DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Venres, 12 de decembro de 2008 Páx. 22.066

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 268/2008, do 13 de novembro, polo que se establecen as normas que regulan o rexistro e identificación dos animais equinos, as medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas, as paradas de sementais equinos co servizo a terceiras persoas e se crea o Rexistro Galego de Explotacións Equinas.

A explotación de équidos con diferentes finalidades representa unha clara opción na diversificación da actividade gandeira cun potencial económico de indubidable valor para o desenvolvemento do medio rural galego.

Para o harmónico desenvolvemento das potencialidades do sector equino faise necesario sentar as bases da súa ordenación mediante a elaboración de normativa que permita unha axeitada xestión produtiva e o eficaz control sanitario do gando.

A obriga de rexistro de todas as explotacións gandeiras recollida na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal foi desenvolvida polo Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral das Explotacións Gandeiras, que inclúe expresamente as explotacións equinas.

A identificación individual dos équidos de crianza e rendemento mediante a dotación dun documento de identificación foi establecida pola Decisión 2000/68 CE da Comisión, do 22 de decembro de 1999 que modificou a Decisión 93/623 CEE, do 20 de outubro de 1993 pola que se establecera a identificación dos équidos rexistrados por medio do documento de identificación denominado «Pasaporte». Este sistema de identificación que era de aplicación só para o caso de movemento dos animais foi profundamente modificado polo Regulamento CE 504/2008, da Comisión, do 6 de xuño, polo que se aplican as directivas 90/426/CEE e 90/427/CEE no que se refire aos métodos de identificación dos équidos.

No ámbito da Comunidade Autónoma galega o Decreto 34/2004, do 29 de xaneiro, que modificou o Decreto 355/1994, do 2 de decembro, polo que se regula o traslado dos animais e se aproban os modelos oficiais de autorización oficial de traslado, estableceu que o gando equino podería circular no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia unicamente co documento denominado «Pasaporte», ou documento que cumpra as exixencias da Decisión 2000/68 CE.

Porén, o vixente sistema de identificación e rexistro dos équidos non resulta suficientemente satisfactorio para dar resposta, tanto á necesidade de realizar un efectivo control sanitario dos animais, como á de acometer a ordenación dos sistemas de produción, tampouco á demanda das persoas consumidoras de asegurar a rastrexabilidade e seguranza dos produtos destinados á alimentación humana, nin a demanda social de respecto ás condicións de benestar dos animais ou da responsabilidade das persoas propietarias de cabalos cando estes causan danos a terceiros, polo que cómpre, ademais, adaptar a regulación autonómica ás prescricións establecidas polo Regulamento (CE) 504/2008 no que respecta aos métodos de identificación dos équidos, ao mesmo tempo que se modifica o sistema de rexistro.

Unha parte moi importante do censo equino galego está representado por animais manexados en réxime de liberdade, nun peculiar sistema de explotación extensivo de silvopastoreo que se asenta sobre pastos de uso común. Este tipo de explotación, baseada no aproveitamento das producións forraxeiras espontáneas dos montes, contribúe ao control do crecemento de materiais combustibles e, polo mesmo, á prevención de lumes forestais, cun evidente beneficio ambiental que interesa potenciar. Porén, a falla de ordenación actual fai que este sistema de explotación represente na práctica unha dificultade engadida para a racionalización dos aproveitamentos forestais.

Cómpre pois regular, polo que respecta ao sector equino, os aproveitamentos de pastos, en uso da competencia que o artigo 36 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, atribúe ao órgano forestal da comunidade autónoma.

As paradas de sementais equinos, a diferenza doutras especies, seguen a ter grande importancia no sector xa que a inseminación artificial en équidos, aínda que é unha práctica utilizada, non está tan xeneralizada como noutras especies gandeiras debido, por unha banda, á menor fertilidade do seme conxelado e, por outra, á necesidade de maiores medios tanto materiais como humanos.

A Orde do 21 de agosto de 1942, pola que se dita o Regulamento Provisional para o Funcionamento e Inspección de Paradas Particulares de Sementais Equinos e o Decreto 2499/1971, do 13 de agosto, polo que se aproban as normas reguladoras da reprodución, foron promulgadas nunha época con condicións de explotación do gando equino con problemática ben distinta á actual.

Por todo isto, co obxecto da conservación, mellora e fomento do gando equino galego, faise necesaria a promulgación dunha normativa que permita garantir o control zootécnico e sanitario das paradas con servizo a terceiras persoas.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu título II as competencias da comunidade. Segundo o seu artigo 30.3º, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de agricultura e gandaría, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1º, 11 e 13 da Constitución. Segundo o seu artigo 27.10º correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en montes e aproveitamentos forestais sen prexuízo do disposto no artigo 149.1º.23 da Constitución, e segundo o seu artigo 27.11º correspóndelle a competencia exclusiva en montes veciñais en man común.

En consecuencia, no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trece de novembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e principios xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto establecer e regular o sistema obrigatorio de identificación individual dos équidos e o seu rexistro. Regula, así mesmo, as medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas, as paradas de sementais equinos con servizo a terceiras persoas e o Rexistro Galego de Explotacións Equinas.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

As disposicións contidas no presente decreto son de aplicación para todos os équidos e as explotacións equinas radicadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, será de aplicación para équidos cuxa estadía temporal na Comunidade Autónoma de Galicia supere o período de tres meses.

Artigo 3º.-Definicións.

1. Para os efectos deste decreto, serán de aplicación as definicións contidas na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e se regula o Rexistro xeral de explotacións gandeiras (Rega) e, se é o caso, na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, en canto ás explotacións situadas en terreos forestais.

2. Así mesmo, entenderase como:

a) Équido: animal da especie equina ou asnal ou resultante do cruzamento delas.

b) Explotación equina: calquera instalación, construción ou, no caso de cría ao aire libre, calquera lugar en que se teñan, críen, manexen ou se expoñan ao público animais das especies equinas, con ou sen fins lucrativos, incluíndose as explotacións equinas especiais.

c) Explotación equina de pequena capacidade: aquela que ten un censo máximo de 3 équidos maiores de 18 meses.

d) Persoa titular de explotación equina: calquera persoa física ou xurídica ou, se é o caso, unha comunidade de montes veciñais en man común, que sexa propietaria ou responsable dunha explotación equina.

e) Pastos de uso común: son terreos forestais ou agrarios, independentemente da súa titularidade, sobre os que se poden asentar explotacións equinas de varias persoas titulares autorizadas ao aproveitamento en común das producións forraxeiras deses terreos.

f) Persoa responsable de pasto de uso común: a persoa, física ou xurídica ou unha comunidade veciñal de montes en man común, titular do dereito de aproveitamento de pastos, coincida ou non coa persoa propietaria do terreo, e que asume, ademais das obrigas derivadas, de ser o caso, do negocio xurídico privado que corresponda, as establecidas neste decreto derivadas do aproveitamento en común dos pastos.

g) Persoa propietaria de équido: calquera persoa física ou xurídica ou, cando sexa o caso, unha comunidade de montes veciñais en man común, que acredite documentalmente posuír un équido como ben material propio, e que figure como tal no «Pasaporte», «Libro de identificación cabalar» (LIC) ou no «Libro de identificación e sanidade equina» (LISE) que, se é o caso, identifique o animal.

h) Persoa titular de équido: calquera persoa física ou xurídica que sexa propietaria, posúa ou sexa responsable de coidar un animal equino con ou sen fins lucrativos, e a título permanente ou temporal mesmo durante o transporte, en mercados ou durante competicións, carreiras, ou actos culturais.

i) Équido rexistrado: todo équido rexistrado tal como se define na Directiva 90/427/CEE, identificado mediante un documento de identificación expedido pola autoridade gandeira ou calquera outra entidade do país de orixe do équido encargada de levar o libro xenealóxico ou do rexistro da raza do devandito équido, ou por toda asociación ou organización oficialmente recoñecida encargada do control dos cabalos destinados ás competicións deportivas.

j) Équido de abasto: o équido destinado ao matadoiro para ser sacrificado, ben directamente ou ben despois de pasar por un cebadoiro, un mercado ou por centro de agrupamento autorizado.

k) Équido de crianza e rendemento: todo équido non incluído nas definicións anteriores.

l) Pasaporte e Libro de Identificación Cabalar (LIC): documentos de identificación para os équidos rexistrados cuxos contidos estarán de acordo co disposto no Regulamento CE 504/2008.

m) Libro de identificación e sanidade equina (LISE): documento de identificación válido para os équidos de crianza e rendemento cuxos contidos estarán de acordo co disposto no Regulamento CE 504/2008, segundo o modelo que se publica como anexo V deste decreto.

n) Transpondedor ou microchip: dispositivo electrónico emisor de radiofrecuencia que contén un código numérico detectable con lector específico e que, unha vez implantado, permite a identificación individual de cada équido e que cumpra as especificacións técnicas do anexo VII.

o) Marcas visuais: marcas que, aplicadas sobre os équidos, permiten a simple vista a identificación dos animais. As marcas visuais poderán ser: brincos auriculares tipo botón, pulseiras aplicadas nas extremidades ou calquera outra que autorice a autoridade competente en materia de sanidade e produción animal.

p) Parada de sementais equinos: establecementos autorizados que, con carácter temporal ou permanente, se destinan á monta natural para dar servizo a terceiras persoas, e/ou á extracción de seme para a inseminación, en fresco ou refrixerado, de éguas que acudan á propia instalación.

q) Semental: exemplar équido macho, enteiro, de desenvolvemento e idade suficiente para a reprodución, non enfermo, exento dalgunha tara ou defecto que diminúa ou anule a súa capacidade reprodutiva e que non transmita características negativas á súa descendencia.

r) Femia para a cubrición en parada: exemplar équido femia, de desenvolvemento e idade suficiente para a reprodución, non enfermo, exento dalgunha tara ou defecto que reduza ou anule a súa capacidade reprodutiva e que non transmita características negativas á súa descendencia.

s) Número permanente único (NPU): código alfanumérico de 15 díxitos único asignado de por vida a un équido, que reúne información sobre cada animal, a base de datos e o país onde se teña rexistrado a información por primeira vez, de conformidade co sistema de codificación UELN (Universal Equine Life Number).

t) Tarxeta intelixente: dispositivo plástico con microprocesador incorporado capaz de almacenar datos e transmitilos por vía electrónica a sistemas informáticos compatibles.

Capítulo II

Clasificación e condicións das explotacións equinas

Artigo 4º.-Clasificación das explotacións equinas.

De acordo co establecido no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e se regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, as explotacións equinas clasifícanse segundo o tipo de actividade que realizan do seguinte xeito:

1. Explotacións equinas de produción e reprodución que, pola súa vez, se clasifican:

1.1. Segundo a orientación zootécnica:

a) Explotacións de selección: as dedicadas á reprodución, cría e selección dos équidos de razas puras inscritos en libros xenealóxicos e que seguen os programas de selección aprobados pola comisión reitora do libro de cada raza.

b) Explotacións de cría: as dedicadas á produción de équidos para a súa posterior comercialización como reprodutores ou destinados á práctica ecuestre.

c) Explotacións de produción de équidos para carne: as dedicadas á produción de équidos para a súa posterior engorda e sacrifico para abasto.

d) Cebadoiros: as dedicadas á engorda de équidos para sacrificio.

e) Explotacións de équidos para traballo: as que albergan équidos destinados ao traballo en tarefas agrícolas ou outras.

f) Explotacións de équidos mixtas: as que crían équidos con dúas ou máis orientacións zootécnicas.

1.2. Segundo o sistema de manexo produtivo:

1.2.1. Explotacións extensivas: aquelas en que os animais de unha ou varias persoas propietarias se manteñen a maior parte do tempo ou de xeito permanente en liberdade, e nas cales a alimentación se realiza basicamente mediante a práctica do pastoreo.

a) Explotacións extensivas de équidos en liberdade: aquelas explotacións extensivas asentadas sobre terreos forestais ou agrarios, xa sexan públicos ou privados, onde se explotan controladamente os animais en estado salvaxe ou semisalvaxe en completa liberdade.

b) Explotacións extensivas en réxime pechado: aquelas explotacións extensivas asentadas sobre terreos pechados perimetralmente que impidan eficazmente a saída dos animais dos terreos de pastoreo.

1.2.2. Explotacións intensivas ou semi-intensivas: aquelas onde os animais se manteñen durante a maior parte do tempo aloxados en cortes e se alimentan preferentemente mediante subministración de alimento en presebe e alimentos procedentes de fóra da explotación.

1.3. Segundo o criterio de sustentabilidade:

a) Explotacións de produción ecolóxica: as que cumpran as disposicións regulamentarias da gandaría ecolóxica e estean inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

b) Explotacións de produción integrada: as que cumpren a normativa sobre producións gandeiras integradas, recoñecidas e inscritas no rexistro correspondente.

c) Explotacións convencionais: as que non están acollidas a ningún dos réximes especiais de produción diferenciada indicados nas alíneas «a» ou «b» anteriores.

2. Explotacións equinas especiais, que inclúen:

2.1. Explotacións de tratantes ou operadores comerciais de equinos: as pertencentes a calquera persoa física ou xurídica rexistrada na actividade, dedicada directa ou indirectamente á compravenda de animais con fins comerciais inmediatos, que teñen unha cifra de negocio regular cos ditos animais e que, nun prazo máximo de 30 días despois de adquirilos, os vende ou traslada das primeiras instalacións a outras que non lle pertencen.

2.2. Explotacións de lecer, ensino e investigación:

a) Centros de equitación ou explotacións para a práctica ecuestre: os que albergan, con ou sen finalidade lucrativa, équidos para o desenvolvemento de actividades recreativas, deportivas, turísticas ou de apoio social; inclúense os picadeiros, cabalarizas deportivas, os centros de hipoterapia, cabalarizas de aluguer e as dedicadas ao mantemento de équidos por particulares e outros establecementos para a práctica ecuestre.

b) Centros de ensino (granxas escola, facultades, etc.): as instalacións en que se manteñen équidos con finalidade didáctica.

c) Centros de investigación: os que manteñen équidos para experimentación nos termos recollidos no Real decreto 1201/2005, do 10 de outubro, sobre protección dos animais utilizados para experimentación e outros fins científicos.

d) Outras explotacións de ocio.

2.3. Centros de concentración de équidos:

a) Centros de testaxe e/ou selección e reprodución: os recoñecidos oficialmente para este fin e que valoran e/ou seleccionan e explotan reprodutores equinos de razas puras, sobre a base do esquema de reprodución aprobado oficialmente. Inclúense tamén neste tipo as paradas de sementais equinas e os centros destinados á obtención de seme para a inseminación artificial.

b) Concentracións de équidos de concurso ou competición: as dedicadas, con carácter permanente ou temporal, a albergaren équidos para o desenvolvemento do deporte ecuestre nas diferentes modalidades reguladas polas federacións hípicas.

c) Concentracións de équidos de carácter lúdico ou cultural: as concentracións equinas autorizadas pola autoridade competente, que reúnen con carácter temporal équidos procedentes de diferentes explotacións con finalidade lúdica ou cultural.

d) Feiras e certames de équidos: as concentracións autorizadas de équidos en que se reúne o gando en instalacións adecuadas, con destino á súa transacción comercial, sexa para reprodución, ceba ou sacrificio ou outro aproveitamento, ou con destino á súa exposición ou mostra, ou á súa valoración e posterior premio, cando for o caso, e nas cales poden participar todas as persoas propietarias de équidos ou persoas interesadas que reúnan, en cada caso, os requisitos exixidos.

2.4. Matadoiros de équidos: os establecementos industriais autorizados dedicados ao sacrificio e preparación das canais de équidos.

2.5. Centros de inspección: os establecementos definidos no artigo 3.25º da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, que alberguen équidos.

2.6. Postos de control: os establecementos definidos no Regulamento (CE) Nº 1255/1997, modificado polo Regulamento (CE) nº 1/2005, do Consello, do 22 de decembro de 2004, relativo á protección dos animais durante o transporte e operacións conexas.

2.7. Centros de corentena: os establecementos definidos no artigo 3.26º da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, que alberguen équidos.

Artigo 5º.-Requisitos mínimos de instalación das explotacións equinas.

1. Con carácter xeral as explotacións contarán cunhas instalacións que, acordes coa súa capacidade, garantan o nivel adecuado de hixiene e benestar dos animais que albergan. Para tal efecto, as explotacións equinas disporán de:

a) Medios de limpeza e desinfección adecuados ás características das instalacións.

b) Lugares aptos para o secuestro e observación de animais enfermos ou sospeitosos de estalo.

c) Medios axeitados para o manexo necesario para a realización de probas sanitarias, tratamentos, identificación ou inspeccións dos animais.

d) Subministración suficiente de auga de calidade adecuada para os animais.

2. As explotacións intensivas ou semi-intensivas disporán, ademais, de:

a) Depósito de esterco e/ou xurro dimensionado de acordo co deseño e capacidade das cortes. As esterqueiras estarán deseñadas de tal xeito que se eviten filtracións que poidan contaminar augas superficiais ou subterráneas.

b) Almacén de alimentos que evite a súa deterioración e contaminación.

c) Cerramento perimetral que evite a libre circulación de persoas, vehículos e animais alleos á explotación.

d) Medios para a desinfección de rodas dos vehículos que poidan acceder á explotación.

e) Instalacións que garantan a correcta iluminación e renovación de aire.

3. As explotacións extensivas deberán dispoñer, ademais, de:

a) Recinto cercado que permita o secuestro e, se é o caso a permanencia de todos os animais da explotación, dotado de subministración de auga de calidade e en cantidade suficiente para satisfacer as necesidades dos animais da explotación.

b) No caso de contar con cortes en que se alberguen équidos, con independencia da frecuencia ou duración, estas cumprirán cos requisitos recollidos nas alíneas 2.a), 2.b) e 2.e) do presente artigo.

c) No caso de explotacións extensivas que desenvolvan a súa actividade en pastos de uso común, as instalacións indicadas no número 1 e nas alíneas 3.a), e 3.b) deste artigo, poderán ser únicas para o conxunto de explotacións incluídas neles.

4. As explotacións de pequena capacidade estarán exentas de cumprir os requisitos establecidos nas alíneas 1.b), 2.c) e 2.d).

Artigo 6º.-Condicións sanitarias das explotacións.

As explotacións, agás as de pequena capacidade, disporán dun programa sanitario básico elaborado pola persoa veterinaria designada, consonte o disposto no artigo 3.23º da Lei 8/2003, de sanidade animal, polo titular da explotación, como responsable sanitario de explotación e que será executado baixo a súa supervisión. O programa será presentado no procedemento da tramitación do rexistro da explotación ante os servizos veterinarios oficiais e terá en conta os seguintes aspectos:

a) Control de parasitoses externas e internas.

b) Plan de vixilancia de enfermidades infecto-contaxiosas, especialmente das incluídas no anexo X deste decreto.

c) Plan de xestión de subprodutos animais como estercos e cadáveres.

d) Control das condicións de benestar dos animais na explotación.

Capítulo III

Identificación e rexistro de équidos e de explotacións

Artigo 7º.-Sistema de identificación de equinos.

1. O sistema de identificación dos equinos de crianza e rendemento, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia constará dos seguintes elementos:

-Documentos de identificación individuais, permanentes e únicos para cada equino agás para os mantidos en estado salvaxe ou semisalvaxe en explotacións extensivas en liberdade.

-Aplicación de transpondedores sobre os animais que permitan o establecemento de vínculo inequívoco entre o documento de identificación e o animal.

-Base de datos informatizada onde se rexistrará cun número permanente único (NPU) cada equino e os seus detalles identificativos, incluídos os da persoa propietaria.

2. De acordo co disposto polo Regulamento (CE) 504/2008, os équidos rexistrados, serán identificados e rexistrados pola organización ou asociación autorizada ou recoñecida oficialmente para a xestión do libro xenealóxico, ou para o control dos cabalos destinados ás competicións ou ás carreiras, segundo o disposto nas Directivas 90/426 CEE, 90/427 CEE e na Decisión 92/353/CEE.

Artigo 8º.-Procedemento para a identificación individual e rexistro dos équidos.

1. En todo o relativo á identificación e rexistro individual dos équidos o titular do animal, cando non sexa o seu propietario, actuará en nome e de acordo con este.

2. Os équidos de crianza e rendemento, nacidos en Galicia, agás os mantidos en estado salvaxe ou semisalvaxe en explotacións extensivas en liberdade cuxa identificación se regula segundo o disposto no artigo 9º, identificaranse por instancia do seu titular, antes de transcorreren 6 meses desde o nacemento do animal ou antes do 31 de decembro do ano do seu nacemento. O titular poderá elixir para realizar a identificación, de entre as dúas datas, a máis tardía.

3. Os équidos de crianza e rendemento identificaranse logo de solicitude do seu titular, mediante a cobertura dun Libro de identificación e sanidade equina (LISE), como documento de identificación único, que será emitido pola consellería competente en materia de sanidade e produción animal logo de pagamento das taxas correspondentes.

4. Para garantir un vínculo inequívoco entre o LISE e o animal procederase á implantación dun transpondedor ou microchip, que se inxectará no terzo anterosuperior esquerdo do pescozo baixo o ligamento da caluga. O microchip presentará as características que se sinalan no anexo VII. O lugar de aplicación do transpondedor quedará debidamente sinalado no punto 12 ou 13 do esquema da parte B da sección I do LISE.

5. O transpondedor conterá un código numérico que, segundo o establecido no anexo III do Real decreto 947/2005, incluirá o código da especie, un contador de duplicados emitidos, e reservará os últimos 15 díxitos distribuídos de principio a fin do seguinte xeito:

-3 díxitos para o código ISO do estado español: 724.

-2 díxitos para o código de identificación da Comunidade Autónoma galega: 11.

-1 díxito intermedio co número 0.

-9 díxitos para a identificación individual do animal.

6. Coa finalidade de garantir a unicidade do código do transpondedor aplicado a cada equino identificado, estes dispositivos serán distribuídos e colocados polo medio que determine a consellería competente en materia de sanidade e produción animal.

7. A cada équido identificado electronicamente asignaráselle un número permanente único (NPU) válido para toda a vida do animal. O dito NPU estará formado por quince caracteres, do seguinte xeito:

a) Un código de identificación de 6 caracteres, compatible co sistema Universal Equine Life Number (UELN), composto de:

-3 díxitos indicando o código do estado (724).

-2 díxitos indicando a Comunidade Autónoma de Galicia (11).

-1 díxito co número 0.

b) Un código de identificación individual de 9 caracteres, composto de:

-2 díxitos para indicar a provincia.

-7 caracteres de identificación correlativa individual.

8. Os équidos identificados quedarán inscritos nunha base de datos informatizada que, para o efecto, creará a consellería competente en materia de sanidade e produción animal de acordo co disposto no artigo 21 do Regulamento (CE) 504/2008. Os datos mínimos que se deberán facer constar de cada équido son:

a) Número permanente único.

b) 15 últimos díxitos do código do transpondedor.

c) Data de nacemento.

d) Especie.

e) Sexo.

f) Cor.

g) Código de rexistro da explotación onde se identifica.

h) País de nacemento.

i) Data de emisión e modificación do documento de identificación.

j) Nome e enderezo da persoa destinataria do documento de identificación (propietaria).

k) Situación do animal (équido rexistrado ou équido de crianza e rendemento).

l) Nome do animal.

m) Información sobre emisión de calquera duplicado ou documento substitutivo.

n) Situación do animal en canto ao posible destino das súas carnes para o consumo humano.

o) Data notificada da morte do animal.

9. A identificación electrónica dos équidos de crianza e rendemento poderá ser realizada, logo de pagamento das taxas correspondentes, por persoal veterinario oficial da consellería competente en materia de sanidade e produción animal, ou por persoal facultativo veterinario autorizado para esta función. Neste último caso, o persoal veterinario que realice a identificación deberá comunicar no prazo máximo de 7 días hábiles á autoridade competente en materia de sanidade e produción animal os datos do équido identificado, necesarios para o seu rexistro na base de datos referenciada no número precedente.

10. Así mesmo, o persoal designado polas organizacións ou asociacións autorizadas ou recoñecidas oficialmente para a xestión do libro xenealóxico, ou para o control dos cabalos destinados ás competicións ou ás carreiras, que identifiquen équidos rexistrados no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, disporá dun prazo de 7 días hábiles para comunicarlle á autoridade competente en materia de sanidade e produción animal, os datos necesarios para a súa inscrición na base de datos antes referenciada.

11. O persoal veterinario que realice a identificación, antes de proceder á aplicación dun transpondedor sobre un équido, deberá asegurarse de que o animal non foi identificado con anterioridade, realizando os controis necesarios sobre o animal para detectar posibles marcas anteriores, e informará do resultado o organismo responsable da emisión do documento de identificación coa finalidade de evitar a emisión de múltiples documentos para un mesmo animal.

No caso de que detecte que o équido xa é portador dun transpondedor que cumpra cos requisitos recollidos nos puntos anteriores, en ningún caso se implantará outro, utilizándose este como base para a inscrición no correspondente rexistro.

Artigo 9º.-Particularidades da identificación de équidos en explotacións extensivas en liberdade.

1. Para a identificación dos équidos de crianza e rendemento, nados e mantidos en explotacións extensivas en liberdade en estado salvaxe ou semisalvaxe, non será exixible a expedición de Libro de identificación e sanidade equina; a aplicación do transpondedor será obrigatoria antes de que cumpran os 18 meses de idade.

2. No caso de que abandonen a explotación antes de cumprir esa idade ou sexan domesticados, deberán ser identificados segundo o disposto no artigo 8º, agás se abandonan a explotación antes de cumprir os 12 meses de idade con destino ao sacrificio, caso en que non precisarán da expedición de libro de identificación e sanidade equina.

3. Ademais do transpondedor, os animais serán identificados cunha marca visual que poderá ser brinco auricular tipo botón ou unha pulseira colocada nas extremidades anteriores. A marca levará gravado de xeito indeleble o código asignado no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) á súa persoa propietaria, e axustarase ás características indicadas no anexo VI deste decreto.

4. No caso de incorporación de équidos a explotacións extensivas en liberdade, antes de proceder á súa solta deberán ser identificados coas marcas visuais indicadas no número 3 deste artigo.

Artigo 10º.-Rexistro Galego de Explotacións Equinas.

1. Integrado no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega), creado polo Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, créase o Rexistro Galego de Explotacións Equinas (RGEE), no cal figurarán inscritas a totalidade das explotacións de équidos da Comunidade Autónoma de Galicia, independentemente do número de animais que as compoñan. Os órganos competentes para levar o Rexistro Galego de Explotacións Equinas son as delegacións provinciais da consellería competente en materia de sanidade e produción animal; no devandito rexistro figurarán, cando menos, os seguintes datos:

a) Código de identificación da explotación asignado pola consellería competente en materia de sanidade e produción animal.

b) Datos da persoa titular da explotación: apelidos e nome ou razón social, NIF ou CIF, enderezo completo e teléfono.

c) Datos doutras persoas titulares relacionadas coa explotación ou cotitulares: nome e apelidos ou razón social, NIF ou CIF e relación coa explotación.

d) Se é o caso, datos da persoa responsable do pasto de uso común: nome e apelidos ou razón social, NIF ou CIF, enderezo completo e teléfono.

e) Clasificación ou clasificacións que correspondan á explotación de conformidade co establecido no artigo 4º deste decreto.

f) Especie de équidos que alberga.

g) Datos da localización principal da explotación: enderezo completo ou paraxe, e coordenadas xeográficas (lonxitude e latitude).

h) Estado no rexistro, alta, inactiva ou baixa, de conformidade co establecido no artigo 3 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e se regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras.

i) Censo, desagregado segundo as seguintes categorías de animais: animais de menos de 6 meses, de entre 6 e 12 meses, de entre 12 e 36 meses, e de máis de 36 meses; nesta última categoría diferenciarase entre sementais, femias reprodutoras e animais non reprodutores. Incluirase a data de actualización do censo.

j) Para cada animal identificado individualmente:

-Número permanente único.

-Código do transpondedor.

-Data de nacemento.

-Especie.

-Sexo.

k) Se procede, capacidade máxima.

l) Cando proceda, datos da agrupación de defensa sanitaria.

m) Datos do persoal veterinario responsable da explotación.

n) Carácter forestal ou agrícola da leira sobre a que se asenta a explotación ou se realiza o pasto.

2. No Rexistro Galego de Explotacións Equinas incluiranse, como seccións independentes:

a) Rexistro de Pastos de Uso Común.

b) Rexistro de Paradas Equinas, que incluirá, pola súa vez, a sección do Rexistro de Sementais Equinos.

3. Os datos correspondentes ao Rexistro Galego de Explotacións Equinas serán incluídos na base de datos da consellería competente en materia de sanidade e produción animal denominada Sistema Integrado, para os efectos do establecido no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e se regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras. Estes datos serán tratados segundo o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 11º.-Inscrición das explotacións no rexistro.

1. A inscrición no rexistro realizarase por instancia da persoa que teña a súa titularidade, para o cal deberá presentar a correspondente solicitude dirixida á/o delegada/o provincial da consellería competente en materia de sanidade e produción animal, logo do pagamento das taxas correspondentes, de acordo co modelo establecido como anexo I deste decreto. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia do NIF ou CIF do titular.

b) Certificación do concello, conforme a se a calificación do solo en que se localiza a explotación permite a actividade pecuaria.

c) Memoria da actividade:

-Descrición da actividade que se realiza. No caso de que a explotación se asente sobre superficie forestal, a descrición da actividade incluirá a das condicións e o prazo a que se axustará o aproveitamento.

-Bosquexo de instalacións.

-Descrición das parcelas que compoñan a explotación. No caso de que a explotación se asente sobre superficie forestal a descrición das parcelas incluirá o plano da parcela a escala adecuada ou ficha SIXPAC onde veña claramente delimitada a superficie real que se utilizará para o aproveitamento de pastoreo.

-Programa sanitario básico definido no artigo 6º do presente decreto.

d) Declaración censual, segundo o modelo do anexo VIII, na cal se indique o censo inicial da explotación.

e) Documentación acreditativa do pagamento das taxas que correspondan.

2. As explotacións de pequena capacidade non precisarán presentar a memoria de actividade determinada na alínea c) do número anterior.

3. As solicitudes de rexistro presentaranse nas oficinas agrarias comarcais en cuxo ámbito se encontre a explotación ou nos lugares e polos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No prazo máximo de 3 meses desde a entrada da solicitude no rexistro da consellería competente en materia de sanidade e produción animal, deberá ser ditada a resolución pola/o delegada/o provincial correspondente. A inscrición no rexistro implica a concesión da autorización da explotación solicitada e leva consigo a asignación de código de identificación da explotación, segundo o establecido no artigo 5 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e se regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras. No caso de que no citado prazo non se emita resolución expresa, a solicitude entenderase estimada por silencio administrativo.

Para os efectos de garantir en todo momento a rastrexabilidade dos movementos dos animais, e a congruencia das bases de datos oficiais coa localización real actual dos animais presentes en explotacións en trámite de rexistro, no inicio desta tramitación procederase á asignación dun código de rexistro provisorio, que poderá ser confirmado unha vez rematado o procedemento de inscrición ou, se é o caso, anulado.

A persoa titular da explotación, sen menoscabo da necesaria comunicación relativa aos movementos dos équidos, exixida no artigo 21º, deberá comunicar á consellería competente en materia de sanidade e produción animal os cambios nos datos consignados no rexistro no prazo de dun mes desde que estes se produzan.

4. Ademais, a persoa titular da explotación deberá comunicar á consellería competente en materia de sanidade e produción animal, antes do 1 de marzo de cada ano, o censo existente na explotación o 31 de decembro do ano anterior, entregando a oportuna declaración censual sinalada no anexo VIII deste decreto na oficina agraria comarcal correspondente á localización da explotación, ou no servizo provincial competente en materia de gandaría.

5. No caso de que a explotación se asente sobre terreos forestais, ao tempo que se tramita a súa inscrición no Rexistro Galego de Explotacións Equinas, tramitarase de oficio a súa inscrición no Rexistro público de terreos forestais de pastoreo establecido no Decreto 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais. Para iso a/o delegada/o provincial correspondente da consellería competente en materia de sanidade e produción animal responsable do rexistro da explotación, dará traslado do expediente completo á dirección xeral competente en materia forestal, responsable do Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, que disporá dun prazo de tres meses desde a recepción do expediente para resolver sobre a inscrición do terreo forestal no citado rexistro; transcorrido o dito prazo sen que se emitisen reparos á inscrición, a

explotación entenderase rexistrada.

6. Entre canto non conclúa o trámite de inscrición do terreo forestal sobre o que se asenta a explotación equina no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, esta quedará provisoriamente inscrita no Rexistro Galego de Explotacións Equinas, quedando condicionada a súa inscrición definitiva á súa inscrición efectiva no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo.

Artigo 12º.-Libro de rexistro de explotación.

1. Unha vez que a explotación sexa rexistrada deberá dotarse, ademais do correspondente libro de tratamentos conforme a Orde do 24 de outubro de 2000 pola que se normalizan os documentos para a prescrición, dispensación e uso do medicamento veterinario, e o Libro rexistro de tratamentos veterinarios na Comunidade Autónoma de Galicia, dun libro de rexistro de explotación que será dilixenciado, logo de pagamento das taxas correspondentes, polos servizos veterinarios oficiais da oficina agraria comarcal a que estea asignado o concello onde se localiza a explotación.

2. O titular da explotación será responsable da consignación no libro dos movementos de entrada e de saída de animais na explotación.

3. O modelo do libro de rexistro axustarase ao publicado como anexo II deste decreto, e nel figurarán os seguintes datos:

A. Datos xerais da explotación:

a) Nome da explotación.

b) Código de rexistro da explotación.

c) Localización: enderezo, paraxe e coordenadas xeográficas.

d) Datos da persoa titular: nome e apelidos ou razón social, NIF ou CIF, enderezo e teléfono.

e) Censo o 31 de decembro de cada ano selado polos servizos veterinarios oficiais conforme o disposto no artigo 10º, punto 1.i).

f) Incidencias en identificacións.

g) Control de inspeccións.

h) Se é o caso, relación de persoas propietarias de animais presentes en centros de equitación.

B. Para cada animal identificado individualmente presente na explotación:

a) Código de identificación (transpondedor) de cada animal.

b) Especie, raza, sexo.

c) Número permanente único.

d) Data de alta na explotación (nacemento ou incorporación).

e) Data de baixa na explotación (saída ou morte).

f) Se é o caso, número de rexistro de explotación de orixe.

g) Se é o caso, número de rexistro de explotación de destino.

h) Se é o caso, nome, apelidos e DNI da persoa propietaria.

i) Se é o caso, sinatura, selo e código de identificación da persoa veterinaria que realizou a identificación.

j) Sinatura e selo dos servizos veterinarios oficiais ante os cales se declare a entrada ou saída de animais da explotación e data da declaración.

Capítulo IV

Os pastos de uso común

Artigo 13º.-Organización dos pastos de uso común.

1. Os pastos de uso común estarán rexistrados como tales no Rexistro Galego de Explotacións Equinas (RGEE), inscrición que implicará a autorización administrativa deste sistema de pastoreo.

2. As persoas titulares de dereitos de aproveitamentos de pastos en terreo forestal, incluídas as comunidades de montes veciñais en man común, que queiran prohibir o exercicio destes dereitos, deberán solicitarlle á dirección xeral competente en materia forestal a inclusión dos terreos sobre os cales se prohibe o aproveitamento gandeiro no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, tal e como se establece no Decreto 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e a regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais. A inscrición no rexistro suporá, se é o caso, a ratificación da prohibición realizada polo titular, que terá efectos administrativos fronte a terceiros, en concreto para os efectos do previsto no artigo 67 j) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, a partir do día seguinte ao da data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. As persoas titulares de dereitos de aproveitamentos de pastos, incluídas as comunidades veciñais en man común, que consintan a realización de aproveitamento destes pastos en común deberán acometer a organización de tal aproveitamento; para iso poderán optar por algunha das seguintes opcións:

a) Execución directa do aproveitamento:

A persoa a que corresponda a titularidade do aproveitamento de pastos organizará directamente o aproveitamento, mesmo con animais da súa propiedade.

b) Execución indirecta do aproveitamento:

A persoa a que corresponda a titularidade do aproveitamento de pastos poderá transferir este dereito, mediante calquera negocio xurídico válido en dereito, a unha persoa física ou xurídica que, en diante, será a responsable de organizar o aproveitamento do pasto de uso común respectando, en todo caso, as condicións establecidas no acordo ou contrato de transferencia do dereito.

4. Cada pasto de uso común contará cun regulamento de réxime interior para a execución do aproveitamento gandeiro. O dito regulamento estará asinado e será de obrigado cumprimento polas persoas titulares das explotacións autorizadas ao aproveitamento, e pola persoa responsable do pasto de uso común, establecéndose nel as obrigas e responsabilidades das partes, que serán, como mínimo, as establecidas no anexo XIII deste decreto. O regulamento de réxime interior establecerá o procedemento e as medidas que se tomarán no caso de incumprimento das obrigas establecidas por parte dos propietarios dos animais titulares das explotacións, entre as cales se incluirá a desautorización definitiva ou temporal da realización do aproveitamento.

Artigo 14º.-Inscrición no Rexistro dos Pastos de Uso Común e das explotacións que inclúe.

1. As persoas responsables de pastos de uso común deberán inscribir o pasto de uso común no Rexistro Galego de Explotacións Equinas (RGEE), para o cal deberán presentar a correspondente solicitude dirixida á/ao delegada/o provincial da consellería competente en materia de sanidade e produción animal, logo do pagamento das taxas correspondentes, de acordo co modelo establecido como anexo IX deste decreto, que virá acompañado da seguinte documentación:

a) Fotocopia do NIF/CIF da persoa responsable do pasto de uso común e, se non coincidir con esta, datos da persoa propietaria ou titular de dereitos do terreo sobre o cal se asente.

b) Documentación acreditativa da titularidade do dereito de aproveitamento de pastos.

c) Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante e os seus estatutos, se é o caso.

d) Se é o caso, acreditación da inscrición do terreo no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo.

e) Regulamento de réxime interior do pasto de uso común.

f) Relación de persoas propietarias dos animais que aproveitarán o pasto de uso común: nomes e apelidos, enderezos, número de rexistro de explotacións, NIF ou CIF.

g) Memoria da actividade dos pastos de uso común, comprensiva dos seguintes puntos:

-Descrición da actividade que se realiza. No caso de que a explotación se asente sobre superficie forestal, a descrición da actividade incluirá a das condicións e o prazo a que se axustará o aproveitamento.

-Bosquexo de instalacións.

-Descrición das parcelas que compoñan o pasto. No caso de que o pasto se asente sobre superficie forestal, a descrición das parcelas incluirá o plano da parcela a escala adecuada ou ficha SIXPAC onde veña claramente delimitada a superficie real que se utilizará para o aproveitamento de pastoreo.

-Programa sanitario básico definido no artigo 6º deste decreto.

h) Declaración censual, segundo o modelo que se xunta como anexo VIII deste decreto, na cal se indique o censo inicial do pasto de uso común.

i) Documento de pagamento de taxas.

2. As solicitudes de rexistro presentaranse nas oficinas agrarias comarcais do ámbito en que se encontre o pasto de uso común ou nos lugares e polos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No prazo máximo de 3 meses desde a entrada da solicitude no rexistro da consellería competente en materia de gandaría e sanidade animal, deberá ser ditada resolución pola/o delegada/o provincial. No caso de que no citado prazo non se emita resolución expresa, a solicitude entenderase estimada por silencio administrativo.

3. As persoas propietarias de animais que aproveiten pastos de uso común deberán proceder individualmente ao rexistro das súas explotacións, para o cal acreditarán o seu dereito á utilización do pasto de uso común, e a súa aceptación expresa do regulamento de réxime interior referido no artigo 12º.4 deste decreto. Na documentación que debe acompañar a solicitude segundo o establecido no artigo 10º, poderán omitir aquela que xa estiver en poder da administración por ter sido presentada na tramitación do rexistro do pasto de uso común.

Artigo 15º.-Peculiaridades da inscrición no Rexistro dos Pastos de Uso Común Asentados sobre Terreos Forestais.

1. No caso de que o pasto de uso común se asente sobre terreos forestais, ao tempo que se tramita a súa inscrición no Rexistro Galego de Explotacións Equinas procederase, se for o caso, de oficio á tramitación da súa inscrición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo establecido polo Decreto 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais. Para iso a/o delegada/o provincial correspondente da consellería competente en materia de sanidade e produción animal responsable do Rexistro do Pasto de Uso Común dará traslado do expediente completo á dirección xeral competente en materia forestal, responsable do Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, que disporá dun prazo de 3 meses para resolver sobre a inscrición do terreo forestal no citado rexistro; transcorrido o dito prazo sen que se tivesen emitido reparos á

inscrición do pasto de uso común no Rexistro de Terreos Forestais de Pastoreo, entenderase este como rexistrado.

Entre tanto non conclúa o trámite de inscrición do pasto de uso común no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, este quedará provisoriamente inscrito no RGEE, quedando condicionada a súa inscrición definitiva nel á aprobación da súa inscrición efectiva no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo.

2. No trámite de rexistro dos pastos de uso común a dirección xeral competente en materia forestal examinará a coherencia entre o aproveitamento gandeiro cos correspondentes instrumentos de xestión forestal ou cos plans de ordenación de recursos forestais aprobados pola autoridade forestal. Nos montes veciñais en man común que non conten cun instrumento de xestión aprobado pola autoridade forestal, a regulación do aproveitamento gandeiro terá que ser aprobado pola asemblea xeral conforme os seus estatutos.

Artigo 16º.-Libros de rexistro dos pastos de uso común e das explotacións que se integran neles.

1. Cada persoa responsable de pasto de uso común deberá dotarse, no momento do seu rexistro, do correspondente Libro colectivo de rexistro, cuxo formato se axustará ao publicado como anexo III deste decreto, e no cal figurarán os seguintes datos:

1.1. Datos xerais:

a) Nome do pasto.

b) Código de Rexistro do Pasto de Uso Común.

c) Localización, enderezo, paraxe e coordenadas xeográficas.

d) Datos da persoa responsable do pasto de uso común e, de non coincidir, datos da persoa propietaria ou titular de dereitos sobre o terreo, NIF ou CIF e domicilio en ambos os casos.

e) Relación de persoas propietarias de animais incluídos, indicando nome e apelidos, número de Rexistro de Explotación e NIF ou CIF.

f) Censo a 31 de decembro de cada ano selado polos servizos veterinarios oficiais.

g) Datas de realización de curros e censo de animais agrupados.

h) Control de inspeccións.

1.2. Para cada animal identificado individualmente:

a) Código de transpondedor e número permanente único.

b) Data de alta (nacemento ou incorporación).

c) Data de baixa (saída ou morte).

d) Nome e apelidos, NIF ou CIF e número de Rexistro da Explotación da persoa propietaria.

e) Cambios da persoa propietaria dentro do mesmo pasto de uso común.

1.3. O libro será expedido e dilixenciado, logo de pagamento das taxas correspondentes, polos servizos veterinarios oficiais da oficina agraria comarcal a que estea asignado o concello onde se localiza o pasto.

2. Cada persoa propietaria de équidos incluídos no pasto de uso común deberá dotarse, ademais, dun Libro de rexistro individual de explotación equina incluída en pasto de uso común, formato que se axustará ao modelo publicado como anexo IV deste decreto, e nel figurarán, ademais dos datos que figuran no artigo 11º deste decreto, a identificación do pasto de uso común onde se inclúe a explotación con indicación de:

a) Número de Rexistro do Pasto de Uso Común.

b) Datos da persoa responsable do pasto de uso común e, de non coincidir, datos da persoa propietaria ou titular de dereitos sobre o terreo.

3. Para a expedición do Libro de rexistro individual, a persoa propietaria dos équidos deberá estar previamente incluída como tal no Libro de rexistro colectivo do pasto de uso común.

4. O propietario dos animais das explotacións incluídas no pasto de uso común deberá manter permanentemente actualizado o Libro de rexistro individual da explotación incluída no pasto de uso común.

Artigo 17º.-Obrigas específicas dos propietarios dos animais que aproveiten estes pastos.

1. Os propietarios de animais das explotacións incluídas en pastos de uso común, ademais do cumprimento xenérico das obrigas atribuídas a todos os titulares de explotacións equinas por medio deste decreto e das derivadas da aplicación da normativa vixente en materia de sanidade e benestar animal, deben cumprir coas obrigas específicas recollidas no Regulamento de réxime interior do pasto de uso común, que incluirá, como mínimo, as establecidas no anexo XIII deste decreto.

2. Cando o pasto de uso común se asente sobre terreos forestais, o incumprimento destas obrigas ou das condicións do pastoreo establecidas pola persoa responsable do pasto de uso común, que fosen inscritas no Rexistro Público de Terreos Forestais do Pastoreo e publicadas pola dirección xeral competente en materia forestal, poderán ser sancionadas con base no artigo 67 j) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Artigo 18º.-Obrigas específicas dos responsables dos pastos de uso común e incumprimentos.

1. Os responsables dos pastos de uso común están obrigados a:

a) Comunicar á autoridade competente en materia de sanidade e produción animal, a autorización do aproveitamento do pasto de uso común a favor de novas explotacións así como á retirada de autorizacións do aproveitamento que se producisen en aplicación do Regulamento de réxime interior, no prazo dun mes desde que se tivesen producido.

b) Comunicar o pastoreo de animais que non pertenzan ás persoas autorizadas para o aproveitamento do pasto comunal, ao órgano competente en materia forestal da delegación provincial correspondente no caso de que o animal estea identificado; ou ao órgano competente en materia de sanidade animal en caso contrario.

c) Colaborar, se é o caso, coa autoridade competente nos labores de retirada dos animais non autorizados para o aproveitamento, pondo á súa disposición os medios e instalacións dispoñibles do pasto de uso común.

d) Comunicar á Administración competente en materia de sanidade animal o incumprimento das condicións impostas neste decreto polas persoas propietarias autorizadas para o aproveitamento do pasto de uso común.

e) Manter permanentemente actualizado o Libro de rexistro colectivo do pasto de uso común.

f) Comunicar con 15 días de anticipación aos servizos veterinarios oficiais da oficina agraria comarcal que corresponda á localización do pasto de uso común a data prevista para a realización do curro anual.

g) Xestionar conforme a normativa vixente os subprodutos xerados nas explotacións incluídas no pasto de uso común.

h) Cumprir o programa sanitario básico do pasto de uso común establecido no artigo 6º deste decreto.

i) Comunicar anualmente antes do 31 de marzo aos servizos veterinarios oficiais, o censo dos animais presentes no pasto de uso común á finalización do ano anterior.

j) Comunicar aos servizos veterinarios oficiais a sospeita de presentación de enfermidades epizoóticas ou zoonóticas.

2. O incumprimento destas obrigas será obxecto das sancións tipificadas na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, tendo para estes efectos o pasto de uso común a consideración de explotación de animais, definida no artigo 3.12º desa norma xurídica.

3. Ademais, a persoa responsable do pasto de uso común responderá subsidiariamente polo incumprimento das obrigas que corresponden individualmente ao propietario dos animais, mentres estea autorizado por este ao pastoreo en común.

4. A persoa responsable do pasto de uso común, na súa calidade de posuidora dos animais referida no artigo 1.905 do Código Civil, será responsable dos prexuízos que poidan causar os animais mentres estean autorizados por ela ao pastoreo, aínda que fuxan ou se extravíen. Para estes efectos deberá constituír a axeitada póliza de seguros que ampare a totalidade dos animais, con carácter previo á súa inclusión no pasto de uso común.

Capítulo V

Control e comunicación de movementos de équidos

Artigo 19º.-Dilixenciamento de documentos válidos para o movemento dentro de Galicia.

1. Os équidos rexistrados e os équidos de crianza e rendemento poderán circular libremente no ámbito da Comunidade Autónoma galega amparados no correspondente Pasaporte, LIC ou LISE, respectivamente dilixenciados para o efecto, logo do pagamento das taxas correspondentes, polos servizos veterinarios oficiais da comarca a que estea asignado o concello onde se localiza a explotación en que se integren os animais. O dilixenciamento dos libros para os efectos dos movementos deberá ser validado bianualmente.

2. Ante a detección de circunstancias sanitarias que impliquen restrición de movementos na explotación ou na comarca veterinaria onde se encontre o équido, o veterinario oficial suspenderá a validez do documento de identificación para movemento e procederá en consecuencia a encher a sección VIII do dito documento.

Artigo 20º.-Movemento de animais de abasto.

Os équidos de abasto de menos de 12 meses de idade poderán abandonar a explotación de nacemento con destino a sacrificio, sen necesidade de disporen de documento de identificación equino, simplemente amparados pola correspondente autorización oficial de traslado, na cal deberán figurar os 15 últimos díxitos do código do transpondedor aplicado, así como o número permanente único que se lle asignase.

Artigo 21º.-Comunicación de movementos e formalización de cambios de propiedade.

1. As persoas titulares de explotacións equinas comunicarán, ante os servizos veterinarios oficiais da oficina agraria comarcal a que estea adscrito o concello onde radique a explotación, os movementos de entrada e saída, incluída a morte dos animais identificados individualmente con transpondedor dentro do prazo de 7 días hábiles desde que se producise o movemento ou a morte. Na referida comunicación incluiranse os datos necesarios para o cumprimento do establecido no Real decreto 728/2007, que regula o Rexistro de Movementos do Gando.

2. No prazo máximo de 30 días hábiles desde que se produza un cambio na propiedade dun équido de crianza e rendemento, o novo propietario deberá formalizar o cambio ante os servizos veterinarios oficiais da oficina agraria comarcal a que estea adscrito o concello en que radique a explotación onde se tivese incorporado o animal obxecto do cambio. Para iso a nova persoa propietaria ou persoa debidamente autorizada presentará o LISE coa documentación acreditativa da súa adquisición e os datos da explotación onde se integra o animal.

3. Na oficina agraria comarcal deberá arquivarse copia da documentación acreditativa do cambio de propiedade presentada pola persoa que o declara, na cal, en todo caso, deberá constar o nome, apelidos e DNI/NIF do actual e anterior propietario, así como as sinaturas correspondentes. O veterinario oficial procederá a inscribir o cambio de propiedade declarado, na base de datos informatizada establecida no artigo 8º.8 deste decreto, rexistrará no correspondente LISE o cambio e asinará na parte correspondente.

Capítulo VI

Paradas equinas

Artigo 22º.-Competencia para o recoñecemento de paradas de sementais equinos.

1. Para a autorización, renovación, peche e inspección das paradas de sementais equinos serán competentes as delegacións provinciais correspondentes da consellería con competencias en materia de sanidade e produción animal.

2. As paradas poderán ser realizadas por sementais propios ou de terceiros da titularidade de persoas físicas ou xurídicas, de natureza pública ou privada.

3. Para os efectos deste decreto, non se consideran paradas de sementais equinos:

a) Aquelas en que os animais se reproduzan entre eles dentro da mesma explotación, e sexa propietario de todos eles o titular da mesma.

b) Cando un mesmo semental dea servizo a éguas que comparten o mesmo pasto de uso común, con independencia da propiedade destas.

Artigo 23º.-Autorización e rexistro das paradas.

1. As persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada que desexen rexistrar por primeira vez unha parada de sementais equinos, presentarán ante a delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de sanidade e produción animal, logo do pagamento das taxas correspondentes, a súa solicitude antes do 31 de xaneiro do ano correspondente á campaña de cubrición no cal se pretenda prestar o servizo segundo o modelo que se establece no anexo XI (Rexistro de Paradas de Sementais Equinos).

2. Na solicitude, figurarán os seguintes datos:

a) Identificación da persoa solicitante da parada.

b) Código de Rexistro da Explotación Equina correspondente.

c) Datas previstas de apertura e peche da parada.

d) Identificación do/s semental/ais da parada.

e) Identificación da explotación en que estean incorporado/os o/os semental/ais relacionado/s na solicitude antes de pasar á parada.

f) Identificación da persoa propietaria do/s semental/ais relacionado/s na solicitude.

g) Identificación da persoa veterinaria designada para a xestión sanitaria, reprodutiva e o benestar animal, segundo o disposto no artigo 3.23º da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

h) Datos relativos á identificación e localización da parada, así como os necesarios datos de contacto telefónicos ou telemáticos, para facilitar o acceso ao servizo da parada de terceiras persoas.

3. A solicitude debe ir acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI/CIF da persoa titular da parada e da persoa veterinaria autorizada ou habilitada, no caso de non seren as mesmas.

b) Memoria da actividade, que inclúa a descrición da actividade que se realiza e un plano detallado das instalacións.

c) Fotocopia dos documentos identificativos do/s semental/ais, onde veñan reflectidos os datos de identificación individual deles, polo menos o nome, descrición, data de nacemento, raza, código de rexistro permanente e do microchip, ademais dos datos da persoa propietaria e os datos da gandaría en que estean incorporado/os o/os semental/ais relacionado/s na solicitude antes de pasar á parada.

d) Fotocopia cotexada dos resultados das análises laboratoriais dos sementais da parada, realizadas sobre todos os animais relacionados na solicitude, segundo o disposto no número 3 do artigo 26º deste decreto.

e) Documento de xustificación do pagamento de taxas.

4. No prazo máximo de 3 meses desde a entrada da solicitude no órgano competente, a/o delegada/o provincial da consellería competente en materia de gandaría e sanidade animal deberá ditar a resolución que proceda, en relación á autorización tanto da propia parada equina como sobre os animais incluídos na solicitude. Ao vencemento deste prazo sen ter sido notificada a resolución, a persoa interesada poderá entendela estimada por silencio administrativo. Contra esta resolución poderá presentarse recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia sanidade e produción animal no prazo dun mes.

5. As paradas autorizadas serán inscritas de oficio no Rexistro de Paradas Equinas establecido no artigo 9º.2 b) deste decreto e se asignaráselles un código de parada, composto por dúas letras, identificativas da provincia; seguidos de catro díxitos que corresponderán á orde correlativa de inscrición neste rexistro.

6. Para dar a coñecer a súa existencia a posibles usuarios, a solicitude de autorización da parada leva implícita a autorización á consellería competente en materia de sanidade e produción animal para facer públicos os datos identificativos da parada e dos animais e os de contacto que sexan sinalados pola persoa solicitante, establecidos no número 2 puntos d) e h) deste artigo.

7. A consellería competente en materia de sanidade e produción animal publicará cada ano os datos sinalados no número anterior no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 24º.-Renovación das paradas.

1. As persoas que soliciten a renovación da autorización de parada de sementais equinos presentarán a solicitude de renovación, segundo o modelo que se xunta como anexo XI, antes do 31 de xaneiro do ano correspondente á campaña de cubrición en que se pretenda prestar o servizo na delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de gandaría, logo de pagamento das taxas correspondentes.

2. A solicitude de renovación deberá constar dos mesmos datos que a primeira solicitude, agás o código Rega da explotación equina correspondente, en cuxo lugar se incluirá o código de parada.

3. A solicitude de renovación deberá ir acompañada da mesma documentación exixida no artigo anterior para a primeira solicitude, agás a especificada no número 3, puntos a), b) e c) do artigo anterior, se eses datos non variasen.

4. As paradas que non renoven a súa autorización antes do 31 de xaneiro do ano correspondente á campaña de cubrición serán dadas de baixa de oficio no Rexistro de Paradas Equinas recollido no artigo 9º.2 b) deste decreto, mediante resolución que deberá ser ditada tras a audiencia do interesado.

Artigo 25º.-Funcionamento das paradas.

1. Toda parada deberá manter in situ, desde a data de apertura ata a data de peche, e á disposición da autoridade competente:

a) Un Libro de rexistro de cubricións segundo o modelo que se xunta como anexo XII, debidamente cuberto. Este será expedido e dilixenciado, logo de pagamento das taxas correspondentes, polos servizos veterinarios oficiais da oficina agraria comarcal á que estea asignado o concello onde se localiza a parada.

b) A documentación orixinal e resultados analíticos laboratoriais do/s semental/ais da parada, así como a documentación acreditativa da autorización ou renovación para o ano en curso.

2. O Libro rexistro de cubricións deberá remitirse, ao finalizar a tempada de cubricións, á delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de sanidade e produción animal antes do 15 de decembro do ano correspondente á campaña de cubrición.

3. Toda parada deberá contar cunha persoa veterinaria designada polo seu titular atendendo ao disposto no artigo 3.23º da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, que asesorará a este nas seguintes funcións:

a) Rexeitar a entrada dun animal á parada por incorrecta documentación, sospeita de non se atopar en bo estado de saúde podendo pór en risco de contaxio o resto dos animais que se encontren na parada, constatar evidentes signos de maltrato ou inadecuada condición de estado ou de transporte.

b) Solicitar ás persoas propietarias das femias que demanden o servizo de monta, as vacinas, desparasitacións, análises laboratoriais e certificacións veterinarias que crea convenientes.

c) O veterinario proporá, supervisará e asinará o programa sanitario da parada.

4. Toda parada contará cun programa sanitario específico, proposto, asinado e supervisado por unha persoa veterinaria autorizada ou habilitada, que recolla, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Limpeza, desinfección, desinsectación e desratización das instalacións.

b) Control específico das enfermidades infectocontaxiosas que poidan diminuír a capacidade reprodutiva dos animais:

-Arterite viral equina (Arterivirus).

-Metrite contaxiosa equina (Taylorella equigenitalis).

c) Condicións específicas de benestar dos animais, incidindo sobre os aspectos seguintes:

-Medidas que eviten o escorregamento, caídas ou lesións dos animais durante a cubrición.

-Evitar a explotación excesiva dos sementais.

Artigo 26º.-Instalacións das paradas.

Ademais dos requisitos mínimos recollidos no artigo 5º para todas as explotacións equinas, as paradas deberán dispor de:

a) Boxes individuais para os sementais, de medidas suficientes, de materiais adecuados para a súa limpeza e desinfección, aireación e luminosidade suficiente, e punto de abastecemento de alimento e auga de calidade axeitada.

b) Recinto de dimensións suficientes para a recepción e estancia das éguas.

c) Recinto de cubrición ou, se é o caso, extracción de seme, con elementos suficientes que permitan o manexo adecuado dos animais, a súa limpeza e desinfección e que garanta a seguridade dos operarios.

Artigo 27º.-Requisitos dos reprodutores.

1. Todo semental das paradas ten que ser autorizado pola delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de sanidade e produción animal, tras solicitude do interesado segundo modelo que se xunta como anexo XI. Esta autorización terá carácter anual debendo ser renovada cada ano, salvo que por razóns sanitarias ou doutro tipo, que deberán ser xustificadas nun procedemento con audiencia da persoa interesada, se proceda á súa revogación.

2. Os sementais autorizados serán inscritos no Rexistro de Sementais Equinos previsto no artigo 9º.2 b) deste decreto, mediante resolución do/a delegado/a provincial da consellería competente en materia sanidade e produción animal.

3. Aos sementais das paradas se lles someterá previamente á súa autorización anual, a unha análise de laboratorio para a diagnose das seguintes enfermidades:

-Arterite viral equina (Arterivirus).

-Metrite contaxiosa equina (Taylorella equigenitalis).

As probas diagnósticas a realizar serán as referenciadas no apartado A do capítulo II do anexo D do Real decreto 1881/1994, do 16 de setembro, polo que se establecen as condicións de policía sanitarias aplicables aos intercambios intracomunitarios e ás importacións procedentes de países terceiros de animais, esperma, óvulos e embrións non sometidos, con respecto a estas condicións, ás disposicións contidas na sección 1ª do anexo A do Real decreto 1316/1992. Os resultados das ditas probas deberán ser negativos.

4. As mostras para análises irán acompañadas, de darse o caso, da fotocopia cotexada das páxinas correspondentes ás vacinas do documento identificativo onde veña reflectido o nome da vacina, número de lote, data, identificación e número de colexiado da persoa veterinaria.

Artigo 28º.-Clausura ou peche de paradas equinas.

A consellería competente en materia de sanidade e produción animal poderá acordar as seguintes medidas, que non terán carácter de sanción:

a) Clausura ou peche daquelas paradas equinas que non conten coas autorizacións preceptivas ou incumpran calquera dos requisitos exixidos para a súa autorización ou renovación.

b) A suspensión temporal do seu funcionamento en canto non se rectifiquen os defectos atopados.

Unha vez obtidos todos os permisos, autorizacións ou licenzas exixibles pola normativa vixente, ningunha nova parada poderá iniciar a súa actividade sen estar rexistrada.

Artigo 29º.-Laboratorios.

1. O Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, dependente da consellería competente en materia de sanidade e produción animal, desígnase como centro oficial para a realización das probas diagnósticas de arterite viral equina, metrite contaxiosa equina e contempladas no artigo 26º.3 deste decreto.

2. Poderán realizarse estas probas noutros laboratorios autorizados polas autoridades competentes para a realización de controis oficiais. Neste caso, os equipamentos de diagnose para estas enfermidades terán que ter igual ou superior sensibilidade e especificidade que os utilizados no Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia.

3. As persoas interesadas en realizar as analíticas referidas en laboratorios distintos ao Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia deberán comunicar expresamente este feito á/ao delegada/o provincial correspondente da consellería competente en materia de sanidade e produción animal quen, non prazo dun mes, comunicará ás persoas interesadas se os equipamentos de diagnose dos ditos laboratorios cumpren co establecido no punto anterior. No caso de que no citado prazo non se reciba a comunicación expresa, as persoas interesadas poderán entender que si o cumpren.

Capítulo VII

Réxime sancionador

Artigo 30º.-Réxime sancionador.

1. O incumprimento das obrigas establecidas neste decreto dará lugar á aplicación das sancións correspondentes, establecidas na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, na Lei 32/2007, do 7 de novembro, para o coidado dos animais na súa explotación, transporte, experimentación e sacrificio ou calquera outra normativa vixente en materia de sanidade animal.

2. Ademais, en canto ao aproveitamento de pastos en terreos forestais, as disposicións contidas no capítulo IV deste decreto teñen a consideración de «normativa establecida para o efecto polo órgano forestal da comunidade autónoma», e o seu incumprimento poderá ser sancionado pola infracción tipificada no artigo 67 j) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, sen prexuízo da posible aplicación, cando proceda, doutras infraccións tipificadas nesta lei.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. As persoas propietarias ou responsables de équidos que, na data de entrada en vigor deste decreto, teñan idades superiores ás establecidas para a identificación obrigatoria, dispoñen dun prazo de 12 meses para proceder á identificación dos animais segundo o establecido neste decreto.

2. En todo caso, a identificación dos équidos mediante transpondedor prevista neste decreto será obrigatoria a partir de 6 meses desde a entrada en vigor deste decreto para todos os animais que abandonen a explotación de nacemento agás no caso dos poldros lactantes que sen cumprir a idade estipulada como obrigatoria para a aplicación do transpondedor, abandonen a explotación acompañando a súa nai ou nutrize.

3. As persoas titulares das explotacións equinas extensivas en liberdade dispoñen dun período transitorio de 12 meses para identificar os équidos segundo o disposto no artigo 9º.

Segunda.-Durante un período transitorio de 24 meses tras a entrada en vigor deste decreto, poderán identificarse équidos de crianza e rendemento con transpondedores que, sendo distribuídos pola autoridade competente, conteñan unha estrutura de códigos numéricos diferente da indicada no artigo 8º punto 5, sempre que quede garantida a imposibilidade de repetición do código que contén o transpondedor.

Terceira.-As persoas responsables de pastos de uso común dispoñen dun prazo de 12 meses tras a publicación deste decreto para proceder ao rexistro do pasto segundo o establecido neste decreto. No mesmo prazo de 12 meses, as persoas propietarias de équidos que aproveiten pastos de uso común e teñan rexistrada unha explotación equina con anterioridade á publicación deste decreto deberán acreditar ante a autoridade competente a autorización da persoa responsable do pasto de uso común para a inclusión das súas reses no dito pasto, así como a aceptación expresa do Regulamento de réxime interior.

Cuarta.-As persoas titulares das explotacións equinas dispoñen dun período transitorio de 24 meses para adecuar as instalacións das súas explotacións ao disposto neste decreto.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 85/1998, do 26 de febreiro, polo que se establece o sistema de identificación e rexistro dos animais da especie bovina.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modifícase o parágrafo 2º do artigo 1 do Decreto 355/1994, do 4 de decembro, polo que se regula o traslado de animais e se aproban os modelos oficiais de autorización oficial de traslado, que queda redactado do seguinte xeito:

«O gando vacún, ovino e cabrún poderá circular no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia unicamente con copia validada por veterinarios expresamente autorizados para iso pola consellería competente en materia de sanidade e produción animal ou con copia compulsada polos servizos veterinarios oficiais de sanidade e produción animal ou fedatario público do documento oficial de cualificación sanitaria da explotación denominado «explotación cualificada sanitariamente», no que os animais estean rexistrados e que acompañará o animal ou animais durante o traslado».

Segunda.-Facúltase o conselleiro do Medio Rural para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e cumprimento do disposto neste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de novembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "24100D001P006.PDF"

ANEXO IV

Libro de rexistro de explotación equina integrada en pastos de uso común

Ver referencia pdf "24100D001P006.PDF"

SECCIÓN III

SECTION III

Información sobre o dereito de propiedade:

1. No caso das competicións organizadas baixo os auspicios da Federación Ecuestre Internacional, a nacionalidade do cabalo é a nacionalidade do seu propietario.

2. No caso de cambio de propietario, o pasaporte debe presentarse inmediatamente á organización, á asociación ou servizo oficial que o expediu, apuntando o nome e o enderezo do novo propietario para entregarllo despois de rexistralo de novo.

3. Se houbese máis dun propietario ou o cabalo pertencese a unha empresa, o nome e a nacionalidade da persoa responsable do cabalo deben figurar no pasaporte. Se os propietarios fosen de diferente nacionalidade, estes deben precisar a nacionalidade do cabalo.

4. Cando a Federación Ecuestre Internacional aprobe o aluguer dun cabalo por unha federación ecuestre nacional, esta federación ecuestre nacional debe rexistrar os detalles de transacción.

Información sobre el derecho de propiedad:

1. En el caso de las competiciones organizadas bajo los auspicios de la Federación Ecuestre Internacional, la nacionalidad del caballo es la nacionalidad de su propietario.

2. En el caso de cambio de propietario, el pasaporte debe presentarse inmediatamente a la organización, a la asociación o servicio oficial que lo haya expedido, apuntando el nombre y la dirección del nuevo propietario para entregárselo después de haberlo registrado de nuevo.

3. Si hubiese más de un propietario o el caballo perteneciese a una empresa, el nombre y la nacionalidad de la persona responsable del caballo deben figurar en el pasaporte. Si los propietarios fuesen de diferente nacionalidad, éstos deben precisar la nacionalidad del caballo.

4. Cuando la Federación Ecuestre Internacional apruebe el alquiler de un caballo por una federación ecuestre nacional, esta federación ecuestre nacional debe registrar los detalles de transacción.

Details of ownership:

1. For competition purposes under the auspicies of the International Equestrian Federation the nationality of the horse is that of its owner.

2. On change of ownership the passport must immediately be lodged with the issuing organization, association or official agency, giving the name and address of the new owner, for re-registration and forwarding it to the new owner.

3. If there is more than one owner or the horse is owned by a company, the name of the individual responsible of the horse must be entered in the passport together with his nationality. If the owners are of different nationalities, they have to determine the nationality of the horse.

4. When the the International Equestrian Federation approves the leasing of a horse by a National Equestrian Federation, the details of these transactions must be record by the National Equestrian Federation concerned.

Informations sur le droit de propriété:

1. Pour les compétitions étant organisées sous les auspices de la Fédération Équestre Internationale, la nationalité du cheval est celle de son propriétaire.

2. En cas de changement de propriétaire, le passeport doit être immédiatement déposé auprès de l’ organisation, l’ association ou le service officiel l’ ayant délivré avec le nom et l’ adresse du nouveau propriétaire afin de le lui remettre après le réenregistrement.

3. S’ il y a plus d’ un propriétaire ou si le cheval appartient à une entreprise, le nom et la nationalité de la personne étant responsable du cheval doivent figurer sur le passeport. Si les propriétaires sont de nationalités différentes, ils doivent préciser la nationalité du cheval.

4. Lorsque la Fédération Équestre Internationale approuve la location d’ un cheval par une Fédération Équestre Nationale, les détails de la transaction doivent être enregistrés par la Fédération Équestre Nationale intéressée.

Ver referencia pdf "24100D001P006.PDF"

ANEXO XIII

Obrigas e responsabilidades mínimas que deben quedar establecidas no Regulamento de réxime interior dos pastos de uso común:

I) Obrigas dos propietarios dos animais, titulares de explotacións incluídas en pastos de uso común:

a) Asegurar que todos os animais da súa propiedade teñan implantados os dispositivos de identificación que proceda, segundo o establecido neste decreto, atendendo ao réxime de explotación utilizado no pasto de uso común, así como proceder á súa reposición inmediata en canto se detecte perda ou deterioración que anule a utilidade dos dispositivos de identificación.

b) Comunicar á persoa responsable do pasto de uso común, no prazo máximo de 15 días hábiles desde que se produza, calquera cambio nos animais da súa propiedade que deba quedar reflectido no Libro de rexistro colectivo do pasto de uso común.

c) Comunicar á persoa responsable do pasto de uso común as incidencias detectadas en calquera animal presente nos terreos onde se localiza a explotación.

d) Realizar a recollida e secuestro dos seus animais cando lle sexa demandado pola persoa responsable do pasto de uso común.

e) Colaborar no control e recollida de todos os animais incluídos no pasto de uso común.

f) Colaborar da forma en que determine a persoa responsable do pasto de uso común no mantemento das instalacións.

g) Solicitar á persoa responsable do pasto de uso común autorización previa á incorporación de novos animais.

h) Solicitar as marcas visuais á persoa responsable do pasto de uso común e proceder á identificación visual dos animais antes da súa solta.

i) Someter aos seus animais aos tratamentos sanitarios e ao manexo necesario para a execución do programa sanitario básico do pasto de uso común segundo as instrucións que determine a persoa responsable do pasto de uso común.

j) Manexar os seus animais procurando que non invadan estradas ou predios de terceiras persoas e tornalos aos terreos do pasto de uso común inmediatamente cando teña coñecemento de que aconteceron estes feitos.

k) Respectar en todo caso as normas reguladoras do aproveitamento gandeiro e as instrucións que ao respecto poida determinar a persoa responsable do pasto de uso común.

l) Contribuír do modo en que se determine no Regulamento de réxime interior á dotación do fondos necesarios para lles facer fronte aos danos que puidesen causar a terceiros os animais das explotacións autorizadas ao aproveitamento do pasto de uso común.

II) Obrigas das persoas responsables dos pastos de uso común:

a) Velar por que todos os propietarios de animais titulares de explotacións incluídas no pasto de uso común cumpran o Regulamento de réxime interior.

b) Apercibir o propietario de animais autorizados ao aproveitamento en caso de incumprimento das normas reguladoras e aplicar as medidas que, de ser o caso, poida recoller o Regulamento de réxime interior.

c) Impulsar o procedemento para a retirada da autorización ao aproveitamento aos propietarios de animais cando así procedese en aplicación do Regulamento de réxime interior do pasto de uso común.

d) Subministrar, se é o caso, ás persoas propietarias de animais autorizados ao aproveitamento as marcas visuais de identificación e velar pola súa correcta utilización.

e) Organizar a realización de, cando menos, unha recollida anual dos animais ou curro anual, para a aplicación de tratamento sanitario, control de identificación e reposición, se é o caso, de marcas.

f) Dotar o pasto de uso común das instalacións mínimas obrigatorias.

g) Responder dos danos que poidan ocasionar a terceiros os animais dos propietarios autorizados ao aproveitamento do pasto de uso común.

Ver referencia pdf "24100D001P006.PDF"