DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 02 de decembro de 2008 Páx. 21.442

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 17 de outubro de 2008 pola que se aproba o Plan de inspección de seguridade mineira para o período 2008-2009 da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, no seu artigo 117, establece que lle corresponde ao Ministerio de Industria, na forma que regulamentariamente se estableza, a inspección e vixilancia de todos os traballos de exploración, investigación, explotación e aproveitamento de recursos regulados por esta lei, así como dos establecementos de beneficio e dos produtos obtidos, sen prexuízo das competencias que a outros organismos da Administración confira a lexislación vixente. As referidas funcións de inspección e vixilancia no relativo á prevención de accidentes de traballo e de enfermidades profesionais, así como a exacta observancia das normas de seguridade e hixiene no traballo, circunscríbense ás explotacións mineiras de calquera tipo a cantos traballos regulados por esta lei exixan a aplicación de técnica mineira.

A Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, establece no seu artigo 4, que lle corresponde á consellería competente en materia de minas, entre outras funcións, a de exercer as competencias relativas á seguridade mineira, a de inspeccionar o cumprimento das condicións técnicas, de seguridade e ambientais das actividades extractivas ou de calquera outra actividade que utilice técnicas mineiras e a de exercer a potestade sancionadora nos termos establecidos na lei.

Do mesmo xeito, o artigo 168 do Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira, establece que lle incumben ao Ministerio de Industria e Enerxía ou ao órgano autonómico correspondente, naquelas comunidades en que se teña transferida a competencia de minas, as funcións de inspección e vixilancia no relativo á previsión de accidentes e enfermidades profesionais, á análise das causas de accidentes e a formular as conclusións pertinentes, ao cumprimento do Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira, así como á estrita observancia das normas de seguridade e hixiene no traballo nas explotacións mineiras de calquera tipo e cantos traballos regulados pola citada lei exixan a aplicación da técnica mineira.

Pola súa banda, o artigo 7.2º da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, atribúe as competencias sobre prevención, vixilancia e sanción da normativa sobre riscos laborais no referente a traballos en minas, canteiras e túneles que exixan a aplicación da técnica mineira, aos órganos específicos recollidos na normativa reguladora.

Por eses órganos específicos terá que entenderse a Consellería de Innovación e Industria e os servizos dependentes dela, canto a que a esta se lle asignaron as competencias transferidas polo Estado en materia de minas, conforme o disposto no decreto polo que se establece a estrutura orgánica e distribución de competencias da Consellería de Innovación e Industria.

Esta normativa, xunto co Real decreto 150/1996, sobre traballos especiais, prospeccións e sondaxes, o Real decreto 1389/1997, polo que se aproban as disposicións mínimas destinadas a protexer a seguridade e a saúde dos traballadores nas actividades mineiras, o Real decreto 1215/1997, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde para a utilización polos traballadores dos equipos de traballo, constitúen o corpo básico de garantías e responsabilidades preciso para establecer un axeitado nivel de protección da saúde dos traballadores fronte aos riscos derivados das condicións de traballo na minaría.

Por outra banda, o Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, atribúelles aos órganos competentes por razón da materia ou aos órganos que, de ser o caso, designen as comunidades autónomas respecto dos proxectos que non sexan de competencia estatal, o seguimento e a vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

Pola súa banda, a normativa autonómica reguladora da materia (Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia, e o Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia) encoméndalle ao órgano substantivo competente, por razón da materia, na realización ou autorización do proxecto, as funcións correspondentes á realización das comprobacións necesarias e a pedir a documentación e a información necesaria para o seguimento e a vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ou efectos ambientais e das condicións impostas.

Así mesmo, o Real decreto 2994/1982, do 15 de outubro, sobre restauración de espazo natural afectado por actividades mineiras, encoméndalle a autoridade mineira o seguimento do cumprimento do Plan de restauración mineira.

Na súa virtude, por proposta de Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, en exercicio das competencias atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobar o Plan de inspección mineira da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2008-2009, que se insire anexo a esta orde.

Artigo 2º.-Publicar esta orde no Diario Oficial de Galicia para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2008.

Fernando Xabier Álvarez Blanco

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO

Plan de inspección mineira

1. Obxecto do plan.

O Plan de inspección mineira ten por obxecto programar, coordinar e avaliar a actuación da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas e dos servizos provinciais de Minas, no exercicio das funcións de inspección e vixilancia atribuídas polo ordenamento xurídico nos ámbitos materiais relativos á exploración, investigación, explotación e ao aproveitamento de recursos, á seguridade e saúde laboral e ao ambiente.

2. Ámbito de aplicación do plan.

2.1. Ámbito subxectivo.

Traballos de exploración, investigación, explotación e aproveitamento de recursos establecidos na Lei de minas, así como dos establecementos de beneficio e dos traballos regulados pola citada lei que exixan a aplicación de técnica mineira.

2.2. Ámbito temporal.

Este plan estenderá o seu ámbito temporal desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de decembro de 2009.

3. Actuacións programadas.

1) Formación do persoal que realiza as funcións inspectoras e de vixilancia.

2) Inspección e vixilancia de todos os traballos de exploración, investigación, explotación e aproveitamento de recursos regulados pola Lei de minas, así como dos establecementos de beneficio.

3) Inspección e vixilancia no relativo á prevención de accidentes de traballo e de enfermidades profesionais, así como a exacta observancia das normas de seguridade e hixiene no traballo e cumprimento do establecido no Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira.

4) Seguimento ambiental das explotacións mineiras.

3.1. Formación do persoal que realiza as inspeccións.

1) Obxectivo.

Mellorar a formación do persoal dedicado ás tarefas de inspección e coordinación dos criterios de actuación.

2) Actuacións que se van desenvolver.

a) Estableceranse reunións de coordinación entre as distintas delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas onde se analizarán criterios de actuación de cara á elaboración de circulares que establezan pautas comúns que se seguirán e que serán aprobadas polo director xeral de Industria, Enerxía e Minas.

b) Elaboraranse e implantarán protocolos de inspección para distintos procedementos, en concreto protocolos relativos aos requisitos de seguridade nas condicións de traballo.

c) Desenvolvemento de cursos de formación dirixidos ao persoal implicado en tarefas de inspección mineira, en concreto relativos á normativa vixente en materia de seguridade mineira e ás súas modificacións e actualizacións.

d) Impulso da asistencia dos funcionarios que realizan funcións inspectoras a congresos, cursos, seminarios, reunións, xornadas, que garden relación coas tarefas desempeñadas, de acordo coas necesidades de servizo e logo de autorización.

3) Programación.

A periodicidade das reunións de coordinación será mensual e realizarase un mínimo dun curso anual de formación.

4) Unidade responsable: Subdirección Xeral de Recursos Minerais.

3.2. Inspección e vixilancia de todos os traballos de exploración, investigación, explotación e aproveitamento de recursos regulados pola Lei de minas, así como dos establecementos de beneficio.

1) Obxectivo: comprobar que todos os traballos, actividades, instalacións ou proxectos regulados pola Lei de minas, previamente, durante a súa execución ou peche, cumpren os condicionantes e requirimentos establecidos nas súas autorizacións ou outorgamentos e na lexislación aplicable vixente.

2) Actuacións que se van desenvolver.

a) Actuacións de comprobación e seguimento dos proxectos de autorización ou outorgamento de dereitos mineiros e dos establecementos de beneficio.

b) Actuacións de confrontación dos proxectos de aprobación de instalacións mineiras e a súa posta en servizo.

c) Actuacións de confrontación dos plans de labores anuais dos dereitos mineiros.

d) Visita técnica previa ao abandono de labores mineiros

3) Programación.

Realizaranse as actuacións necesarias para garantir un adecuado seguimento cun mínimo dunha actuación por solicitude, proxecto ou dereito mineiro, segundo corresponda.

4) Unidade responsable.

As distintas delegacións provinciais nos seus correspondentes ámbitos territoriais.

3.3. Inspección e vixilancia no relativo á prevención de accidentes de traballo e de enfermidades profesionais, así como a exacta observancia das normas de seguridade e hixiene no traballo e do cumprimento do establecido no Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira.

1) Obxectivo.

O obxecto do programa é verificar que as explotacións e instalacións mineiras da Comunidade Autónoma galega cumpren cos condicionantes e requirimentos de seguridade establecidos tanto na lexislación aplicable como nas correspondentes autorizacións ou proxectos.

2) Actuacións que se van desenvolver.

a) Verificar o cumprimento das disposicións aplicables do Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira e as súas ITC correspondentes, en concreto:

a. Cumprimento da ITC sobre a loita contra o po.

b. Cumprimento da ITC sobre traballos a ceo aberto e labores subterráneos.

c. Cumprimento da ITC sobre actuacións en caso de accidente.

d. Cumprimento da ITC de entullos e depósitos de lodos.

e. Cumprimento da ITC sobre explosivos.

b) Verificar o cumprimento das disposicións mínimas aplicables ás dependencias de superficie, segundo o Real decreto 1389/1997, polo que se aproban as disposicións mínimas destinadas a protexer a seguridade e a saúde dos traballadores das actividades mineiras.

c) Verificar o cumprimento do Real decreto 1215/1997 polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde para a utilización polos traballadores dos equipos de traballo.

d) Verificar o cumprimento do Real decreto 1435/1992, do 27 de novembro, polo que se ditan as disposicións de aplicación da directiva do Consello 89/392/CEE, relativa á aproximación das lexislacións dos Estados membros sobre máquinas, modificado polo Real decreto 56/1995, do 20 de xaneiro.

Nas inspeccións prestarase especial atención á verificación do cumprimento dos seguintes aspectos.

a) Que os equipos dispoñen de dispositivos de protección na loita contra o po (captación ou inxección de auga) e o ruído.

b) Que o deseño de pistas sexa o axeitado en relación coas larguras, pendentes, conservación, drenaxes, as caídas a distinto nivel e a sinalización de riscos.

c) Que o deseño dos noiros sexa o adecuado e permita o desenvolvemento dos traballos con seguridade.

d) Comprobación sobre o uso da protección persoal obrigatoria polos traballadores.

e) Que os operadores de maquinaria móbil dispoñen do correspondente certificado de aptitude.

f) Que as explotacións conten co cercado perimetral.

g) Que as explotacións conten coa sinalización de accesos, zonas de tránsito, estacionamento, así como de regulación de maquinaria móbil e persoal a pé, así tamén a necesaria sinalización de seguridade.

3) Programación.

Faranse polo menos 8 inspeccións ao mes por provincia.

4) Unidade responsable.

Os servizos provinciais de Enerxía e Minas nos seus correspondentes ámbitos territoriais.

3.4. Seguimento ambiental das explotacións mineiras.

1) Obxectivo.

O obxecto do programa é a vixilancia e control ambiental das explotacións mineiras no cumprimento da declaración de impacto ambiental e das prescricións ambientais impostas derivadas dos estudos de impacto ambiental e dos plans de restauración mineiros.

2) Actuacións que se van desenvolver.

Realizar as comprobacións para o seguimento e a vixilancia do cumprimento da declaración do impacto ambiental, dos plans de restauración e das condicións ambientais impostas.

3) Programación.

Faranse polo menos 8 comprobacións ao mes por provincia.

4) Unidade responsable.

Os servizos provinciais de Enerxía e Minas nos seus correspondentes ámbitos territoriais ou, de ser o caso, as entidades colaboradoras da Administración ou entidades e empresas de inspección e control regulamentario, debidamente autorizadas para realizar tal función en Galicia.

4. Metodoloxía.

Establécese a seguinte metodoloxía para levar a cabo as actuacións recollidas no plan:

Fase 1: comprobación documental.

Verificar que constan no expediente toda a documentación e os requisitos administrativos correspondentes e o estudo da documentación que concirna á actuación que se vai desenvolver.

Fase 2: desenvolvemento da inspección.

Verificar a documentación presentada polo peticionario á Administración e análise do estado das instalacións en relación coa normativa aplicable.

Fase 3: resultado da inspección.

O resultado das comprobacións realizadas será recollido nun informe de inspección ou ben nunha acta de infracción se das dilixencias practicadas derivan feitos que poden ser constitutivos de infraccións.

Fase 4: seguimento.

No caso das inspeccións con resultado non favorable, deberá de verificarse a idoneidade das accións correctoras adoptadas.

5. Execución e seguimento do plan.

5.1. Desenvolvemento do plan.

As actuacións do plan serán realizadas por funcionarios titulados de minas das delegacións provinciais ou ben por persoal de entidades legalmente habilitadas e debidamente autorizadas polo órgano competente en materia de industria para eses fins.

En canto á coordinación das actuacións que se leven a cabo no cumprimento dos programas de inspección, corresponderalles aos xefes do Servizo de Enerxía e Minas:

1) Seleccionar as explotacións e instalacións obxecto dos distintos programas de inspección.

2) Programar as distintas actuacións obxecto do plan no seu correspondente ámbito territorial.

3) Informar a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas das actuacións realizadas e dos seus resultados. Elaborarase un informe anual sobre as actividades de inspección, control e vixilancia realizadas, así como unha memoria de seguimento trimestral.

5.2. Indicadores de resultados.

Estableceranse os seguintes indicadores de resultados co obxecto de obter información sobre a eficacia ou eficiencia das accións executadas e, por conseguinte, o impacto destas sobre os obxectivos do plan.

Nº de inspeccións realizadas en conxunto e por sectores.

Nº de explotacións ou instalacións afectadas pola actividade inspectora.

Nº de actas de infracción levantadas.

Nº de procedementos sancionadores iniciados xunto coa súa causa.

Nº de procedementos sancionadores terminados clasificados en moi graves, graves e leves.

6. Vixencia.

O período de vixencia estenderase ata o 30 de decembro de 2009.