DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 26 de novembro de 2008 Páx. 21.199

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 25 de novembro de 2008 pola que se ditan normas para garantir os servizos mínimos de limpeza en edificios e locais durante a folga convocada con carácter indefinido na provincia de Pontevedra.

A folga dos traballadores do sector de limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra, convocada o día 17 de novembro con carácter indefinido, motivada pola negociación do convenio colectivo do sector, está afectando servizos esenciais da comunidade cuxa prestación é necesario garantir de acordo co artigo 28.2º da Constitución e o artigo 10.2º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo.

O carácter de servizo público esencial concorre naquelas actividades que se prestan desde o sector público ou privado e cuxo mantemento resulta indispensable para garantir o exercicio de dereitos fundamentais da persoa. Esta folga afecta un servizo de interese xeral para a cidadanía, como é o mantemento das condicións de salubridade, en canto medio indispensable para a satisfacción de bens e dereitos constitucionalmente protexidos como son, entre outros, o dereito á protección da saúde previsto no artigo 43 da Constitución española.

A natureza, características e extensión da folga de limpeza imposibilitan a previsión de todos aqueles servizos esenciais que puidesen resultar afectados na hipótese non desexable dunha folga prolongada, polo que esta orde, xa que os servizos mínimos nos centros sanitarios foron previamente fixados pola Orde do 9 de outubro de 2008 publicada no DOG do 13 de outubro, se limita a atender determinados supostos de necesidade inminente, que se motivan a continuación, sen prexuízo da súa posterior modificación en función das circunstancias concorrentes.

Nas actividades de carácter asistencial, os servizos que se prestan nestes centros atenden ao mandato constitucional de garantir o benestar e unha atención especializada aos seus destinatarios, mocidade e persoas dependentes, de acordo cos artigos 49 e 50 da Constitución, polo que o mantemento das debidas condicións de salubridade e hixiene resultan precisos para garantir aos destinatarios do servizo o seu dereito á protección da saúde.

No ámbito da educación a necesidade de garantir o dereito á saúde nos centros educativos, tanto universitarios como non universitarios, fundamenta a fixación destes servizos mínimos, sen alcanzar os niveis normais de actividade, en especial en comedores, cociñas e instalacións hixiénico sanitarias, co obxectivo de evitar a proliferación de focos de infección e a propagación de xermes.

En materia de transportes, a actividade de limpeza que se realiza nas estacións de viaxeiros ou centros de transporte público, ten o carácter de servizo esencial ao ser o medio indispensable para a satisfacción de dereitos e bens constitucionalmente protexidos, como son o traballo, á actividade produtiva, e o de trasladarse dun lugar a outro consonte o artigo 139 da Constitución, nas debidas condicións de salubridade e hixiene.

Nos edificios da Comunidade Autónoma de Galicia que son necesarios para o desenvolvemento da actividade da Administración e dos seus cidadáns nas súas relacións con aquela, e que deben manterse en mínimas condicións de salubridade.

No ámbito da xustiza debe garantirse a prestación ao público dos servizos de carácter esencial, polo que os edificios xudiciais deben manterse en condicións axeitadas para o exercicio deste dereito fundamental.

O establecemento dos servizos mínimos realízase respectando a normativa vixente e tendo en conta a duración indefinida da folga e a doutrina do Tribunal Constitucional, establecida nas sentenzas números 11/1981, do 8 de abril; 26/1981, do 17 de xullo, e 27/1989, do 3 de febreiro, sobre o exercicio do dereito de folga e as súas limitacións.

O exercicio do dereito de folga na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño). O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

En consecuencia, e de acordo co establecido no parágrafo 5º.2 do Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia aprobado polo Decreto 111/1984, do 25 de maio, e por iniciativa da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, por proposta da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e dada audiencia ao comité de folga que non compareceu,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A convocatoria de folga realizada polos sindicatos CIG-Servizos, CC.OO. e UGT a partir do día 17 de novembro de 2008 ás 00.00 horas, durante toda a xornada laboral e con carácter indefinido que afectará todos/as os traballadores/as das empresas encadradas no convenio provincial de limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra, deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura dos servizos esenciais, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos aos usuarios.

a) Centros educativos: 50% do persoal.

b) Centros socio asistenciais: 50% do persoal.

c) Centros de transporte de viaxeiros: 50% do persoal.

d) Xustiza: 50% do persoal.

Artigo 2º

A determinación dos/as profesionais necesarios deberá estar motivada convenientemente. A xustificación debe constar nos expedientes de determinación de mínimos dos centros e debe exteriorizarse adecuadamente para xeral coñecemento dos/as destinatarios/as. Deberá quedar constancia nestes dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas.

Os/as profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios dos centros.

Artigo 3º

A designación nominal, que deberá recaer nos/as profesionais de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada aos/ás profesionais designados/as. O/a profesional así designado que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outra persoa que voluntariamente acepte o cambio de maneira expresa.

Artigo 4º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios de cada centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 5º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza