DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 12 de novembro de 2008 Páx. 20.502

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 20 de outubro de 2008 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Camiña Social.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Camiña Social,

Supostos de feito.

Primeiro.-A fundación solicitou a clasificación e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego por medio do escrito presentado por Antonio Campanon Sanjurjo, en calidade de presidente do padroado da fundación.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública outorgada o 17 de xuño de 2008 en Lugo, ante o notario Manuel Ignacio Castro-Gil Iglesias, co número de protocolo mil catrocentos nove, emendada por outra outorgada ante o mesmo notario o 4 de setembro de 2008, co número de protocolo dous mil cento sesenta e dous.

Terceiro.-A Comisión integrada por todos os secretarios xerais, na súa reunión que tivo lugar o día 29 de xullo de 2008, elevou ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social da Fundación Camiña Social.

Cuarto.-Á vista da proposta da Comisión de Secretarios Xerais, coa orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 30 de xullo de 2008 clasificouse como de interese social a Fundación Camiña Social.

Tendo en conta o disposto no artigo 32.2º c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado de fundacións de interese galego, e dado o seu obxecto, adscribiuse á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar en virtude do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, modificado polos decretos 332/2005, do 18 de agosto, 454/2005, do 1 de setembro, e 212/2007, do 8 de novembro, e o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, que establece a estrutura orgánica do antedito departamento.

Quinto.-Segundo consta no artigo 6 dos estatutos da fundación, o seu obxecto é:

-A protección da infancia, menores, inmigrantes e terceira idade, de acordo co previsto na lexislación autonómica, estatal e internacional aplicable.

-A prevención no ámbito da drogadición e a delincuencia xuvenil, de menores e mozos en xeral.

-Emprender centros, servizos e programas destinados á atención, tratamento e reinserción de presos e ex-reclusos.

-Desenvolver centros, programas e pisos tutelados, orientados a conseguir unha maior participación da muller na sociedade, así como para procurar a atención e reinserción de mulleres en dificultade social.

-Promover a xestión e desenvolvemento de centros e programas destinados á atención e inserción lingüística e socio/laboral dos inmigrantes.

-Promover a igualdade nos ámbitos social e laboral entre o home e a muller.

-Promover a xestión e desenvolvemento de centros e programas destinados á atención, tratamento, prevención e reinserción de drogodependentes e ex-toxicómanos.

-Emprender servizos e actuacións de cooperación para o desenvolvemento e a solidariedade en países en vías de desenvolvemento, ou colaborar en organizacións dedicadas a estes servizos.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación e a súa emenda, nos estatutos e na demais documentación que figura no expediente, constan, entre outros, os seguintes extremos: acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial da fundación, estatutos en que consta a denominación (Fundación Camiña Social), a composición do órgano de goberno e o réxime de adopción de acordos.

O padroado da fundación, segundo establece o artigo 12 dos seus estatutos, estará integrado por tres membros, como mínimo, e cinco como máximo.

O primeiro padroado designado na escritura de constitución, segundo dispón o artigo 12 dos estatutos, estará integrado por:

Presidente: Antonio Campanon Sanjurjo.

Vicepresidente: José Ignacio Mariño Rojo.

Vogal: Emilia Rojo Cabana.

Vogal: Esther Sanjurjo Cortón.

Sétimo.-A Secretaría Xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, unha vez revisados os seus estatutos, solicitou informe da Asesoría Xurídica, conforme o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, que emitiu informe favorable con data 7 de outubro de 2008.

Oitavo.-Así mesmo, con data 8 de outubro de 2008, a Secretaría Xeral emite informe ao abeiro dos artigos 48.1º b) e 52.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego e o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, é competencia deste departamento a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións da Fundación Camiña Social, dado o seu obxecto coincidente coas competencias desenvolvidas por aquela, asumindo as funcións que como protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ao abeiro do disposto no artigo 35.1º da Lei 12/2006, de fundacións de interese galego, deberase destinar á realización dos fins fundacionais polo menos o setenta por cento das rendas e dos ingresos obtidos pola fundación, por calquera título ou causa, logo de deducir os gastos realizados para a obtención de tales rendas e ingresos.

Cuarto.-A Lei 12/2006 establece no seu artigo 38 a obriga de aprobar as contas anuais da fundación dentro dos seis meses seguintes á data de pechamento do exercicio, e de presentalas ao protectorado no prazo dos vinte días hábiles desde a súa aprobación polo padroado. Por outra banda, o artigo 39 establece o deber de elaborar e remitir ao protectorado, nos últimos tres meses de cada exercicio, un plan de actuación en que queden reflectidos os obxectivos, as actividades que se prevexa desenvolver durante o exercicio seguinte, unha previsión das partidas de ingresos e gastos calculados e unha memoria explicativa.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Así, en virtude do artigo 34 da Constitución española de 1978, o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións, a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como a demais normativa de desenvolvemento e de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer a declaración de interese galego á Fundación Camiña Social.

Segundo.-Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Terceiro.-Aprobar os seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación citada, en especial á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades, e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, quedando obrigada a dar contas anualmente ao protectorado e a xustificar a través dunha memoria anual o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentar o proxecto de orzamento con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o que se formula, para o que se debe solicitar as preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer potestativamente o recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución.

En todo caso, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Santiago Compostela, 20 de outubro de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar