DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Mércores, 19 de novembro de 2008 Páx. 20.872

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 257/2008, do 23 de outubro, polo que se crea a Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo e se desenvolven a súa estrutura orgánica e funcións.

O artigo 2.1° do Decreto 224/2006, do 30 de novembro, polo que se regulan as delegacións da Xunta de Galicia no exterior, establece que as delegacións da Xunta de Galicia no exterior son unidades administrativas radicadas fóra do territorio do Estado español, creadas por medio de decreto do Consello da Xunta de Galicia, por iniciativa da súa Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, e logo do informe preceptivo da súa oportunidade e das necesidades operativas, solicitado polas consellerías e entidades con competencias materiais susceptibles de proxección internacional.

Logo de solicitar os preceptivos informes anteriormente referidos, e unha vez que as necesidades operativas e as razóns de oportunidade quedaron acreditadas no expediente, cómpre crear a Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo, tendo en conta que a República Oriental do Urugai e, máis concretamente, a cidade de Montevideo constitúen un dos principais polos de asentamento da colonia procedente da emigración galega, o que determinou o compromiso da Xunta de Galicia de establecer na referida cidade unha delegación e cubrir, mentres non se fixese efectiva esta, as funcións propias dela desde a Delegación da Xunta en Bos Aires.

A delegación estrutúrase nunha secretaría e en distintas áreas funcionais, de acordo co disposto no artigo 4.2º do devandito decreto, que sinala que as delegacións se estruturarán nas áreas funcionais que se establezan no seu decreto de creación, respectándose, en todo caso, o principio de unidade de acción.

Na súa virtude, por iniciativa da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e co informe dos departamentos afectados e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de outubro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a creación da Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo, (República Oriental do Uruguai), a aprobación da súa estrutura orgánica e o desenvolvemento das súas normas de funcionamento.

Artigo 2º.-Estrutura orgánica.

2.1. A Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo é a unidade administrativa da Xunta de Galicia, adscrita á Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, á que se lle atribúe a execución das funcións establecidas no artigo 3 do Decreto 224/2006, do 30 de novembro, polo que se regulan as delegacións da Xunta de Galicia no exterior. A súa área xeográfica de actuación será o territorio da República Oriental do Uruguai, sen prexuízo das actuacións que especificamente se lle atribúan por resolución da Secretaría de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, como encomenda de xestión a desenvolver noutros países da rexión.

2.2. Á fronte da delegación haberá un delegado ou delegada nomeado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por iniciativa da persoa titular da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores.

Ao delegado ou delegada corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A dirección da delegación.

b) A xefatura do persoal.

c) O exercicio das competencias que lle sexan delegadas ou encomendadas, así como velar polo cumprimento das directrices emanadas da Xunta de Galicia, transmitidas a través da súa Secretaría Xeral de Relacións Exteriores.

d) Establecer as normas internas de funcionamento de acordo coas instrucións que, para tal efecto, dite con esta finalidade aquela secretaría xeral.

2.3. Secretaría da delegación. Baixo a autoridade e supervisión do delegado ou delegada, correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) As relativas ao réxime interior.

b) As de tramitación administrativa.

c) Xestión do persoal.

d) A supervisión do emprego dos medios materiais adscritos á delegación.

e) Se é o caso, coordinación das áreas funcionais e desenvolvemento daquelas actuacións que queden fóra delas.

f) A información ao público.

g) A elaboración do borrador de orzamentos da delegación.

h) A administración, control contable e xustificación dos créditos que se lle asignen á delegación, así como ser contadante das contas xustificativas dos libramentos de fondos para xustificar.

i) Prestarlle asesoramento e asistencia técnica e administrativa ao delegado ou delegada e a súa substitución nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

j) A xestión da oficina de rexistro da Xunta de Galicia na delegación.

2.4. A Secretaría Xeral de Relacións Exteriores dotará á delegación do persoal necesario para o desenvolvemento das funcións que lle son propias.

Estarán incorporados á delegación os/as empregados/as públicos ao servizo da Xunta de Galicia e organismos autónomos desprazados nela para o desenvolvemento de tarefas específicas non atribuídas a un posto de traballo permanente na delegación.

O persoal desprazado pola Xunta de Galicia e os organismos autónomos dela dependentes será coordinado por quen ostente a titularidade da delegación.

A dita incorporación deberá contar con informe da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores en función das dispoñibilidades da delegación e do programa de traballo. O persoal desprazado colaborará en todo caso nos traballos da delegación que lle fosen encomendados.

2.5. As funcións relacionadas coa oficina de rexistro implicarán:

a) A dirección, seguimento e control do rexistro xeral da delegación, así como a súa coordinación cos demais rexistros oficiais da Administración autonómica.

b) A recepción de solicitudes, escritos e comunicacións presentadas polos particulares e a expedición dos correspondentes recibos de presentación.

c) A anotación dos asentos de entrada e saída das solicitudes, escritos e comunicacións.

d) A remisión de solicitudes, escritos e comunicacións aos órganos e unidades administrativas.

e) A emisión de certificacións das solicitudes, escritos e comunicacións que se presentasen.

f) A información ao público.

g) Calquera outra que se lle atribúa legal ou regulamentariamente, singularmente as establecidas no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

Artigo 3º.-Áreas funcionais.

A Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo, para o desenvolvemento das súas funcións, e baixo as directrices dos distintos departamentos con competencias materiais, estruturarase nas seguintes áreas funcionais, respectándose, en todo caso, o principio de unidade de acción:

-Atención á cidadanía. Esta área abranguerá a información, asesoramento e atención a descendentes de galegos que carezan da nacionalidade española.

-Lingua e cultura galegas.

-Relacións económicas.

-Cooperación ao desenvolvemento.

Artigo 4º.-Retribucións.

4.1. As retribucións do delegado ou delegada axustaranse ás previsións das leis anuais de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

4.2. De acordo co previsto no artigo 4.3º do Decreto 224/2006, do 30 de novembro, polo que se regulan as delegacións da Xunta de Galicia no exterior, procede fixar unha indemnización para os altos cargos e os/as empregados/as públicos desprazados na Delegación de Montevideo.

A indemnización será o resultado da multiplicación das súas retribucións íntegras, excluíndo os trienios, por un módulo compensatorio de equiparación do poder adquisitivo e da calidade de vida.

O módulo de equiparación do poder adquisitivo e calidade de vida para os altos cargos e empregados públicos da Administración da Xunta de Galicia desprazados nas delegacións da Xunta de Galicia en Montevideo queda fixado en 0,65.

O dito módulo verá incrementado o seu valor nos seguintes casos:

-Vivenda. No caso de que a Administración non lle proporcione vivenda ou aloxamento no exterior ao dito persoal, o módulo incrementarase cun 0,10.

-Desprazamento e residencia da unidade familiar. No caso de convivencia do/a cónxuxe ou parella de feito, e persoas dependentes ao seu cargo que se despracen co persoal antedito ao lugar de destino, o módulo incrementarase en 0,05 por cada membro da unidade familiar, excluído o alto cargo ou funcionario.

No caso de que ambos os dous cónxuxes ou parella de feito estivesen desprazados na delegación, non poderá computarse para os efectos do incremento do valor do módulo por cuestións familiares o correspondente ao cónxuxe ou parella de feito.

Artigo 5º.-Xestión orzamentaria e contratación.

5.1. De acordo co establecido no artigo 77 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e as súas normas de desenvolvemento que regulan a expedición de ordes de pagamento para xustificar, libraranse os pertinentes fondos ao/á habilitado/a da delegación, quen os xestionará, comprobará e xustificará consonte o disposto nela. Con cargo a estes fondos pagaranse as obrigas que se poidan contraer nos capítulos II e VI dos orzamentos xerais da comunidade autónoma que teñan a natureza de gasto menor segundo as normas de contratación pública, así como as contraídas no capítulo 1. Así mesmo, poderán realizarse pagamentos por habilitación en firme no concernente aos capítulos II e VI, liberándose os pertinentes fondos ao habilitado da delegación, quen do mesmo xeito os xestionará, comprobará e xustificará.

5.2. Os pagamentos en firme por contía superior ás establecidas como gastos menores en materia de contratación pública seguirán o procedemento fixado.

Para os efectos do pagamento en firme dos gastos derivados da adquisición de bens e servizos e de investimentos reais, o delegado ou delegada elevaralle a correspondente memoria de necesidades, proxecto de clausulado do contrato, prescricións técnicas e orzamento detallado ao secretario xeral de Relacións Exteriores, que ordenará a instrución do pertinente procedemento de contratación no estranxeiro. Autorizado o expediente, o delegado ou delegada solicitará ofertas a tres empresas cualificadas e remitirallas ao órgano xestor para que resolva a adxudicación, logo da súa fiscalización pola Intervención Delegada. Unha vez executada a obra, a súa realización será certificada por técnico/a competente.

Pola súa vez, entregada a subministración ou prestado o servizo, a recepción daquela ou a certificación da realización dos servizos efectuaraos o delegado ou delegada, que lle remitirá as actas ou certificados, xunto coas correspondentes facturas, ao órgano competente para que propoña o seu pagamento á Consellería de Economía e Facenda.

Disposición adicional

Única.-Modifícase o artigo 2.2.1., no seu inciso final, do Decreto 157/2007, do 26 de xullo, quedando redactado do seguinte xeito: «A súa área xeográfica de actuación será a República Arxentina».

Disposición transitoria

Única.-Mentres non tome posesión o delegado ou delegada da Xunta de Galicia en Montevideo, o delegado ou a delegada da Xunta de Galicia en Bos Aires asumirá as competencias previstas neste decreto.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o/a titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para adoptar, por proposta do/da titular da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, as medidas necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de outubro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza