DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Xoves, 11 de decembro de 2008 Páx. 22.001

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de decembro de 2008 pola que se amplía o prazo de xustificación de gastos correspondentes ao ano 2008 previsto na Orde do 19 de setembro de 2008 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais durante o curso escolar 2008-2009.

Por Orde do 19 de setembro de 2008 (DOG do 30 de setembro), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocou axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais durante o curso escolar 2008-2009.

No artigo 9 da citada orde establécese que para o pagamento das axudas concedidas por importe superior a 6.000 euros será necesaria a presentación da xustificación de gastos correspondentes ao ano 2008, o prazo remata o 12 de decembro deste ano.

Tendo en conta a complexidade do proceso de avaliación da documentación presentada, así como a necesidade de completar os expedientes presentados polos centros solicitantes, non foi posible publicar a resolución de concesión nas datas previstas, polo que, consecuentemente, é necesario ampliar o prazo de xustificación dos gastos correspondentes ao ano 2008, no caso das subvencións concedidas por importe superior á contía indicada no parágrafo anterior.

Polo anteriormente exposto, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa,

DISPÓN:

Artigo único.-Ampliar ata o 20 de decembro de 2008, o prazo para a presentación da xustificación dos gastos correspondentes ao ano 2008, das axudas por importe superior a 6.000 euros concedidas ao abeiro da Orde do 19 de setembro de 2008 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais durante o curso escolar 2008-2009.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria