DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Luns, 17 de novembro de 2008 Páx. 20.735

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de novembro de 2008 pola que se determinan as materias optativas das ensinanzas profesionais de danza establecidas polo Decreto 204/2007, do 11 de outubro.

O Real decreto 85/2007, do 26 de xaneiro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo das ensinanzas profesionais de danza reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, determina no seu artigo 5.4º que as administracións educativas establecerán o currículo das ensinanzas profesionais de danza e o seu horario, de acordo co artigo 6 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Pola súa parte, o Decreto 204/2007, do 11 de outubro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais do réxime especial de danza, dispón no seu artigo 8 que as materias optativas terán como finalidade complementar o currículo das ensinanzas profesionais, que lle corresponde á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a ordenación das materias optativas que serán de oferta obrigatoria para os centros e que os centros poderán incluír materias optativas, consonte co que para tales efectos estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en función das especialidades.

Nesta liña, esta orde ten por finalidade regular a oferta e determinar a natureza das materias optativas, que son as que lle permiten ao alumnado participar activamente na configuración do seu currículo académico, así como ir acoutando o seu perfil profesional cara ao nivel de especialización definitiva que terá lugar no grao superior destas ensinanzas.

En consecuencia, e de acordo co establecido na disposición derradeira primeira do Decreto 204/2007, do 11 de outubro, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é regular a oferta das materias optativas das ensinanzas profesionais de danza dispostas no artigo 8 do Decreto 204/2007, do 11 de outubro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de danza.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación en todos os centros autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para impartir as ensinanzas profesionais de danza.

Artigo 3º.-Natureza e condicións de elección das materias optativas.

Son materias optativas as que completan o perfil profesional do alumnado e, polo tanto, inciden nos diferentes aspectos curriculares relacionados coa súa especialidade. Estas materias poderanse escoller dentro da oferta específica do centro en que se matricule.

Artigo 4º.-Catálogo xeral.

As materias optativas das ensinanzas profesionais de danza que se establecen para a Comunidade Autónoma de Galicia e as descricións dos seus contidos recóllense no anexo desta orde.

Artigo 5º.-Materias optativas propias de centro.

1. Ademais das materias a que se fai referencia no artigo anterior, cada centro educativo poderá propoñer outras para o seu catálogo específico, que deberán ser autorizadas pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais. Os seus currículos deberanse axustar aos obxectivos xerais do grao profesional das ensinanzas de danza establecidos no Decreto 204/2007, do 11 de outubro, e non poderán incluír contidos que formen parte de materias obrigatorias das ensinanzas profesionais de danza.

2. As solicitudes de autorización desas materias optativas propias de centro incluirán os seguintes aspectos:

a) O currículo da materia, en que figurará a súa xustificación, obxectivos, contidos e criterios de avaliación.

b) O departamento didáctico a que se adscribe.

c) A xustificación dos recursos humanos e materiais necesarios para o seu desenvolvemento.

d) Certificación da aprobación da proposta polo Consello Escolar do centro.

3. Estas solicitudes deberanse remitir á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, antes do 15 de febreiro de cada ano académico, a través da delegación provincial correspondente, que as tramitará acompañadas dun informe da inspección educativa.

Artigo 6º.-Oferta de materias optativas en cada centro.

Os centros ofertarán un mínimo de catro materias optativas e un máximo de oito, de entre as establecidas con carácter xeral e as propias de centro que conten coa preceptiva autorización. Cada ano escolar a oferta de materias optativas realizarase atendendo ás necesidades profesionais e á demanda do alumnado, así como á dispoñibilidade dos recursos humanos e materiais do centro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar cantas instrucións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Catálogo de materias optativas de danza

A) Didáctica da danza.

Dentro do currículo do grao profesional de danza, esta materia achega uns coñecementos básicos, abranguendo os aspectos conceptuais de tipo pedagóxico e didáctico e os específicos da ensinanza desta disciplina.

O estudo desta materia servirá para orientar o alumnado de cara a elección da especialidade no grao superior.

Obxectivos.

1. Iniciar o alumnado nos coñecementos pedagóxicos e didácticos de forma teórico-práctica.

2. Coñecer as bases fundamentais que rexen o proceso de ensino-aprendizaxe e as formas de intervención pedagóxica máis adecuadas para os distintos contextos.

3. Aplicar as técnicas de interacción entre os membros que interveñen no proceso de ensino-aprendizaxe.

4. Coñecer o corpo humano, o seu proceso de crecemento e as súas capacidades e limitacións como vehículo artístico e de expresión para a práctica da danza.

5. Coñecer as distintas partes que estruturan unha clase de danza, a función de cada unha delas e o seu acompañamento musical, a través da elaboración de sesións e da súa posta en práctica.

Contidos.

Introdución ao coñecemento teórico e práctico da ensinanza desta disciplina. Aspectos básicos da súa didáctica. Principios de intervención pedagóxica no ensino da danza. Percepción do proceso de ensino-aprendizaxe. A estrutura dunha clase de danza e o seu acompañamento musical. Maduración e aprendizaxe: a capacidade física. O proceso de avaliación.

Criterios de avaliación.

1. Elaborar distintos exercicios destinados a algún dos cursos do grao elemental de danza.

-Con este criterio valorarase se o alumnado asimilou os contidos teórico-prácticos da materia.

2. Desenvolver de xeito práctico algún dos exercicios á elección do profesor.

-Con este criterio valorarase se o alumnado emprega os métodos e os recursos pedagóxicos máis eficaces para acadar unha aprendizaxe significativa. Por outra banda, valorarase se o alumnado estrutura a clase de forma correcta, empregando as músicas máis axeitadas para cada exercicio.

B) Composición coreográfica.

A composición coreográfica pódese definir como a programación elaborada dos xestos, movementos e accións danzadas dentro dun espazo escénico e dunha orde temporal. Tendo en conta que unha das especialidades do grao superior de danza é a de Coreografía e técnicas de interpretación da danza, a presenza desta materia optativa no grao profesional ten ademais dun sentido formativo un sentido orientador cara aos estudos superiores.

A ensinanza da composición coreográfica no grao profesional de danza terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as seguintes capacidades:

Obxectivos.

1. Coñecer e aplicar os elementos básicos que rexen a composición coreográfica clásica.

2. Coñecer e aplicar os elementos básicos que rexen a composición coreográfica contemporánea.

3. Coñecer os factores interpretativos espaciais e temporais que afectan a escenificación e a percepción dos espectáculos coreográficos.

4. Explorar a capacidade interpretativa do corpo como linguaxe corporal.

5. Estudar a interdisciplinariedade da composición coreográfica coas outras artes e técnicas audiovisuais.

6. Estudar as características principais das técnicas de composición coreográfica de coreógrafos/as sobresaíntes (Petipa, Balanchine, Fortsyte, Duato...).

7. Realizar pequenas composicións aplicando os elementos e técnicas estudados.

8. Coñecer o marco xurídico e de actuación do/a autor/a da obra coreográfica.

Contidos.

Estudo dos elementos que caracterizan e definen a obra coreográfica. Identificación e descrición dos elementos dunha coreografía. Estudo das distintas fases no proceso de creación coreográfica, coñecemento e aplicación de ferramentas de composición coreográfica. Estudo do vocabulario corporal e xestual. Estudo de técnicas audiovisuais básicas. Estudo e interpretación de extractos de coreografías de diferentes épocas, estilos, tendencias e autores/as. Realización e execución de composicións coreográficas. Estudo da lexislación vixente en materia de autoría.

Criterios de avaliación.

1. Realizar pequenas composicións coreográficas.

-Este criterio pretende valorar a capacidade do alumnado para coreografar, formando un todo, coherente e equilibrado, organizando os distintos elementos estudados.

2. Transferir secuencias coreográficas creadas polo alumnado ao resto dos intérpretes.

-Con este criterio preténdese valorar a capacidade de comunicación do alumnado para a transmisión das súas ideas e emocións.

3. Interpretar secuencias coreográficas que previamente lle fosen transferidas ao alumnado.

-Con este criterio valorarase a capacidade do alumnado para traducir con precisión e rigorosidade os materiais coreográficos que lle foron transmitidos previamente.

4. Mostrar unha pequena composición en que o alumnado integre algunha das técnicas audiovisuais ou artísticas estudadas.

-Con este criterio preténdese comprobar que o alumnado asimilou a interrelación da composición coreográfica coas outras artes e medios audiovisuais.

5. Interpretar unha composición coreográfica propia, dirixida ao público, ensaiada previamente con outros/as bailaríns e bailarinas.

-Con este criterio valórase a capacidade do alumnado para asumir o seu papel como intérprete, como membro dun grupo e tamén a súa responsabilidade na unidade do conxunto e a súa adecuación do papel de cada intérprete, facendo fluír os seus sentimentos e personalidade acadando a conexión emocional co público.

6. Definir o concepto de autoría segundo a lexislación vixente e reflexionar sobre as implicacións que derivan do exercicio da súa función.

C) Interpretación.

Obxectivos.

1. Coñecer as técnicas básicas da interpretación e o seu emprego na escena para analizar e crear o personaxe e integralo no espectáculo.

2. Valorar a relación espazo-tempo desde o punto de vista teatral.

3. Coñecer a linguaxe do corpo desde o punto de vista dramático.

4. Dominar a concentración e a memoria sensorial, así coma os reflexos a través de técnicas corporais específicas.

5. Aplicar a imaxinación e a intuición para a creación dun personaxe.

6. Coñecer as técnicas de autocontrol a través da relaxación.

7. Coñecer as técnicas integradas no feito escénico como maquillaxe, iluminación, escenografía, indumentaria e outras, para saber empregalas dentro da creación teatral do personaxe.

Contidos.

Estudo de diferentes técnicas teatrais e a súa aplicación na escena: interpretación xestual, con obxectos e musical. Práctica de exercicios, xogos, individuais e en grupo, aplicados aos personaxes que se representan. Análise física e psicolóxica do personaxe para descubrir analoxías e diferenzas no/a intérprete e poder abordalo dentro da época e do estilo da obra, pero respectando a personalidade do bailarín e bailarina. Adestramento da capacidade de memoria, observación e escoita. Desenvolvemento e control da enerxía, a través de técnicas de relaxación. Estudo da linguaxe corporal como vehículo para expresar emocións. Desenvolvemento e potenciación da imaxinación e da creatividade. Desenvolvemento da capacidade de desinhibición. Percepción visual. Movemento e expresividade da cabeza. Mobilidade e expresións do rostro. Máscara facial. Percepción táctil: o obxecto como desencadeante da expresión. Estudo das técnicas básicas integradas no feito escénico como maquillaxe, iluminación,

escenografía, indumentaria.

Criterios de avaliación.

1. Realizar exercicios, improvisacións e xogos teatrais, individuais e grupais.

-Este criterio permite valorar a asimilación por parte do alumnado da técnica artística e o seu emprego na escena e personaxe que se vai interpretar.

2. Realizar diferentes traballos artísticos dentro dunha obra coreográfica marcados polo profesorado no momento.

-Con este criterio preténdese valorar: a capacidade de resposta interpretativa e o grao técnico acadado; a integración por parte da técnica teatral coa da danza, así como da súa personalidade na proposta; a súa capacidade para memorizar e reproducir, desde a súa personalidade creadora, formas de conduta de diferentes épocas; o emprego da imaxinación e a creatividade, así como a súa capacidade de evocar sensacións e imaxes; o seu dominio do espazo e do ritmo; o seu emprego da enerxía e capacidade de autocontrol, así como o emprego correcto das técnicas integradas na escena.

3. Realizar ante o público traballos propostos polo alumnado sobre coreografías concretas que reúnan a técnica de danza e a artística.

-Este criterio pretende valorar: a imaxinación e creatividade do alumnado; a súa capacidade de organización, observación e memoria; a súa capacidade para confrontar a formación da súa disciplina artística con espectadores eventuais, adecuándose eficazmente a esta circunstancia; e a súa capacidade de transmitir ao público.

D) Nutrición e dietética aplicada á danza.

A danza como disciplina afástase moito do espírito de competición do deporte, aínda que a nivel físico atopamos grandes similitudes. A súa práctica implica unha gran demanda de enerxía e nutrientes. O coñecemento específico de cales son estes requirimentos especiais fará que a alimentación do/a bailarín/a sexa unha ferramenta fundamental para mellorar o seu rendemento e a súa saúde.

O estudo de todos aqueles cambios, adaptacións e reaccións que se producen no organismo cando este está sometido a un esforzo físico logrará que poidamos coñecer con maior rigor cales son os nutrientes que o/a bailarín/a (principiante, medio ou avanzado) debe consumir en cada momento.

A educación nutricional é fundamental para que os/as bailaríns/nas coiden a súa saúde e o seu peso corporal.

Obxectivos.

1. Coñecer a clasificación, estrutura e funcións dos nutrientes do organismo humano.

2. Diferenciar os conceptos de alimento e nutriente.

3. Coñecer as necesidades nutricionais nas diferentes idades e etapas do/a estudante de danza.

4. Aprender a deseñar unha dieta nos distintos estadios do/a bailarín/a (clases diarias, ensaios, exames, concursos, actuacións e postesforzos).

5. Identificar os procesos metabólicos.

6. Coñecer os obxectivos da suplementación alimentaria (vitaminas, minerais, nutrientes, antioxidantes, etc.).

7. Recoñecer os efectos dos trastornos menores por unha alimentación inadecuada.

8. Identificar os indicios dos trastornos maiores (bulimia, anorexia, obesidade).

9. Coñecer a repartición da inxesta alimentaria na xornada dun/dunha bailarín/a.

10. Adquirir unha formación global da dietética e da nutrición do/a bailarín/a para acadar un maior rendemento e unha óptima capacidade.

Contidos.

Necesidades nutricionais do organismo humano. Introdución á dietética: os nutrientes, os alimentos, nutrición en estados especiais. Técnicas de alimentación. Táboa de composición de alimentos. Grupos de alimentos. A elaboración dunha dieta nos distintos estadios do/a bailarín/a. Patróns alimentarios na idade escolar. Adquisición de hábitos alimentarios saudables. Cambios fisiolóxicos e modificacións alimentarias na adolescencia. Características xerais nos trastornos de conduta alimentaria. A enerxía e as súas unidades. Necesidades enerxéticas do/a bailarín/a. Medidas do gasto enerxético (mínimo e total).

Criterios de avaliación.

1. Explicar a relación entre nutrición axeitada e rendemento físico axeitado e identificar os costumes nutricionais que conducen á mala nutrición.

-Este criterio avalía a comprensión adquirida sobre nutrientes enerxéticos e non enerxéticos, hidratación e a súa distribución nunha dieta sa axeitada á intensidade do exercicio físico realizado, que evite as carencias e os excesos que conducen á enfermidade.

2. Expoñer razoadamente un hábito ou comportamento nutricional que mellore o rendemento físico e artístico e deba ser practicado para previr os posibles trastornos alimentarios.

-Con este criterio preténdese valorar se o alumnado asimilou o risco que supón unha mala práctica nutricional.

3. Elaborar unha dieta sobre estadios do/a bailarín/a propostos polo profesorado.

-Con este criterio valorarase se o alumnado asimilou as necesidades nutricionais do/a bailarín/a, tendo en conta as distintas etapas, así como o seu coñecemento das táboas de composición de alimentos e os seus distintos grupos.