DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Martes, 11 de novembro de 2008 Páx. 20.415

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 17 de outubro de 2008 pola que se establecen os requisitos mínimos exixibles ás entidades de formación recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastres móbiles autopropulsados de categoría A e B no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se regula o emprego de simuladores de guindastres móbiles autopropulsados no módulo práctico do citado curso.

A Consellería de Innovación e Industria, a través de la Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, ten entre as súas competencias a autorización a entidades habilitadas para impartir cursos sobre regulamentos de seguridade industrial.

Os requisitos exixibles para a autorización de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastre móbil autopropulsado veñen recollidas na seguinte lexislación:

-Anexo VII do Real decreto 837/2003, do 27 de xuño, polo que se aproba o novo texto modificado e refundido da instrución técnica complementaria MIE-AEM-4 do Regulamento de aparellos de elevación e mantemento, referente a guindastres móbiles autopropulsados (BOE nº 170, do 17 de xullo).

-Capítulo quinto da Orde do 27 de decembro de 2000 pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para a instalación, o mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial (DOG nº 11, do 16 de xaneiro de 2001).

-Artigo 2 da Orde do 25 de marzo de 2002 pola que se modifica a citada Orde do 27 de decembro de 2000 (DOG nº 64, do 3 de abril de 2002).

-Disposición adicional da Orde do 13 de xaneiro de 2004 que modifica a Orde do 27 de decembro de 2000 (DOG nº 36, do 20 de febreiro de 2004).

Como consecuencia da experiencia acumulada durante os últimos anos na tramitación dos procedementos de autorización e inscrición de entidades recoñecidas para impartir estes cursos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, estímase oportuno concretar e desenvolver os requisitos xerais relativos aos medios humanos e materiais mínimos con que deben contar as devanditas entidades.

Nesta orde establécese, así mesmo, a obrigatoriedade de subscribir un seguro de responsabilidade civil que cubra en todo momento os danos ocasionados como consecuencia do desenvolvemento das súas actuacións no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nesta orde regúlase ademais o emprego de simuladores de guindastre móbil autopropulsado para a realización de parte do módulo práctico do curso.

Estímase que os simuladores son un medio de formación útil, complementaria ao resto dos medios mencionados na regulamentación existente. Estes equipos permiten simular actuacións similares ás realizadas con guindastres reais, permitindo executar actuacións prohibidas ou de risco sen que representen perigo para a seguridade do alumno. Esta cuestión é especialmente importante, toda vez que os alumnos a que van destinados estes cursos non posúen experiencia previa no manexo de guindastres.

Na súa virtude, e por proposta do director xeral de Industria, Enerxía e Minas,

DISPOÑO:

Artigo 1º. -Obxecto.

Esta orde ten por obxecto desenvolver os requisitos mínimos que deben cumprir as entidades de formación recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastre móbil autopropulsado no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, regúlase o emprego de simuladores de guindastre móbil autopropulsado no módulo práctico do devandito curso.

Artigo 2º.-Competencia.

Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de industria a competencia para a adopción das resolucións de autorización de entidades de formación recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastre móbil autopropulsado.

Contra as devanditas resolucións, que non esgotarán a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, ante o conselleiro competente en materia de industria, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 3º.-Titularidade e responsabilidade.

Para os efectos administrativos, considerarase titular da entidade de formación a que se refire esta orde, a persoa física ou entidade xurídica encargada da súa explotación, con independencia de quen posúa a propiedade das súas instalacións.

O titular da entidade será responsable do mantemento en correcto estado de funcionamento das súas instalacións, así como de que cumpran os requisitos técnicos e de seguridade que as afecten, sen prexuízo da lexislación de protección do ambiente aplicable.

Así mesmo, o citado titular terá os seguintes deberes, conforme o establecido no artigo 2 da Orde do 25 de marzo de 2002:

1. Comunicarlle á dirección xeral competente en materia de industria cantas modificacións se produzan nos datos achegados con posterioridade á súa inscrición; serán responsables da veracidade dos mesmos datos.

2. Comunicarlle á delegación provincial competente en materia de industria, antes do seu comezo, os cursos que se vaian impartir.

3. Comunicar durante o mes de xaneiro de cada ano unha memoria do ano anterior en que se detallen as actividades realizadas e deberá remitir a devandita comunicación ao director xeral competente en materia de industria.

4. Poñer á disposición do tribunal cualificador das diferentes convocatorias de exames os medios que lle sexan solicitados polo devandito tribunal para a realización de cantas probas se consideren necesarias para a superación do exame práctico. Estes medios serán postos á disposición do tribunal nas mesmas condicións en que se realizaron os cursos teórico-prácticos impartidos pola entidade.

A comunicación a que se refiren os números 2 e 3 deste artigo será realizada mediante os modelos normalizados de solicitudes que se atopan respectivamente nos anexos II e III da Orde do 10 de novembro de 2007 pola que se establecen os requisitos mínimos exixibles ás entidades de formación recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastre torre no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se regula o emprego de simuladores de guindastres torre no módulo práctico do citado curso (DOG nº 233, do 3 de decembro).

Artigo 4º.-Emprego de simuladores de guindastre móbil autopropulsado.

O módulo práctico do curso destinado á obtención do carné de operador de guindastre móbil de categoría A e B, a que se refire o anexo VII da instrución técnica complementaria MIE-AEM-4, aprobada polo Real decreto 837/2003, do 27 de xuño, poderá realizarse en parte, mediante o emprego de simuladores, sempre que o seu uso non supoña mais dun 40% da duración prevista no citado Real decreto 837/2003, do 27 de xuño.

Para poder ser utilizados ao amparo do establecido neste artigo, cada modelo de simulador será autorizado polo director xeral competente en materia de industria, á vista das súas características técnicas.

En ningún caso a posesión e emprego destes aparellos exime a entidade de dispoñer dos recursos establecidos no artigo 5º desta orde.

Artigo 5º.-Recursos mínimos das entidades de formación.

As entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastre móbil autopropulsado deben dispoñer dos seguintes recursos mínimos:

1. Recursos humanos:

Conforme o establecido no punto 5 do anexo VII, do dito Real decreto 837/2003, do 27 de xuño, a entidade acreditada para impartir o curso teórico-práctico de operador de guindastre móbil autopropulsado deberá dispoñer, como mínimo, do seguinte persoal:

-Director do curso: enxeñeiro superior ou técnico con experiencia acreditada no sector.

-Profesorado para formación teórica: enxeñeiro superior ou técnico con experiencia acreditada no sector.

-Profesorado para formación práctica: oficial cualificado con experiencia acreditada de, polo menos, tres anos no sector que posúa o carné de operador de guindastre móbil autopropulsado de, como mínimo, a mesma categoría ca a do curso que se dispoña a impartir.

Por outra banda, o profesorado deberá estar vinculado á entidade mediante contrato mercantil ou laboral.

2. Recursos materiais:

Conforme o establecido no artigo 13 da devandita Orde do 27 de decembro de 2000, a entidade de formación deberá dispoñer, en cada provincia en que estea autorizada, de locais para impartir as clases teórico-prácticas, talleres de prácticas e zonas de prácticas cos guindastres móbiles autopropulsados, que deberán reunir os requisitos seguintes:

2.1. Locais para impartir as clases teórico-prácticas:

-Aulas adecuadas para impartir as clases dos módulos de teoría de polo menos 30 metros cadrados, cun mínimo de 1,5 metros cadrados por alumno. O máximo número de alumnos en cada curso, por aula e profesor, será de 25.

-Biblioteca de polo menos 20 metros cadrados.

-Sala de profesores acomodada, dun mínimo de 10 metros cadrados.

-Local para as funcións de dirección, información aos alumnos e secretaría.

-Aseos e servizos hixiénico-sanitarios en número axeitado á capacidade do centro.

Ademais, a biblioteca contará cos seguintes fondos bibliográficos: libros de texto, norma UNE 58-508-78: instrucións de servizo para manexo e entretemento de guindastres móbiles (ou aquelas que a substitúan), documentación técnica dos guindastres móbiles que se vaian empregar durante a formación practica do curso (manuais de manexo e mantemento, manual de instrucións do guindastre móbil autopropulsado, realizado polo fabricante) e manuais de seguridade e saúde laboral.

2.2. Taller de prácticas:

Conforme o establecido no artigo 13 da citada Orde do 27 de decembro de 2000, as aulas-talleres disporán dunha superficie mínima de 30 metros cadrados.

Ademais, a citada aula-taller debe contar polo menos cunha superficie de 2 m2 por alumno que realice as prácticas, así como cumprir as normas exixibles para o funcionamento das instalacións e dos equipamentos de que dispoña e, de ser o caso, as condicións de seguridade sinaladas nas normas NTP 494 (soldadura eléctrica ou arco), NTP 495 (soldadura oxicetilénica e oxicorte) e NTP 7 (prevención de riscos hixiénicos relativos á soldadura).

Por outra banda, as referidas aulas-taller estarán inscritas no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia e deberán contar, como mínimo, cos seguintes elementos en correctas condicións de funcionamento e accesibles aos alumnos:

-Contrapesos ou lastre adicional para o guindastre móbil autopropulsado. Estes deberán levar marcados os seus respectivos pesos.

-Cables de distintos tipos. Ademais de estar en posesión de cables en perfecto estado para o seu uso, disporase de mostras de cables con arames rotos así como que teñan deformacións permanentes do tipo coca, gaiola de paxaro ou hernia.

-Lingas planas de banda téxtil de fibra sintética do tipo linga simple e linga sen fin ou estrobos. Este tipo de lingas deben contar coa súa correspondente etiqueta que identifique o material con que están construídas e a súa carga máxima de utilización (CMU).

-Lingas de cadea do tipo linga de cadea con gancho e aneis, eslinga de cadea con grifa e argola e linga dobre con argola. A carga de traballo debe ser marcada mediante unha placa ou rótulo. Así mesmo, as cadeas empregadas deberán ter elos cunha marca que identifique tanto a calidade da cadea coma o seu fabricante.

-Gazas tipo trenzado, con abrazadeiras, con casco ou Talurit e con metal fundido.

-Tensore.

-Elementos de unión, tipo grifóns argola, ganchos, balancíns e pórticos de suspensión.

-Chaves dinamométricas.

-Aparellos de medida eléctricos e mecánicos.

2.3. Zona de prácticas cos guindastres:

A zona de prácticas con guindastres móbiles disporá como mínimo:

-Dunha superficie libre de obstáculos que poida conter unha circunferencia de polo menos 40 m de diámetro.

-Dunha banda lineal de 50 m de longo por 2 m de largo, que permita a extensión total da pluma para a súa inspección.

No momento de inicio do curso os guindastres móbiles autopropulsados empregados deberán estar inscritos no Rexistro de Aparellos de Elevación e ter unha antigüidade máxima de seis anos, contada desde a data da declaración «CE» de conformidade ou de fabricación que figure na declaración de adecuación, de ser o caso. Estas deberán telas en propiedade ou alugadas, en correcto estado de funcionamento e para uso exclusivo da entidade de formación, segundo o establecido na Instrución técnica complementaria MIE-AEM-4.

Os alumnos disporán, en todo momento, na zona de prácticas cos guindastres, dos seguintes elementos:

-Equipamentos de protección individual (EPI): botas, roupa de traballo, casco, chaleco reflectante, como elementos de uso continuo na zona de traballo. Disporán ademais de luvas, lentes protectores, protectores auditivos, máscara de filtro que usarán cando o requira o módulo práctico do curso, e deberán, en calquera caso, familiarizarse co uso destes equipamentos de protección individual.

-Copia do libro historial do guindastre móbil autopropulsado, en que consten todas as incidencias derivadas da utilización ou conservación da guindastre, conforme o punto 7 da Instrución técnica complementaría (ITC) MIE AEM-4, referente a guindastres móbiles autopropulsados.

-Copia do manual de instrucións do guindastre móbil autopropulsado, realizado polo fabricante.

A entidade deberá dispoñer na zona de prácticas de cargas de diferentes magnitudes para a realización de distintos tipos de prácticas. As devanditas cargas deben contar cunha etiqueta perfectamente lexible que identifique a súa masa.

En ningún caso se admitirá a presenza de liñas eléctricas aéreas de alta, media ou baixa tensión na devandita zona de prácticas.

Tampouco se admitirá que a devandita zona de prácticas se atope sobre os seguintes tipos de terreo:

-Terreos deficientes, entendendo como tales as lamas, terreos orgánicos ou recheos sen consolidar.

-Terreos coherentes do tipo arxiloso brando.

Artigo 6º. -Seguro de responsabilidade civil.

As entidades de formación deberán ter subscrito un seguro de responsabilidade civil que cubra en todo momento os danos ocasionados como consecuencia do desenvolvemento das súas actuacións como entidade recoñecida, así como os danos ocasionados como consecuencia da realización, por parte do tribunal cualificador, das probas prácticas dos exames destinados á obtención do carné de operador de guindastre móbil autopropulsado.

A contía mínima será dun millón cento setenta e cinco mil euros (1.175.000 €) por sinistro e, ademais, un millón cento setenta e cinco mil euros (1.175.000 €) por cada vítima que se poida producir, e deberá ser actualizada anualmente de acordo coas variacións do índice xeral de prezos do consumo publicado polo Instituto Nacional de Estatística.

Para xustificar o cumprimento deste requisito, o titular da entidade debe xuntar á comunicación de inicio de curso o certificado do seguro de responsabilidade civil segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, así como copia compulsada do recibo de pagamento da póliza.

Artigo 7º. -Documentación que hai que presentar para a autorización como entidade de formación.

O titular da entidade de formación deberá dirixir a solicitude de autorización segundo o modelo que se publica como anexo I desta orde, ante a dirección xeral competente en materia de industria.

As solicitudes, segundo o establecido no artigo 38.4º de 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderán ser presentadas:

-No rexistro da dirección xeral competente en materia de industria.

-Nos rexistros de calquera órgano administrativo, que pertenza á Administración xeral do Estado, a calquera Administración das comunidades autónomas, ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribise o oportuno convenio.

-Nas oficinas de correos, na forma regulamentariamente establecida.

-Nas representacións diplomáticas ou oficinas consulares de España no estranxeiro.

-En calquera outro que establezan as disposicións vixentes.

Coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

1. Datos relativos á entidade:

1.1. Xustificación da personalidade xurídica da entidade onde se recolla no seu obxecto social a actividade de formación.

1.2. Fotocopia do documento nacional de identidade do representante legal da entidade ante a Administración e xustificación documental do seu poder de representación.

1.3. Táboa de tarifas para impartir os diferentes cursos.

1.4. Documento informativo destinado aos alumnos que dexexen matricularse, sobre os requisitos regulamentarios exixibles para o acceso ao curso e posterior obtención do carné profesional, así como das horas prácticas no manexo individual dos guindastres instalados á que vai ter dereito coa súa matrícula.

1.5. Xustificación documental de dispoñer, ben en propiedade ou ben en alugamento ou situación equivalente, dos locais adscritos á actividade.

1.6. Fotocopia compulsada da licenza de apertura dos locais adscritos á actividade, expedida polo concello correspondente, ou fotocopia compulsada da súa solicitude.

2. Memoria descritiva da organización e metodoloxía do curso, onde como mínimo se especifiquen os seguintes extremos:

2.1. Duración total do curso.

2.2. Distribución de horas lectivas por día, diferenciando as clases teóricas e as clases prácticas.

2.3. Programa do curso.

2.4. Número máximo de alumnos por curso.

2.5. Sistema previsto de avaliación e superación de cursos.

2.6. Relación de material didáctico e de prácticas que se lles entregará aos alumnos.

3. Datos relativos aos recursos humanos, para o cal se deberá xuntar a seguinte documentación:

3.1. Relación nominal subscrita polo representante da empresa ante a Administración das persoas que impartirán os cursos no centro de que se trate, con indicación para cada unha delas do seu labor na entidade de formación, a súa titulación e a xustificación desta, así como a súa experiencia anterior.

3.2. Para cada un dos docentes deberase achegar a seguinte documentación debidamente compulsada:

-Copia compulsada do documento nacional de identidade.

-Currículum vitae.

-Informe de vida laboral.

-Xustificación documental da vinculación do persoal docente á entidade (contrato laboral ou ben contrato de arrendamento de servizos).

-Copia compulsada da titulación académica dos profesores do módulo teórico.

-Copia do carné de operador de guindastre móbil autopropulsado en vigor dos profesores do módulo práctico.

4. Recursos materiais, para o cal se deberá xuntar a seguinte documentación:

4.1. Planos xerais das instalacións de cada un dos locais onde se imparta a formación en formato A3 ou A4, que reflictan con detalle as aulas e talleres e todos os equipamentos e aparellos de carácter fixo. Deberán constar, debidamente localizadas, as aulas para impartir os diferentes módulos didácticos, biblioteca, aseos, así como a secretaría e sala de profesores.

4.2. Memoria descritiva detallada dos equipamentos, aparellos, ferramentas, accesorios e, en xeral, medios materiais con que conta cada centro para impartir os cursos. A devandita documentación debe estar asinada polo representante legal da entidade autorizada.

Artigo 8º.-Tramitación da autorización.

No trámite das solicitudes terase en conta o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

No prazo máximo de tres meses, a dirección xeral competente en materia de industria, despois de recibir a correspondente acta de inspección relativa ás instalacións e aos medios materiais por parte dos servizos técnicos da delegación provincial que corresponda, autorizará a entidade ou comunicaralle ao solicitante a denegación ou ben a suspensión do acto cando a solicitude ou a documentación achegada presenten defectos, ou ben os locais non sexan adecuados. Transcorrido o devandito prazo sen resolución expresa, entenderase a solicitude denegada.

A dirección xeral competente en materia de industria, antes de proceder á autorización da entidade de formación, poderá solicitarlle a esta, logo da proposta dos servizos técnicos da delegación provincial que figurará na antedita acta de inspección, a realización dun estudo xeotécnico do terreo proposto como zona de prácticas co guindastre móbil autopropulsado. En todo caso, a entidade de formación farase cargo da totalidade dos custos derivados da realización deste estudo.

Unha vez resolta a autorización, esta deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia, conforme o regulado no artigo 60 da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro. A entidade autorizada terá un mes para proceder ao pagamento da súa inserción no Diario Oficial de Galicia e deberá remitirlle á dirección xeral competente en materia de industria unha copia do xustificante de pagamento.

Conforme o establecido no artigo 2 da citada Orde do 25 de marzo de 2002 pola que se modifica a do 27 de decembro de 2000, as entidades autorizadas están obrigadas a comunicarlle á dirección xeral competente en materia de industria os cambios que se produzan na súa estrutura e persoal. Para facelo, deben de remitirlle á devandita dirección xeral unha solicitude debidamente cuberta conforme o anexo I desta orde.

Conforme o establecido no artigo 13 da Orde do 27 de decembro de 2000, a autorización terá unha validez de dous anos. Para a renovación da autorización, o titular da entidade deberá dirixir a solicitude de renovación de autorización que se publica como anexo I a esta orde, ante a dirección xeral competente en materia de industria achegando unha declaración asinada pola titular da entidade, na que se faga constar que seguen cumprindo as condicións que tiñan no momento da súa inscrición ou renovación anterior.

Artigo 9º.-Revogación da autorización.

Non cumprir calquera dos requisitos ou das condicións regulamentadas nesta orde, que serviron de base para a autorización como entidades de formación recoñecida para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastre móbil autopropulsado, así como non cumprir co resto da lexislación vixente, constituirá causa de revogación desta.

A resolución de revogación, que deberá ser motivada, será ditada polo director xeral competente en materia de industria logo de audiencia ao interesado conforme o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 10º.-Réxime sancionador.

O incumprimento das condicións da autorización ou a inobservancia de preceptos regulamentarios poderá dar lugar ás sancións que no seu caso correspondan, de conformidade co disposto no título III da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia. As sancións serán impostas logo de instrución do oportuno expediente, tramitado conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Disposición transitoria

Entidades autorizadas con anterioridade á publicación desta orde.

As entidades autorizadas con anterioridade á entrada en vigor desta orde disporán dun prazo de seis meses para adaptar as súas instalacións ao establecido nesta orde.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o anexo VII da Orde do 13 de xaneiro de 2004, que modifica a Orde do 27 de decembro de 2000, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para a instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial (DOG nº 36, do venres 20 de febreiro de 2004).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral competente en materia de industria para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

Ver referencia pdf "21900D001P007.PDF"