DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 26 de novembro de 2008 Páx. 21.217

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2008, da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se inicia o procedemento para que determinado colectivo de persoal laboral das categorías de diplomados sanitarios do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade e integrado no réxime estatutario polos procesos previstos no Decreto 91/2007 solicite o recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional.

De conformidade coa Orde do 28 de outubro de 2008 (DOG nº 213, do 3 de novembro), o persoal laboral fixo en 31-12-2005, que tivese optado pola súa integración no réxime estatutario, pertencente ás categorías de diplomados sanitarios, poderá acceder ao grao I con efectos do 1 de xullo de 2008, nos termos establecidos no acordo da mesa sectorial do 4 de xullo de 2006, polo que se regula o acceso extraordinario á carreira profesional do persoal diplomado sanitario con vínculo estatutario fixo nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e as bases de negociación do réxime definitivo de carreira profesional, publicado en virtude da Resolución do 28 de xullo de 2006 (DOG nº 115, do 11 de agosto), coas particularidades establecidas no Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade e na citada Orde do 28 de outubro de 2008.

Consonte o disposto na referida orde, corresponde a este centro directivo ditar a resolución de apertura do prazo para a presentación de solicitudes.

En uso desta facultade, esta división

RESOLVE:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto iniciar o procedemento para o acceso ao réxime extraordinario de carreira profesional do persoal das categorías de diplomados sanitarios que resultou integrado no réxime estatutario segundo o previsto no Decreto 91/2007, con apertura do prazo para a presentación de solicitudes, e a documentación acreditativa dos requisitos, para o acceso ao grao I de desenvolvemento profesional.

Segundo.-Ámbito de aplicación e requisitos.

Poderá solicitar o recoñecemento do grao I o persoal laboral fixo do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade en 31 de decembro de 2005, e que resultou integrado no réxime estatutario como consecuencia dos procesos de integración derivados do Decreto 91/2007, das categorías de diplomados sanitarios, que cumpra ou estea en condicións de cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal estatutario fixo, da correspondente categoría e/ou especialidade, obtida a través dos procesos previstos no Decreto 91/2007.

b) Ter prestados polo menos 5 anos de servizos na mesma categoría e/ou especialidade. Para estes efectos computaranse os servizos prestados como persoal laboral nas entidades incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 91/2007, nos termos regulados no acordo de mesa sectorial do 4 de xullo de 2006, publicado en virtude da Resolución do 28 de xullo de 2006 (DOG nº 115, do 11 de agosto). Este requisito acreditarase mediante certificación de servizos prestados emitida polo centro correspondente.

c) Estar en situación de activo ou asimilada, de conformidade co establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco.

d) Obter a avaliación favorable do comité avaliador da respectiva entidade pública ou, de ser o caso, da comisión técnica de avaliación.

Para valorar o cumprimento dos requisitos atenderase á data do 30 de xuño de 2008.

Terceiro.-Prazo de presentación e modelo de solicitude.

Cada profesional deberá cubrir unha única solicitude a través da Oficina Virtual do Profesional (FIDES), axustándose necesariamente ao modelo establecido; unha vez cuberta a solicitude segundo se indica, deberá imprimir copia en papel e presentala, xunto coa documentación relacionada na epígrafe seguinte, a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, advertindo que na folla de solicitude debe figurar o selo de rexistro, quedando os orixinais en poder da Administración e expedindo copia para o interesado. A solicitude deberá dirixirse ao Comité de Avaliación (diplomados sanitarios) da entidade na que prestase servizos na data do 30 de xuño de 2008, e presentarse no prazo que se inicia no día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 31 de xaneiro de 2009.

Cuarto.-Documentación que debe achegarse coa solicitude.

a) Certificado acreditativo de 5 anos de servizos prestados.

Non será preciso presentar certificado de servizos prestados no caso do solicitante que teña prestado no centro de destino actual os 5 anos de servizos requiridos para o acceso. Noutro caso, o solicitante deberá presentar o certificado ou certificados, emitidos polos centros correspondentes, que sexan precisos para completar o dito período.

b) Autoavaliación/relación de méritos.

A autoavaliación/relación de méritos deberá axustarse necesariamente ao modelo que figura na Oficina Virtual do Profesional (FIDES) e deberá ser cuberto e presentado xunto coa solicitude, de conformidade co procedemento establecido na disposición terceira.

O nivel de desempeño da actividade profesional será autoavaliado tendo en conta o posto desempeñado na data do 30 de xuño de 2008 e os servizos prestados nel co límite máximo de 5 anos ata a data de efectos da convocatoria.

c) Documentación acreditativa dos méritos correspondentes ás actividades acreditadas: formación continuada; actividade docente; compromiso coa organización. Deberán xuntarse os diplomas ou certificacións acreditativas correspondentes.

O solicitante poderá achegar a documentación que considere oportuna á vista do baremo, tendo en conta que son precisos 7 créditos para acadar a avaliación favorable.

Non é preciso acreditar todas as actividades realizadas, xa que as futuras resolucións que inicien o prazo para acceder aos sucesivos graos posibilitarán, novamente, a presentación de documentación adicional.

Quinto.-Baremo.

Avaliaranse os seguintes aspectos da actividade e desenvolvemento profesional:

-Cumprimento dos requirimentos básicos profesionais.

-Actividades acreditadas: formación continuada, actividade docente, compromiso coa organización.

A avaliación superarase coa obtención de 7 créditos.

1. Nivel de cumprimento dos requirimentos básicos profesionais (ata 8 créditos).

Para superar a avaliación atenderase, en primeiro lugar, ao nivel de cumprimento dos requirimentos básicos da actividade dos profesionais.

A avaliación será realizada e asinada no espazo correspondente do modelo de autoavaliación -sempre con posterioridade á presentación da solicitude-polo/a correspondente xefe/a, supervisor/a ou coordinador/a, que cualificará o nivel de cumprimento como baixo, normal ou alto; se isto non resulta posible, a avaliación será asinada por un representante da entidade no comité de avaliación.

No proceso de avaliación destes requirimentos atenderase ás peculiaridades do centro de destino e/ou posto desempeñado.

O nivel avaliado de cumprimento outorgaralle ao solicitante as seguintes puntuacións: nivel baixo (6 créditos); nivel normal (7 créditos); nivel alto (8 créditos).

2. Actividades acreditadas (valoraranse ata 5 créditos).

2.1. Formación continuada para a actividade profesional:

Valorarase, en todo caso, a asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación e perfeccionamento acreditados pola Comisión de Formación Continuada do Sistema Nacional de Saúde, ou pola comisión autonómica, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría.

Valoraranse tamén os cursos finalizados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2000, relevantes para o desempeño das correspondentes funcións, que se inclúan nalgún dos seguintes grupos:

-Cursos convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, Inem, Cruz Vermella, colexios oficiais de diplomados sanitarios, organizacións sindicais ou avalados polo Servizo Galego de Saúde.

-Cursos realizados ao abeiro do acordo de formación continua das administracións públicas ou do Plan de formación continua do Servizo Galego de Saúde.

Para a formación universitaria posgraduada non se terá en conta a citada data de referencia (1 de xaneiro de 2000).

Os cursos valoraranse por créditos. De non figuraren créditos, a equivalencia será por cada 10 horas un crédito.

2.2. Actividade docente acreditada:

-Docencia en cursos acreditados para diplomados sanitarios polo sistema acreditador de formación continuada dos profesionais sanitarios: a puntuación resultará dos créditos asignados ao curso, e á correspondente participación individual en número de horas. A equivalencia será por cada 10 horas 1 crédito.

-Docencia de pregrao, posgrao e formación de residentes de especialidades de enfermaría (1 curso = 3 créditos).

2.3. Compromiso coa organización:

Valoraranse as actividades realizadas desde o 1 de xullo de 1995.

-Asistencia e participación en comisións oficiais ou grupos de traballo con funcións que redunden na mellora na prestación do servizo.

-Comisións oficiais (1 crédito por ano de pertenza).

-Grupo de traballo (1 crédito por cada 20 horas, máximo 1 crédito por ano).

-Elaboración de protocolos ou proxectos de mellora (1 crédito por cada actividade ou protocolo).

-Exercicio de funcións de dirección, xefatura, coordinación e supervisión (1 crédito por ano).

-Participación en actividades científicas, comunicacións, relatorios, redes de investigación, publicacións e proxectos de investigación.

-Póster, comunicación e/ou mesa redonda (0,50 créditos).

-Relatorios e/ou publicacións (1 crédito por cada unha).

-Proxecto de investigación (financiado) (5 créditos por cada un).

-Publicar un libro (5 créditos).

Sexto.-Comités de avaliación.

Constituirase un comité de avaliación en cada entidade pública.

Corresponde aos comités avaliar os méritos dos solicitantes adscritos á institución e emitir as propostas de resolución.

Estes comités de avaliación estarán compostos por 12 membros, designados por resolución das direccións dos centros (6 por proposta das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial), segundo se indica a continuación:

-Presidencia: Dirección de Enfermaría ou equivalente.

-Secretario: persoal fixo de xestión e servizos (grupo B ou superior) vinculado á Dirección de Recursos Humanos ou de Xestión da entidade.

-O resto dos membros deberán ser persoal estatutario fixo das categorías de diplomados sanitarios.

Sen prexuízo de que exista un único comité de avaliación, na designación dos seus membros garantirase a participación, cando proceda e na medida que resulte posible para a institución, de profesionais da categoría concreta obxecto de avaliación.

Sétimo.-Proceso de avaliación e propostas de resolución.

a) Os comités de avaliación, unha vez realizada a avaliación do nivel de cumprimento dos requirimentos básicos profesionais de conformidade co establecido na disposición quinta, e valorando a formación continuada cando e na medida que sexa procedente para superar a avaliación, dirixirán a este centro directivo proposta favorable de recoñecemento do grao I respecto aos solicitantes que acaden os 7 créditos precisos.

Coa dita proposta remitirase certificación sobre a presentación da solicitude en prazo e sobre o cumprimento dos requisitos básicos establecidos na disposición segunda desta resolución.

b) Os comités remitirán á Comisión Técnica de Avaliación (diplomados sanitarios), con sede nas dependencias deste centro directivo, as solicitudes e documentación anexa nos seguintes supostos:

-Cando o resultado da avaliación do nivel de cumprimento dos requirimentos básicos profesionais e da formación continuada non sexa suficiente para acadar os 7 créditos e superar a avaliación.

-Cando se trate de solicitantes que, por atoparse en situacións que impliquen desvinculación da actividade asistencial, ou por outras causas debidamente motivadas polas que non poidan someterse ao sistema xeral de avaliación.

-Cando se trate de solicitantes que non reúnan os requisitos básicos para o recoñecemento do grao ou se aprecie calquera impedimento para ese recoñecemento.

-Calquera outro suposto no que, por causas debidamente motivadas, consideren que o solicitante non se pode someter ao sistema xeral de avaliación dos propios comités.

c) A Comisión Técnica de Avaliación formulará as súas propostas sobre recoñecemento de grao con base en criterios de xeral aplicación previamente fixados. En todo caso, calquera proposta de desestimación do recoñecemento, baseada nunha avaliación negativa, virá precedida dun período de alegacións habilitado para que o/a profesional presente as alegacións que considere oportunas e/ou o seu currículo profesional.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2008.

Antonio José Fernández Paniagua

Director xeral da División de Recursos Humanos

e Desenvolvemento Profesional