DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 01 de decembro de 2008 Páx. 21.362

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 13 de novembro de 2008 pola que se modifica a Orde do 6 de marzo de 2000 pola que se regula a explotación do percebe (Pollicipes pollicipes) como recurso específico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira establece que para o exercicio da actividade pesqueira extractiva dos recursos mariños no espazo marítimo-terrestre, augas e ámbito xeral de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia será preceptivo o permiso de explotación.

De conformidade con isto, esta norma regula os permisos de explotación para as embarcacións que se outorgan a nome desta e os permisos de explotación para o marisqueo a pé que teñen carácter persoal e intransferible.

A súa disposición adicional determina que os titulares dos permisos de explotación deberán darse de alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar.

A actividade da explotación do percebe foi alcanzando, nestes últimos anos, un grande interese económico que, sumado ás peculiares características da súa extracción, determinaron que se elaborase unha normativa que regulase e aglutinase todos os aspectos que afectan esta actividade e que finalmente se materializou na Orde do 6 de marzo de 2000 pola que se regula a explotación do percebe (Pollicipes pollicipes) como recurso específico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo resulta desta orde, podemos distinguir distintos títulos que habilitan para a captura de percebe: permiso de explotación a pé para percebe que é de carácter individual e intransferible (artigo 3), permiso de explotación para embarcación na modalidade marisqueo de percebe (artigo 5) e, habilitación aos tripulantes enrolados nunha embarcación con permiso de explotación na modalidade de percebe (artigo 7).

Desde a súa entrada en vigor foron moitos os cambios producidos na profesión de percebeiro ademais dos constantes avances no seo das organizacións e a continua mellora nos plans de xestión deste recurso. Todos estes cambios aconsellan introducir os oportunos axustes na normativa reguladora co obxecto de delimitar claramente a incompatibilidade entre o permiso de explotación a pé para percebe e a habilitación aos tripulantes enrolados nas embarcacións con permiso de explotación na modalidade de percebe, así como de equilibrar o grao de compromiso exixido aos distintos sectores que se integran nos plans de explotación, todo isto nun claro intento de facilitar o funcionamento das organizacións, de fomentar a creación de emprego no sector pesqueiro e de promover a tan necesaria remuda xeracional.

Finalmente, tamén se introducen os cambios derivados da modificación realizada no Decreto 425/1993, do 17 de decembro, a través do Decreto 114/2007, do 31 de maio, no que se refire aos requisitos necesarios para a obtención do permiso de explotación a pé para percebe.

De acordo co anteriormente exposto, logo de consultar ao sector, e en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación da Orde do 6 de marzo de 2000 pola que se regula a explotación do percebe (Pollicipes pollicipes) como recurso específico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 6 de marzo de 2000 pola que se regula a explotación do percebe (Pollicipes pollicipes) como recurso específico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia queda modificada como segue:

Un. Suprímese a alínea c) do número 1 do artigo 3.

Dous. A alínea f) do número 1 do artigo 3 queda redactada do seguinte modo:

«f) Non ser perceptor de pensións de xubilación, grande invalidez, incapacidade permanente absoluta, incapacidade permanente total, a favor de familiares ou perceptor da renda de integración social de Galicia».

Tres. O número 1 do artigo 8 terá a seguinte redacción:

«1. A renovación do permiso requirirá a acreditación de ter realizada unha actividade extractiva suficiente, entendendo por esta a que se realiza durante un mínimo dun 70% dos días de actividade laboral efectiva dentro do plan de explotación para a súa entidade organizativa. Para os efectos do cálculo da referida porcentaxe, descontarase do período autorizado o tempo durante o cal o mariscador permanecese inactivo por causa de forza maior debidamente xustificada.

Igualmente, a renovación do permiso de explotación requirirá o cumprimento das prescricións contidas no plan de explotación específico para percebe de cada ano, o que determinará a súa inclusión ou exclusión do plan de explotación específico».

Catro. O número 4 do artigo 12 terá a seguinte redacción:

«4. O número de permisos de explotación autorizados e a súa compatibilidade con outros permisos, distintos aos recollidos nesta orde, decidirase no momento de aprobar a orde do plan xeral de explotación para cada ano, de forma que indique o censo de mariscadores a pé e a relación de embarcacións dedicadas á modalidade marisqueo de percebe coa lista nominal de tripulantes en posesión do certificado de percebeiros enrolados ao inicio do plan».

Disposición adicional

Única.-O permiso de explotación a pé para percebe é incompatible coa posesión da habilitación como tripulante enrolado nunha embarcación con permiso de explotación baixo a modalidade de percebe.

Disposición transitoria

Única.-Os procedementos para a obtención e os de renovación iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta orde continuarán tramitándose segundo o establecido na Orde do 6 de marzo de 2000 pola que se regula a explotación do percebe (Pollicipes pollicipes) como recurso específico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos