DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Xoves, 11 de decembro de 2008 Páx. 22.011

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 5 de decembro de 2008 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos colectivos de xestión pesqueira e se establece a súa convocatoria.

O Regulamento (CE) nº 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca, define para o seu período de programación 2007-2013, o marco de apoio comunitario en favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro. Entre as medidas recollidas no regulamento, no artigo 37 figuran as accións colectivas, definidas como medidas de interese público que se apliquen co apoio activo dos propios operadores ou de organizacións que actúen en nome dos produtores ou doutras organizacións recoñecidas polo Estado membro. Pola súa banda, no anexo II do regulamento establécese a porcentaxe máxima de contribución pública para o financiamento das medidas obxecto do artigo 37 e seguintes.

Para a aplicación das ditas medidas, mediante orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 10 de agosto de 2007 (DOG nº 169, do 31 de agosto) aprobáronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos colectivos de xestión pesqueira. Estas subvencións foron obxecto de dúas convocatorias, unha para o ano 2007, a través da propia Orde do 10 de agosto de 2007, e para o ano 2008, mediante Orde do 11 de xaneiro de 2008 (DOG nº 9, do 14 de xaneiro).

Posteriormente, este ámbito de actuación foi obxecto dunha nova regulamentación en virtude do Regulamento 744/2008, do Consello, do 24 de xullo de 2008, polo que se establece unha acción específica temporal para promover a reestruturación das frotas pesqueiras da Unión Europea afectadas pola crise económica polo aumento do prezo dos combustibles empregados no exercicio da súa actividade.

Este novo regulamento, no seu artigo 9, recolle, ademais das accións colectivas xa previstas no artigo 37 do Regulamento 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca, novas accións e novas porcentaxes máximas de contribución pública para o seu financiamento.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, á vista do novo marco normativo e como consecuencia do incremento paulatino e continuado do prezo dos combustibles empregados pola frota pesqueira con porto base en Galicia, considera necesario arbitrar un mecanismo que permita adoptar medidas de adaptación da frota pesqueira e das súas organizacions ás novas condicións sociais e económicas con garantías de sustentabilidade.

Co fin de garantir este obxectivo, por medio desta orde establécense novas bases reguladoras para a concesión de axudas a accións colectivas do eixe 3 do Fondo Europeo da Pesca, actualmente recollidas na Orde do 10 de agosto de 2007, recollendo coma accións susceptibles de seren obxecto de axuda pública as previstas no artigo 37 do Regulamento 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca e as recollidas no artigo 9 do Regulamento 744/2008, do Consello, do 24 de xullo de 2008, polo que se establece unha acción específica temporal para promover a reestruturación das frotas pesqueiras da Unión Europea afectadas pola crise económica.

De cara a unha mellor comprensión e para facilitar a consulta e manexo por parte dos interesados, publícase íntegro o contido das bases reguladoras, que substitúen as aprobadas pola orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 10 de agosto de 2007.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a modificación das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos colectivos de xestión pesqueira aprobadas por orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 10 de agosto de 2007, e referidas ás medidas reguladas no artigo 37 do Regulamento 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca e no artigo 9 do Regulamento 744/2008, do Consello, do 24 de xullo de 2008, polo que se establece unha acción específica temporal para promover a reestruturación das frotas pesqueiras da Unión Europea afectadas pola crise económica.

Artigo 2º.-Marco normativo.

Para o outorgamento e execución destas subvencións atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

a) Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca, e disposicións de desenvolvemento.

b) Regulamento 744/2008, do Consello, do 24 de xullo de 2008, polo que se establece unha acción específica temporal para promover a reestruturación das frotas pesqueiras da Unión Europea afectadas pola crise económica.

c) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

d) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

f) Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que non se opoña á antedita Lei de subvencións de Galicia.

g) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

h) Se é o caso, normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto (orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998).

Artigo 3º.-Crédito orzamentario.

1. As subvencións concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual Programa operativo FEP 2007-2013 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, dotadas con fondos do FEP na súa medida 3.1 (accións colectivas) así como do Estado membro. No ano 2009, as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.770.1 (proxecto 2007 00564) do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

2. Anualmente publicaranse os importes máximos de concesión de axudas na correspondente anualidade e nas sucesivas, para o caso de investimentos plurianuais. Os importes máximos das subvencións que se concedan no 2009 ascenderán a 14.727.000 euros e distribuiranse nas seguintes anualidades:

-Anualidade 2009: 3.685.000 euros.

-Anualidade 2010: 4.057.000 euros.

-Anualidade 2011: 3.810.000 euros.

-Anualidade 2012: 3.175.000 euros.

3. Os importes consignados en cada convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. No caso de que se leve a cabo a modificación destas bases a través da correspondente convocatoria anual, procederá a publicarse integramente no Diario Oficial de Galicia a orde de convocatoria que conteña as bases modificadas, para lograr unha máis áxil tramitación dos expedientes e mellor comprensión das bases reguladoras.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións as seguintes entidades, sempre que teñan a sede social e desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Entidades de interese colectivo definidas na Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, como calquera forma asociativa de dereito público ou privado, tales como confrarías, asociacións, cooperativas e organizacións constituídas por produtores de base e organizadas para desenvolver actividades consideradas na dita lei.

b) Fundacións de interese galego vencelladas ao sector pesqueiro.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas entidades nas que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10, parágrafos 2º e 3º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiario lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión unha vez notificada a concesión da axuda.

4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non fose posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

5. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

Artigo 5º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Realizar as actividades para as que se conceda subvención nos termos e prazos indicados na resolución de concesión e no proxecto que lles sirva de base.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se encontran ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

d) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os que foi concedida a axuda de que se trate.

f) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación ás subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da comunidade autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

g) Facer constar expresamente a participación financeira do FEP en todas as actividades de difusión ou promoción relacionadas coa actividade subvencionada.

h) Destinar os bens subvencionados ao fin concreto para o que se conceda a subvención durante un período mínimo de cinco anos, no caso de bens que se inscriban nun rexistro público, e de dous anos nos demais casos.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

3. De acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

Artigo 6º.-Proxectos obxecto de subvención.

1. Poderán ser obxecto de subvención de conformidade con esta orde as accións colectivas que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto:

a) Contribuír de forma sustentable a mellorar a xestión ou conservación dos recursos; en particular, inclúense medidas consistentes en:

a.1) Asistencia técnica para a implantación de técnicas de semicultivo ou outras medidas técnicas para a mellora da xestión dos recursos, tales como elaboración de plans de explotación, elaboración de proxectos de rexeneración de zonas de produción, e outros. As entidades beneficiarias de subvención por este concepto quedarán obrigadas á realización das actividades que se sinalan no anexo I.

a.2) Control de acceso ao recurso. As entidades beneficiarias de subvención por este concepto quedarán obrigadas á execución das accións nas condicións que se sinalan no anexo II.

a.3) Acondicionamento e rexeneración para a mellora da produtividade dos bancos marisqueiros. Non se subvencionarán os labores habituais de mantemento dos bancos, propios da actividade marisqueira ordinaria.

a.4) Instalacións para semicultivo ou cultivo experimental de recursos mariños.

a.5) Proxectos e propostas de implementación de modelos de xestión de pesquerías que permitan un desenvolvemento sustentable das actividades pesqueiras.

a.6) Tratamento de residuos a bordo.

b) Promover métodos ou artes de pesca selectivos e reducir as capturas accesorias.

c) Recoller do leito mariño as artes de pesca perdidas para combater a pesca pantasma.

d) Mellorar as condicións de traballo e seguridade.

e) Mellorar a cadea de comercialización, a cadea de custodia, a calidade e a seguridade alimentaria e contribuír á transparencia dos mercados.

f) Levar a cabo estudos relativos ás augas, zonas ou recursos pesqueiros ou marisqueiros.

g) Mellorar a cooperación entre científicos e profesionais do sector para a transferencia tecnolóxica e posta en práctica de coñecementos, experiencias e innovacións científicas.

h) Traballar en rede e intercambiar experiencias e mellores prácticas entre organizacións dedicadas a promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

i) Realizar auditorías enerxéticas para grupos de buques.

j) Obter asesoramento de expertos para o desenvolvemento de plans de reestruturación/modernización, incluídos os programas de adaptación da frota a que se refire o artigo 12 do Regulamento 744/2008, do Consello, do 24 de xullo de 2008, polo que se establece unha acción específica temporal para promover a reestruturación das frotas pesqueiras da Unión Europea afectadas pola crise económica.

De ser o caso, presentarase un proxecto diferenciado por cada unha das accións sinaladas neste parágrafo.

2. Non serán obxecto de subvención as accións que resulten financiables segundo outras liñas de axudas convocadas pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

3. En función dos resultados acadados e das dispoñibilidades orzamentarias, para os sucesivos períodos de convocatoria poderase excluír algunha das categorías incluídas no número 1 deste artigo.

4. Poderanse presentar proxectos de carácter plurianual, sen que a súa duración poida exceder de catro exercicios orzamentarios e coas limitacións recollidas no parágrafo 2 do artigo 7º. A subvención que neste caso se conceda aterase aos límites establecidos para os compromisos de gasto plurianuais no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 7º.-Gastos subvencionables.

1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior:

a) Os de contratación de persoal imprescindible asociado ao proxecto.

b) Os de contratación de empresas ou entidades prestadoras de servizos.

c) Os de construción de instalacións de cultivo ou semicultivo, de tratamento de residuos e outro tipo de instalacións estritamente necesarias para a execución do proxecto.

d) Os de adquisición de equipamento e material necesario para desenvolver as accións.

e) Os de adquisición de semente de moluscos, coas seguintes condicións:

e.1) Cando se trate de semente de ameixa procedente de posta inducida, esta non deberá ser maior de 18 mm.

e.2) A ameixa procedente de bancos marisqueiros só se admitirá cando se trate de bancos catalogados como C, e por causas excepcionais suficientemente acreditadas. Non deberá ser maior de 35 mm no caso de ameixa fina ou xaponesa, ou de 30 mm no caso de ameixa babosa. Deberá garantirse unha permanencia no banco de destino de polo menos dous meses, ou prazo maior que se estableza na resolución.

e.3) Non se aplicarán as anteriores limitacións no caso de sementeiras para rexeneración de bancos que sufrisen mortandade masiva, pero non poderá comercializarse antes do prazo dun ano desde a sementeira.

e.4) En calquera caso requirirase permiso de inmersión segundo o establecido no Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.

f) Os de redacción de proxecto técnico, cando este resulte exixible pola normativa aplicable e sempre que a actuación a que se refira resulte subvencionada.

2. Consideraranse subvencionables os gastos do punto anterior realizados entre a data de presentación da solicitude e o 31 de decembro de 2013, agás no caso dos proxectos previstos nas letras i) e j) do número 1, en que serán subvencionables os gastos realizados desde o 31 de xullo de 2008 ata o 31 de decembro de 2013. A data límite enténdese en todos os casos sen prexuízo do número de anualidades que se estableza en cada resolución de concesión de axuda.

3. No caso de investimentos consistentes en instalacións fixas ou que precisen de realización de obras, será requisito imprescindible para a concesión da axuda que os servizos da consellería certifiquen o non inicio dos investimentos con anterioridade ao comezo da execución.

Artigo 8º.-Gastos non subvencionables.

Non serán subvencionables os gastos relativos a:

a) Alugamentos.

b) A adquisición de terreos e inmobles.

c) Os derivados da transformación de buques pesqueiros que causen baixa no rexistro da frota operativa.

d) A adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.

e) A adquisición de vestiario e equipamento persoal.

f) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo, agás os necesarios para a execución dos proxectos previstos na letra b) do parágrafo 1 do artigo 6º.

g) Os gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.

h) Os gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

i) Os gastos de promoción comercial, así como os de divulgación das entidades, marcas ou produtos que non estean directamente asociados a un proxecto dos recollidos no artigo 6.

j) O IVE, agás nos casos en que se achegue certificado expreso do Ministerio de Facenda na porcentaxe non recuperable del.

k) A modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

Artigo 9º.-Intensidade da axuda.

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100% do investimento subvencionable en cada unha das accións, condicionada en todo caso ás dispoñibilidades orzamentarias. A comisión de avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

2. No caso de se presentaren varios proxectos para accións substancialmente idénticas, poderase establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado.

3. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos liberados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

4. Manterase a axuda pero minorarase na fase de pagamento se o investimento material realizado é, por causa debidamente motivada, de contía inferior á que se considerou subvencionable, e na mesma proporción.

Artigo 10º.-Compatibilidade da axuda.

A percepción destas axudas poderá ser compatible con calquera outra concedida para a mesma finalidade, sempre que non estea financiada por fondos europeos e que o conxunto delas non superen o custo das actividades subvencionadas.

Artigo 11º.-Prazos de solicitude e resolución.

1. Anualmente publicaranse os períodos de presentación de solicitudes para cada unha das anualidades 2010 a 2013. Para a anualidade 2009, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

2. Antes do 15 de marzo de cada ano realizarase unha única proposta de resolución comprensiva de todas as solicitudes presentadas no prazo de convocatoria correspondente á anualidade e admitidas.

3. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, emitirase unha nova proposta de resolución antes do 30 de xullo, na que se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva á que se refire o artigo 17º.2.

4. Aquelas solicitudes que non puideran ser atendidas na anualidade correspondente á convocatoria exclusivamente por falta de dispoñibilidades orzamentarias poderán ser tomadas en consideración na anualidade seguinte, logo de confirmación polo solicitante e sen que isto supoña ningunha preferencia como criterio de selección.

5. A resolución emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de seis meses desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria anual. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 12º.-Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria.

1. As solicitudes dirixiranse á persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Mariños, da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, segundo o modelo que figura no anexo III desta orde, que se poderá descargar en formato electrónico no punto Servizos de administración electrónica da páxina web http://webpesca.xunta.es. Presentaranse no rexistro único e de información do complexo administrativo de San Caetano ou no de calquera das delegacións territoriais e comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

3. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación, acompañada dun índice e ordenada segundo se indica:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

a.2) Ademais, se o solicitante non é unha confraría de pescadores ou unha federación de confrarías, copia cotexada dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o que se presentou.

b) Antecedentes:

b.1) Memoria descritiva do historial produtivo da entidade solicitante nos últimos cinco anos, con especial referencia aos bancos, zonas de produción ou especies obxectivo a que se dirixa o proxecto.

b.2) Memoria descritiva das accións emprendidas pola entidade solicitante nos últimos cinco anos dirixidas á mellora da xestión ou da produtividade das zonas explotadas, indicando o custo de cada unha delas e grao de consecución dos obxectivos esperados.

c) Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:

c.1) Explicación das necesidades que se pretende cubrir e obxectivos perseguidos.

c.2) Descrición das accións que se pretende emprender, calendario de realización e melloras esperadas con cada unha delas, con referencia expresa ás previsións de creación ou consolidación de emprego. No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas independentemente.

c.3) Proxecto técnico ou anteproxecto valorado, se é necesario.

c.4) De ser o caso, plano de localización das accións previstas.

d) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado, segundo o anexo IV que se atopa dispoñible no punto Servizos de administración electrónica da páxina web http://webpesca.xunta.es, e acompañado da documentación xustifique os custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).

e) No caso de instalacións fixas ou que precisen obras: solicitude de certificación de non inicio.

f) Declaración responsable sobre as fontes de financiamento previstas para cada unha das accións (recursos propios, préstamos, outras axudas...) conforme o anexo V.

g) Copia cotexada das concesións, autorizacións, permisos ou licenzas, segundo o caso, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en produción ou a solicitude de obtención destes.

h) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

i) Declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións, conforme o anexo VI.

j) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente engadirase:

j.1) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

j.2) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

4. A documentación anterior deberá achegarse por duplicado. Ademais, os documentos sinalados nas alíneas b), c) e d) deberán entregarse en soporte dixital.

5. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación dos apartados a), b), f), h) e i) anteriores por cada un dos solicitantes.

6. A documentación sinalada nas alíneas c.2), d), j.1) e j.2) do número 3 considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes, de xeito que non serán admitidas aquelas en que se aprecie a ausencia dalgún destes documentos, quedando, neste caso, arquivado o expediente sen máis trámite.

Artigo 13º.-Emenda da solicitude.

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario poráselles de manifesto por escrito aos interesados, para que nun prazo de dez (10) días remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 5º.3, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.

2. Non se aplicará o disposto no número anterior ás solicitudes que non veñan acompañadas como mínimo da documentación sinalada nas alíneas c.2), d), j.1) e j.2) do número 3 do artigo 12, que non serán admitidas.

3. A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada nos lugares a que se refire o parágrafo 1 do artigo 12º.

4. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderá requirir a entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 14º.-Órganos de xestión e resolución.

1. A tramitación dos expedientes será realizada polo servizo correspondente da Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

2. A resolución correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 15º.-Comisión de avaliación.

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Recursos Mariños, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan no artigo seguinte. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros:

-Presidente: subdirector/a xeral de Recursos Mariños e Xestión Administrativa.

-Vogais: unha persoa do cadro de persoal da Dirección Xeral de Recursos Mariños, unha persoa da Secretaría Xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e unha por cada unha das súas delegacións territoriais, designadas polo presidente.

Un dos vogais da comisión actuará como secretario.

En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da comisión poderán ser substituídos por quen designe o seu presidente.

A comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

Artigo 16º.-Criterios de avaliación.

1. A comisión valorará os proxectos segundo os seguintes criterios, ponderados co valor que se indica en cada caso:

a) Relevancia dos obxectivos pretendidos e grao de necesidade de emprender a acción para acadar o fin previsto, tendo en conta o custo necesario para a súa consecución: ata 4 puntos.

b) Calidade técnica do proxecto: ata 2 puntos.

c) Proxectos presentados por entidades que teñan implantado un Plan de Igualdade ou estean en posesión da Marca Galega de Excelencia en Igualdade, nos termos establecidos nos artigos 9 a 12 e 16 a 20 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia: ata 1 punto.

d) Porcentaxe do custo asumido polo solicitante: ata 1 punto.

e) Efectos beneficiosos sobre o ambiente: ata 1 punto.

f) Proxectos avalados ou participados por entidades ou institucións públicas ou privadas de recoñecida relevancia: ata 1 punto.

g) Resultados obtidos por outros proxectos realizados anteriormente pola entidade solicitante: os resultados negativos poderanse penalizar con ata 1 punto.

2. A comisión poderá considerar non viables determinados proxectos ou actuacións e, en consecuencia, acordar motivadamente a non procedencia de concesión de subvención.

Artigo 17º.-Proposta de resolución.

1. Logo de deliberación, o presidente da comisión avaliadora formularalle ao órgano concedente, a través do instrutor, proposta de resolución que indicará de xeito individualizado os beneficiarios, os proxectos seleccionados e as accións para as que se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola comisión, non acadaran a puntuación necesaria para ser seleccionados por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 11º.3, emitirase unha nova proposta en que se terán en conta as solicitudes da listaxe de reserva.

Artigo 18º.-Resolución.

Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

Artigo 19º.-Aceptación.

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución os interesados deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 20º.-Recursos.

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que recaian ao abeiro desta orde non porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer recurso de alzada perante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

Contra a resolución do recurso de alzada poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción de tal resolución, se fose expresa ou, de non selo, no de seis meses desde que se entenda desestimado tal recurso de alzada por silencio administrativo.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21º.-Modificacións.

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente, e deberá ser posta en coñecemento deste sempre con anterioridade á súa realización.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 22º.-Xustificación e pagamento.

1. Con carácter xeral, e salvo que na resolución de concesión se indique un prazo maior, os investimentos correspondentes a cada anualidade deberán xustificarse antes do 15 de novembro do exercicio económico de que se trate. Este prazo poderá ser, así mesmo, prorrogado por resolución expresa do órgano concedente, logo de solicitude do beneficiario e por causas debidamente motivadas. Cando a prórroga solicitada implique a ampliación ou modificación das anualidades da subvención concedida, o seu outorgamento requirirá a correspondente fiscalización previa.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar dous exemplares da documentación que se sinala a seguir (orixinal ou copia cotexada, agás que se indique o contrario) no prazo establecido no parágrafo anterior, e no lugar e forma sinalados no artigo 12 desta orde:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as que se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

a.1) Informe técnico en que se describa a realización das accións e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, que inclúa reportaxe fotográfica cando sexa procedente.

a.2) Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE.

a.3) Facturas orixinais correspondentes aos custos sinalados na relación. Os xustificantes orixinais serán marcados cun carimbo da Dirección Xeral de Recursos Mariños, indicando a subvención para cuxa xustificación foron presentados.

a.4) No caso de contratación de persoal: contrato formalizado polo Inem, nóminas, TC1, TC2 e documento de declaración e liquidación do IRPF correspondente, así como documentación acreditativa do cumprimento das condicións das aliñas a) e b) do anexo II, de ser o caso. Os xustificantes orixinais serán marcados na forma sinalada na aliña anterior.

a.5) Extractos das contas, ordes de transferencia, talóns ou certificacións bancarias que xustifiquen a efectiva realización dos gastos, así como o importe, procedencia e aplicación dos fondos propios ás actividades subvencionadas.

a.6) No caso de que as accións obxecto de subvención sexan de realización periódica e sucesiva e se prevexa a súa finalización con posterioridade á data límite de xustificación de investimentos, se non é posible achegar a documentación sinalada nos puntos a.3), a.4) e a.5) anteriores para os gastos posteriores a esta data límite, poderá recoñecerse a obriga de pagamento sempre que o beneficiario achegue o contrato laboral ou de servizos en que se acredite a súa data de finalización, así como certificación do beneficiario acerca da efectiva realización das accións e do grao de execución que se prevé acadar. Non obstante, para o efectivo pagamento da subvención deberá achegarse posteriormente a documentación descrita nos anteditos puntos a.3), a.4) e a.5).

b) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

c) Certificado bancario acreditativo da titularidade e identificación da conta para o pagamento da axuda.

d) No caso de proxectos solicitados conxuntamente por varias entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión en que se recollan os compromisos que correspondan a cada un deles, así como nomeamento de apoderado único.

e) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no caso de execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, solicitadas con anterioridade á contratación, agás que se xustifique que polas especiais características dos gastos non existe no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou que o gasto se fixera con anterioridade á solicitude de subvención. A elección das ofertas presentadas deberá xustificarse expresamente cando non recaia na proposta máis económica, e en calquera caso deberá responder a criterios de eficiencia e economía.

3. Os servizos correspondentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda, como aos xustificantes de gasto presentados.

4. Poderán presentarse xustificacións parciais a medida en que se vaian executando as accións. Os pagamentos parciais non poderán superar o 80% do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención. Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 24º. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

5. No caso de actuacións plurianuais, se a materialización e o pagamento do investimento se anticipase ao calendario establecido na resolución de concesión e non fose posible o reaxuste das anualidades de subvención, o pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores sempre que se obtivese a conformidade do órgano competente para a concesión da axuda.

6. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumprise cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución.

Artigo 23º.-Pagamento anticipado.

Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50% da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 24º.

Artigo 24º.-Garantías.

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos parciais nos seguintes supostos:

a) Anticipos que superen o importe de 30.050 euros.

b) Pagamentos parciais cando a contía da subvención exceda de 30.050 euros.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que se depositará na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda.

3. A garantía deberá cubrir o importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros deste calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data de solicitude e como mínimo a data sinalada no número 2.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

Artigo 25º.-Reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26º.-Publicidade.

1. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con suxeición a esta orde indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade da subvención.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará na súa páxina web oficial (http://www.webpesca.xunta.es) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo) e tamén as prescricións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Terceira.-Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Cuarta.-Quedan sen efecto as bases reguladoras de subvencións a proxectos colectivos de xestión pesqueira aprobadas por orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 10 de agosto de 2007. Non obstante, seranlle aplicables as súas disposicións aos procedementos derivados de solicitudes presentadas ao abeiro da citada orde.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

Actividades que se compromete a executar o beneficiario de subvencións para asistencia técnica na xestión dos recursos

-Mostraxe dos bancos marisqueiros da área da entidade cunha periodicidade como mínimo semestral, de acordo coa importancia do banco, nivel de datos dispoñibles, etc., salvo outra periodicidade requirida pola Administración.

-Mostraxes menos formais e máis frecuentes en bancos marisqueiros, atendendo principalmente á proporción de individuos de talle legal na poboación e ao tamaño medio dos exemplares.

-Remisión de informes das mostraxes aos servizos técnicos da delegación territorial correspondente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

-Asesoramento á entidade para a explotación racional do recurso.

-Elaboración, xestión técnica e seguimento dos plans de explotación da entidade.

-Obtención da CPUE diaria de cada especie, a partir dos datos diarios do número de mariscadores e da captura total de cada especie-recurso para ter unha estimación indirecta do estado dos bancos. Remisión mensual dos datos á delegación territorial para as aperturas mensuais.

-Envío de mostras do estado sanitario das augas e especies marisqueiras ao INTECMAR.

-Seguimento, control e planificación dos proxectos de rexeneración e mellora da produtividade.

-En xeral, seguimento das instrucións que sexan ditadas pola Dirección Xeral de Recursos Mariños para a implantación e o seguimento das medidas de xestión.

-O inicio, interrupción ou finalización dos servizos de asistencia técnica deberá ser comunicado aos servizos técnicos da consellería no prazo máximo dunha semana desde que se produza o feito.

ANEXO II

Condicións que se compromete a cumprir o beneficiario de subvencións para o control de acceso ao recurso

a) O persoal de control e vixilancia deberá ter a habilitación como garda particular de campo, especialidade de gardapesca marítimo.

b) Os patróns e tripulantes de embarcacións cuxa dedicación non sexa a vixilancia, senón o manexo das embarcacións, deberán estar capacitados para facelo.

c) O persoal de vixilancia actuará baixo a supervisión do Servizo de Gardacostas e en colaboración con este, estando obrigados a remitir ao servizo os datos e informes que lles sexan requiridos.

d) O inicio, interrupción ou finalización da prestación dos servizos deberá ser comunicado ao Servizo de Gardacostas da consellería no prazo máximo dunha semana desde que se produza o feito.

e) Con antelación mínima dunha semana, o beneficiario deberá trasladar ao Servizo de Gardacostas a programación semanal das actividades de vixilancia e control. Con periodicidade mensual deberá dar traslado ao dito servizo dun informe das actividades realizadas.

Ver referencia pdf "24000D007P023.PDF"