DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 26 de novembro de 2008 Páx. 21.223

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2008, da División de Recursos Económicos, pola que se modifica o prazo de xustificación do gasto e aboamento das subvencións concedidas en virtude da Orde do 22 de agosto de 2008.

A Orde do 22 de agosto de 2008 (DOG nº 170, do 3 de setembro) regula a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para o mantemento de puntos de atención continuada e zonas especiais de urxencias que funcionen en centros de saúde de titularidade municipal.

O artigo 8 da mencionada orde regula a xustificación e aboamento destas subvencións, determinando un prazo para a xustificación do gasto realizado que está previsto que finalice o día 30 de novembro.

O mesmo artigo establece que tal prazo poderá ser modificado por causas debidamente xustificadas, mediante resolución do director xeral da División de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

A demora involuntaria na publicación da orde e a imposibilidade de reducir os trámites relativos á valoración de solicitudes imposibilitaron que nesta data se concedesen as subvencións, o que afectou o prazo de xustificación previsto na orde citada inicialmente.

Debido a que este prazo se considera moi axustado e, tendo en conta a trascendencia da documentación que hai que presentar, e co obxecto de garantir mellor o dereito dos beneficiarios, facendo uso das facultades de modificación recoñecida no artigo 8 da Orde do 22 de agosto de 2008, esta división

RESOLVE:

Ampliar o prazo de xustificación do gasto realizado previsto no artigo 8 da Orde do 22 de agosto de 2008 ata o día 15 de decembro de 2008.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2008.

Francisco Pais López

Director xeral da División de Recursos Económicos