DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 26 de novembro de 2008 Páx. 21.209

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 3 de novembro de 2008 pola que se convoca a realización de probas para a obtención dos certificados de profesionalidade en determinadas ocupacións para aquelas persoas que participaran nas probas de certificación convocadas nos anos 2006 e/ou 2007 e que teñan acreditada algunha unidade de competencia das que consta o correspondente certificado de profesionalidade.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece no número 1º do artigo 2 que o Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional ten como un dos seus principios a avaliación e acreditación das correspondentes competencias profesionais de forma que se favoreza o desenvolvemento profesional e social das persoas e se cubran as necesidades do sistema produtivo.

Por outra banda, o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, establece no seu artigo 2 e) que unha das súas finalidades será a de promover que as competencias profesionais adquiridas polos traballadores tanto a través de procesos formativos (formais e non formais) coma da experiencia laboral, sexan obxecto de acreditación.

O Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, na súa disposición transitoria cuarta dispón que mentres non se aprobe a normativa de desenvolvemento do artigo 8.2º da Lei orgánica 5/2002, relativa ao procedemento para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación (actualmente sen aprobar) continuarán vixentes as disposicións relativas ás probas de certificación contidas no Real decreto 1506/2003, do 28 de novembro, polo que se establecen as directrices dos certificados de profesionalidade e, polo tanto, poderanse seguir realizando convocatorias de probas para a obtención dos certificados de profesionalidade ao amparo deste, así como da Orde TAS/470/2004, do 19 de febreiro, que o desenvolve.

Os certificados de profesionalidade acreditan con carácter oficial as competencias profesionais que capacitan para o desenvolvemento dunha actividade laboral con significación no emprego. Tales competencias deberán estar referidas ás unidades de competencia das cualificacións profesionais do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

Nestes momentos estase a levar a cabo unha actualización do repertorio nacional de certificados de profesionalidade, que permitirá contar con novos certificados de profesionalidade que xa terán como base o Catálogo Nacional de Cualificacións e que suporá a derrogación dos actualmente vixentes.

As convocatorias realizadas na nosa comunidade autónoma nos anos 2006 e 2007 realizáronse baseándose en ocupacións cuxo certificado de profesionalidade vai sufrir esta actualización. Esta nova convocatoria ten como finalidade permitirlles completar o certificado de profesionalidade a aquelas persoas que, participando en convocatorias anteriores, só obtiveran unha acreditación parcial deste.

Por iso, en virtude do Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica e a distribución de competencias da Consellería de Traballo e consultados o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego de Formación Profesional, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar probas, en determinadas ocupacións, para a obtención dun certificado de profesionalidade ou para a acreditación parcial dunha ou varias das súas unidades de competencia

Unicamente poderán inscribirse nestas probas as persoas que participaron nas convocatorias dos anos 2006 e/ou 2007, e obtiveron a acreditación dalgunha das unidades de competencia que conforman o certificado de profesionalidade.

A inscrición só poderá realizarse para aquelas unidades de competencia en que foran admitidos/as nas anteriores convocatorias.

Artigo 2º.-Certificados de profesionalidade, unidades de competencia e centros.

As ocupacións obxecto da devandita convocatoria serán as de chapista-pintor de vehículos, axustador mecánico, traballador forestal, xardineiro, electrónico de mantemento, mecánico de vehículos lixeiros e auxiliar de axuda a domicilio.

No anexo I recóllense as unidades de competencia pertencentes a cada certificado de profesionalidade que poden ser susceptibles de certificación individual así como os centros onde se levarán a cabo estas probas.

Artigo 3º.-Requisitos para acceder á realización das probas.

Por tratarse de persoas que xa participaron en anteriores convocatorias, e dado que toda a súa documentación está na Dirección Xeral de Formación e Colocación, os interesados unicamente deberán presentar para acceder á realización das probas:

-A solicitude no modelo normalizado que figura no anexo II desta orde.

-Aboar unha taxa de 32 euros da que quedan exentas as persoas traballadoras inscritas como desempregadas nas oficinas de emprego ou aquelas que acrediten unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 por cento. No caso da persoa desempregada deberá acreditar esta situación cunha copia compulsada da tarxeta de demanda de emprego, en situación de desemprego e no caso de discapacidade co certificado ou resolución do organismo competente que acredite a devandita discapacidade.

O pagamento da taxa deberase realizar a través do impreso de autoliquidación en calquera das entidades financeiras colaboradoras na recadación de taxas e de prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, ou ben a través da oficina virtual tributaria da Consellería de Economía e Facenda, nas entidades financeiras actualmente autorizadas. Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de aboar a taxa, que será presentado coa solicitude.

En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.

Para cubrir correctamente o referido impreso é necesario consignar os seguintes datos:

Consellería de Traballo: código 17.

Delegación de Servizos Centrais: código 13.

Servizo de Secretaría Xeral: código 01.

Taxa: denominación participación nas probas para a obtención de certificados de profesionalidade: Código 304200.

Artigo 4º.-Solicitude de acceso ás probas.

1. A solicitude para participar nas probas deberá formalizarse a través do modelo que figura no anexo II, no prazo de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Boletín Oficial del Estado.

2. A solicitude poderá presentarse no rexistro da Consellería de Traballo, así como por calquera das formas establecidas polo artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A solicitude deberá realizarse soamente para aquelas unidades de competencia para as que foron admitidos/as nas anteriores convocatorias e que non superaron.

Artigo 5º.-Admisión de candidatos e candidatas.

1. A relación provisional das persoas admitidas quedará exposta no taboleiro de anuncios do centro onde se vai realizar a proba e na páxina web http://traballo.xunta.es, no prazo máximo dun mes dende a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. As persoas aspirantes poderán presentar emenda dos erros indicados na devandita relación provisional no prazo de 10 días, no mesmo centro, así como por calquera das formas establecidas polo artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común

3. A relación definitiva de persoas admitidas publicarase no taboleiro de anuncios do centro e na páxina web http://traballo.xunta.es.

4. Ante esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Traballo no prazo dun mes desde a publicación da relación definitiva.

5. Aqueles aspirantes que non figuren na lista de admitidos poderán solicitar a devolución das taxas aboadas para a participación nas probas de acceso, de acordo co modelo que figura no anexo III, ata o prazo máximo dun mes desde o día seguinte ao da publicación das listas definitivas de admitidos.

Artigo 6º.-Axudas e compensacións económicas.

1. As persoas participantes nas probas terán cuberto o risco de accidente derivado da asistencia a estas.

2. No caso de persoas desempregadas, terán dereito á obtención das axudas de transporte, aloxamento e manutención. Os seus importes serán os establecidos para os alumnos/as participantes no Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional regulado polo Real decreto 631/1993, do 3 de maio, e no artigo 17 da Orde ministerial do 13 de abril de 1994, modificada pola Orde TAS/466/2002, do 11 de febreiro.

Artigo 7º.-Comisións de avaliación.

1. Para cada ocupación a Dirección Xeral de Formación e Colocación nomeará comisións de avaliación.

2. Cada comisión de avaliación estará composta por tres profesionais expertos cunha experiencia laboral de polo menos cinco anos na ocupación nos últimos 10 anos, dos cales ata dous poderán acreditarse a través da docencia nesta.

En todo caso, estes expertos deberán estar en exercicio, polo menos un deles non debe de ser docente e un deles actuará como presidente.

3. Cada comisión contará, ademais, cun secretario/a designado/a pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, sen voto, encargado/a de destruír os cadernos das probas aplicadas e de remitir a acta á Administración convocante para que incorpore os resultados ao Rexistro Territorial e ao Rexistro Xeral do Servizo Público de Emprego Estatal.

4. As comisións de avaliación terán as seguintes funcións:

-Aplicar aos aspirantes as probas de certificación.

-Redactar a acta final das probas, que deberá estar asinada por todos os membros da comisión de avaliación e na cal constará a relación de aspirantes que participaron nas devanditas probas e a súa cualificación de apto ou non apto para cada unha das unidades de competencia do certificado de profesionalidade correspondente.

5. Os membros das comisións de avaliación recibirán, como compensación económica pola asistencia efectiva a estas, as cantidades que se fixan no anexo VI da Orde TAS /470/2004, do 19 de febreiro.

Artigo 8º.-Características das probas.

1. O contido da proba terá como referente o real decreto polo que se establece o certificado de profesionalidade da ocupación correspondente, recollido no anexo I.

2. Realizarase unha proba teórica e outra práctica para cada unha das unidades de competencia que compoñen os certificados de profesionalidade obxecto desta convocatoria.

3. As probas conterán en todo caso os contidos necesarios que permitan evidenciar que o aspirante acadou as distintas competencias que se especifican no certificado de profesionalidade ou na unidade de competencia correspondente.

Artigo 9º.-Calendario de celebración das probas.

O calendario de celebración das probas para cada certificado de profesionalidade farase público no taboleiro de anuncios de cada un dos centros que teña asignado a realización da proba e na páxina web http://traballo.xunta.es, no prazo máximo dun mes desde a publicación das listaxes definitivas de admitidos e excluídos.

Artigo 10º.-Publicación dos resultados das probas.

1. A comisión de avaliación publicará os resultados da avaliación no taboleiro de anuncios do centro onde se realizase a proba e na páxina web http://traballo.xunta.es, de maneira que sexa facilmente accesible a todos os interesados. Contra os resultados provisionais desta avaliación poderán presentarse reclamacións ante a comisión de avaliación no prazo de 10 días.

2. A cualificación definitiva das probas publicarase no taboleiro de anuncios do centro e na páxina web http://traballo.xunta.es

3. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación no prazo dun mes contado desde a publicación das cualificacións definitivas.

Artigo 11º.-Expedición e rexistro.

1. O certificado de profesionalidade expedirase a aquelas persoas que superen a totalidade das probas correspondentes a todas as unidades de competencias das que consta o certificado de profesionalidade correspondente.

2. A avaliación positiva dunha ou varias unidades de competencia dará dereito á súa acreditación a través de créditos ocupacionais.

3. A expedición dos certificados de profesionalidade e dos créditos ocupacionais correspóndelle á Consellería de Traballo e terá validez en todo o Estado.

4. No Instituto Galego das Cualificacións da Consellería de Traballo existirá un rexistro onde se inscribirán os créditos ocupacionais e os certificados de profesionalidade.

Artigo 12º.-Identificación do crédito orzamentario.

O financiamento das accións realizadas no marco desta orde, serán cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e a Administración xeral do Estado, e farase con cargo á aplicación orzamentaria 16.03.321A.229.

Disposición adicional

En todo o non previsto nesta disposición, será de aplicación o Real decreto 1506/2003, do 28 de novembro, polo que se establecen as directrices para a obtención dos certificados de profesionalidade e a Orde TAS/470/2004, do 19 de febreiro, pola que se desenvolve o anterior real decreto; en virtude do disposto na disposición transitoria cuarta do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación para ditar as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no BOE.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

Ver referencia pdf "23000D006P017.PDF"

Ver referencia pdf "23000D007P023.PDF"