DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 28 de novembro de 2008 Páx. 21.316

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 24 de novembro de 2008 pola que se modifica a Orde do 8 de setembro de 2008 (Diario Oficial de Galicia número 117, do 12 de setembro), pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas para as explotacións gandeiras, as industrias agroalimentarias e establecementos de xestión de subprodutos para a mellora da capacidade técnica de xestión de subprodutos de orixe animal non destinados a consumo humano.

No Diario Oficial de Galicia nº 117, do 12 de setembro de 2008 publicouse a Orde do 8 de setembro de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas destinadas ás explotacións gandeiras, ás industrias agroalimentarias e establecementos de xestión de subprodutos para a mellora da capacidade técnica de xestión de subprodutos de orixe animal non destinados a consumo humano.

No parágrafo primeiro do artigo 23 da dita orde establécese que «Unha vez realizados os investimentos os beneficiarios deberán comunicar a finalización da execución dos investimentos antes do día 1 de decembro».

Debido a diversas dificultades de carácter organizativo e técnico, así como o atraso na aprobación polo Consello de Ministros dos fondos comprometidos con que se podería ampliar a dotación orzamentaria da orde, cómpre ampliar o prazo de presentación da documentación de xustificación dos investimentos.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o parágrafo primeiro do artigo 23 da Orde do 8 de setembro de 2008 ( DOG nº 177, do 12 de setembro), pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas para as explotacións gandeiras, as industrias agroalimentarias e establecementos de xestión de subprodutos para a mellora da capacidade técnica de xestión de subprodutos de orixe animal non destinados a consumo humano, que queda redactado como segue:

«Unha vez realizados os investimentos previstos, os interesados deberán comunicar a finalización da execución do investimento antes do 31 de decembro de 2008, por escrito, preferentemente nas delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural ou nas oficinas agrarias comarcais. A xustificación da realización da actividade subvencionada, do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención documentarase mediante conta xustificativa do gasto realizado, consistente nunha relación documentada que acredite os gastos realizados e os seus correspondentes pagamentos».

Disposición derradeira

Esta orden entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural