DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Martes, 11 de novembro de 2008 Páx. 20.423

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2008, da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, pola que se ditan medidas en materia de protección sanitaria e de movemento pecuario como consecuencia da detección de casos de lingua azul na Comunidade Autónoma de Galicia.

O 22 de setembro de 2008 o programa de vixilancia da lingua azul previsto no artigo 11.1º b) do Real decreto 1228/2001, do 8 de novembro, puxo de manifesto a circulación do virus da enfermidade na Comunidade Autónoma de Galicia, e desde entón detectáronse varios casos en explotacións das comarcas veterinarias da Mariña Oriental, A Mariña Central, A Mariña Occidental, Meira, A Terra Chá, A Fonsagrada, Lugo e Sarria, na provincia de Lugo, e da comarca veterinaria de Ortigueira, na provincia da Coruña.

Como consecuencia da circulación do serotipo 1 do virus da lingua azul en novas zonas do norte e centro de España, así como a circulación do serotipo 8 na Comunidade Autónoma de Andalucía, mediante a Orde ARM/3054/2008, do 27 de outubro, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa lingua azul, modificouse a zona restrinxida de protección en relación a esta enfermidade, así como as condicións dos movementos de animais de especies sensibles á lingua azul.

Por outra banda, e tras a inclusión da Comunidade Autónoma de Galicia na zona restrinxida de lingua azul, estase a levar a cabo a vacinación preventiva fronte á enfermidade, o dito programa encóntrase aínda en fase de execución.

Como consecuencia das actuais condicións epidemiolóxicas e dos cambios sinalados pola normativa estatal, deben establecerse medidas en relación co movemento pecuario de animais das especies sensibles á lingua azul na Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta na regulación dos ditos movementos o grao de desenvolvemento do programa de vacinación e o risco que supoñen os movementos de animais desde explotacións das zonas afectadas, así como as concentracións de gando nas ditas zonas.

En virtude das atribucións que me confire o Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria,

RESOLVO:

Primeiro.-Todos os movementos de animais das especies sensibles á lingua azul con orixe en explotacións (incluíndo os mercados gandeiros) pertencentes a concellos das comarcas veterinarias da Comunidade Autónoma de Galicia referenciadas no anexo I desta resolución, e que teñan como destino explotacións (incluíndo os mercados gandeiros) do resto da comunidade autónoma, realizaranse logo da obtención da autorización de traslado expedida polos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.

Segundo.-O gando bovino, ovino e cabrún procedente de explotacións cualificadas sanitariamente poderá circular dentro das comarcas incluídas no anexo I, tanto con destino a vida coma a sacrificio, así como cara ao sacrificio directo en matadoiros do resto da comunidade autónoma, con copia validada por veterinarios expresamente autorizados para o efecto pola consellería competente en materia de sanidade e produción animal, da que conste a súa autenticidade, ou copia cotexada por persoal dos servizos veterinarios oficiais de sanidade e produción animal ou persoa pública que dea fe, do documento acreditativo da cualificación sanitaria da explotación denominado Explotación cualificada sanitariamente, en que os animais estean rexistrados. Esta mesma documentación será válida para o traslado de animais nados na explotación de procedencia.

Terceiro.-Para a realización dun movemento para vida de animais das especies sensibles con orixe nas comarcas sinaladas no anexo I e que teñan como destino explotacións (incluíndo os mercados gandeiros) do resto da comunidade autónoma, deben cumprirse as seguintes condicións:

- Os animais non terán signos clínicos da enfermidade no momento do embarque.

-Os animais das especies sensibles maiores de catro meses de idade deberán estar vacinados con vacina inactivada fronte aos serotipos 1 e 8 do virus da lingua azul, poderase realizar o movemento inmediatamente despois da aplicación da segunda dose vacinal prevista na pauta da primovacinación, ou, de ser o caso, despois da aplicación da dose de recordo en animais que sexan revacinados, ou ben deberán ter presentado un resultado negativo nunha proba de reacción en cadea da polimerasa (PCR) realizada sobre unha mostra de sangue extraída como mínimo (14) días despois do inicio de protección do animal fronte ao ataque dos mosquitos mediante a aplicación dun tratamento desinsectante ou repelente eficaz.

-Os animais das especies sensibles á lingua azul menores de catro (4) meses de idade deberán estar desinsectados.

-No caso de animais das especies sensibles á lingua azul maiores de catro (4) meses de idade que se trasladen a unha feira e desde esta teñan como destino directo un matadoiro, non será necesario o cumprimento do requisito de vacinación ou, de ser o caso, resultado negativo á proba PCR, sempre que os animais se trasladen desinsectados.

Cuarto.-A realización de feiras, mercados e concentracións gandeiras de animais das especies sensibles á lingua azul dentro do territorio das comarcas veterinarias indicadas no anexo I requirirá a autorización expresa do/a delegado/a provincial da Consellería do Medio Rural, que actuará segundo as condicións epidemiolóxicas existentes.

Quinto.-O movemento de gando bovino, ovino e cabrún con orixe en explotacións cualificadas sanitariamente pertencentes a calquera concello galego fóra das comarcas veterinarias referenciadas no anexo I, poderá realizarase no ámbito de toda Galicia, co documento acreditativo da cualificación sanitaria da explotación, nas mesmas condicións indicadas no punto segundo desta resolución.

Sexto.-As condicións para o movemento establecidas nos puntos primeiro, segundo, terceiro e cuarto desta resolución serán de aplicación inmediata aos traslados que teñan como orixe calquera explotación doutra comarca veterinaria galega, cando sexan declarados nela focos de lingua azul.

Sétimo.-Non obstante o establecido nos puntos primeiro e terceiro, a partir do 1 de decembro de 2008 o movemento de gando bovino, ovino e cabrún con orixe en calquera explotación de Galicia que non estivese baixo vixilancia oficial por ter declarado un foco de lingua azul poderá realizarse, no ámbito da comunidade autónoma, e sempre que os animais non presenten signos clínicos de lingua azul, co documento acreditativo da cualificación sanitaria da explotación, nas mesmas condicións indicadas no punto segundo desta resolución.

Disposición derrogatoria

Derrógase a Resolución do 24 de setembro de 2008, da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, pola que se ditan medidas en materia de protección sanitaria e de movemento pecuario como consecuencia da detección de casos de lingua azul na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2008.

Antonio Santiago Oca Fernández

Director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria

ANEXO I

Comarcas veterinarias da Comunidade Autónoma de Galicia en que foron declarados focos de lingua azul e concellos que as integran:

Provincia de Lugo:

Comarca veterinaria da Mariña Oriental: concellos de Barreiros, Ribadeo e Trabada.

Comarca veterinaria da Mariña Central: concellos de Alfoz, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo e O Valadouro.

Comarca veterinaria da Mariña Occidental: concellos de Cervo, Ourol, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Comarca veterinaria de Meira: concellos da Pontenova, Meira, Pol, Ribeira de Piquín e Riotorto.

Comarca veterinaria da Terra Chá: concellos de Abadín, A Pastoriza, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Rábade, Vilalba e Xermade.

Comarca veterinaria da Fonsagrada: concellos da Fonsagrada, Baleira e Negueira de Muñiz.

Comarca veterinaria de Lugo: concellos de Castroverde, Friol, Guntín, Lugo, O Corgo e Outeiro de Rei.

Comarca veterinaria de Sarria: concellos de Láncara, Paradela, O Incio, O Páramo, Samos, Sarria e Triacastela.

Provincia da Coruña:

Comarca veterinaria de Ortegal: concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón e Ortigueira.

Comarca veterinaria de Ferrol: concellos de Ares, Ferrol, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño.

Comarca veterinaria da Coruña: concellos de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Oleiros e Sada.