DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Xoves, 04 de decembro de 2008 Páx. 21.644

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, pola que se ditan medidas de movemento pecuario en relación coa lingua azul.

Como consecuencia da situación epidemiolóxica da lingua azul en España, mediante a Orde ARM/3054/2008, de 27 de outubro, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa lingua azul, modificáronse as zonas restrinxidas en relación a esta enfermidade, así como as condicións dos movementos de animais de especies sensibles a ela.

Por outra banda, tendo en conta a detección de circulación do virus da lingua azul en diversas comarcas veterinarias da Comunidade Autónoma de Galicia, o risco que supoñían os movementos de animais desde explotacións das zonas afectadas e o grao de desenvolvemento do programa de vacinación fronte á enfermidade, publicouse a Resolución do 4 de novembro de 2008, da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, pola que se ditan medidas en materia de protección sanitaria e de movemento pecuario como consecuencia da detección de casos de lingua azul na Comunidade Autónoma de Galicia.

Con base no actual grao de desenvolvemento do programa de vacinación, resulta conveniente adecuar as condicións que se van aplicar nos movementos das especies sensibles á enfermidade ao previsto na Orde ARM/3054/2008, así como restablecer os modelos de documentación que se estaban a utilizar anteriormente á aparición da lingua azul nos traslados do gando bovino, ovino e cabrún dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, salvo que as explotacións estean sometidas a vixilancia oficial.

En virtude das atribucións que me confire o Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria,

RESOLVO:

Primeiro.-Coa excepción dos animais pertencentes a explotacións que se encontren inmobilizadas ou sometidas a vixilancia oficial por parte dos servizos veterinarios oficiais, para os que se deberá solicitar a correspondente autorización oficial de traslado, o gando bovino, ovino e cabrún procedente de explotacións cualificadas sanitariamente poderá circular no ámbito de toda a Comunidade Autónoma de Galicia, tanto con destino a vida coma a sacrificio, con copia validada por veterinarios expresamente autorizados para o efecto pola consellería competente en materia de sanidade e produción animal, da cal conste a súa autenticidade, ou copia cotexada por persoal dos servizos veterinarios oficiais de sanidade e produción animal ou persoa pública que dea fe do documento acreditativo da cualificación sanitaria da explotación, denominado Explotación cualificada sanitariamente, en que os animais estean rexistrados. Esta mesma documentación será válida para o traslado de animais nados na

explotación de procedencia.

Segundo.-Autorizarase o movemento dos animais das especies sensibles á lingua azul dentro da Comunidade Autónoma de Galicia cando os devanditos animais non mostren signos clínicos compatibles coa enfermidade o día do transporte.

Terceiro.-Permitirase a realización de feiras, mercados e concentracións gandeiras de animais das especies sensibles á lingua azul dentro de Galicia, segundo o calendario oficialmente aprobado polo correspondente delegado/a provincial da Consellería do Medio Rural.

Disposición derrogatoria

Derrógase a Resolución do 4 de novembro de 2008 da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, pola que se ditan medidas en materia de protección sanitaria e de movemento pecuario como consecuencia da detección de casos de lingua azul na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2008.

Antonio Santiago Oca Fernández

Director xeral de Produción, Industrias e Calidade

Agroalimentaria