DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 26 de novembro de 2008 Páx. 21.215

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 13 de novembro de 2008 pola que se modifica a Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se convocan as subvencións que se poderán outorgar no exercicio 2008 ao abeiro do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, que regula o programa de vivenda en aluguer.

O Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, que regula o programa de vivenda en aluguer, constitúe o marco normativo polo que se regulan as subvencións para o arrendamento e rehabilitación de vivendas desocupadas na nosa comunidade autónoma.

O seu artigo 3.2º dispón que estas subvencións se atenderán a través de convocatorias anuais polas que se cuantificarán as dispoñibilidades orzamentarias que se poidan consignar para cada exercicio.

En cumprimento disto, no DOG nº 1, do 2 de xaneiro de 2008, publicouse a Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se convocan as subvencións que se poderán outorgar no exercicio 2008 ao abeiro do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, que regula o programa de vivenda en aluguer. Nesta orde fixáronse os importes e as partidas orzamentarias para atender as subvencións ao arrendamento e as subvencións para rehabilitación de vivendas e posterior arrendamento.

Á vista da execución orzamentaria realizada nesas partidas xunto coa previsión de gastos que se efectuarán nelas ata finais do exercicio resulta un remanente que cómpre utilizar para outros fins da consellería. Polo tanto procede minorar os créditos previstos para o ano 2008 para atender as subvencións do programa de vivenda en aluguer. A prol da eficiencia administrativa na execución do gasto e en virtude das competencias que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e a súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación da Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se convocan as subvencións que se poderán outorgar no exercicio 2008 ao abeiro do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, que regula o programa de vivenda en aluguer,

Un.-Modifícanse os puntos 3º e 4º do artigo 1 no que se refire á dispoñibilidade económica:

3. O importe máximo das subvencións ao arrendamento que se poderán outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2008 será de 3.615.540,89 € e dentro do exercicio orzamentario de 2009 será de 3.906.968,46 €.

4. O importe máximo das subvencións para a rehabilitación de vivendas e posterior arrendamento que se poderá outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2008 será de 940.000 €.

Dous.-Modifícase o artigo 3 no que se refire ao importe máximo das subvencións que se poderán outorgar nos procedementos de concesión dos meses de novembro e decembro do ano 2008, que será de 425.320,54 € no exercicio orzamentario de 2008 e 2.000.116,64 € no exercicio orzamentario de 2009.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2008.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo