DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 26 de novembro de 2008 Páx. 21.220

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2008, da Dirección Xeral da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se inicia o procedemento para que determinado colectivo de persoal laboral das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade e integrado no réxime estatutario polos procesos previstos no Decreto 91/2007 solicite o recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional.

De conformidade coa Orde do 28 de outubro de 2008 (DOG nº 213, do 3 de novembro), o persoal laboral fixo en 31-12-2005, que optou pola súa integración no réxime estatutario, pertencente ás categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, poderá acceder ao grao I con efectos do 1 de xullo de 2008, nos termos establecidos no Acordo do 21 de xuño de 2007, polo que se regula o acceso extraordinario á carreira profesional do persoal das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, publicado en virtude da Resolución do 25 de outubro de 2007 (DOG nº 208, do 26 de outubro), coas particularidades establecidas no Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade e na Orde do 28 de outubro de 2008.

Consonte o disposto na referida orde, corresponde a este centro directivo iniciar mediante resolución o procedemento para o recoñecemento extraordinario dos sucesivos graos no momento en que proceda consonte a secuencia temporal de implantación do sistema.

En uso desta facultade, esta división

RESOLVE:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto iniciar o procedemento para o recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional a determinado colectivo de persoal estatutario das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional que resultou integrado no réxime estatutario segundo o previsto no Decreto 91/2007, con apertura do prazo para a presentación de solicitudes e a documentación acreditativa dos requisitos.

Segundo.-Ámbito de aplicación e requisitos.

Poderá solicitar o recoñecemento do grao I o persoal laboral fixo do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade en 31 de decembro de 2005, e que resultou integrado no réxime estatutario como consecuencia dos procesos de integración derivados do Decreto 91/2007, das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, que cumpra ou estea en condicións de cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal estatutario fixo, da correspondente categoría e/ou especialidade, obtida a través dos procesos previstos no Decreto 91/2007.

b) Ter prestados, polo menos, 5 anos de servizos na mesma categoría e/ou especialidade. Para estes efectos computaranse os servizos prestados como persoal laboral nas entidades incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 91/2007, nos termos regulados no Acordo do 21 de xuño de 2007, publicado en virtude da Resolución do 25 de outubro de 2007 (DOG nº 208, do 26 de outubro). Sen prexuízo do anterior, os servizos prestados noutras categorías computaranse de acordo co establecido na norma 5.3º do citado acordo. Este requisito acreditarase mediante certificación de servizos prestados emitida polo centro correspondente.

c) Estar en situación de activo ou asimilada (reserva de posto), de conformidade co establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco.

d) Obter a avaliación favorable do comité avaliador da respectiva entidade pública ou, de ser o caso, da comisión técnica de avaliación.

Para valorar o cumprimento dos requisitos atenderase á data do 30 de xuño de 2008.

Terceiro.-Prazo de presentación e modelo de solicitude.

Cada profesional deberá cubrir unha única solicitude a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides), axustándose necesariamente ao modelo establecido; unha vez cuberta a solicitude segundo se indica, deberá imprimir copia dela en papel e presentala, xunto coa documentación relacionada no punto seguinte, a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, advertindo que na folla de solicitude debe figurar o selo de rexistro, quedando os orixinais en poder da Administración que expedirá copia para o interesado. A solicitude deberá dirixirse ao comité de avaliación da entidade en que prestase servizos na data do 30 de xuño de 2008, e presentarse no prazo que se inicia o día seguinte ao da publicación desta resolución o Diario Oficial de Galicia e finaliza o 31 de xaneiro de 2009.

Cuarto.-Documentación que debe achegarse coa solicitude.

a) Certificado acreditativo de 5 anos de servizos prestados ou tempo de servizos prestados en varias categorías equivalentes (norma 5.3.4 do acordo).

Non será preciso presentar certificado de servizos prestados no caso dos solicitantes que prestaron no centro de destino actual os 5 anos de servizos requiridos para o acceso ou tempo equivalente (promoción interna). Noutro caso, o solicitante deberá presentar o certificado ou certificados, emitidos polos centros correspondentes, que sexan precisos para completar o dito período.

b) Autoavaliación/relación de méritos.

A autoavaliación deberá axustarse necesariamente ao modelo que figura na Oficina Virtual do Profesional (Fides) e deberá ser cuberto e presentado xunto coa solicitude, de conformidade co procedemento establecido na disposición terceira.

O nivel de desempeño da actividade profesional será autoavaliado tendo en conta o posto desempeñado na data do 30 de xuño de 2008 e os servizos prestados nel co límite máximo de 5 anos ata a data de efectos da convocatoria.

c) Documentación acreditativa dos méritos correspondentes a outras actividades: formación continuada; actividade docente e compromiso coa organización. Deberán xuntarse as certificacións acreditativas correspondentes.

O solicitante poderá presentar a documentación que considere oportuna á vista do baremo (téñase en conta o máximo de 5 créditos resultante destas actividades).

Non é preciso acreditar todas as actividades realizadas, xa que as futuras resolucións que inicien o prazo para acceder aos sucesivos graos posibilitarán, novamente, a presentación de documentación adicional.

Quinto.-Avaliación.

Avaliaranse os seguintes aspectos da actividade e desenvolvemento profesional:

1. Nivel de desempeño nas actividades principais, directas e/ou de colaboración, do posto de traballo, relacionadas no anexo III da Resolución do 26 de outubro de 2007 (DOG nº 209, do 29 de outubro) (máximo 8 créditos).

O comité de avaliación da entidade pública solicitará do correspondente xefe, supervisor ou coordinador un informe de conformidade ou desconformidade sobre a autoavaliación realizada polo solicitante respecto ao nivel persoal de desempeño do posto (baixo, normal ou alto). En caso de desconformidade coa autoavaliación, o responsable do informe deberá pronunciarse entre un dos tres niveis referidos de cumprimento.

Os representantes da entidade no comité de avaliación emitirán o informe naqueles supostos en que non resulte posible a avaliación dun xefe, supervisor ou coordinador.

O nivel de desempeño outorgará ao solicitante as seguintes puntuacións: baixo (6 créditos); normal (7 créditos); alto (8 créditos).

Os solicitantes que alcancen os 7 créditos obterán avaliación favorable, polo que non será necesario acreditar méritos adicionais. De resultar a avaliación do nivel de desempeño cualificada cunha puntuación baixa (6 créditos), seralle comunicado ao traballador para que poida presentar méritos complementarios, se é o caso.

2. Actividades acreditadas: máximo 5 créditos.

a) Formación continuada para a actividade profesional:

Valorarase a asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación e perfeccionamento acreditados para profesións sanitarias pola Comisión de Formación Continuada do Sistema Nacional de Saúde, ou pola Comisión Autonómica. Estes cursos valoraranse sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría, e para as categorías sanitarias.

Valoraranse tamén os cursos de formación e perfeccionamento realizados ao abeiro do acordo nacional de formación continuada das administracións públicas e/ou do Plan de formación continuada do Servizo Galego de Saúde, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría.

Valoraranse igualmente os cursos finalizados con posterioridade ao 1 de xullo de 2002, relevantes para o desempeño das correspondentes funcións, convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, INEM, Cruz Vermella, colexios oficiais, organizacións sindicais ou avalados polo Servizo Galego de Saúde.

Os cursos valoraranse por créditos. De non figuraren créditos, a equivalencia será por cada 10 horas 1 crédito.

Para a formación universitaria posgraduada non se terá en conta a citada data de referencia (1 de xullo de 2002).

Excepcionalmente, aos profesionais que non superasen a avaliación e que non poidan acreditar a realización de cursos con posterioridade á data indicada, a comisión técnica de avaliación poderá solicitarlles e valorar outros cursos das mesmas características que os anteriores, sen límite de data.

b) Actividade docente de formación continuada: docencia en cursos realizados ao abeiro do acordo nacional de formación continua das administracións públicas ou do Plan de formación continuada do Servizo Galego de Saúde. A puntuación resultará dos créditos asignados ao curso, e correspondente participación individual en número de horas. A equivalencia será por cada 5 horas 1 crédito.

Así mesmo valorarase a docencia para a obtención de títulos oficiais, acreditada a través do correspondente recoñecemento. A equivalencia será de 1 crédito por curso.

c) Compromiso coa organización:

-Participación en comités internos, na elaboración de protocolos de mellora de procedementos de traballo e proxectos institucionais, debidamente acreditada pola dirección do órgano administrativo correspondente: 1 crédito por cada actividade ou protocolo.

-Exercicio de funcións de dirección, xefatura e coordinación debidamente acreditadas pola dirección do órgano administrativo correspondente: 1 crédito por ano.

-Outros aspectos de formación complementaria :

*Curso básico de prevención de riscos laborais: 1 crédito.

*Formación en materia de xestión e organización sanitaria 1 crédito por curso.

Sexto.-Comités de avaliación.

Constituiranse un comité de avaliación en cada entidade pública.

Corresponde aos comités avaliar os méritos dos solicitantes adscritos ao centro e emitir as propostas de resolución.

Estes comités estarán compostos polos seguintes membros:

Desempeñará a presidencia do comité de avaliación a dirección do centro, ou o membro do equipo directivo en quen delegue.

As persoas titulares das vogalías dos comités de avaliación por centro serán nomeados da seguinte forma:

-Cinco vogais designados pola Administración entre o persoal fixo con destino definitivo na institución e das categorías obxecto de avaliación, dos cales tres serán das categorías maioritarias.

-Un director/a do equipo directivo relacionado coas actividades das profesións que se vaian avaliar.

-Un vogal designado por cada unha das organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial.

-Actuará como secretario un técnico da función administrativa do servizo de persoal, nomeado pola dirección que actuará con voz pero sen voto.

O centro poderá designar como asistentes técnicos profesionais dunha categoría moi específica por consideralo necesario para resolver a avaliación, cando así o acorde por maioría o comité de avaliación.

Sétimo.-Proceso de avaliación e propostas de resolución.

a) Os comités de avaliación, unha vez realizada a avaliación do nivel de desempeño nas actividades principais do posto de traballo de conformidade co establecido na disposición quinta, e valorando a formación continuada cando e na medida que sexa procedente para superar a avaliación, dirixirán a este centro directivo proposta favorable de recoñecemento do grao I respecto aos solicitantes que alcancen os 7 créditos precisos.

Coa dita proposta remitirase certificación sobre a presentación da solicitude en prazo e sobre o cumprimento dos requisitos básicos establecidos na disposición segunda desta resolución.

b) Os comités remitirán á comisión técnica de avaliación (persoal de xestión e servizos e sanitario de formación profesional), con sede nas dependencias deste centro directivo, as solicitudes e documentación anexa nos seguintes supostos:

-Cando o resultado da avaliación do nivel de desempeño nas actividades principais do posto de traballo e da formación continuada non sexa suficiente para alcanzar os 7 créditos e superar a avaliación.

-Cando se trate de solicitantes que se atopen en situacións que impliquen desvinculación da actividade profesional propia da súa categoría.

-Cando se trate de solicitantes que non reúnan os requisitos básicos para o recoñecemento do grao ou se aprecie calquera impedimento para ese recoñecemento.

-Calquera outro suposto en que, por causas debidamente motivadas, consideren que o solicitante non se pode someter ao sistema xeral de avaliación dos propios comités.

c) A comisión técnica de avaliación formulará as súas propostas sobre recoñecemento de grao con base en criterios de xeral aplicación previamente fixados. En todo caso, calquera proposta de desestimación do recoñecemento, baseada nunha avaliación negativa, virá precedida dun período de alegacións habilitado para que o/a profesional presente as alegacións que ache oportunas e/ou o seu currículo profesional.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2008.

Antonio José Fernández Paniagua

Director xeral da División de Recursos Humanos

e Desenvolvemento Profesional