DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 09 de decembro de 2008 Páx. 21.852

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de decembro de 2008 pola que se regula a organización, a avaliación e a acreditación académica das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, dispón no seu capítulo VI as normas xerais que regularán a avaliación e a mobilidade do alumnado que curse estas ensinanzas, e establece os documentos básicos de avaliación.

O Real decreto 732/1995, do 5 de maio, polo que se establecen os dereitos e deberes do alumnado e as normas de convivencia nos centros, dispón no seu artigo 13.5º que serán as administracións educativas as que establecerán o procedemento para a formulación e a tramitación das reclamacións contra as cualificacións e as decisións que, como consecuencia do proceso de avaliación, sexan adoptadas ao final dun ciclo ou curso.

O Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, establece que é competencia desta comunidade a elaboración e a execución de normas e orientacións pedagóxicas que desenvolvan e completen as ensinanzas mínimas que estableza o Estado dentro da ordenación xeral do sistema educativo.

A experiencia acumulada e a entrada en vigor do novo marco normativo aconsellan ditar unha nova disposición que recolla todos aqueles aspectos que permitan mellorar os procesos de avaliación e acreditación das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

Na súa virtude, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e das que lle atribúe o Decreto 585/2005, do 29 decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, esta consellería

DISPÓN:

I. Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Finalidade e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto regular a organización, a avaliación e a acreditación académica do alumnado que curse ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño nos centros docentes públicos e privados que estean autorizados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

II. Matrícula

Artigo 2º.-Aspectos xerais.

1. A matrícula formalizarase para cada curso académico, e con ela o alumnado terá dereito a unha única convocatoria anual por cada módulo profesional.

2. Cada módulo profesional poderá ser obxecto de avaliación nun máximo de catro convocatorias. Quedará exceptuado o módulo de Formación práctica en empresa, estudio ou taller (FPEET), que o será nun máximo de dúas.

3. O alumnado que esgotase as catro convocatorias previstas no punto anterior poderá solicitar unha convocatoria extraordinaria, por motivos de doenza, discapacidade ou outros que condicionen ou impidan o desenvolvemento ordinario dos estudos, perante a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Artigo 3º.-Matrícula.

1. A matrícula realizarase para cada un dos cursos académicos en que se organicen as ensinanzas.

2. A matrícula no primeiro curso do ciclo formativo dará dereito a realizar, por unha vez, as actividades programadas para cada módulo, sempre que non se produza ningún dos supostos recollidos nos artigos 4º, 6º e 7º desta orde.

3. A matrícula no segundo curso dará dereito a realizar, por unha vez, as actividades programadas para cada módulo do segundo curso. No caso de non superar algún dos módulos, o alumno ou a alumna deberán realizar as actividades de recuperación que lles propoña o equipo docente, coincidindo co período ordinario de realización de prácticas de FPEET previsto no artigo 9 do Real decreto 596/2007. O alumnado de segundo curso con módulos pendentes de primeiro tamén poderá recuperalos neste mesmo período.

4. O alumnado poderá formalizar a matrícula no segundo curso cando se cumpra algún dos requisitos de promoción seguintes:

a) Ter superados todos os módulos do primeiro curso.

b) No caso de ter algún módulo non superado, cando a suma da carga horaria dos ditos módulos non supere o 25 % da total do curso, de acordo co establecido nos respectivos decretos de currículo. Para os efectos de promoción, non se terán en conta as horas de libre disposición. En todo caso, cando un alumno ou unha alumna non promocione deberá repetir os módulos profesionais non superados, para o que deberá formalizar a matrícula no mesmo curso e incorporarase ao grupo de alumnado correspondente.

5. A matrícula nestas ensinanzas é incompatible coa matrícula noutros ciclos formativos.

Artigo 4.º.-Renuncia á matrícula.

1. Co fin de non esgotar as catro convocatorias previstas para cada módulo profesional, poderase renunciar, por unha soa vez, á avaliación e á cualificación da totalidade dos módulos profesionais do ciclo formativo en que se formalizase a matrícula, sempre que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Doenza prolongada de carácter físico ou psíquico, tanto do alumno ou da alumna como de familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

b) Incorporación a un posto de traballo mediante un contrato de duración superior a dous meses, nun horario incompatible coas ensinanzas do ciclo.

c) Obrigas de tipo familiar ou persoal que impidan a normal dedicación ao estudo.

A renuncia á matrícula sempre se deberá xustificar documentalmente.

2. A aceptación da renuncia non implicará reserva de praza para o seguinte curso académico. No caso de que o alumnado procedente de renuncia desexe reincorporarse novamente aos estudos deberá someterse a un novo proceso de admisión.

Artigo 5º.-Procedemento de solicitude de renuncia.

1. A solicitude de renuncia de matrícula, xunto coa documentación acreditativa, deberá presentarse ante a dirección do centro educativo cunha antelación mínima de dous meses á avaliación final de módulos correspondente.

2. O director ou a directora do centro resolverá no prazo máximo de dez días hábiles.

Artigo 6º.-Anulación da matrícula.

1. Se unha vez iniciadas as actividades lectivas, e antes do 31 de outubro, se observase unha falta continuada de asistencia de determinados alumnos ou alumnas a elas, o centro docente requiriralles por escrito a súa inmediata incorporación nun prazo máximo de tres días e comunicaralles que, en caso de non se producir esta, bardante causa debidamente xustificada, se procederá á anulación da súa matrícula. Para estes efectos terase en conta un período de dúas semanas consecutivas como falta continuada de asistencia. O alumnado tamén poderá solicitar de forma voluntaria a anulación da súa matrícula antes do 31 de outubro. A praza vacante será cuberta polo alumnado en lista de espera, ata completar a cota asignada ao grupo.

2. A anulación da matrícula con anterioridade ao 31 de outubro de cada curso académico non computará para efectos de convocatorias consumidas.

3. As solicitudes de renuncias de matrícula por parte do alumnado con posterioridade ao 31 de outubro de cada curso académico terán os mesmos efectos que as baixas de oficio.

Artigo 7º.-Baixa de oficio da matrícula.

1. A partir do 31 de outubro e ata final de curso, o centro poderá realizar baixas de oficio da matrícula ao alumnado que deixe de asistir ás clases sen xustificación e de xeito continuado por un período superior a 25 días lectivos ou, de xeito descontinuo, por un período superior a 35 días lectivos. Para tales efectos, deberá quedar constancia na secretaría do centro da comunicación ao alumno ou á alumna desta circunstancia administrativa e do trámite de audiencia realizado.

2. A baixa de oficio suporá a perda da condición de alumno ou de alumna do ciclo formativo, e a correspondente convocatoria computarase como xa consumida. A reincorporación ás mesmas ensinanzas requirirá someterse a un novo proceso de admisión.

III. Organización das ensinanzas

Artigo 8º.-Constitución de grupos.

O número de alumnos e alumnas de cada grupo dependerá das características pedagóxico-didácticas, así como das posibilidades das instalacións e dos recursos de cada ciclo e de cada centro en particular, e non deberá ser superior a 30, sen incluír o alumnado repetidor.

Excepcionalmente, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que corresponda poderá modificar o límite establecido.

Artigo 9º.-Horario do ciclo formativo.

1. A duración e a distribución horaria dos módulos que constitúen o ciclo formativo, tanto os que se desenvolven no centro educativo como os de formación en centros de traballo, será a que se dispón no decreto polo que se establece o currículo do ciclo formativo correspondente e na normativa que o desenvolve.

2. A duración dos períodos lectivos en que se organicen os módulos dos ciclos formativos non será inferior a 60 minutos. En todo caso, o número de sesións deberá axustarse ao número total de horas que se establece para cada módulo no currículo correspondente.

Artigo 10º.-Profesorado.

1. O equipo docente do ciclo estará constituído polo conxunto de profesores e profesoras que imparten docencia nos módulos que o integran.

2. En todo caso, coa finalidade de favorecer a coordinación e a integración dos contidos dos módulos do ciclo formativo, o número de profesores e profesoras que constitúan o equipo docente será o menor posible.

3. Excepcionalmente, consonte o artigo 95.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para determinados módulos poderanse incorporar como profesorado especialista profesionais, non necesariamente titulados, que desenvolvan a súa actividade no ámbito laboral, atendendo á súa cualificación e ás necesidades do sistema educativo.

4. O módulo de obra final ou proxecto integrado, segundo o caso, organizarase sobre a base da titorización individual e colectiva. A carga docente correspondente a este módulo asignaráselle, preferentemente, ao profesorado que imparta os módulos de segundo curso no ciclo formativo.

Artigo 11º.-Titoría.

1. Cada grupo de alumnos e alumnas dun ciclo formativo terá un profesor ou unha profesora que desempeñen a titoría, que pertencerá ao equipo que imparta docencia en cada curso académico.

2. O profesorado que exerza a titoría, ademais das funcións establecidas no artigo 59 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, desenvolverá as seguintes:

a) Proporlle ao coordinador ou á coordinadora da formación práctica en empresa, estudio ou taller (FPEET), de ser o caso, empresas coas que proceda contactar para o desenvolvemento da FPEET, e realizar o seu seguimento.

b) Colaborar con quen exerza a coordinación do ciclo formativo de artes plásticas e deseño na elaboración e no desenvolvemento das actividades de recuperación do alumnado do seu grupo con módulos pendentes.

c) Colaborar cos coordinadores de ciclo formativo na redacción do informe final do ciclo formativo, previsto no artigo 13 desta orde, para a súa valoración e inclusión na memoria anual do departamento.

Artigo 12º.-Programacións didácticas de módulos profesionais.

1. Os centros educativos desenvolverán o currículo das ensinanzas profesionais mediante a elaboración das correspondentes programacións didácticas.

2. As programacións didácticas terán que aterse ao establecido nos artigos 95, 96 e 97 do Decreto 324/1996 e incluirán, en todo caso, actuacións, estratexias e instrumentos de avaliación para cada módulo.

3. Os obxectivos, os contidos, a organización, a metodoloxía e os criterios de avaliación terán en conta as necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu contorno socio-produtivo e responderán ás características do alumnado a que se dirixan.

Artigo 13º.-Informes finais de curso.

1. Ao remate de cada curso académico, os coordinadores de cada ciclo formativo coa colaboración dos titores de grupo, elaborarán un informe que deberá conter os seguintes puntos:

a) Distribución dos módulos que integran cada curso do ciclo formativo entre o profesorado que o imparta.

b) Datos sobre matrícula, promoción, titulacións e calquera outro de interese.

c) Breve resumo das actividades de recuperación dos módulos e valoración do resultado obtido.

d) Actividades extraescolares e complementarias desenvolvidas.

e) Programa de FPEET, con indicación das empresas e as súas seccións onde se desenvolvese, así como a cantidade de alumnado que recibiu cada unha.

f) Valoración do desenvolvemento do programa formativo nas empresas.

g) Cantos outros aspectos se consideren de interese.

2. A dirección do centro remitirá copia deste informe ao Servizo Provincial de Inspección Educativa no prazo máximo dun mes desde o remate da FPEET.

IV. Avaliación das ensinanzas

Artigo 14º.-Aspectos xerais do proceso de avaliación.

1. A avaliación da aprendizaxe do alumnado nos ciclos formativos realizarase de forma diferenciada por módulos profesionais. En todo caso, a avaliación nas ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño realizarase tomando como referencia os obxectivos e os criterios de avaliación de cada un dos módulos profesionais e os obxectivos xerais do ciclo formativo, segundo o establecido no correspondente currículo.

2. A avaliación realizarase ao longo de todo o proceso formativo do alumnado, polo que ten un carácter continuo. Por este motivo será necesaria a asistencia do alumnado ás actividades programadas para os distintos módulos profesionais do ciclo formativo.

3. O número de faltas que implica a perda do dereito á avaliación continua nun determinado módulo será do 10% respecto da súa duración total, con independencia de que estas faltas sexan ou non xustificadas.

4. O profesorado poderá non permitir a realización de determinadas actividades prácticas a aquel alumnado que teña perdido o dereito á avaliación continua, sempre que poidan implicar algún tipo de risco para si mesmos, o resto do grupo ou as instalacións.

5. Para cada ciclo formativo, os centros docentes desenvolverán o currículo mediante a elaboración das correspondentes programacións didácticas dos módulos profesionais, prestando especial atención aos criterios de planificación e á toma de decisións propias do proceso de avaliación; en particular:

a) Aos procedementos para avaliar o progreso da aprendizaxe do alumnado e a correspondencia entre os instrumentos xerais de avaliación e os criterios de avaliación.

b) Á planificación das actividades de recuperación de módulos profesionais pendentes, e expresamente aquelas que poidan ser realizables de forma autónoma polo alumnado.

c) Aos criterios e ás pautas de avaliación que se deben ter en conta na avaliación do alumnado con necesidades educativas especiais ou con algún tipo de discapacidade.

d) Ao desenvolvemento dos sistemas extraordinarios de avaliación para o alumnado que perdese o dereito á avaliación continua, cando por razóns de falta continuada de asistencia non sexa posible utilizar os instrumentos de avaliación previstos inicialmente para cada módulo profesional.

O alumnado ao cal se lle aplique a baixa nas condicións establecidas nos artigos 6º e 7º da presente orde non terá dereito a este sistema de avaliación extraordinario.

6. Co fin de garantir a función formativa que ten a avaliación e o dereito do alumnado a que o seu rendemento escolar sexa avaliado con plena obxectividade, conforme o establecido na normativa vixente, deberase informar dos criterios de avaliación que serán aplicados para evidenciar a adquisición das capacidades establecidas no currículo para cada módulo profesional, así como do nivel mínimo que se considera suficiente para alcanzar a avaliación positiva.

7. Os procesos de avaliación adecuaranse ás adaptacións metodolóxicas de que puidese ser obxecto o alumnado con discapacidade e garantirase a súa accesibilidade ás probas de avaliación.

Artigo 15º.-Cualificacións.

1. A cualificación dos módulos profesionais, agás o de formación práctica en empresa, estudio ou taller (FPEET), será numérica, entre cero e dez, sen decimais. A superación do ciclo formativo requirirá a avaliación positiva en todos os módulos profesionais que o compoñen. Consideraranse positivas as puntuacións iguais ou superiores a cinco puntos.

2. Na avaliación do módulo profesional de FPEET, o titor ou titora da empresa que designe o correspondente centro de traballo para o período de estadía do alumno ou da alumna colaborará co titor ou titora do centro educativo. O devandito módulo profesional cualificarase como apto ou apta, ou non apto ou non apta.

3. A nota media final do ciclo formativo obterase unha vez superados os módulos impartidos no centro educativo e a fase de formación práctica en empresas, estudos ou talleres, e consistirá na media aritmética das notas medias ponderadas dos distintos módulos que o compoñen, expresada con dous decimais. A nota media ponderada obterase multiplicando o número de créditos que corresponde a un módulo pola cualificación final obtida neste, e dividindo o resultado entre o número total de créditos cursados. Para os efectos do cálculo da nota media final non será computada a fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres, nin aqueles módulos que foran obxecto de validación ou exención pola súa correspondencia coa práctica laboral.

4. O acceso aos módulos de FPEET requirirá ter superados todos os módulos de formación no centro educativo.

V. Desenvolvemento dos procesos de avaliación

Artigo 16º.-Consideracións xerais.

1. O profesorado que imparte docencia a un grupo de ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño constitúe o seu equipo docente e estará coordinado nos procesos de avaliación polo profesor ou a profesora que se encargue da titoría do devandito grupo.

2. Denomínanse sesións de avaliación as reunións de carácter colexiado que realice o equipo docente, convocadas e presididas polo profesor ou profesora que se encargue da titoría do grupo, realizadas co obxecto de contrastar as informacións proporcionadas polo profesorado dos distintos módulos profesionais en relación coa valoración dos resultados de aprendizaxe do alumnado e co seu progreso na consecución dos obxectivos xerais do ciclo. Nestas sesións, o equipo docente tomará as decisións que afecten o proceso de avaliación e promoción do alumnado.

3. O titor ou titora de cada grupo levantará acta do desenvolvemento das sesións, na cal se farán constar os acordos alcanzados e as decisións adoptadas. A valoración dos resultados derivados destes acordos e destas decisións constituirá o punto de partida na seguinte sesión de avaliación. O equipo docente adoptará as medidas oportunas que garantan a máxima confidencialidade daquela información que mereza un tratamento reservado.

4. As sesións de avaliación desenvolveraas o equipo docente en función dos períodos lectivos que se establecen para estes ciclos.

Artigo 17º.-Aspectos xerais das sesións de avaliación finais.

1. Nos módulos de primeiro curso a sesión de avaliación final corresponderase sempre co remate do período formativo dos módulos no centro educativo.

2. No caso dos módulos de segundo curso, a sesión de avaliación final realizarase unha vez rematado o período ordinario de realización da FPEET. Para estes efectos, o módulo de FPEET será considerado como un módulo de segundo curso, de acordo co establecido en cada un dos decretos que establecen os currículos dos ciclos formativos de artes plásticas e deseño.

3. No caso de oferta modular, a sesión de avaliación final de módulos coincidirá sempre co remate do período formativo dos módulos no centro educativo.

Artigo 18º.-Sesión de avaliación final de módulos.

1. Na sesión de avaliación final o equipo docente tomará as decisións sobre promoción do alumnado ao seguinte curso, segundo se establece no artigo 3 desta orde.

No suposto de que se promocione con módulos pendentes, o alumnado deberá ser informado das actividades programadas para a súa recuperación, así como do período da súa realización, temporalización e data en que serán avaliados, que coincidirá coa sesión de avaliación parcial recollida no artigo 19º desta orde.

2. O informe de avaliación individualizado conterá a información suficiente sobre as capacidades non alcanzadas polo alumnado, para que se teña en conta na súa posterior aprendizaxe. A acta de avaliación final de módulos de primeiro axustarase ao modelo do anexo I desta orde.

3. Na sesión de avaliación final de módulos de segundo curso, o equipo docente:

a) Realizará a proposta de título para o alumnado que obtivese cualificación positiva nos módulos de FPEET.

b) Proporalle a realización da FPEET ao alumnado que recuperase os módulos pendentes de primeiro e segundo curso durante o período ordinario de realización da FPEET. Este alumnado deberá formalizar unha nova matrícula no curso seguinte para cursar o módulo de FPEET. A acta de avaliación final de módulos de segundo axustarase ao modelo do anexo I desta orde.

4. O alumnado a que se fai referencia no artigo 3º.5 desta orde poderá realizar a FPEET no primeiro trimestre do seguinte curso académico. Logo de finalizar a FPEET, realizarase unha avaliación final extraordinaria de módulos de segundo curso, en que se avaliará unicamente o módulo de FPEET, e levarase a cabo, de ser o caso, a proposta de título correspondente. A acta de avaliación final extraordinaria de módulos de segundo axustarase ao modelo do anexo I desta orde.

5. O alumnado que nun mesmo curso académico queira acceder por segunda vez a realizar o módulo de FPEET e non teña esgotadas as dúas convocatorias a que se fai referencia no artigo 3º.5 desta orde, deberá formalizar unha nova matrícula ao comezo do seguinte período ordinario ou extraordinario correspondente de realización da FPEET.

6. No caso de ciclos formativos que se desenvolvan soamente durante un curso, a avaliación final de módulos de primeiro curso condicionará o acceso á FPEET.

Artigo 19º.-Aspectos xerais das sesións de avaliación parciais.

En cada curso académico realizarase unha sesión de avaliación e cualificación para cada grupo en cada trimestre lectivo. Tendo en conta o carácter de avaliación continua destas ensinanzas, a última avaliación parcial coincidirá sempre coa avaliación final de módulos correspondentes.

Artigo 20º.-Sesións de avaliación parciais.

1. A acta de avaliación parcial de módulos de primeiro curso axustarase ao modelo do anexo I desta orde.

2. A acta de avaliación parcial de módulos de segundo curso, previa á realización da FPEET no período ordinario, axustarase ao modelo do anexo I desta orde. En caso de existir avaliacións parciais anteriores no segundo curso, axustaranse ao modelo do anexo I descrito no punto 1 deste artigo.

3. Cando nun mesmo ano académico o alumnado deba cursar módulos de formación no centro educativo e o módulo de formación en centros de traballo, na sesión de avaliación parcial previa á realización da FPEET en período ordinario, o equipo docente tomará as decisións de acceso do alumnado a esta, conforme o cumprimento dos seguintes criterios:

a) Superación de todos os módulos de segundo curso.

b) De ser o caso, superación dos módulos de primeiro curso pendentes. En calquera caso, a cualificación final dos módulos de segundo curso e módulos pendentes de primeiro farase efectiva na sesión de avaliación final establecida no artigo 7º.2 desta orde. Non obstante, a cualificación final coincidirá coa obtida na avaliación parcial previa á realización da FPEET.

4. O alumnado de segundo curso que non poida acceder á FPEET no período ordinario por ter módulos pendentes de primeiro ou segundo curso poderá recuperalos neste mesmo período. Para este fin, o equipo docente asignaralle unha serie de actividades de recuperación para os módulos non superados, con indicación expresa da data final en que serán avaliados. O informe de avaliación individualizado conterá a información suficiente sobre as capacidades non alcanzadas polos alumnos ou alumnas, co fin de que sexa tida en conta na súa posterior aprendizaxe.

Artigo 21º.-Documentos do proceso de avaliación.

1. Os documentos do proceso de avaliación das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño son o expediente académico do alumnado, as actas de avaliación e os informes de avaliación individualizados. Os informes de avaliación e os certificados académicos son os documentos básicos que garanten a mobilidade do alumnado. O expediente académico será único para cada ciclo formativo.

2. O expediente académico do alumnado que acceda a un ciclo formativo deberá ser aberto pola escola de arte en que se matricule por primeira vez. A custodia e o arquivo dos expedientes correspóndelle ao secretario ou secretaria do centro. Os expedientes conservaranse no último centro en que o alumnado realizou ou rematou o ciclo.

3. O informe de avaliación individualizado incluirá as cualificacións parciais ou valoracións de aprendizaxe outorgadas ata ese momento ao alumnado, as medidas tomadas de reforzo educativo na duración das ensinanzas, as validacións ou exencións concedidas, as actividades propostas para a recuperación de módulos, e cantos outros aspectos de índole educativa se consideren relevantes.

4. Os certificados académicos expediraos a dirección do centro público, en impresos oficiais normalizados, tras a solicitude da persoa interesada. Estes certificados deberán expresar as cualificacións obtidas, tanto positivas como negativas, con expresión da convocatoria concreta, do centro educativo e do curso académico, ata a data de emisión da certificación, segundo se reflicte no anexo II desta orde.

Artigo 22º.-Reclamación contra as cualificacións.

1. Conforme o establecido no artigo 13.4º do Real decreto 732/1995, do 5 de maio, polo que se establecen os dereitos e deberes do alumnado e as normas de convivencia nos centros, os alumnos ou alumnas, os seus pais ou as súas nais, así como os seus titores ou as súas titoras, poderán reclamar, ante a dirección do centro, contra as decisións e as cualificacións que se adopten como resultado dos procesos das avaliacións finais.

2. As referidas reclamacións deberán basearse nalgún dos seguintes aspectos:

a) A avaliación que se levou a cabo como resultado do proceso de aprendizaxe do alumnado non foi adecuada aos obxectivos, contidos, criterios de avaliación e nivel, recollidos na correspondente programación didáctica.

b) Os procedementos e os instrumentos de avaliación aplicados foron inadecuados, conforme o sinalado na programación didáctica.

c) A aplicación dos criterios de avaliación establecidos na programación didáctica para a superación dos módulos non foi correcta.

3. O procedemento e os prazos para a presentación e a tramitación das reclamacións serán os seguintes:

a) A reclamación presentarase por escrito ante a dirección do centro, no prazo máximo de dous días hábiles a partir daquel en que se produza a comunicación da cualificación final ou da decisión adoptada.

b) O director do centro trasladará a reclamación ao departamento correspondente para que emita o oportuno informe sobre os aspectos sinalados no punto anterior, no cal deberá formularse proposta de ratificación ou rectificación na cualificación outorgada. Unha vez recibido o devandito informe, o director ou directora do centro emitirá resolución ao respecto. Este proceso estará rematado nun prazo máximo de dez días naturais, incluída a comunicación ao alumnado, contados a partir do seguinte ao da presentación da reclamación.

c) Contra a resolución do director ou directora do centro, o solicitante poderá presentar recurso de alzada perante o delegado ou delegada provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. A devandita resolución esgotará a vía administrativa.

VI. Validacións e exencións de módulos profesionais

Artigo 23º.-Validacións.

1. Serán obxecto de validación os módulos formativos comúns a varios ciclos formativos de artes plásticas e deseño, sempre que teñan igual denominación, duración, obxectivos, contidos e criterios de avaliación, de acordo co establecido pola norma que regule cada título.

2. A solicitude de validación farase ao director ou directora da escola de arte onde conste o expediente do alumno ou alumna no modelo do anexo III, e irá acompañada dunha certificación académica oficial ou, no seu defecto, fotocopia compulsada do título e do libro de cualificacións. A dirección de centro emitirá informe sobre as ditas solicitudes e remitiraas á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, que resolverá o que proceda.

3. As validacións non previstas neste artigo serán obxecto, necesariamente, de solicitude ante o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte, que dará lugar a resolución individualizada da Dirección Xeral de Formación Profesional, no marco das súas competencias.

4. O alumnado que estea pendente de validación nalgún módulo profesional, deberá asistir ás aulas e será avaliado no momento da presentación da resolución favorable desta. Se a confirmación da validación é posterior ás avaliacións finais, deberanse facer as dilixencias oportunas de modificación da cualificación en todos os documentos oficiais.

Artigo 24º.-Correspondencia de módulos coa práctica laboral.

1. Poderán ser obxecto de correspondencia coa práctica laboral determinados módulos cando así o dispoñan os decretos en que se establecen os respectivos currículos para a comunidade autónoma.

2. Así mesmo, a fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres é susceptible de exención a partir da experiencia laboral no campo profesional directamente relacionado co ciclo formativo que se vai cursar.

Artigo 25º.-Requisitos de correspondencia.

1. O alumnado poderá solicitar na secretaría do centro a correspondencia coa práctica laboral e a posible exención, indicadas no artigo anterior, durante os primeiros quince días do comezo do ciclo formativo correspondente. Xunto coa solicitude, segundo modelo do anexo IV, cumprirá acreditar unha experiencia laboral de, cando menos, doce meses no mesmo campo profesional directamente relacionado co ciclo formativo que se vai cursar.

2. A acreditación da experiencia laboral realizarase mediante os documentos seguintes e de forma acumulativa:

a) Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou da mutualidade laboral á que estivera afiliado, onde conste a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación ou, se é o caso, o período de cotización no réxime especial de traballadores autónomos, ou calquera outro medio de proba admitido en dereito.

b) Certificación da empresa onde adquirira a experiencia laboral, en que conste especificamente a duración do contrato, a actividade desenvolvida e o período de tempo en que realizou a dita actividade. No caso de traballadores por conta propia, certificación de alta no imposto de actividades económicas (IAE) e xustificantes de pagamento do dito imposto. A certificación da empresa substituirase por unha declaración do propio interesado acompañada de canta outra documentación de apoio á súa solicitude considere oportuna.

Artigo 26º.-Procedemento de correspondencia.

Recoñecerase a correspondencia entre os módulos ou a formación práctica en empresa, estudio ou taller dos ciclos formativos de formación específica de artes plásticas e deseño e a práctica laboral cando se cumpran as seguintes condicións:

a) A acreditación polo interesado de experiencia laboral relacionada cos módulos ou a formación práctica en empresa, estudio ou taller dos que se solicita a correspondencia ou exención. Para isto, realizarase a comprobación, mediante os requisitos obxectivos e documentais, de maneira que a experiencia laboral se corresponda cos estudos profesionais obxecto da dita solicitude. O titor ou a titora do ciclo realizará un informe de cada unha das solicitudes presentadas, sobre a idoneidade das actividades desenvolvidas, contrastando a documentación achegada pola persoa solicitante coas capacidades terminais que se deben acadar segundo o caso. Para elaborar o informe reunirá a información precisa do profesor ou profesora que imparta o módulo para o que se solicita validación.

b) No caso de informe favorable, a persoa que solicita a correspondencia de módulos coa práctica laboral terá que superar unha proba que permita evidenciar a competencia profesional establecida nos obxectivos de cada módulo que se solicita. A exención da formación práctica en empresa, estudio ou taller coa práctica laboral non precisa desta proba. A proba tomará como elementos de referencia as capacidades terminais cos seus respectivos criterios de avaliación expresados no módulo e, con carácter orientativo, aquelas capacidades profesionais do perfil do currículo relacionadas coas ditas capacidades terminais, para medir o seu grao de consecución, en función da experiencia laboral do solicitante. Esta proba realizaraa unha comisión constituída por tres membros, presidida polo director ou directora do centro educativo e da que formarán parte o titor ou titora do ciclo e o profesor ou profesora do módulo correspondente.

VII. Titulación e acreditación.

Artigo 27º.-Titulación e acreditación.

1. Para a obtención do título de técnico ou de técnico superior, cumprirá acreditar a superación de todos os módulos profesionais de que conste o correspondente ciclo formativo, así como cumprir os requisitos académicos de acceso a el, establecidos no capítulo V do Real decreto 596/2007, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

2. Quen non superase na súa totalidade as ensinanzas de cada un dos ciclos formativos recibirá un certificado académico dos módulos profesionais superados que poderá ter, ademais dos efectos académicos, efectos de acreditación parcial acumulable das competencias profesionais adquiridas en relación co Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. A certificación realizarase segundo o modelo oficial que se indica no anexo II desta orde.

Artigo 28º.-Rexistro nas actas de avaliación.

1. En todas as actas de avaliación, parciais ou finais, así como no expediente académico do alumno ou da alumna, os módulos que como resultado do proceso de validación ou correspondencia coa práctica laboral obtivesen resolución positiva consignaranse respectivamente coas seguintes iniciais:

-VA: validado.

-EX: exento.

2. A renuncia á matrícula rexistrarase no expediente académico do alumno ou alumna, así como nas actas de avaliación parciais ou finais mediante as iniciais RE (renuncia).

3. A baixa de oficio da matrícula rexistrarase no expediente académico do alumno ou da alumna, así como nas actas de avaliación parciais ou finais mediante as iniciais BA (baixa).

4. Nas actas de avaliación parcial de módulos, a perda do dereito á avaliación continua consignarase coas iniciais PD (perda do dereito á avaliación continua). No caso de alumnado de segundo curso con módulos pendentes de primeiro, non será de aplicación a perda do dereito á avaliación continua para os módulos pendentes de primeiro curso.

5. Quen perdese o dereito á avaliación continua e non se presente á proba final extraordinaria recollida no artigo 14.5º d) desta orde, cualificarase cun 1 nas actas de avaliación final de módulos.

6. Na sesión de avaliación final de módulos de segundo curso, non procederá a avaliación final do módulo de FPEET cando o alumnado teña módulos pendentes de primeiro ou segundo curso durante o período ordinario de realización desta. Esta circunstancia farase constar coas inicias NA (non avaliado) e non implicará perda de convocatoria.

7. O alumnado matriculado en ciclos formativos, mediante a presentación dun volante de inscrición condicional pendente de presentar unha titulación obtida no estranxeiro, deberá presentar a resolución definitiva da homologación dos seus estudos con anterioridade á data da sinatura da acta da avaliación final de módulos correspondente. En caso de non facelo, o centro requiriralle a dita credencial e informarao de que:

a) No suposto de que a resolución de homologación non fose presentada ou ben de que esta non se producise nos termos solicitados pola persoa interesada, quedarán sen efecto as cualificacións obtidas así como a propia matrícula, polo que o centro procederá á súa anulación.

b) Cando transcorresen os prazos de validez do volante de inscrición condicional sen que se producise resolución expresa da solicitude de homologación por causas non imputables ao solicitante, a persoa interesada deberá solicitar do órgano competente un novo volante, que será remitido directamente ao centro en que o alumno ou alumna figuren matriculados, e no cal se indicará expresamente o novo prazo de vixencia. O alumnado que se atope nesta situación cualificarase con PC (pendente de cualificar) nas actas de avaliación final de módulos correspondentes. Malia o anterior, farase constar no punto de observacións as cualificacións obtidas para que se teñan en conta unha vez que se presente a resolución definitiva de homologación.

Disposicións transitorias

Primeira.-Vixencia das titulacións de artes plásticas e deseño establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

De acordo co establecido no artigo 18.3º do Real decreto 806/2006, polo que se establece o calendario de aplicación da Lei orgánica 2/2006, de educación, mentres non se produza a implantación dos novos títulos de ensinanzas especiais de artes plásticas e deseño, seguirán vixentes as titulacións e currículos derivados da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Segunda.-Alumnado matriculado con anterioridade ao curso académico 2008-2009.

O alumnado matriculado en ciclos formativos de artes plásticas e deseño con anterioridade ao curso académico 2008-2009 rematará os seus estudos de acordo coa normativa aplicable en materia da avaliación nese momento e ata esgotar o número de matrículas a que ten dereito, ou ben ata entrada en vigor dos novos títulos de ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, aos cales se fai referencia no artigo 4 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación de normativa.

Queda derrogada a Orde do 9 de setembro de 2004 pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de artes plásticas e deseño de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia, e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorización para o desenvolvemento desta orde.

Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para desenvolver a esta orde, así como para adaptala ás peculiaridades destas ensinanzas.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e seralle de aplicación ao alumnado de ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño matriculado a partir do curso 2008-2009.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "23800D001P008.PDF"