DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 26 de novembro de 2008 Páx. 21.216

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2008, da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se abre o prazo para que determinado colectivo de persoal laboral das categorías de licenciados sanitarios do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade e integrado no réxime estatutario polos procesos previstos no Decreto 91/2007 solicite o recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional.

De conformidade coa Orde do 28 de outubro de 2008 (DOG nº 213, do 3 de novembro), o persoal laboral fixo en 31-12-2005, que opten pola súa integración no réxime estatutario, pertencente ás categorías sanitarias de licenciados con título de especialista en ciencias da saúde e licenciados sanitarios, poderá acceder ao grao I con efectos do 1 de xullo de 2007, nos termos establecidos no Decreto 155/2005, do 9 de xuño (DOG nº 112, do 13 de xuño), sobre o réxime extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal estatutario das categorías de licenciados sanitarios, coas particularidades establecidas no Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade e na Orde do 28 de outubro de 2008.

Consonte o disposto na referida orde, corresponde a este centro directivo ditar a resolución de apertura do prazo para a presentación de solicitudes.

En uso desta facultade, esta división

RESOLVE:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto iniciar o procedemento para o acceso ao réxime extraordinario de carreira profesional do persoal que resultou integrado no réxime estatutario segundo o previsto no Decreto 91/2007, con apertura do prazo para a presentación de solicitudes, e a documentación acreditativa dos requisitos, para o acceso ao grao I de desenvolvemento profesional.

Segundo.-Ámbito de aplicación e requisitos.

Poderá solicitar o recoñecemento do grao I o persoal laboral fixo do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade en 31 de decembro de 2005, e que resultou integrado no réxime estatutario como consecuencia dos procesos de integración derivados do Decreto 91/2007, pertencente ás categorías sanitarias de licenciados con título de especialista en ciencias da saúde e licenciados sanitarios, e cumpra ou estea en condicións de cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal estatutario fixo, da correspondente categoría e/ou especialidade, obtida a través dos procesos previstos no Decreto 91/2007.

b) Ter prestados polo menos 5 anos de servizos na mesma categoría e/ou especialidade. Para estes efectos computaranse os servizos prestados como persoal laboral nas entidades incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 91/2007, nos termos regulados no Decreto 155/2005, do 9 de xuño (DOG nº 112, do 13 de xuño). Este requisito acreditarase mediante certificación de servizos prestados emitida polo centro correspondente.

c) Estar en situación de activo ou asimilada, de conformidade co establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco, acreditada mediante a certificación a que se fixo referencia no punto b) anterior.

d) Ter participado, nos cinco exercicios inmediatamente anteriores á data da solicitude, nos obxectivos asistenciais, reflectidos nos programas especiais do complemento de produtividade variable da fundación pública sanitaria ou empresa pública na cal estivese prestando servizos, e acreditar o seu cumprimento nun 70% en cada un dos cinco exercicios ou nun 75% de media nos ditos exercicios, sen prexuízo do establecido na disposición terceira. A dita acreditación realizarase mediante certificación do director xerente do centro de que se trate de conformidade coa avaliación efectuada por este concepto.

Para valorar o cumprimento dos requisitos atenderase á data do 30 de xuño de 2007.

Terceiro.-Excepcións en situacións especiais.

Quedan exceptuados da acreditación do requisito a que se refire a alínea d) da disposición segunda os períodos de tempo en que o persoal permanecese nalgunha das seguintes situacións:

a) Situación de servizos especiais a que se refire o artigo 64 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde ou situación equivalente prevista na normativa laboral.

b) Os períodos de permisos sindicais.

c) Excedencia por coidado de familiares.

d) Licenza por maternidade.

e) Incapacidade temporal.

Cando, por razóns da organización do traballo establecida, un profesional non puidese acreditar a súa participación nos programas de obxectivos do complemento de produtividade variable, quedará exonerado do requisito a que se refire a letra d) da disposición segunda desta resolución. Nestes supostos o xerente do centro emitirá certificación acreditativa deste extremo, así como informe detallado da participación do profesional nos resultados da actividade do centro conforme se estableza nas condicións da avaliación.

Cuarto.-Prazo de presentación de solicitudes.

Cada profesional deberá cubrir unha única solicitude a través da Oficina Virtual do Profesional (FIDES), axustándose necesariamente ao modelo establecido; unha vez cuberta a solicitude segundo se indica, deberá imprimir copia dela en papel e presentala a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, xunto coa documentación acreditativa dos requisitos (certificación de servizos prestados e de avaliación dos obxectivos asistenciais), advertindo que na folla de solicitude debe figurar o selo de rexistro, quedando os orixinais en poder da Administración e expedindo copia para o interesado. A solicitude deberá dirixirse á División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde e presentarse no prazo que se inicia o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 31 de xaneiro de 2009.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2008.

Antonio José Fernández Paniagua

Director xeral da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional