DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 28 de novembro de 2008 Páx. 21.317

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 25 de novembro de 2008 pola que se amplía a dotación orzamentaria e o prazo de xustificación das axudas da Orde do 18 de xullo de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de xestión, substitución e asesoramento e se convocan para o ano 2008.

Pola Orde do 18 de xullo de 2008 establecéronse para o ano 2008 as bases reguladoras das axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de xestión, substitución e asesoramento (Diario Oficial de Galicia nº 143, do 24 de xullo).

No artigo 32º da Orde do 18 de xullo de 2008, relativo ao financiamento destas axudas, detállanse as aplicacións orzamentarias e os importes económicos previsto para elas. Este artigo prevé expresamente a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria contida na referida orde. Tendo en conta o número e dimensión das solicitudes de axuda recibidas e a necesidade dun maior financiamento, cómpre ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente, coa finalidade de poder amparar as solicitudes de axuda presentadas, sempre que cumpran co establecido na antedita orde.

Por outra banda, o artigo 21º da orde establece como data máxima para a xustificación do gasto correspondente aos investimentos subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas o 30 de novembro do ano en curso, coa única excepción da nómina de decembro, que poderá ser entregada ata o 15 de decembro.

Diversas dificultades de carácter técnico, así como atrasos producidos na recepción da documentación provocaron que a fase de instrución se prolongase máis alá das datas inicialmente previstas, o que afectou, en consecuencia, a resolución do procedemento. Por tal motivo cómpre ampliar o prazo de presentación da documentación de xustificación ata o 15 de decembro, achegando para o caso da nómina do mes de decembro o xustificante do seu aboamento o último día do mes de xaneiro.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ampliación da dotación orzamentaria.

Amplíase a dotación orzamentaria que se establece na orde desta consellería do 18 de xullo de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 143, do 24 de xullo), pola que se establecen as bases reguladoras das axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de xestión, substitución e asesoramento.

O incremento de dotación para o exercicio 2008 será de 10.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 11 03 712C 770.0, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, e 500.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 11 03 712C 770.0 para o ano 2009.

Artigo 2º.-Modifícase o punto 1 do artigo 21º da Orde do 18 de xullo de 2008 da Consellería do Medio Rural.

O punto 1 do artigo 21º (Xustificación da axuda) da Orde do 18 de xullo de 2008 quedará redactado como segue:

1. A xustificación do gasto correspondente aos investimentos subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde deberase realizar como data máxima ata o 15 de decembro do ano en curso, achegando como data máxima o 31 de xaneiro o xustificante do aboamento da nómina do mes de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural