DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Xoves, 11 de decembro de 2008 Páx. 22.001

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 4 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento e mellora do cabalo de pura raza galega e se convocan para o ano 2009.

O cabalo de pura raza galega segue a ter un destacado papel no sector gandeiro galego, tanto polo censo desta gandaría, como por ser esta capaz de aproveitar directamente recursos naturais fóra do alcance doutras producións gandeiras. Precisamente esta capacidade levou á xeneralización en Galicia dun sistema de crianza peculiar consistente na explotación en extensivo e completa liberdade. Este sistema de cría desenvólvese maioritariamente sobre a base territorial dos montes, que representan practicamente un terzo da superficie forestal galega.

O fomento deste tipo de produción gandeira é estratéxica para o medio rural galego tanto pola xeración de riqueza que representa o aproveitamento in situ de recursos naturais polas greas como pola súa incidencia no control da acumulación de biomasa piroxénica nos montes e, polo tanto, a contribución á diminución da probabilidade e gravidade dos incendios forestais.

Por outra banda, as medidas encamiñadas a potenciar a variabilidade xenética desta raza contribúen ao mantemento da diversidade biolóxica coas vantaxes que isto supón para o ambiente. Polo tanto, considérase axeitado fomentar desde os poderes públicos esta liña de actuación.

A Unión Europea publicou as directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013 (2006/C 319/01) e o Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DO L 358, do 16 de decembro), sobre aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70 /2001. En particular, nos artigos 15 e 16 deste regulamento establécese a posibilidade de conceder axudas que cubran os custos de asistencia técnica ao sector agrario e para a implantación nas explotacións de técnicas ou prácticas innovadoras no ámbito da cría de animais.

As actividades subvencionables por esta orde enmárcanse no disposto no Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DO L 358, do 16 de decembro), sobre aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro. de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Consellería do Medio Rural para o fomento e mellora do cabalo de pura raza galega, en réxime de concorrencia competitiva.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.

3. Así mesmo, por medio desta orde convócase a devandita axuda para o ano 2009.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderanse acoller ás axudas establecidas nesta orde:

a) Asociacións sen ánimo de lucro de criadores da raza de cabalo de pura raza galega, formalmente constituídas e recoñecidas oficialmente e que agrupen, polo menos, o 40% das explotacións do ámbito xeográfico en que desenvolven a súa actividade.

b) Entidades sen ánimo de lucro cuxo obxecto estea relacionado co sector equino e que desenvolvan actividades con cabalos de pura raza galega.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

1. Axudas para asistencia técnica, que están recollidas nas letras a), c) e d) do punto 2 do artigo 15 do Regulamento (CE) nº 1857/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas.

1.1. Axudas dirixidas á organización de cursos de formación para criadores e traballadores agrarios de cabalos de pura raza galega:

* Custos de organización do programa de formación.

1.2. Custos de servizos de asesoría que non constitúen unha actividade continua ou periódica para a realización do informe do auditor de contas en relación á revisión da conta xustificativa.

1.3. Axudas á organización de concursos de valoración morfolóxica, exhibicións e feiras de cabalos de pura raza galega, e á participación en concursos deportivos:

a) No caso de organización de concursos de valoración morfolóxica, exhibicións e feiras:

* Custo das publicacións.

* Aluguer dos locais de exposición.

* Premios simbólicos concedidos nos concursos.

* Gastos de viaxe.

b) No caso da participación en concursos deportivos:

* Gastos de viaxe.

* Dereitos de participación.

2. Axudas destinadas a promover prácticas innovadoras no ámbito da cría dos animais, baseadas en programas de reprodución de cabalos de pura raza galega, entre exemplares de diferentes criadores. Estas axudas están recollidas na letra c, do punto 1 do artigo 16 do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas.

a) Establecemento de paradas de sementais: custos de adecuación e mantemento da parada e utensilios, gastos de medicamentos, analíticos e veterinarios, e a estadía e transporte das reprodutoras e dos sementais.

b) Intercambio de sementais entre greas, incluíndo, transporte, desparasitacións, gastos veterinarios e analíticos, e vacinacións durante o tempo de cesión do semental.

c) Custos xustificados, derivados do control das cubricións e declaración destas, levados a cabo no tempo que dure a parada.

Artigo 4º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Asistencia técnica:

1.1. Os beneficiarios das axudas á organización de cursos de formación deberán comunicar con anterioridade á autoridade que xestiona as axudas o programa do curso, número de participantes, horas lectivas e lugar e data de realización.

1.2. Os beneficiarios das axudas para a organización de concursos de valoración morfolóxica, exhibicións e feiras de cabalos de pura raza galega e para a participación en concursos deportivos, deberán cumprir:

a) No caso de organización de concursos de valoración morfolóxica, exhibicións e feiras:

1º Realizar os concursos de valoración morfolóxica, exhibicións e feiras cun número mínimo de 5 exemplares participantes en cada categoría e, en todo caso, cun minímo de 15 exemplares no total da proba.

2º Comunicarlle á Comision Reitora do Libro Xenealóxico a/s data/s dos concursos de valoración morfolóxica, exhibicións e feiras, exemplares participantes e valoracións morfolóxicas acadadas.

3º Dispoñer de persoal cualificado para a realización da actividade.

4º Contar cunhas instalacións mínimas axeitadas.

5º Dispor do material axeitado para desenvover a actividade.

b) No caso da participación en concursos deportivos:

1º Estes concursos deberán estar programados dentro dos circuítos ecuestres ordinarios.

2º Inscribir o animal participante nun mínimo de dúas probas federadas e comunicar os resultados ao Libro Xenealóxico.

3º Deben utilizar cabalos de pura raza galega especialmente adestrados e preparados para est actividade. Indicarase expresamente ao público asistente a súa condición de pura raza galega.

2. Os beneficiarios das axudas destinadas a promover programas de reprodución de animais, entre exemplares de diferentes criadores, deberán cumprir:

a) Todos os beneficiarios:

1º Realizar comunicación das cubricións realizadas.

2º Evitar o exceso de monta en prexuízo do semental e da súa función reprodutiva.

3º Considerar non aptos aqueles animais que perderon a condición de aptos para a reprodución por razóns sanitarias ou zootécnicas.

4º Os sementais utilizados deben cumprir un progama sanitario que, polo menos, conteña:

* Desparasitacións dos animais polo menos dúas veces no ano.

* Vacinas: influencia, equina e tétanos.

* Protocolo de detección de enfermidades infecciosas e parasitarias, incluíndo as de transmisión sexual, con control serolóxico da arterite viral equina e da metrite contaxiosa equina.

b) No caso dos intercambios de sementais:

1º Comunicar ao Libro Xenealóxico da raza a data prevista de traslado do animal desde a súa explotación de orixe e a data do retorno a ela, con polo menos 10 días de antelación en cada caso.

2º Manter o intercambio de sementais polo menos durante unha campaña de reprodución e como moito dúas.

c) No caso das paradas de sementais:

1º Control e asesoramento en materia de eliminación de cadáveres.

2º Programas de desinfección, desinsectación e desratización.

3º Os sementais terán que ser aptos para a reproducción e ter unha puntuación mínima de 75 puntos.

En calquera actividade relacionada coa reprodución dos animais será condición imprescindible o dictame técnico da autoridade responsable da recuperación do cabalo de pura raza galega.

3. No caso de que para o desenvolvemento da actuación subencionable sexa necesaria a concorrencia de cabalos de pura raza galega, deben cumprir o seguinte:

a) As gandarías participantes no programa estarán como explotacións activas no Rexistro de Explotacións Gandeiras (Rega).

b) As gandarías e os animais participantes no programa estarán inscritos nos rexistros correspondentes do Libro Xenealóxico do cabalo de pura raza galega.

c) As ganderías e os animais participantes no programa cumprirán con todos os requisitos documentais a que obriga o Libro Xenealóxico: pasaporte actualizado, comunicación de baixas, comunicación de cambio de propietario, notificación cubricións/nacementos, identificación, etc.

4. De acordo co artigo 11.d, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario debe comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 5º.-Contías das axudas.

1. Asistencia técnica:

As entidades solicitantes poderán percibir como máximo o 100% do investimento subvencionable e non poderá consistir en pagamentos directos en efectivo aos produtores, e en todo caso as contías máximas por actuación non poderán superar:

a) Cursos de formación e organización de cursos de formación a criadores, ata un máximo de 2.000 €/curso.

b) Custos de organización, como máximo ata 3.000 € por concurso, exhibición ou feira.

c) Premios simbólicos concedidos nos concursos, por un valor máximo de 250 euros por premio e gañador, ata un límite de 1.000 euros en premios por concurso.

d) Gastos de viaxe, 30 euros por viaxe, e en función do nº de quilómetros, ida e volta, desde a explotación ao lugar de realización e do medio de transporte:

1º Individual ata 2 unidades: 0,20 euros/km.

2º Colectivo ata 8 unidades: 0,70 euros/km.

3º Colectivo de máis de 8 unidades: 1 euro/km.

2. Axudas destinadas a promover programas de reprodución de animais, entre exemplares de diferentes criadores, as entidades solicitantes poderán percibir como máximo o 40% do investimento subvencionable, e en todo caso as contías máximas por actuación non poderán superar:

a) Establecemento de paradas de sementais: ata un máximo de 600 € por parada.

b) Intercambio de sementais entre greas: ata un máximo de 300 € por semental intercambiado.

Artigo 6º.-Prazo e forma das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na

cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e minuto da súa admisión.

2. Ás solicitudes segundo o modelo do anexo I, debidamente cubertas e asinadas polo solicitante ou representante, xuntaráselle a documentación que a seguir se relaciona neste punto e no anexo II:

a) Documentación común relativa á entidade solicitante:

1º Fotocopia cotexada do código de identificación fiscal.

2º Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante.

3º Copia cotexada dos estatutos da entidade.

4º Acreditación da representatividade do solicitante.

5º Certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta en que se solicita o ingreso do importe da axuda.

6º Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien o proxecto, segundo o modelo establecido no anexo III desta orde.

7º Certificación de acordo da Xunta Directiva de aprobación da execución das actuacións obxecto da subvención.

8º No caso de asociacións de gandeiros ou as súas federacións deberán acreditar a súa representatividade, xustificando que polo menos o 40% das explotacións, do ámbito xeográfico en que desenvolven a súa actividade, pertencen á entidade solicitante; no caso de que unha explotación pertenza a máis dunha asociación deberá acompañarse declaración do titular pola que este lle outorga a súa representación a unha asociación concreta para os efectos de subvención.

9º Compromiso do cumprimento, en todo momento, das normas mínimas en materia sanitaria, identificación, alimentación, ambiente, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria, nacional e autonómica.

b) Documentación específica das axudas dirixidas á organización de cursos de formación para criadores.

1º Memoria pormenorizada da actuación que se pretende levar a cabo e a descrición detallada dos cursos de formación que se van realizar, temática, duración, medios dispoñibles, técnicos encargados de impartilos e a súa cualificación e experiencia.

2º Estudo económico detallado dos custos previstos en cada unha das actuacións previstas.

3º Compromiso da comunicación das datas de realización de cada unha das actuacións incluídas nesta liña de axudas, con polo menos dez días de antelación.

c) Documentación específica das axudas á organización de concursos de valoración morfolóxica, exhibicións e feiras de cabalos de pura raza galega e á participación en concursos deportivos:

1º Memoria pormenorizada da actuación que se pretende levar a cabo en cada caso:

* Descrición detallada da actividade que se vai desenvolver, identificación, experiencia e cualificación do persoal responsable da actividade, número de animais utilizados, instalacións e medios dispoñibles.

* Descrición detallada, medios dispoñibles, identificación dos técnicos encargados e a súa cualificación e experiencia.

2º Estudo económico detallado dos custos previstos en cada unha das actuacións previstas.

3º Compromiso da comunicación das datas de realización de cada unha das actuacións incluídas nesta liña de axudas, con suficiente antelación.

d) Documentación específica das axudas destinadas a promover programas de reprodución de cabalos de pura raza galega, entre exemplares de diferentes criadores.

1º Memoria pormenorizada da actuación que se pretende levar a cabo en cada caso:

* Descrición das paradas de sementais que se prevén realizar, indicando as instalacións e medios materiais e técnicos dispoñibles, o número de sementais que se utilizarán, a previsión de concorrencia e os resultados e beneficios previstos.

* Programa reprodutivo que se pretende levar a cabo nos intercambios de sementais, indicando os especímes implicados nos intercambios e a súa valoración morfolóxica, as gandarías de orixe, a duración destes e os resultados e beneficios previstos

2º Estudo económico detallado dos custos previstos en cada unha das actuacións previstas.

3º Compromiso da comunicación previa á realización dos traslados de animais obxecto de intercambio.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

4. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición, logo da correspondente resolución.

Artigo 7º.-Autorización.

1. Para os efectos do previsto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. De acordo co establecido no artigo 15.3º da da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios deberán dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, nos termos regulamentariamente establecidos.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Na concesión das subvencións previstas nesta orde, aplicaranse os criterios de valoración seguintes:

1. Axudas destinadas a promover programas de reprodución de animais, entre exemplares de diferentes criadores.

* Número de paradas ou intercambios que se prevén realizar por solicitante: ata 15 puntos.

* Número de sementais empregados: ata 15 puntos.

* Valoración morfolóxica do/s semental/ais: ata 5 puntos.

* Número de reprodutoras das ganderías receptoras nos intercambios de sementais: ata 10 puntos.

2. Axudas á organización de concursos de valoración morfolóxica, exhibicións e feiras de cabalos de pura raza galega e á participación en concursos deportivos:

* Número de cabalos de pura raza galega utilizados: ata 15 puntos.

* Número de probas do calendario deportivo oficial en que van participar os animais: ata 15 puntos.

* Cualificación e experiencia do persoal: ata 10 puntos.

* Interese social e ambiental da actividade: ata 10 puntos.

* Categoría da proba en que participen: ata 10 puntos.

3. Axudas dirixidas á organización de cursos de formación para criadores.

* Número de cursos que se realizarán: ata 10 puntos.

* Duración (en horas) dos cursos que se realizarán: ata 5 puntos.

* Cualificación e experiencia do persoal encargado do programa: ata 10 puntos.

Artigo 9º.-Tramitación e resolución.

1. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Producción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

2. O requirimento de emenda de erros da solicitude, por tratarse dun acto integrante dun procedemento de concorrencia competitiva, farase mediante notificación de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, a súa baremación, segundo os criterios do artigo 8, efectuarase por un órgano colexiado constituído para o efecto, formado por: presidente, o subdirector/a xeral de Gandaría; vogal, o/a xefe/a de servizo de Planificación Gandeira, e secretario o/a xefe/a de servizo de Producións Gandeiras, que emitirá o informe correspondente.

5. A Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria formulará a proposta de resolución con carácter definitivo, que será elevada ao conselleiro do Medio Rural, órgano competente para a súa resolución.

6. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, polo menos, o solicitante ou a relación de solicitantes a que se lles concede a subvención, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a desestimación do resto das solicitudes e a causa de denegación.

7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de nove meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

8. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co establecido no artigo 59 da indicada lei, especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresaranse, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o que se deberán presentar e prazo para interpoñelos.

9. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 10º.-Modificación, incumprimento e reintegro das axudas.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Así mesmo, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Se o beneficiario incumprise os requisitos exixidos para a concesión da subvención, con independencia doutras responsabilidades en que puidese incorrer, perderá o dereito á subvención concedida, coa obrigación de devolución, se este se aboou, do importe percibido incrementado co xuro de demora legalmente establecido, desde o momento do seu aboamento.

3. O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida xunto cos xuros de demora desde o seu pagamento nos supostos de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de localización, obxectivos, conceptos, prazo de execución ou variación do orzamento, así como calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa. No caso de redución dos investimentos, sempre que se manteñan os obxectivos iniciais, a axuda concedida verase diminuída na contía determinada no artigo 14º.

Artigo 11º.-Xustificacións por parte do beneficiario.

1. As xustificacións técnicas e económicas da realización do programa deberán presentarse antes do 15 de novembro no rexistro da consellería, das súas delegacións provinciais ou nas oficinas agrarias comarcais. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Transcorrido o prazo sen que o/a beneficiario/a presentase a documentación solicitada poderase entender a perda do dereito ao cobro.

3. Por regra xeral, os gastos realizados polo beneficiario final deberán xustificarse mediante facturas orixinais pagadas. Nos casos en que isto non sexa posible, os gastos xustificaranse por medio de documentos contables de valor probatorio equivalente. Para efectuar o pagamento da axuda concedida é necesario que os beneficiarios presenten os xustificantes orixinais de investimento total, transferencia bancaria dos pagamentos, unha relación informatizada destes e unha memoria explicativa sobre a realización das actividades auxiliadas que probe a prestación efectiva dos servizos. Para cada concepto, presentarase unha táboa comparativa entre os gastos realizados, debidamente xustificados, e os presentados no orzamento inicial. A relación informatizada das facturas debe constar dos seguintes campos: concepto, provedor, número de factura, data de emisión e data de pagamento, base impoñible, importe correspondente ao IVE e importe total con IVE.

4. Esta xustificación deberá ir acompañada dun informe dun auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, para cuxo efecto o auditor levará a cabo a revisión da conta xustificativa verificando tanto que os gastos se xustificaron mediante as correspondentes facturas como os pagamentoos mediante transferencia bancaria, dentro do período subvencionable (antes do 15 de novembro) e cuxo obxecto se corresponde cos conceptos subvencionables en cada liña, con suxeición ás normas de actuación e supervisión que, se é o caso, propoña a Intervención Xeral da Xunta de Galicia.

5. Considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado, de xeito que aqueles gastos presentados en que non se xustifique o seu pagamento mediante transferencia bancaria teranse que xustificar do mesmo xeito no momento en que se realicen para que a axuda se poida pagar.

6. De acordo co artigo 28, punto 6º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

7. De acordo co artigo 29, punto 3º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros, no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no caso de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a presentación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

8. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Conforme o disposto no artigo 18 do Regulamento 1857/2006, da Comisión, do 15 de decembro (DO L 358, do 16 de decembro) sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado e das axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas, e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001, non poderán subvencionarse actividades levadas a cabo con anterioridade á aceptación expresa e vinculante para a autoridade competente da solicitude da axuda presentada.

Artigo 12º.-Compatibilidade e incompatibilidade con outras axudas.

As axudas establecidas nesta orde son compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que se cumpran os límites establecidos na normativa aplicable e que en ningún caso se supere o 100% ou o 40%, segundo a liña de subvención, do custo total da actividade financiada.

En ningún caso as contías máximas por actuación subvencionable poderán superar as establecidas no artigo 5º desta orde.

Artigo 13º.-Pagamentos.

Recibida a documentación xustificativa da axuda, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán solicitar as aclaración ou informes que consideren oportunos.

Unha vez concedida a axuda, poderase proceder á realización de pagamentos fraccionados, que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada, segundo se determina no artigo anterior.

De acordo co disposto nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, estes pagamentos parciais estarán suxeitos á exixencia de garantías cando a contía das subvencións exceda os 30.000 euros e o seu importe non poderá exceder en ningún caso o 80% do total de subvención concedida.

Artigo 14º.-Comprobación do cumprimento da execución dos programas.

1. A comprobación da execución dos programas levarao a cabo a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria realizando inspeccións do 100% dos beneficiarios, co fin de contrastar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como a realización das actividades subvencionadas.

2. Tipos de incumprimentos e modificación da axuda:

* Cando non se realice o 25% do programa aprobado, suporá unha perda do 50% da axuda.

* Cando non se realice o 50% do programa aprobado, suporá unha perda do 75% da axuda.

* Cando non se realice do 50% ao 100% do programa aprobado, suporá unha perda do 100% da axuda.

3. Tamén facilitará toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei de subvencións de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como das instancias comunitarias de control e as obrigas de control e reducións e exclusión derivadas da aplicación do Regulamento (CE) nº 1857/2006.

Artigo 15º.-Infraccións e sancións.

Aos/ás beneficiarios/as das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 16º.-Financiamento.

1. As axudas que deriven da aplicación desta orde financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos proxectos de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009:

Aplicación 11.03.713-C.781.0 dotada para esta finalidade cun importe máximo de 150.000 euros.

2. Cada unha das liñas de axuda terá un orzamento máximo correspondente ás seguintes fraccións do importe total previsto para as axudas obxecto desta orde:

a) Axudas destinadas a promover programas de reprodución de animais, entre exemplares de diferentes criadores: 50% do orzamento total de axudas.

b) Axudas á organización de concursos de valoración morfolóxica, exhibicións e feiras de cabalos de pura raza galega e á participación en concursos deportivos: 30% do orzamento total de axudas.

c) Axudas dirixidas á organización de cursos de formación para criadores: 20% do orzamento total de axudas

En calquera caso, cando o orzamento previsto para unha liña de axuda non sexa cuberto polas axudas concedidas, a contía correspondente será destinada a incrementar o crédito das outras liñas de axuda, por esta orde de preferencia a liña a), b) e c).

3. De acordo co artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, a validez desta orde estará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2009, así como á subsistencia das circunstancias de feito e de dereito existentes no momento de ditarse esta.

4. Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos comunitarios estatais ou autonómicos achegados para o efecto.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde será de aplicación o disposto no Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segunda.-Esta orde está suxeita á comunicación á Unión Europea e o pagamento das axudas quedará en todo caso condicionado a que os órganos competentes da Unión Europea adopten unha decisión de non formular obxeccións a elas, ou declarasen a subvención compatible co Mercado Común, e as posibles observacións e modificacións derivados de tal pronunciamento.

Terceira.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia, as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as normas necesarias para o mellor cumprimento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "24000D006P013.PDF"

Ver referencia pdf "24000D007P023.PDF"