DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Mércores, 19 de novembro de 2008 Páx. 20.874

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 4 de novembro de 2008 pola que se establecen as materias que se imparten e as especialidades do profesorado dos centros de ensino pesqueiro e se regula a equivalencia para efectos de docencia e o procedemento para a cobertura temporal de prazas de profesores numerarios e mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros.

A Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ao servizo da Xunta de Galicia, crea escalas de profesores numerarios e mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, establecendo os requisitos xerais de titulación para o acceso a cada unha delas.

Ademais, a disposición transitoria segunda do Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira, habilita a Consellería de Pesca e Asuntos marítimos para aprobar as titulacións requiridas para os efectos de equivalencia para as materias que deben impartir os profesores numerarios e mestres de taller das escalas citadas.

En uso desa habilitación normativa e para dar cobertura aos postos vacantes que se producían nos centros mediante a contratación de profesores interinos polo procedemento de cobertura temporal regulado no Decreto 252/1992, do 30 de xullo, publicouse a Orde do 22 de novembro de 1995, pola que se regulan as titulacións equivalentes para os efectos de docencia para o acceso ás escalas de profesores numerarios e mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros e se establecen as titulacións necesarias para o desempeño de postos en réxime de interinidade.

Como no tempo transcorrido se produciron importantes cambios na oferta formativa destes centros, coa xeneralización dos novos ciclos formativos de estrutura modular establecidos na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, e regulados no Decreto 239/1995, procede revisar aquela orde, de maneira que se axusten os requisitos de titulación exixibles ás materias realmente impartidas neste momento e recollidos nos decretos que regulan os currículos de cada título.

Por outro lado, no que se refire á elaboración de listas para a cobertura temporal de vacantes por persoal interino ao abeiro dos decretos que regulan o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios, resulta necesario articular un sistema que garanta a especialización e a suficiencia docente dos aspirantes seleccionados para integrar as ditas listas, tendo en conta que, de acordo coa Lei 12/1992, do 9 de novembro, para o acceso ás escalas de profesores numerarios e mestres de taller, só é preciso un nivel de titulación xenérico, e que, en principio, segundo a devandita lei en relación cos precitados decretos, para a inclusión nas listas non resulta imprescindible estar en posesión de titulacións específicas.

O anterior non constitúe un problema no caso daqueles candidatos que acrediten a superación de todos os exercicios da fase da oposición correspondente, xa que iso supón a garantía de que, independentemente da titulación académica que posúan, teñen a capacidade e coñecementos especializados para acometer a función que deben desempeñar.

Porén, parece preciso, naqueles casos en que os posibles candidatos non teñan superada a totalidade das probas da fase de oposición, exixir aos aspirantes estar en posesión de titulacións específicas que garantan, nestes casos, que o persoal seleccionado reúne as condicións de coñecemento e competencia especializada para a súa función docente concreta.

En virtude disto, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, das normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Materias impartidas e especialidade do profesorado.

1.1. As materias que terán que impartir os profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros son as que se recollen no anexo l, onde se indica a correspondencia coa especialidade do profesorado que as imparte.

1.2. As materias que terán que impartir os mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros son as que se recollen no anexo II, onde se indica a correspondencia coa especialidade do profesorado que as imparte.

1.3. A impartición dunha determinada materia suporá a adscrición do profesor numerario ou mestre de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros á especialidade que corresponda.

Por necesidades docentes poderá exixírselle ao devandito persoal a impartición doutras materias da mesma especialidade.

Artigo 2º.-Equivalencia para os efectos de docencia.

En relación co disposto nos artigos 3.3º e 4.3º da Lei 12/1992, decláranse equivalentes para os efectos de docencia as titulacións que se expresan no anexo III.

Artigo 3º.-Desempeño de postos en réxime de interinidade.

3.1. Para o desempeño de postos de profesores e mestres de taller en réxime de interinidade acudirase ao procedemento de listas regulado no decreto ou decretos e, de ser o caso, normas concordantes, que regulan o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios.

3.2. Para cada unha das especialidades ou materias, segundo o caso, das escalas de profesores numerarios e mestres de taller, elaboraranse listas para a cobertura temporal de postos de traballo das distintas especialidades ou materias, de conformidade coa normativa sinalada no punto anterior.

3.3. Para a elaboración das listas polo procedemento indicado, deberá exixírselles aos aspirantes que se inscriban que estean en posesión dalgunha das titulacións consideradas como idóneas para a especialidade ou materia de que se trate, de acordo co anexo IV desta orde. Da posesión destas titulacións estarán exceptuados os aspirantes que acrediten ter superadas todas as probas da fase de oposición do último proceso selectivo realizado para o acceso ás escalas dentro da especialidade ou materia correspondente á lista en que soliciten a súa inscrición.

Disposicións transitorias

Primeira.-A equivalencia e correspondencia entre as materias técnicas reguladas na Orde do 22 de novembro de 1995 e as establecidas nesta son as sinaladas no anexo V.

Segunda.-Os profesores de materias comúns que non teñan correspondencia ou equivalencia coas reguladas nesta orde realizarán a súa función docente en programas formativos que requiran esas titulacións, se ben poderán adquirir a habilitación necesaria para incorporarse ás materias afíns do novo organigrama educativo de acordo co seu perfil académico ou mediante os cursos que a autoridade educativa determine.

Disposición adicional

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos poderá aprobar a ampliación, supresión ou modificación das materias, especialidades e titulacións contidas nos anexos I, II, III, IV e V de conformidade coas modificacións que se produzan nos plans de estudos ou oferta formativa destes centros.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 22 de novembro de 1995, pola que se regulan as titulacións equivalentes para efectos de docencia para o acceso ás escalas de profesores numerarios e mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros e se establecen as titulacións necesarias para o desempeño de postos en réxime de interinidade.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "22500D002P010.PDF"