DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 12 de novembro de 2008 Páx. 20.503

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 30 de outubro de 2008 pola que se publica a modificación dos estatutos da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes.

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes tramitou a modificación dos seus estatutos co gallo de reflectir a súa separación solicitada polo Concello de Val do Dubra en sesión plenaria do 25 de maio de 2000, fundamentándose na pertenza a outro ámbito comarcal, así como co fin de efectuar outras adaptacións.

O procedemento de modificación das mancomunidades está regulado no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. En cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da devandita mancomunidade remitiulle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinado o expediente, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin, que, en síntese, foi a que segue:

-A Asemblea da mancomunidade acorda, tras unha serie de intentos anteriores non culminados, iniciar o procedemento de modificación dos seus estatutos, en sesión ordinaria de data 2 de maio de 2006.

-O referido acordo someteuse a información pública durante o prazo dun mes, mediante edicto publicado no BOP da Coruña nº 120, do 27 de maio de 2006 e simultáneamente remitiúselles á Deputación Provincial da Coruña e á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para a emisión do informe no devandito prazo.

-Consta certificado do secretario da mancomunidade de non presentación de alegacións no dito período.

-A Deputación Provincial da Coruña, en sesión plenaria que tivo lugar o día 29 de xuño de 2006, acordou emitir informe favorable da referida modificación.

-Con data 15 de xuño de 2006 e 28 de xullo de 2006 a Dirección Xeral de Administración Local emitiu informe ao respecto.

-O Pleno dos concellos de Ordes, Frades, Cerceda, Oroso, Tordoia, Trazo e Mesía, por maioría absoluta do número legal de membros de cada corporación, acordou a modificación dos estatutos.

O presidente da mancomunidade remitiulle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza unha copia certificada dos acordos de modificación dos estatutos da devandita mancomunidade.

En atención ao exposto e de conformidade co previsto no artigo 143.1ºd) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único.-Publicar a modificación dos estatutos da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes sendo o texto desta o que se recolle no anexo desta orde.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos da Mancomunidade de Municipios da Comarca

de Ordes

Capítulo I

Da constitución da mancomunidade

Artigo 1º.-Municipios integrantes da mancomunidade.

Ao abeiro do disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, e artigo 135 da Lei 5/1997, do 2 de xullo, asócianse voluntariamente constituíndo a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes os municipios de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo.

Poderán adherirse con posterioridade outros concellos, logo de solicitude destes e acordo da Xunta da Mancomunidade.

Artigo 2º.-Sede. Ámbito territorial.

A sede da mancomunidade será no edificio comarcal da Xunta de Galicia, na rúa Xeneral Mola, Ordes. A Xunta da Mancomunidade co voto favorable da maioría absoluta do número legal dos seus membros poderá modificar a sede da mancomunidade.

Poderán ter lugar sesións da Asemblea da Mancomunidade en calquera das casas consistoriais dos concellos que a integran.

O ámbito territorial onde a mancomunidade desenvolverán os seus fins será o dos termos municipais dos municipios mancomunados.

Artigo 3º-Vixencia.

A mancomunidade ten un prazo de vixencia indefinido, sen prexuízo do previsto nestes estatutos sobre a súa disolución.

Artigo 4º.-Personalidade xurídica.

De conformidade co artigo 44.2º da Lei 7/1985, do 2 de abril, a mancomunidade terá plena capacidade xurídica para cumprir os seus fins e, na súa consecuencia, poderá adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar e allear todo tipo de bens, realizar contratos, establecer, xestionar e explotar os servizos públicos propios da súa competencia, obrigarse, interpoñer recursos e exercer as accións que estime convenientes segundo as leis aplicables, sen máis limitacións que as previstas na normativa vixente e consonte a súa natureza da entidade local municipal e as normas contidas nestes estatutos, a imposición de exaccións e a aprobación de tarifas e prezos públicos exixibles pola prestación de servizos mancomunados.

Capítulo II

Dos fins da mancomunidade

Artigo 5º.-Finalidade e servizos.

1. A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes terá por obxecto a consecución das seguintes finalidades:

a) Cooperación nos servizos de seguridade cidadá e protección civil, coordinando os medios dos diferentes concellos na programación da prevención en casos de calamidades ou catástrofes públicas ou de natureza análoga que poidan afectar os concellos da mancomunidade.

b) Prevención e extinción de incendios.

c) Abastecemento de auga potable e saneamento; ordenación integral dos devanditos servizos.

d) Recollida, transporte e tratamento de residuos urbanos, industriais e sanitarios.

e) Matadoiro e sacrificio de carnes para o consumo.

f) Coordinación, planificación e fomento do desenvolvemento agrícola, gandeiro, forestal e industrial.

g) Transporte público de viaxeiros e mercadorías en particular.

h) Protección do ambiente, cunha acción unitaria entre os diferentes concellos.

i) Asistencia técnica, administrativa e recadatoria aos concellos mancomunados.

j) Servizo de asistencia social. Asistencia domiciliaria e centros da terceira idade.

k) Rede secundaria de comunicacións: programación, execución, reparación e conservación, incluso parque de maquinaria de obras públicas.

l) Coordinación da asistencia sanitaria e servizo de transporte de enfermos.

m) Información a consumidores e usuarios.

n) Coordinación e fomento de actividades deportivas, recreativas e culturais. Piscina climatizada.

o) Conservación e defensa do patrimonio histórico, artístico e cultural.

p) Retirada de vehículos das vías públicas urbanas.

q) Fomento do desenvolvemento dos concellos que compoñen a mancomunidade, realizando as peticións e xestións coas diferentes administracións competentes en diferentes aspectos: turístico, vías de comunicación, infraestruturas e servizos, transportes, educación, seguridade cidadá, e en todas as materias en xeral que poidan ser comúns aos concellos que compoñen a mancomunidade e que exixen unha acción unida deles; así como a outras institucións ou empresas, co fin de lograr das administracións públicas ou do sector privado, os correspondentes investimentos nas diferentes actividades económicas ou de servizos.

2. A mancomunidade organizará e prestará, segundo as súas posibilidades llo permitan e sempre que a Xunta da Mancomunidade o acorde por maioría das dúas terceiras partes dos membros presentes, servizos de competencia municipal que estean incluídos nas finalidades anteriores. Os concellos que na Xunta da Mancomunidade manifestasen a súa oposición á prestación dalgún determinado servizo de xeito mancomunado deberán contar coa ratificación do Pleno da súa respectiva corporación para a eficacia do acordo de non adhesión.

3. Para efectos da prestación dos servizos comprendidos nas finalidades do número 1) deste artigo pola mancomunidade, enténdense excluídos da competencia da mancomunidade os servizos non expresamente relacionados e os xa establecidos polos concellos membros xestionados en réxime de monopolio ou os xa outorgados a empresas baixo as modalidades de xestión indirecta, ata o vencemento do prazo contractual en cada caso, e sen prexuízo dos acordos que puidese establecer a mancomunidade cos respectivos concellos membros e as empresas prestadoras de tales servizos.

4. Todos os servizos prestados que promova a mancomunidade serán prestados con criterios de igualdade, proporcionalidade e equidade aos veciños dos municipios mancomunados.

Artigo 6º.-Forma de xestión.

1. A Xunta da Mancomunidade determinará a modalidade de xestión que se empregará para cada servizo concreto, dentro das previstas pola lexislación de réxime local vixente.

2. A mancomunidade, sen prexuízo do que dispoña a normativa de réxime local, regulará os dereitos e deberes dos usuarios do servizo por medio de ordenanzas, regulamentos ou calquera outra figura xurídica idónea para o fin que se pretende, debidamente aprobados polo órgano competente, de acordo co previsto nestes estatutos.

Capítulo III

Órganos de goberno e administración

Artigo 7º.-Goberno e administración.

1. O goberno e mais a administración da entidade corresponderalle aos seguintes órganos segundo o previsto nestes estatutos:

-Xunta da Mancomunidade.

-Presidente.

-Vicepresidente.

2. Poderase acordar a creación dunha Xunta de Goberno Local ou comisións informativas de especial interese cando sexan múltiples os servizos asumidos e xestionados, mediante acordo da maioría absoluta dos membros da Xunta da Mancomunidade.

3. Existirá unha Comisión Especial de Contas, que se axustará ao previsto na lexislación de réxime local.

Artigo 8º.-Xunta da Mancomunidade.

1. A Xunta da Mancomunidade é o órgano superior de goberno desta, a que representa como corporación de dereito público.

2. Cada concello membro estará representado na Xunta da Mancomunidade polo alcalde ou representante elixido polo Pleno de cada concello. Os vogais cesarán nos seus cargos cando perdan a condición de alcalde ou representante da respectiva corporación municipal, que procederá á designación dun novo membro.

3. Todos os membros da Xunta da Mancomunidade terán voz e voto.

4. Para a realización de sesións pola Xunta da Mancomunidade en primeira e segunda convocatoria, é necesaria a asistencia dun tercio do número legal dos seus membros, así como do presidente ou do secretario da corporación ou dos que legalmente os substitúan.

5. A renuncia ao cargo de vogal presentarase por escrito ante a Xunta da Mancomunidade e o Pleno da corporación respectivo. Este último, no prazo de quince días, designará un novo vogal, e no prazo doutros dez días o concello comunicaralle o nomeamento á xunta.

Cando os membros da xunta sufran a suspensión temporal dos seus cargos de alcalde ou representante das corporacións respectivas, tamén quedarán en suspenso na súa condición de vogais.

6. As competencias da Xunta da Mancomunidade son as seguintes:

a) Elixir ou destituír o presidente da mancomunidade.

b) As que a lexislación de réxime local lle atribúa ao Pleno dos concellos e lle sexan aplicables á mancomunidade.

c) Informar o acordo inicial de separación dos concellos integrantes.

7. O funcionamento da xunta axustarase ás regras fixadas para o do Pleno dos concellos, que deberá reunirse en sesión ordinaria coa periodicidade que acorde esta, como mínimo con carácter trimestral, no día e hora que ela mesma dispoña, e extraordinaria cando se cumpran os mesmos requisitos que no caso dos plenos municipais.

8. A adopción de acordos farase por maioría simple dos membros presentes. Por excepción, nos casos previstos na lexislación de réxime local requirirase unha maioría cualificada.

Artigo 9º.-O presidente da mancomunidade.

1. O presidente da mancomunidade será elixido entre os alcaldes ou representantes dos concellos integrantes, na súa sesión constitutiva. O seu nomeamento require o voto favorable da maioría absoluta legal dos vogais que a compoñen. De non obter esta maioría, elixirase por maioría simple, en segunda votación, que no caso de empate se resolverá por sorteo.

2. A duración do cargo de presidente da mancomunidade coincidirá co das corporacións locais dos concellos que a integran.

3. Correspóndenlle ao presidente da mancomunidade as seguintes competencias:

a) Dirixir o goberno e a administración da mancomunidade.

b) Representar a mancomunidade.

c) Convocar e presidir as sesións da Xunta da Mancomunidade e dos outros órganos, de existir, colexiados da entidade.

d) Dirixir, inspeccionar e impulsar as obras, servizos e actividades necesarias no cumprimento dos fins da mancomunidade e do bo funcionamento dos seus servizos.

e) Dispor gastos dentro dos límites que se fixen anualmente nas bases do orzamento, ordenar pagamentos, render contas e administrar os fondos e bens da mancomunidade.

f) Desempeñar a xefatura superior do persoal da mancomunidade.

g) Exercer accións xudiciais e administrativas en caso de urxencia.

h) Sancionar as faltas e infraccións das ordenanzas que regulan os servizos que presta a mancomunidade, a non ser que esa facultade lles corresponda aos concellos membros.

i) As contratacións e concesións de toda clase cando a súa contía non supere o 10% dos recursos ordinarios do orzamento, incluídas as de carácter plurianual, cando a súa duración non sexa superior aos catro anos, sempre que o importe acumulado de todas as anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referida aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercizo, nin a contía sinalada.

j) Formular e propoñer o proxecto de orzamento da mancomunidade.

k) En xeral, todas as que a normativa de réxime local lle atribúe ao alcalde, as que non se lle atribúen especificamente a ningún outro órgano e as que lle delegue a Xunta da Mancomunidade, dentro das materias que, segundo a lexislación de réxime local, sexan delegables.

4. O presidente cesará no seu cargo se perde a condición de membro do concello ou representante na mancomunidade. Neste caso procederase á elección dun novo presidente.

5. O presidente poderá ser destituído mediante unha moción de censura adoptada pola maioría absoluta dos membros da Xunta da Mancomunidade, na forma que prevén a lexislación electoral xeral e a local para a destitución do alcalde.

Artigo 10º.-O vicepresidente.

1. O vicepresidente é o membro da Xunta da Mancomunidade nomeado por esta na súa sesión constitutiva co voto favorable da maioría absoluta legal dos vogais que a compoñen en primeira votación. De non obter esa maioría, será elixido por maioría simple en segunda votación, e en caso de empate, esta resolverase por sorteo.

2. O vicepresidente da mancomunidade substituirá o presidente na totalidade das súas funcións, nos casos de vacantes, ausencia, enfermidade ou impedimento que o imposibilite para o exercicio das súas competencias.

Capítulo IV

Réxime xurídico e de persoal

Artigo 11º.-Procedemento e réxime xurídico.

1. A mancomunidade deberá axustar as súas actuacións ao procedemento establecido pola lexislación de réxime local e pola de réxime xurídico das administracións públicas.

2. Os acordos que adopten os órganos de goberno da mancomunidade vincularán a todos os municipios mancomunados, sempre que se adopten para o cumprimento dos fins asumidos por esta.

3. Os actos dos diferentes órganos da mancomunidade ditados no ámbito das súas competencias porán fin á vía administrativa nos casos que dispón o artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Para facilitarlles aos veciños dos diferentes concellos que integran a mancomunidade a presentación de documentos dirixidos a ela, os concellos recibirán todos os escritos e documentos destinados aos órganos da mancomunidade e remitiránllelos no prazo de vinte horas desde a súa presentación.

Artigo 12º.-Bens e contratos.

1. A mancomunidade poderá ser titular de calquera clase de bens que sexan necesarios para o cumprimento dos seus obxectivos. No tocante a eles, disporá das potestades de investigación, deslindamento, recuperación de oficio e desafiuzamento administrativo con suxeición ao que dispoña a lexislación de réxime local.

2. Para o debido control dos bens da mancomunidade formarase un inventario de bens, de acordo co establecido no Real decreto 1372/1986, do 13 de xuño.

3. A mancomunidade axustarase, no que se refire ás súas actuacións contractuais, ao que dispón a normativa sobre contratación administrativa.

Artigo 13º.-Persoal.

1. Poderanse crear os postos de traballo de secretario e interventor-tesoureiro con habilitación de carácter nacional, conforme o disposto na lexislación vixente. Unha vez creados, a súa provisión axustarase ao establecido no Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo. Mentres non se creen os ditos postos, a Xunta da Mancomunidade poderá nomear, logo de aceptación dos interesados, para desempeñar as devanditas prazas un secretario e un interventor-tesoureiro en funcións noutra praza doutro concello da mancomunidade.

2. Ademais dos postos de traballo de secretario e interventor-tesoureiro, poderanse crear os necesarios para o adecuado cumprimento dos fins da mancomunidade. O persoal rexerase polas normas que regulan o réxime xurídico do persoal ao servizo das entidades locais.

Capítulo V

Réxime económico

Artigo 14º.-Réxime fiscal.

O réxime da facenda da mancomunidade será o establecido para as entidades locais municipais en xeral, e para estes entes asociativos intermunicipais en especial, pola lexislación de réxime local vixente no tocante á imposición e ordenación de tributos, xestión recadatoria, recursos económicos, orzamentos, contabilidade e rendemento de contas.

Artigo 15º.-Ingresos da mancomunidade.

1. A mancomunidade financiarase coas taxas, contribucións especiais, prezos públicos, canon de concesións, participación nos impostos do Estado e da Xunta de Galicia, subvencións, multas, operacións de crédito e ingresos de dereito privado que perciba, e coas achegas dos concellos.

2. A Xunta da Mancomunidade, co voto favorable da maioría absoluta do número legal dos seus membros, fixará para cada exercicio económico as achegas dos concellos que integran a mancomunidade, que serán:

a) Unha cota obrigatoria para atender os gastos xerais de administración da mancomunidade, que se determinará para cada municipio en proporción ao seu número de habitantes, segundo a última rectificación do padrón municipal de habitantes.

b) Unha cota complementaria en función da intensidade de uso que cada concello faga dos servizos prestados mancomunadamente, que poderá determinarse atendendo o seguinte baremo, asignando a cada módulo unha porcentaxe:

I. Número de habitantes.

II. Número de vivendas obxecto do servizo.

III. Base imponible do IBI.

IV. TM de lixo recollido.

As porcentaxes aplicaranse conxuntamente e serán aprobadas pola Xunta da Mancomunidade ao principio de cada exercicio, sen prexuízo de utilizar outro tipo de baremos en función das características dos servizos prestados.

c) Se é o caso, unha cota extraordinaria para financiar gastos que teñan ese carácter de conformidade coas bases que se aproben para o efecto.

3. As achegas municipais terán carácter de gastos obrigatorios de pagamento preferente. Os municipios mancomunados comprométense a consignar nos seus respectivos orzamentos as cantidades precisas para atender, en cada exercicio económico, as obrigas derivadas dos compromisos contraídos pola mancomunidade.

4. As cantidades exixibles que os concellos lle deban á mancomunidade en concepto de achegas poderán ser obxecto de retención pola Xunta de Galicia a pedimento expreso do presidente da mancomunidade e de conformidade co que estableza a normativa autonómica aplicable. Alternativamente, poderá acordar o fraccionamento da débeda pendente polas achegas municipais mediante voto faborable da maioría absoluta dos membros da Xunta, sen que en ningún caso poida supor un quebranto para a facenda da entidade ou para o funcionamento normal do servizo.

Artigo 16º.-Orzamento da mancomunidade.

A mancomunidade aprobará anualmente o seu orzamento consonte o que dispón a lexislación reguladora das facendas locais.

Para o coñecemento, exame e fiscalización da xestión económica, o presidente renderá, ao remate de cada exercicio económico, a conta xeral do orzamento, ao que engadirá a súa liquidación e demais documentación establecida pola lexislación vixente. A tramitación e aprobación destas adaptarase ás disposicións aplicables ás entidades locais.

Artigo 17º.-Autofinanciamento dos servizos.

En todo servizo prestado pola mancomunidade débese procurar o autofianciamento e, xa que logo, a progresiva absorcións dos custos de amortización, funcionamento e mantemento, incluída a participación nos gastos xerais que lle fosen imputables.

A xestión económica dos servizos por parte da mancomunidade debe tender á progresiva redución das achegas extraordinarias cara á súa supresión e mesmo á acumulación de reservas e fondos de investimento convenientes para limitar as achegas extraordinarias ás xeradas pola asunción e implantación de novos servizos.

Artigo 18º.-Recadación.

A mancomunidade farase cargo da imposición e ordenación dos ingresos imputables aos servizos que execute ou ás obras que realice, así como da xestión recadatoria deles; se ben poderá concertar cos concellos membros o pagamento dunha achega equivalente ou a recadación.

Capítulo VI

Modificación dos estatutos e disolución da mancomunidade

Artigo 19º.-Modificación dos estatutos e ampliación da mancomunidade.

1. A modificación dos estatutos da mancomunidade realizarase polo procedemento previsto na lexislación en cada caso vixente sobre réxime local de Galicia. A modificación dos estatutos acordaraa a Xunta da Mancomunidade, de oficio ou por proposta dos concellos que a constitúen.

2. Correspóndelle á Xunta da Mancomunidade a aprobación da adhesión de novos concellos, co voto favorable da maioría absoluta do número legal dos seus membros, o que suporá a modificación dos estatutos. O concello incorporado asumirá as obrigas que lle correspondan de conformidade cos estatutos.

Artigo 20º.-Separación dos concellos.

1. Calquera dos concellos integrantes poderase separar voluntariamente da mancomunidade tras a liquidación das débedas pendentes e cando transcorrese un prazo mínimo de dous anos desde a súa incorporación a ela.

2. A separación da mancomunidade deberá ser comunicada cun ano de antelación contado desde a correcta notificación á mancomunidade do acordo de separación.

3. A separación dos concellos suporá, necesariamente, a modificación dos estatutos da mancomunidade.

Artigo 21º.-Liquidación económica dos concellos que se separen da mancomunidade.

1. O concello que se separe deberalle aboar á mancomunidade as débedas pendentes previamente ao acordo definitivo de separación, se é o caso.

2. A mancomunidade non está obrigada a aboarlle ao concello que se separe dela o saldo acredor que, se é o caso, este manteña con ela. Este dereito quedará en suspenso ata o día en que se produza a disolución da mancomunidade e o saldo virá determinado pola parte alícuota que lle corresponda ao concello no patrimonio resultante da liquidación. Porén, a Xunta da Mancomunidade poderá anticipar o pagamento do saldo acredor se a situación económica da entidade o permite e iso non comporta prexuízos para a xestión do servizo.

3. Os concellos que se separen non poderán alegar ningún dereito á utilización dos bens e servizos da mancomunidade, aínda que estean no seu termo municipal.

Artigo 22º.-Disolución da mancomunidade.

1. Serán causas de disolución da mancomunidade:

a) A imposibilidade de acadar os obxectivos para os que se creou.

b) A prestación do/s servizo/s obxecto da mancomunidade polo Estado, pola Xunta de Galicia ou por outra entidade pública.

c) Calquera outra causa que decida a Xunta da mancomunidade por acordo adoptado pola maioría absoluta do número legal dos municipios que a compoñen.

2. A disolución da mancomunidade realizarase polo mesmo procedemento ca o aplicable á modificación dos estatutos.

3. A disolución da mancomunidade comporta a liquidación do seu patrimonio e a adxudicación dos seus bens dos concellos integrantes en proporción ás súas respectivas achegas. Para estes efectos, a Xunta da Mancomunidade nomeará unha comisión liquidadora que estará formada polo presidente, un vogal representante de cada un dos concellos, o secretario e o interventor. A dita comisión, no prazo de seis meses, elaborará unha proposta de liquidación que conterá:

a) A valoración dos recursos, cargas e débedas da mancomunidade.

b) A distribución do activo e pasivo entre os concellos.

c) Se é o caso, a distribución e integración do persoal da mancomunidade entre os concellos.

4. A liquidación deberá ser aprobada pola Xunta da Mancomunidade co voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros que a compoñen, no prazo de tres meses desde a proposta de liquidación.

Disposición adicional

No que non estea previsto por estes estatutos rexerá a lexislación de réxime local de Galicia e do Estado, segundo a distribución de competencias que resulta da Constitución española e do Estatuto de autonomía para Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.-Adoptado o acordo pola Xunta da Mancomunidade para a posta en funcionamento destes estatutos, procederase segundo o establecido no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Segunda.-No prazo dun mes desde a entrada en vigor dos estatutos modificados, convocaranse todos os representantes co obxecto de realizar sesión constitutiva da mancomunidade e procederase á elección e nomeamento de presidente, vicepresidente e demais resolucións previstas para esta sesión nos estatutos.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados na súa totalidade os estatutos da Mancomunidade de Ordes aprobados no ano 1975 e cantas disposicións de rango igual ou inferior se opoñan ou contradigan o previsto nestes estatutos.

Disposición derradeira

Estes estatutos, aprobados pola maioría absoluta dos plenos dos concellos integrantes da mancomunidade, entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e seguirán vixentes ata a súa modificación ou derrogación expresa.