DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 28 de novembro de 2008 Páx. 21.307

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 14 de novembro de 2008 pola que se acorda a cesión definitiva de dous vehículos, propiedade da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á Academia Galega de Seguridade Pública.

De acordo co Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndenlle as competencias relativas ás materias de policía autonómica, coordinación das policías locais e seguridade.

Á Dirección Xeral de Interior correspóndelle a xestión e a resolución dos asuntos transferidos e os relacionados coas competencias que lle corresponden estatutariamente á Xunta de Galicia en materia de seguridade, entre outras, a planificación, xestión e distribución dos recursos humanos e materiais destinados á seguridade da Comunidade Autónoma de Galicia e a proposta ou a resolución, se é o caso, das cuestións relativas á selección, formación e perfeccionamento do persoal adscrito aos servizos policiais da Xunta de Galicia.

Segundo o artigo 2.5º do citado decreto a Academia Galega de Seguridade Pública é un organismo autónomo adscrito á consellería que se adecuará nos seus fins, estrutura e funcionamento, ao disposto na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro.

Segundo o artigo 4 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, as funcións formativas no ámbito da formación policial deste organismo son as seguintes:

a) Elaborar os programas formativos e impartir os cursos dirixidos ao ingreso e promoción interna nas distintas escalas dos corpos da policía de Galicia e das policías locais, así como a súa formación continua, perfeccionamento e especialización.

b) Colaborar coas administracións competentes na selección do persoal dos corpos da policía de Galicia e das policías locais.

c) Facilitar aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos das policías locais.

No marco do réxime legal regulador das relacións de colaboración, cooperación e coordinación, e logo da petición da Academia Galega de Seguridade, considerase conveniente cederlle a propiedade de dous vehículos pertencentes ao parque móbil da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia (UPA) e dependentes da Dirección Xeral de Interior, para ser destinados a fins de utilidade pública e de interese social.

Para tal fin, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza tramitou o expediente, de conformidade co disposto no artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do Patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión definitiva, a favor da Academia Galega de Seguridade Pública, dos bens mobles seguintes:

1. Marca: Citroën.

Tipo: vehículo policial tipo K.

Modelo: Xsara 2.0.

Serie nº de bastidor: VF7N1RHZB73755504.

Categoría: grupo E, artigo 8.2º do Decreto 327/1994, do 3 de novembro, polo que se regulan os servizos de automobilismo da Xunta de Galicia.

Nº de prazas: 005.

Data de matriculación: 21-7-2003.

Matrícula: 0794 CKS.

Km: 137.000.

2. Marca: Nissan.

Tipo: tipo Z vehículo radio patrulla policial.

Modelo: Terrano II.

Serie nº de bastidor: VSKKVNR20U0464758.

Categoría: grupo E, artigo 8.2º do Decreto 327/1994, do 3 de novembro, polo que se regulan os servizos de automobilismo da Xunta de Galicia.

Nº de prazas: 005.

Data de matriculación: 24-7-2001.

Matrícula: 2228 BLP.

Km: 216.218.

Artigo 2º

A cesión definitiva sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. De conformidade co establecido nos artigos 35 bis da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 96 bis do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, os bens cedidos serán destinados polo cesionario a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial, para a realización de prácticas policiais nos procesos formativos dos xestores da seguridade pública.

2. Esta cesión terá carácter definitivo desde o momento da súa formalización mediante acta subscrita polas persoas titulares da secretaría xeral da consellería e da dirección xeral da Academia Galega de Seguridade Pública, e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

3. Coa cesión outorgaráselle á Academia Galega de Seguridade Pública a propiedade dos bens mobles cedidos, comprometéndose esta a realizar ante a Xefatura Provincial de Tráfico os trámites precisos para o cambio de titularidade dos vehículos.

4. A Academia cesionaria, unha vez asinada a acta, farase cargo dos gastos de conservación, mantemento e reparación dos bens mobles cedidos asumindo, así mesmo, calquera dano que lles puidese ocasionar tanto ás persoas como ás propiedades na súa utilización.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Secretaría Xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Segunda.-Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza