DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 28 de novembro de 2008 Páx. 21.314

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2008 pola que se dispón a publicación da addenda ao convenio específico de colaboración entre o Ministerio de Educación e Ciencia e o Consello Superior de Investigacións Científicas e a Comunidade Autónoma de Galicia para a construción e xestión dun buque de investigación oceanográfica.

Con data 3 de xullo de 2008, o Ministerio de Ciencia e Innovación, o Consello Superior de Investigacións Científicas e a Comunidade Autónoma de Galicia asinaron, logo da tramitación regulamentaria, a addenda ao convenio específico de colaboración para a construción e xestión dun buque de investigación oceanográfica. De acordo con establecido nas cláusulas do convenio, que figura como anexo a esta resolución, procede a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2008.

P.D. (Orde 31-1-2006, DOG nº 24)

Emilio Nogueira Moure

Secretario xeral da Consellería de Innovación e Industria

ANEXO

Addenda ao convenio específico de colaboración entre o Ministerio de Educación e Ciencia e o Consello Superior de Investigacións Científicas e a Comunidade Autónoma de Galicia para a construción e xestión dun buque de investigación oceanográfica.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2008.

Reunidos:

Dunha parte, Cristina Garmendia Mendizábal, ministra de Ciencia e Innovación, en virtude do Real decreto 436/2008, do 12 de abril, polo que se dispón o seu nomeamento, e actuando de acordo coas facultades que lle atribúen o artigo 13.3º da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamiento da Administración xeral do Estado, e o artigo 6, en relación coa disposición adicional décimo terceira, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo coa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Doutra parte, Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia, en nome e representación desta Administración autonómica e actuando de conformidade co disposto nos artigos 24 e 26 da Lei 1/1983, do 2 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia (XdG) e da súa Presidencia.

Doutra parte, Rafael Rodrigo Montero, presidente da axencia estatal Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), nomeado para o devandito cargo polo Real decreto 663/2008, do 28 de abril, actuando en nome e representación deste organismo, de acordo coas competencias que lle atribúe o artigo 11.2º i) do seu Estatuto, aprobado polo Real decreto 1730/2007, do 21 de decembro, así como co previsto pola disposición adicional décimo terceira en relación co artigo 6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Recoñécense a personalidade que posúen e a súa capacidade para formalizar esta addenda ao convenio específico de colaboración que se asinou en Santiago de Compostela con data 23 de decembro de 2003, entre o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, hoxe Ministerio de Ciencia e Innovación, o Consello Superior de Investigacións Científicas e a Comunidade Autónoma de Galicia para a construción e xestión dun buque de investigación oceanográfica, e na súa virtude, expoñen:

Que as partes que interveñen subscribiron, con data 23 de decembro de 2003, un convenio para a construción e xestión dun buque de investigación oceanográfica.

Que con data 15 de xullo de 2004 se asinou o contrato de construción do buque oceanográfico coa empresa Construciones Navais Paulino Freire, S.A. por un importe de 21.965.000 €.

Que para cumprir o prego de prescricións técnicas de construción do buque oceanográfico é necesario incorporar ao proxecto certas modificacións, que son indispensables para cumprir os exixentes requisitos en materia de ruído e vibracións, protección ao ambiente, e baixo custo de explotación e mantemento do buque, explicitadas no prego de prescricións técnicas.

Que as modificacións, logo de informe de Enxeñaría Naval, que actúa como inspección do armador na construción do buque, foron acordadas polo Comité Técnico de Construción na súa reunión do 18 de marzo e 21 de xullo de 2005. Con estas modificacións incorpóranse solucións e novos equipamentos que mellorarán as condicións intrínsecas do buque en canto á propagación de ruídos e vibracións ao medio mariño, á protección do medio mariño e ao baixo custo de explotación e mantemento do buque.

Que é necesario que o CSIC inicie a tramitación de cara a encargar a unha entidade navieira especializada a xestión operativa naval a que facía referencia a cláusula sexta do convenio do 23 de decembro de 2003, antes de finalizar a construción do buque, co fin de que este sexa operativo desde o momento en que estea rematado.

Polo exposto, as partes acordan:

Formalizar esta addenda ao convenio do 23 de decembro de 2003, co fin de modificar a súa cláusula cuarta, que quedará redactada como a continuación se expresa.

«Cuarta.-Financiamento.

4.2. A incorporación das melloras ao proxecto do buque que se recollen no anexo I incrementou o seu orzamento de construción en dous millóns oitocentos trinta e dous mil oitocentos doce euros con trinta e un céntimos (2.832.812,31 €).

O financiamento desta cantidade realizarano as partes segundo as porcentaxes establecidas no convenio específico de construción:

-A Xunta de Galicia (XdG) achegará o 20% do custo, isto é, cincocentos sesenta e seis mil cincocentos sesenta e dous euros con corenta e seis céntimos (566.562,46 €), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.561A.740.0 do orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008. Ao tratarse dunha addenda a un convenio de colaboración asinado o 23 de decembro de 2003 e cunha vixencia por un período de dez anos, o expediente tramítase como unha ampliación de exercicio corrente por un importe de 566.562,46 €.

Esta addenda producirá os seus efectos segundo o establecido nas súas cláusulas, e no seu defecto polo establecido pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño) e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Ao Consello Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) correspóndelle o 20,5% do custo, isto é, cincocentos oitenta mil setecentos vinte e seis euros con cincuenta e tres céntimos (580.726,53 €), cantidade que financiou no ano 2006, con cargo á aplicación 463A 630.00.113, polo tanto, a cantidade pendente de achegar é cero.

-A contribución do Ministerio de Educación e Ciencia, realizada en virtude das competencias que lle recoñecía o Real decreto 562/2004, do 19 de abril, polo que se aproba a estrutura orgánica básica dos departamentos ministeriais, corresponde ao 59,5% do custo, isto é, un millón seiscentos oitenta e cinco mil cincocentos vinte e tres euros con trinta e dous céntimos (1.685.523,32 €). As partes asinantes recoñecen como achega do ministerio, polo importe global de 1.685.523,32 €, a parte correspondente da axuda concedida en concorrencia competitiva ao CSIC, para tal efecto, a través da convocatoria de axudas financeiras para a mellora das infraestruturas científicas e tecnolóxicas singulares correspondente ao ano 2006 (BOE do 4 de agosto de 2006). Polo tanto, a cantidade pendente de satisfacer polo ministerio é cero.

O resumo das achegas que as partes acordan efectuar móstrase a continuación:

Ver referencia pdf "23200D007P014.PDF"

Esta addenda ao convenio será publicada no BOE e no Diario Oficial de Galicia.

Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia; Cristina Garmendia Mendizábal, ministra de Ciencia e Innovación; Carlos Martínez Alonso, presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas.

Ver referencia pdf "23200D008P016.PDF"