DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 28 de novembro de 2008 Páx. 21.324

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2008 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación dunha liña de financiamento específica para os produtores galegos de uva, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas.

O Consello de Dirección do Igape na súa xuntanza do 23 de setembro de 2008 acordou, por unanimidade dos seus membros asistentes, a aprobación das bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación dunha liña de financiamento específica para os produtores galegos de uva, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único.-Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación dunha liña de financiamento específica para os produtores galegos de uva, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas, as cales se anexan a esta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2008.

Álvaro Álvarez-Blázquez Fernández

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Bases reguladoras das axudas do igape para a habilitación dunha liña de financiamento específica para os produtores galegos de uva, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas

Artigo 1º.-Obxecto.

Estas bases regulan o obxecto, requisitos e procedemento de tramitación para a creación e posta en marcha dun mecanismo que lles facilite ás Pemes galegas produtoras de uva, directamente ou a través das súas asociacións, o financiamento da venda da súa produción ás adegas e demais industrias transformadoras, mediante o desconto ou anticipo bancario de letras de cambio aceptadas, obrigas de pagamento á orde ou calquera outro documento que poida ser anticipado pola entidade financeira, asinados polos seus clientes para o pagamento de facturas emitidas desde o 1 de decembro de 2008 ata o 31 de marzo de 2009.

A liña de desconto terá un límite global máximo de 15 millóns de euros e o seu importe distribuirase entre as entidades financeiras participantes.

Artigo 2º.-Beneficiarios do financiamento.

Poderán acceder ao mecanismo de financiamento previsto nestas bases aquelas pequenas ou medianas empresas conforme a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto de 2008), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), produtoras de uva e con domicilio fiscal en Galicia, directamente ou a través das asociacións de produtores, que non tivesen percibido axudas en réxime de minimis nos tres anos anteriores por importe superior a 7.500 €.

Artigo 3º.-Características das operacións e axuda do Igape.

3.1. As liñas de desconto bancario deberán destinarse a adiantar o 100% do importe das letras de cambio aceptadas, das obrigas de pagamento á orde ou calquera outro documento habitualmente aceptado para o desconto ou anticipo polas entidades financeiras, asinados por razón da venda de uva, facturada entre o 1 de decembro de 2008 ata o 31 de marzo de 2009.

3.2. Os documentos de pagamento presentados a desconto bancario deberán ter un vencemento non superior a nove meses desde a data da factura.

3.3. Unha vez aceptada a operación financeira, a entidade adiantará o 100% do importe da factura que conte cun documento de pagamento aprazado aceptado nas condicións establecidas nestas bases, sen repercutir ao beneficiario ningún custo ou dedución da operación, excluídos timbres, aranceis e impostos vinculados á operación de desconto.

3.4. O Igape aboará directamente ás entidades financeiras, en concepto de subvención indirecta ao beneficiario, os custos financeiros e de xestión que deriven destas operacións, cunha porcentaxe do 0,01556% sobre o importe anticipado por cada día natural do anticipo. O dito importe non poderá superar por empresa beneficiaria a contía de 7.500 € ou a inferior que se tivese declarado no caso de ter percibido axudas en réxime de minimis nos últimos tres anos.

3.5. No caso de que o cliente do beneficiario adiantase o pagamento da venda, a entidade financeira deberá notificar tal circunstancia ao Igape, procedendo ao reintegro da parte proporcional dos custos financeiros non soportados pola entidade colaboradora.

Artigo 4º.-Tramitación das solicitudes.

4.1. Os produtores de uva interesados que reúnan os requisitos establecidos nestas bases dirixirán a súa solicitude a calquera das entidades financeiras adheridas ao convenio de colaboración subscrito para tal efecto.

4.2. As entidades financeiras analizarán as solicitudes e asumirán o risco das operacións aprobadas. No caso de denegación das solicitudes, notificarán ao Igape os motivos desta segundo o anexo III a estas bases reguladoras.

4.3. Previamente á disposición dos fondos descontados, a entidade financeira colaboradora deberá requirir do beneficiario a seguinte documentación:

-Copia do contrato asinado entre o viticultor e a adega, segundo modelo homologado polo órgano competente da Consellaría do Medio Rural. Alternativamente, no caso de operacións entre socios e cooperativas de que son partícipes, nos ámbitos xeográficos en que existan contratos homologados, certificación da adega cooperativa de compromiso dos termos dese contrato homologado.

-A declaración da condición de PEME da solicitante, segundo o anexo I destas bases.

-A declaración de axudas en réxime de minimis, segundo o anexo II destas bases.

-Copia do CIF ou NIF do solicitante.

-A factura orixinal e o documento de pagamento aprazado aceptado polo cliente do beneficiario que cumpran os requisitos establecidos nestas bases.

-No caso de descontos efectuados pola asociación de produtores: a relación de primeiros produtores relacionada coas vendas.

-Autorización do tratamento necesario dos seus datos como beneficiario da axuda concedida ao abeiro destas bases e a súa cesión coa finalidade de publicalos nas páxinas webs oficiais do Igape e da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

4.4. A entidade financeira conservará e custodiará á disposición do Igape a documentación relativa aos requisitos dos beneficiarios e ao destino da operación financeira durante un prazo de, polo menos, 4 anos desde a disposición dos fondos, e remitiralle ao Igape as aclaracións que solicite respecto destes.

Artigo 5º.-Disposición dos fondos.

Previamente á disposición dos fondos, a entidade financeira comprobará a documentación que acredite a condición de beneficiario, a operación de venda e o instrumento para o seu pagamento aprazado.

Artigo 6º.-Liquidación da axuda indirecta do Igape.

Antes do 30 de abril de 2009, as entidades financeiras remitiranlle ao Igape unha certificación asinada por apoderado con poder suficiente comprensiva das operacións de desconto acollidas a estas bases, dentro dos importes máximos previamente autorizados polo Igape, e que reflectirá polo menos: beneficiario, cliente, importe, data da factura, data de desconto, e data do vencemento do documento de pagamento xirado para o seu aboamento, segundo o anexo IV destas bases.

No caso dos descontos a favor das asociacións de produtores, xuntarase para cada operación, unha relación dos primeiros produtores implicados nas vendas facturadas.

O Igape procederá ao pagamento das liquidacións correspondentes nos quince días seguintes a aquel en que recibise as correspondentes liquidacións.

Artigo 7º.-Compatibilidade e límite de axuda.

7.1. A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, a da Unión Europea.

7.2. As subvencións financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión do 20 de decembro de 2007 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector de produción dos produtos agrícolas, que permite a concesión de axudas neste réxime sempre que non exceda a contía de 7.500 € nun período de tres anos. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privadas e non poderán exceder as intensidades máximas de axuda neles permitidos.

Artigo 8º.-Publicación.

8.1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, o Instituto Galego de Promoción Económica publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, www.igape.es, expresando beneficiario, finalidade, contía e aplicación orzamentaria, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades financeiras e da súa publicación nos citados medios.

8.2. De conformidade cos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía publicarán no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro destas bases; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 9º.-Control.

9.1. Tanto as entidades financeiras como os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

9.2. En caso de comprobación de incumprimento das condicións destas bases respecto das obrigas de depósito e custodia de documentación e comprobación do destino dos fondos, para algunha das operacións financeiras acollidas a elas, procederá o reintegro das cantidades percibidas polas entidades financeiras, xunto cos xuros de mora producidos desde o seu pagamento.

9.3. As cantidades para reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, e resultará de aplicación para o seu recobramento, se é o caso, a vía executiva.

Artigo 10º.-Adhesión mediante convenio de entidades financeiras colaboradoras.

10.1. O Igape convidará a adherirse ao convenio de colaboración en que se regulen os compromisos das partes a todas aquelas entidades financeiras que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia técnica e financeira, colaborasen co instituto nos seus programas de subsidiación ao tipo de xuro de préstamos, créditos ou operacións de arrendamento financeiro.

10.2. Así mesmo, poderán instar a súa adhesión a este convenio todas aquelas entidades financeiras acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos axeitados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido no convenio, nestas bases e nos seus anexos e presenten debidamente cuberto o documento de adhesión que se xunta como anexo V a estas bases. A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes, do convenio. O Igape daralles conta ao resto de entidades colaboradoras da existencia de cada novo partícipe no convenio e publicarao no Diario Oficial de Galicia.

As ditas entidades xustificarán mediante declaración responsable o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10.3. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo VI a estas bases.

Artigo 11º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes nas entidades financeiras iniciarase o día seguinte á publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de abril do ano 2009 e concederanse as axudas de conformidade co artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o esgotamento do crédito orzamentario. O Igape publicará a devandita circunstancia no Diario Oficial de Galicia co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 31.4º da citada lei.

Artigo 12º.-Dotación orzamentaria.

As axudas reguladas nestas bases financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 02.01-E5/10/01-656700, cun crédito plurianual de 10.000 € para o exercicio 2008 e de 620.180 € para o exercicio 2009.

Ver referencia pdf "23200D012P024.PDF"

Ver referencia pdf "23200D013P030.PDF"