DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Mércores, 10 de decembro de 2008 Páx. 21.943

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 1 de decembro de 2008 pola que se publica o acordo 2008-2012 para a mellora das condicións de traballo e retributivas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Con data 10 de outubro de 2008, na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, os representantes da Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, UGT e CEMSATSE (SATSE) asinaron o acordo 2008-2012 para a mellora das condicións de traballo e retributivas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde. Este acordo ten a súa base normativa no artigo 38 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, e nos artigos 79 e 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco de persoal estatutario dos servizos de saúde.

Neste momento, unha vez que o dito acordo, por proposta desta consellería, foi expresa e formalmente aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na reunión que tivo lugar o 27 de novembro de 2008, procede a súa publicación para xeral coñecemento e efectividade.

De conformidade co que antecede esta consellería

DISPÓN:

Artigo único.-Publícase, para xeral coñecemento e efectividade, o acordo 2008-2012 para a mellora das condicións de traballo e retributivas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2008.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

ANEXO

Acordo 2008-2012 para a mellora das condicións de traballo e retributivas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde

1. Obxecto.

Este acordo ten o seguinte obxecto:

a) Establecer un incremento das retribucións do persoal incluído no seu ámbito de aplicación, centrado inicialmente en tres eixes fundamentais: incremento do complemento de destino, do complemento de atención continuada (nocturnidade e festivos), e actualización do prezo das horas de garda.

b) Habilitar e comprometer as masas salariais que amparen o establecemento de medidas de mellora salarial durante o período de vixencia deste acordo.

c) Cumprir compromisos adquiridos en anteriores acordos, entre eles a equiparación retributiva de determinados profesionais ou o recoñecemento da consolidación de nivel dos licenciados e dos diplomados sanitarios.

d) O establecemento dunha reserva de masa salarial para a reforma e actualización do réxime de percepción do complemento específico.

e) Prever o establecemento de criterios xerais e os importes totais destinados á reconfiguración da acción social do persoal estatutario.

f) Descentralizar en comisións técnicas o estudo e proposta de medidas e accións en materia de acción social, xornada de traballo, réxime de vacacións, permisos e licenzas, así como de mobilidade de persoal estatutario.

2. Ámbito de aplicación.

Este acordo será aplicable ao colectivo de persoal estatutario ao cal lle resulte de aplicación o sistema retributivo da Lei 55/2003, do Estatuto Marco (transitoriamente Real decreto lei 3/1987, Decreto 226/1996 e normativa complementaria).

3. Vixencia.

Este acordo terá vixencia desde o 1 de xullo de 2008 ata o 31 de decembro de 2012, coas excepcións de temporalidade e efectividade que, se é o caso, se determinan.

4. Custo total.

O custo total destinado á execución deste acordo, e o límite máximo das obrigas económicas que se poden contraer no capítulo I do orzamento do Servizo Galego de Saúde como consecuencia del, será de 135 millóns de euros, que se distribuirá coa seguinte secuencia temporal:

Ano 2008: 15.000.000 €.

Ano 2009: 30.000.000 €.

Ano 2010: 30.000.000 €.

Ano 2011: 30.000.000 €.

Ano 2012: 30.000.000 €.

Estas masas económicas ampararán a totalidade dos custos económicos, sociais e orzamentarios derivados das medidas que se adopten en execución deste acordo.

As melloras retributivas acordadas serán adicionais a aquelas resulten do incremento xeral que establezan as sucesivas leis de orzamentos e, polo tanto, faranse efectivas sobre as contías que resulten tras a aplicación dese incremento xeral.

5. Medidas de carácter retributivo (anos 2008 e 2009).

O persoal incluído no ámbito de aplicación do acordo experimentará os seguintes incrementos retributivos:

5.1. Incremento do complemento de destino (persoal diplomado sanitario, técnico sanitario e persoal de xestión e servizos).

Con efectos do 1 de xaneiro de 2009 incrementarase nun nivel o complemento de destino de todos os postos de traballo que actualmente teñen asignados niveis 12 ao 23 (persoal diplomado sanitario, técnico sanitario e persoal de xestión e servizos: postos que na orde de confección de nóminas -DOG do 22 de xaneiro de 2008- figuran agrupados como persoal sanitario e persoal non sanitario).

No caso das categorías de diplomados sanitarios, suprimiranse dos cadros de persoal os postos de nivel 19, resultando o nivel 22, a consecuencia do acordo, como o mínimo asignado a todos os postos de traballo.

O complemento específico dos postos de xefe de servizo-grupo técnico incrementarase ata igualar o importe asignado aos postos de xefe de servizo-grupo de xestión. O complemento específico dos postos de xefe de sección-grupo técnico incrementarase ata igualar o importe asignado aos postos de xefe de sección-grupo de xestión.

A retribución fixa anual para os postos de nivel 24 e 26, que non sexan do grupo A1, incrementarase na contía equivalente á diferenza entre os complementos de destino dos postos de nivel 23 e 24.

Os efectos económicos destas medidas produciranse desde o 1 de xullo de 2008.

5.2. Incremento do complemento de atención continuada (persoal diplomado sanitario, técnico sanitario e persoal de xestión e servizos).

Acórdase un incremento do complemento de atención continuada do persoal diplomado sanitario, técnico sanitario e persoal de xestión e servizos (concepto retributivo denominado “atención continuada persoal non facultativo” na normativa de confección de nóminas), nas seguintes porcentaxes:

-Con efectos do 1 de xullo de 2008, un 15% de incremento sobre as contías actualmente vixentes para as modalidades de prestación de servizos en noites e domingos e festivos.

-Con efectos do 1 de xullo de 2009, un 10% de incremento sobre as contías vixentes nese momento para as modalidades de prestación de servizos en noites e domingos e festivos.

Así mesmo, con efectos do 1 de xullo de 2008 o complemento de atención continuada por servizos nocturnos será o que se percibe pola primeira e segunda semana, quedando suprimidas as modalidades de terceira e cuarta semana.

Coa mesma efectividade do 1 de xullo de 2008, as xornadas nocturnas que se realicen de sábado a domingo, e vésperas de festivos, pasarán a ser retribuídas coa contía correspondente á prestación de servizos en domingos e festivos.

Contías resultantes desde 1 de xullo de 2008 (22.00 a 8.00 horas):

Ver referencia pdf "23900D003P011.PDF"

5.3. DUE dos puntos de atención continuada (nocturnidade e festividade):

As contías fixadas no Acordo do 14 de marzo de 2008 (DOG do 16 de xuño) para a retribución polos factores de nocturnidade e festividade do persoal DUE dos PAC incrementaranse nas mesmas datas de efectividade e nas mesmas porcentaxes acordadas para a atención continuada do persoal DUE das institucións hospitalarias.

Con efectos do 1 de xullo de 2008, as xornadas nocturnas que se realicen de sábado a domingo, e vésperas de festivos, pasarán a ser retribuídas coa contía que corresponda pola prestación de servizos en domingos e festivos.

5.4. Revisión da retribución por gardas.

Con efectos do 1 de xullo de 2008 aplicarase un incremento de 2,12 €/hora por garda de presenza física do persoal licenciado sanitario. O 1 de xullo de 2009 farase efectivo un novo incremento pola contía de 1 €. As gardas localizadas incrementarase na contía proporcional.

As gardas do persoal diplomado sanitario, e os módulos dos equipos de transplantes, perfusión, hemodinámica e histoloxía, incrementaranse nas mesmas porcentaxes e coa mesma efectividade temporal previstas para o persoal licenciado sanitario.

5.5. Persoal médico de urxencias hospitalarias e puntos de atención continuada:

As contías da retribución por nocturnidade e festividade do persoal médico incluído no ámbito de aplicación dos acordos do 2 de marzo de 2007 (DOG do 23 de abril) incrementaranse nas mesmas datas de efectividade e nas mesmas porcentaxes acordadas para as gardas do persoal licenciado sanitario. Tamén se aplicará ás contías por nocturnidade e festividade do persoal médico fixadas no Acordo do 14 de marzo de 2008 (DOG do 16 de xuño).

6. Aplicación do custo total (ano 2009).

Ao importe total destinado á execución do acordo no ano 2009 aplicaranse as seguintes medidas:

a) 3.500.000 € destinados ás seguintes medidas:

-atención primaria: medidas de equiparación para pediatras e odontólogos (para o caso de que o sistema retributivo por TIS non supoña a equiparación cos médicos de familia); asumir as minguas retributivas por adaptación a TIS; medidas de equiparación para os colectivos de persoal fisioterapeuta e traballador social coas mesmas categorías de atención especializada (para estes efectos non se computarán as retribucións que perciban por dispersión-factor E); primeira fase do incremento da produtividade variable para licenciados sanitarios de atención primaria, cara a unha equiparación coa asignada aos médicos de familia.

Esta última medida aplicarase ao persoal odontólogo, farmacéutico de atención primaria, técnico de saúde e médico de desprazados, e consistirá no incremento inicial de 500 € no CPV neste primeiro ano de implantación (2009).

Nos anos sucesivos produciranse incrementos de similar contía, durante o período e na medida que resulten precisos para igualar a contía de CPV asignada aos médicos de familia.

A contía asignada ao complemento de produtividade do persoal de xestión e servizos (grupo A/A1) igualarase no ano 2009 á establecida para os médicos de familia.

A comisión de seguimento determinará o procedemento relativo á definición de obxectivos e avaliación, para os efectos de asignación de contías por complemento de produtividade variable, para os colectivos aos cales se lle aplican os incrementos de CPV; mentres tanto aplicarase un procedemento similar ao xa establecido para os licenciados sanitarios que se toman como referencia para a equiparación das contías.

-Adecuación retributiva do colectivo de logopedas, mediante a súa equiparación co persoal terapeuta ocupacional.

-Consolidación de grao do persoal sanitario (licenciado e diplomado): procederase a regular o recoñecemento da consolidación de grao persoal para o persoal estatutario fixo licenciado sanitario e diplomado sanitario nos termos actualmente recoñecidos para o persoal estatutario de xestión e servizos e sanitario con titulación de formación profesional, de xeito que a consolidación poida ter efectividade a partir do 1 de xaneiro de 2009.

b) 5.000.000 € para o resultado da redefinición do complemento específico do persoal licenciado sanitario. Esta redefinición realizarase consonte as bases aprobadas polo Comité Executivo da Consellería de Sanidade.

No último trimestre de 2008, atendendo ás referidas bases, tratarase a dita reforma na comisión de seguimento do acordo. A negociación desta materia finalizará no primeiro trimestre de 2009.

c) Do importe total comprometida para o ano 2009 resérvase un fondo de 134.000 € para incrementar á acción social, cuxa distribución se efectuará segundo os criterios determinados para tal efecto pola comisión técnica de acción social. A citada dotación para acción social incrementarase cos remanentes que poidan resultar das medidas previstas na alínea a) anterior, na procura de acadar a contía de 500.000 €.

Todas as melloras de acción social que se acorden, nese ano e nos sucesivos, terán como potenciais beneficiarios todos os colectivos de persoal (licenciados e diplomados sanitarios, técnicos sanitarios e persoal de xestión e servizos).

d) Enfermeiros/as, fisioterapeutas e traballadores/as sociais de atención primaria (desprazamentos en vehículo propio): a partir do 1 de xaneiro de 2009 incrementarase en 330 €, ou contía proporcional, a indemnización anual destinada á prestación efectiva de atención domiciliaria, por parte dos DUE e fisioterapeutas, cando as xerencias de atención primaria non faciliten vehículo.

Esta mellora retributiva (330 € para desprazamentos en vehículo propio) aplicarase tamén aos traballadores/as sociais de atención primaria.

e) A partir do 1 de xaneiro de 2009 aplicarase a contía de 10 € á indemnización da manutención en atención primaria (unidades e puntos de atención continuada), cando proceda consonte os acordos da mesa sectorial relativos a ese ámbito da prestación.

Os remanentes que poidan resultar tras a aplicación das anteditas medidas serán analizados e aplicados pola comisión de seguimento nese ano 2009.

7. Incrementos retributivos (anos 2010-2012).

As medidas de mellora salarial e das condicións de traballo para o período 2010-2012 acordaranse na comisión de seguimento con suxeición ás contías económicas expresadas para cada exercicio na cláusula 4 deste acordo.

Para tales efectos atenderase ás seguintes bases:

a) Cada ano, e con efectos do 1 de xaneiro, realizarase un incremento xeral das retribucións fixas anuais para o persoal de todas as categorías; a este incremento destinaranse 15 millóns de euros no ano 2010 e 19 millóns de euros en cada ano sucesivo (2011 e 2012).

O incremento aplicarase atendendo ao grupo de clasificación e consonte a seguinte escala: grupo E / agrupacións profesionais (1); grupo D / C2 (1,05); grupo C / C1 (1,10); grupo B / A2 (1,15); grupo A / A1 (1,20).

b) Progresarase na mellora retributiva do complemento de atención continuada do persoal diplomado e técnico sanitario e de xestión e servizos, potenciado especialmente a retribución do factor de nocturnidade, e avanzando na retribución concorrente dos dous factores (nocturnidade e festividade).

A mellora retributiva do factor nocturnidade farase efectiva co incremento acumulado de 3 €, desde o 1 de xaneiro de cada ano no período 2010-2012, na contía aplicable por noite.

Para avanzar na retribución concorrente dos factores nocturnidade e festividade, a retribución da xornada nocturna que se realice de sábado a domingo, e véspera de festivo, incrementarase en 6 € en cada un dos anos referidos.

Para a prestación de servizos en domingo ou festivo aplicarase un incremento acumulado de 1 € desde o 1 de xaneiro de cada ano (período 2010-2012).

-DUE dos puntos de atención continuada (nocturnidade e festividade): a contía correspondente ao factor de nocturnidade, e á noite prefestiva, incrementaranse nas mesmas datas de efectividade e nas mesmas porcentaxes acordadas para a atención continuada do persoal DUE das institucións hospitalarias.

c) Progresarase na mellora retributiva das gardas, ata acadar o valor da hora ordinaria no ano 2012; para estes efectos realizaranse nese ano as reservas necesarias para acadar este obxectivo (neste mesmo proceso revisarase a contía por xornada complementaria do persoal médico de urxencias hospitalarias).

Por outra parte, recoñecerase relevancia retributiva á prestación de servizos en domingos e festivos.

En todo caso acórdase o incremento acumulado de 1 € para cada ano (2010-2012) no prezo da garda de presenza física (contía proporcional na localizada). O incremento anual será de 1,7 € para as gardas realizadas en domingo ou día festivo.

As gardas do persoal diplomado sanitario incrementaranse nas mesmas porcentaxes e coa mesma efectividade temporal previstas para o persoal licenciado sanitario (para a aplicación da porcentaxe aplicarase a mesma distinción entre contías de día laborable e día festivo).

Os módulos dos equipos de transplantes, perfusión, hemodinámica e histoloxía, incrementaranse nun 5 % en cada ano do período 2010-2012.

-Persoal médico de urxencias hospitalarias e puntos de atención continuada: o valor/hora da retribución por nocturnidade e festividade do persoal médico incluído no ámbito de aplicación dos acordos do 2 de marzo de 2007 (DOG do 23 de abril) e 14 de marzo de 2008 (DOG do 16 de xuño) incrementaranse nun 5% en cada ano do período 2010-2012.

Todas as medidas relacionadas anteriormente terán efectos desde o 1 de xaneiro do ano correspondente.

d) Enfermeiros/as, fisioterapeutas e traballadores/as sociais de atención primaria (desprazamentos en vehículo propio):

Para o ano 2010 realizarase outra dotación adicional de 165 € por profesional, que se distribuirá en función da efectiva realización dos desprazamentos por cada profesional. No ano 2011 realizarase unha nova dotación adicional coa mesma contía e a mesma finalidade.

e) Traballo a quendas e días de especial significación:

No período 2010-2012 destinaranse 1.700.000 € (600.000 € en 2010; 600.000 € en 2011; 500.000 € en 2012) para incrementar a retribución por traballo a quendas en todas as súas modalidades e introducir a retribución da quenda fixa de tarde (estudaranse tamén as condicións para a implantación dun complemento por traballo a quendas para outros colectivos).

Mellorarase a retribución pola prestación de servizos en días de especial significación, principalmente nas noites do 24 e 31 de decembro. A repercusión retributiva da prestación nos días especiais estenderase, nos termos que se acorden, a todos os colectivos e ámbitos de prestación (especializada e primaria).

Na comisión de seguimento concretarase a aplicación destas medidas.

f) A partir do 1 de xaneiro de 2011, nas xornadas de PAC que se desenvolvan en domingos e festivos percibirase por partida dobre a indemnización que corresponda por manutención.

g) Resérvase a contía de 1.000.000 € para incrementar o fondo destinado a acción social no período 2010-2012.

h) Os remanentes que poidan resultar tras a aplicación das anteditas medidas serán analizados e aplicados pola comisión de seguimento, baixo o principio de dar prioridade ao incremento da acción social.

No proceso de aplicación das melloras (2010-2012) e a conseguinte repartición do importe total poderán realizarse axustes motivados por:

-Reducións colectivas de xornada ordinaria (repartición do traballo con creación de prazas estruturais).

-Modulación das retribucións para axustalas á carga de traballo (especialmente para os colectivos de atención primaria en que este axuste non resulte da adaptación a TIS tras as conclusións ás cales se refire a cláusula adicional terceira).

-Outros procesos de reordenación ou simplificación retributiva.

8. Xornada de traballo.

Para o persoal cuxo réxime de xornada non estea regulado por acordo da Mesa Sectorial, ratifícase con este acordo o límite de 48 horas semanais.

Na comisión técnica de xornada (cláusula 10.2) analizarase a compensación da xornada que supere as 2.090 horas anuais de prestación efectiva.

Dentro do proceso de estudo das posibles reducións de xornada no período 2010-2012 (repartición de traballo con creación de prazas estruturais) atenderase con carácter prioritario á situación das unidades e servizos hospitalarios que demanden para o seu funcionamento un maior esforzo do persoal adscrito; esta valoración realizarase considerando criterios obxectivos.

No ano 2009 estableceranse medidas organizativas que, garantindo a continuidade dos servizos, permitan a redución da prestación de servizos en sábados por parte daqueles profesionais que non resulten beneficiarios das melloras retributivas da atención continuada e das gardas previstas neste acordo.

Na comisión técnica de xornada estudarase igualmente o sistema de compensación para os colectivos que, sen ter actualmente recoñecida a retribución por gardas -como é o caso da enfermaría de hospitalización-, deban estender a súa xornada ordinaria, en réxime de presenza física e/ou localización, para garantir o funcionamento permanente dos servizos.

A comisión técnica emitirá as súas conclusións sobre xornada non máis tarde do primeiro semestre do ano 2009.

9. Comisión de seguimento.

Para levar a efecto o desenvolvemento deste acordo, constituirase unha comisión paritaria de seguimento paritariana cal estarán representadas as organizacións asinantes e a Administración. Corresponderá á dita comisión resolver as cuestións que se susciten na interpretación e execución do acordo.

10. Comisións técnicas.

Constitúense as seguintes comisións técnicas, integradas por representantes da Administración sanitaria e polos membros que designen as organizacións sindicais asinantes deste acordo:

10.1. Comisión técnica de acción social.

Considerada a acción social como o conxunto de medidas, actividades ou programas encamiñadas a promover o benestar social e laboral do persoal, correspóndelle á comisión técnica de acción social determinar os criterios xerais de repartición do fondo de acción social e dos procedementos para a súa tramitación e concesión.

Acórdase como primeira medida de acción social o establecemento dunha axuda por fillo/a a cargo que non acade a idade obrigatoria para os estudos de primaria. Tal medida substituirá a actual axuda por gardaría infantil.

10.2. Comisión técnica de xornada de traballo.

O seu obxecto será revisar a xornada de traballo do persoal incluído no ámbito de aplicación do acordo e o seu réxime de desenvolvemento, mediante o establecemento da duración e cómputo da xornada ordinaria, regulando como mínimo as materias referidas na cláusula 8 (xornada de traballo).

10.3. Comisión técnica de vacacións, permisos, licenzas e conciliación da vida familiar e laboral.

Terá por obxecto a elaboración dun documento regulador do réxime de vacacións, permisos e licenzas do persoal incluído no ámbito de aplicación do acordo, coa finalidade de adecualo ás exixencias derivadas da normativa básica en materia de función pública, sen prexuízo das adaptacións que requiran as peculiaridades derivadas da organización dos servizos sanitarios.

Tal adaptación non poderá supoñer en ningún caso mingua ningunha no recoñecemento dos dereitos recoñecidos, limitándose a establecer os criterios organizativos para o seu exercicio efectivo.

Darase un especial tratamento daqueles aspectos do réxime de vacacións, permisos e licenzas derivados da normativa vixente en materia de conciliación da vida laboral e familiar, e da igualdade de homes e mulleres.

10.4. Comisión de mobilidade.

A comisión de mobilidade, no marco dos principios contidos no capítulo IV e na disposición adicional quinta do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, ten asignado o desenvolvemento das seguintes funcións:

a) A definición dos itinerarios profesionais de categorías profesionais específicas de cara á súa posible participación nos procesos de provisión de prazas (concurso de traslados) das categorías de acceso correspondentes.

É o caso de categorías estatutarias de nova creación de persoal integrado no réxime estatutario e procedente de fundacións sanitarias, matronas ou as novas categorías que xurdan das especialidades de enfermaría, entre outras.

b) Establecemento dos criterios, procedementos e mecanismos de control para a execución da mobilidade (entre outras, mobilidade por razón de saúde e protección da maternidade e mobilidade por razón de saúde do cónxuxe ou persoa maior ao seu cargo).

c) A determinación das bases dos procedementos e dos baremos aplicables de traslados internos nas institucións sanitarias.

Establécese o compromiso da Administración sanitaria de proceder á convocatoria das comisións técnicas no prazo máximo dun mes contado desde o asinamento deste acordo.

A presentación e validación das conclusións das comisións técnicas ante a comisión de seguimento non se poderá demorar máis aló do primeiro semestre do ano 2009.

11. Cláusulas adicionais.

1. As partes comprométense a dar prioridade á negociación do réxime ordinario de carreira profesional, que se realizará na Mesa Sectorial no último trimestre de 2008. Para tales efectos, esta materia figurará na orde do día dunha reunión que terá lugar este mes de outubro.

2. Na comisión de seguimento estudarase a ordenación futura dos postos de traballo de xestión e servizos en atención primaria, sobre a base da vontade xa expresada pola Mesa Sectorial de potenciar a implantación da categoría de persoal de servizos xerais (PSX). Esta análise comprenderá en todo caso a situación e as necesidades actuais da organización en materia de funcións, os cadros de persoal, os sistemas de provisión dos diferentes postos de traballo e as retribucións. Para tales efectos, calquera das partes asinantes poderá achegar as súas propostas sobre esta materia. As propostas que se realicen serán obxecto de tratamento prioritario na comisión de seguimento, de xeito que no prazo de tres meses, desde a súa presentación, se dispoña de conclusións sobre o contido delas.

3. As partes asinantes poderán achegar fórmulas que permitan que o número de TIS teña incidencia nas retribucións de todo o persoal das unidades e servizos de atención primaria, en función da súa escala salarial. As propostas que se realicen serán obxecto de tratamento prioritario na comisión de seguimento, de forma que no prazo de tres meses, desde a súa presentación, se dispoña de conclusións sobre o contido delas.

4. Coa finalidade de que determinados postos con funcións de supervisión ou coordinación teñan en todo caso un nivel de complemento de destino por riba do correspondente aos postos do persoal cuxa supervisión ou coordinación teñan asignada, acórdase un incremento adicional do nivel dos seguintes postos de traballo:

-Celador encargado de quenda (N-E-05). Novo nivel: 15.

-Coordinador de auxiliares de enfermaría (S-D-07). Novo nivel: 17.

-Coordinador de técnicos especialistas (S-C-02). Novo nivel: 19.

-Coordinador de área (enfermaría e fisioterapia de atención primaria; S-B-358). Novo nivel: 23.

-Coordinador de área (traballo social de atención primaria; N-B-213). Novo nivel: 22.

Os novos niveis que se citan resultan da aplicación desta medida particular e do incremento xeral dun nivel previsto no acordo.

Esta medida executarase con efectos do 1 de xaneiro de 2009, minorando a produtividade fixa na contía que resulte precisa para os incrementos adicionais de nivel.

5. Como medida para progresar na implantación da categoría de enfermeira/o especialista en saúde mental, no ano 2009 figurará o posto diferenciado de enfermeira/o de saúde mental na normativa de confección de nóminas, con código orzamentario propio e coas mesmas retribucións recoñecidas ao posto de matrona de hospital (S-B-12).

6. No primeiro semestre de 2009 tramitarase un novo procedemento que oferte a integración no réxime estatutario ao persoal funcionario e laboral das institucións hospitalarias do Servizo Galego de Saúde, coa conseguinte plena incorporación ao ámbito de aplicación deste acordo de mellora das condicións de traballo e retributivas.

En calquera caso, a contía que vén percibindo por noite e festivo o persoal diplomado sanitario, técnico sanitario e persoal de xestión e servizos igualarase, no período 2010-2012 coa que corresponda ao persoal estatutario (incluídos os incrementos anuais para noite e festivo establecidos na cláusula 7: 3 € noite; 1 € festivo). A diferenza eliminarase coa seguinte progresión: 1/3 no ano 2010; 1/3 no ano 2011; 1/3 no ano 2012; en consecuencia, nese último ano producirase a equiparación efectiva das contías que se van percibir por estes conceptos.

7. As partes manifestan a súa vontade de impulsar as seguintes medidas:

a) O establecemento de sistemas para a resolución extraxudicial de conflitos.

b) A xubilación parcial voluntaria nas condicións establecidas no ámbito laboral xeral para o persoal incluído no réxime xeral da Seguridade Social.

c) A mobilidade prevista no disposición adicional oitava do Decreto 206/2005, do 22 de xullo.

8. No segundo semestre de 2012 iniciarase na Mesa Sectorial a negociación dun novo acordo xeral para a mellora das condicións de traballo e retributivas. A dita negociación finalizará no primeiro semestre do ano 2013.