DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Xoves, 20 de novembro de 2008 Páx. 20.936

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 5 de novembro de 2008 pola que se modifica a Orde do 7 de abril de 2008 pola que se regula a composición e o funcionamento do Comité Asesor de Habitabilidade.

Publicada no Diario Oficial de Galicia nº 71, do 14 de abril de 2008, a Orde do 7 de abril de 2008 pola que se regula a composición e o funcionamento do Comité Asesor de Habitabilidade, modificada pola Orde do 27 de xuño de 2008 (DOG nº 136, do 15 de xullo) estímase a conveniencia de modificar a súa composición, polo que procede modificar os artigos 7 e 8 da devandita orde.

Tendo en conta que o artigo 5 e a disposición derradeira primeira do Decreto 262/2007, do 20 de decembro, polo que se aproban as normas do hábitat galego dispoñen que compete ao titular da Consellería de Vivenda e Solo a determinación da composición do Comité Asesor de Habitabilidade, e en virtude das atribucións que me outorga o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Artigo un.-Modifícase o artigo 7.1º da Orde do 7 de abril de 2008 pola que se regula a composición e o funcionamento do Comité Asesor de Habitabilidade. Dase unha nova redacción á letra g) e engádese unha nova letra i) do seguinte teor:

«g) Dous arquitectos de recoñecido prestixio e coñecemento en materia de habitabilidade, designados polo titular da consellería con competencias en materia de vivenda.

i) Un representante do Consello Galego dos Colexios de Aparelladores e Arquitectos técnicos de Galicia».

Artigo dous.-Modifícase o artigo 8.1º da Orde do 7 de abril de 2008 pola que se regula a composición e o funcionamento do Comité Asesor de Habitabilidade que quedará redactado do seguinte teor:

8.1 A Secretaría do Comité Asesor de Habitabilidade será exercida polo/a titular da Xefatura de Sección de Arquitectura e Habitabilidade, que actuará con voz pero sen voto».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2008.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

c) SUBSTITUCIÓNS PRESIDENCIA