas de acceso fóra de centros educativos.

Con independencia do establecido no artigo 7º desta orde, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá constituír comisións de realización de probas de acceso fóra de centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Neste caso, os membros da comisión a que se fai referencia nas alíneas 2 e 3 do artigo 7º desta orde serán nomeados directamente polo director ou a directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Cuarta.-Arquivo e destrución das probas.

Os centros educativos en que se constitúan comisións de realización de probas de acceso conservarán toda a documentación xerada neste proceso durante os tres meses seguintes á súa finalización. Transcorrido este período sen se producir reclamación ningunha, a dirección do centro poderá proceder á súa destrución. No caso dos exames reclamados e dos impugnados, a documentación conservarase durante un período de cinco anos.

No caso de se constituír algunha comisión de probas fóra de centros educativos, será a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a encargada do arquivo e da destrución das devanditas probas, unha vez transcorrido o período correspondente.

Quinta.-Efectos económicos do tribunal e das comisións de realización de probas.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, o tribunal e as comisións de realización de probas consideraranse incluídos na categoría terceira.

Sexta.-Protección de datos.

Na xestión dos procesos a que se refire esta orde respectarase a normativa sobre protección de datos, consonte a lexislación vixente.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 1 de abril de 2002 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional específica, así como a Orde do 30 de xaneiro de 2007 pola que se modifica a Orde do 1 de abril de 2002, e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do previsto nesta orde.

Segunda.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para actualizar o anexo V desta orde na resolución anual da convocatoria de probas, logo de que o ministerio competente en materia de formación profesional do sistema educativo publique a nova relación de ciclos formativos, ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "24300D002P049.PDF"