DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Luns, 10 de novembro de 2008 Páx. 20.371

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 2008, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se lle notifica a resolución do recurso interposto por Manuel Vázquez Sánchez contra as bases definitivas da zona de concentración parcelaria de Filgueira de Barranca-Trasanquelos (Cesuras-A Coruña) á afectada Andrea Sánchez Vázquez.

Intentada a notificación por medio do servizo de correos, de acordo co disposto no artigo 59.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e ao non ser posible a súa práctica, por medio desta resolución notifícaselle a Andrea Sánchez Vázquez a Resolución do 9 de maio de 2008, do secretario xeral da Consellería do Medio Rural, por delegación do conselleiro do 12-8-2005, na cal acordou o seguinte:

Visto o recurso de alzada presentado por Manuel Vázquez Sánchez (propietario nº 702) contra as bases definitivas da concentración parcelaria da zona de Filgueira de Barranca-Trasanquelos (Cesuras-A Coruña), e tendo en conta os seguintes:

Feitos.

Primeiro.-Con data do 9 de xuño de 2004, o Pleno da Xunta Local de Concentración Parcelaria de Filgueira de Barranca-Trasanquelos (Cesuras-A Coruña) aprobou as bases definitivas de concentración da zona, publicándoas no DOG como Resolución do 9 de xullo de 2004, da Delegación Provincial da Coruña.

Estas bases foron expostas ao público no concello e lugares de costume e notificóuselle ao interesado con data do 14 de xullo de 2004 na forma legalmente establecida.

Segundo.-Contra as bases definitivas, con data do 10 de agosto de 2004, Manuel Vázquez Sánchez (propietario nº 702), interpón recurso de alzada, no cal manifesta que no seu día formulou alegacións contra as bases provisionais por mor da superficie asignada ás parcelas nº 81, 132 e 145 do polígono 5, presentando incluso plano dalgunha delas e manténdose nas bases definitivas os mesmos erros iniciais sen que fosen emendados.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A competencia para resolver este recurso correspóndelle ao conselleiro do Medio Rural, de acordo co establecido no artigo 40 da Lei galega 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia.

Esta competencia foi delegada no secretario xeral, en virtude do disposto no punto sexto 1 a) da Orde do 12 de agosto de 2005, sobre delegación de competencias nos distintos órganos da consellería.

Segundo.-O recurso interpúxose en tempo e forma segundo dispoñen os artigos 36 e 40 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, e por persoa lexitimada, de conformidade cos artigos 31 e 110 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Terceiro.-Os servizos técnicos desta consellería, logo do exame do expediente e, das alegacións do recorrente e das comprobacións realizadas, informaron do seguinte:

A parcela nº 81 foi comprobada no campo, coincidindo as medidas coas do plano presentado. Non obstante, debido a un erro, non se modificou a superficie da parcela.

En canto ás parcelas nº 132 e 145, que en realidade forman unha única parcela que quedou dividida á metade por un camiño, o que sucede é que o recorrente reclama a totalidade destas parcelas mentres que só figuran ao seu nome as nº 132-2 e a 145-2, xa que as nº 132-1 e 145-1 están a nome de Andrea Sánchez Vázquez. Trátase, polo tanto, dunha duplicidade.

Para os efectos de resolver a duplicidade que pesa sobre as parcelas nº 132-1 e 145-1 do polígono 5, o servizo xurídico librou trámite de audiencia para notificar os propietarios afectados pola mesma circunstancia e instalos á presentación de documentación que a resolva a favor dun ou doutro.

A través de escrito do 23-6-2006, o propietario nº 702, Manuel Vázquez Sánchez, reitérase nas súas alegacións afirmando ser o titular da totalidade das dúas parcelas en disputa, xa que, coma declarou na fase de investigación da propiedade, lle corresponden por doazón de Javier Vázquez Castro, segundo escritura pública outorgada por este perante o notario da Coruña, Enrique Roger Amat o 11-5-1998 e figuran para el inscritas no Rexistro da Propiedade de Betanzos coma a parcela Pereira de Cans Ameixeira, de 5.672 m2; escritura que presentou cando formulou alegacións ás bases provisionais e que achega de novo.

Polo que respecta á propietaria nº 582, Andrea Sánchez Vázquez, o trámite libróuselle ao seu sobriño e representante, José Sánchez Sánchez (propietario nº 543) (que na fase de investigación da propiedade se encargou de declarar a titularidade das parcelas nº 132-1 e 145-1 ao seu favor segundo a ela lle coubo, formado no Caderno das operacións divisorias da herdanza dos seus país, Antonio Sánchez Sánchez e Manuela Vázquez Naveiras, aprobada o 8-11-1941) que correos enviou de volta intentada a súa localización sen éxito.

Por este motivo, o 8-9-2006 publicouse no DOG a Resolución do 23 de agosto de 2006, da Delegación Provincial da Consellería do Medio Rural da Coruña, que lle notificaba a Andrea Sánchez Vázquez (propietaria nº 582) a proposta consistente na colocación dunha nota de duplicidade tanto no seu boletín de propiedade coma no do propietario nº 702, Manuel Vázquez Sánchez (A), por figurar ela como titular das parcelas nº 132-1 e 145-1 do polígono 5 das bases definitivas, e reclamalas o segundo a través de recurso de alzada contra elas.

Logo de publicada a anterior proposta no DOG, una sobriña da propietaria nº 582 acudiu ao servizo xurídico da sinalada delegación provincial para comunicar a futura presentación da documentación acreditativa do dominio da súa falecida tía sobre as parcelas obxecto de duplicidade; documentación de propiedade que non consta aínda en poder da Administración.

Á vista dos datos anteriores e tendo en conta que, consultados os veciños con propiedades na zona coñecida coma A través do camiño, onde se localizan as parcelas nº 132 e 145, estes coinciden en que se ben que é certo que a propietaria nº 582, Andrea Sánchez Vázquez, é titular dun predio na zona e este non se atopa no sitio destas, procede resolver a duplicidade que pesa sobre as parcelas nº 132-1 e 145-1 do polígono 5 das bases definitivas en favor do propietario nº 702, Manuel Vázquez Sánchez (A), que si achegou documentación demostrativa da súa titularidade sobre o conxunto formado polas parcelas nº 132 e 145 do polígono 5.

Sen prexuízo do anterior, o artigo 232 do Decreto 118/1973, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o texto da Lei de reforma e desenvolvemento agrario, establece que os dereitos e situacións xurídicas que non fosen asignados nas bases ao seu lexítimo titular non quedarán prexudicados polas resolucións do expediente de concentración, aínda que estas sexan firmes, pero só poderán facerse efectivos pola vía xudicial ordinaria e sobre os predios de substitución adxudicados a quen nas bases aparecesen como titular das parcelas de procedencia.

Con data do 28 de decembro de 2006, notificóuselle a proposta de modificación ao recorrente, sen que conste no expediente que fixese alegacións en contra no prazo de 10 días que se lle deron para efectualas, polo que, á vista das actuacións practicadas, das comprobacións efectuadas e dos informes emitidos, considérase suficientemente xustificada a proposta dos servizos técnicos, no sentido de estimar as pretensións do recorrente.

Cuarto.-Na tramitación do recurso observáronse todas as prescricións establecidas nas disposicións legais aplicables, abríndose un trámite de audiencia aos interesados, de conformidade co artigo 112 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Por outra banda, tal e como dispón o artigo 54 da antedita Lei 30/1992, deben motivarse os actos que resolvan recursos administrativos, servindo de motivación a aceptación dos informes ou ditames cando se incorporen ao texto da resolución (artigo 89.5º da mesma norma).

Vistas a Lei de reforma e desenvolvemento agrario do 12 de xaneiro de 1973, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia (modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro) e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e os informes que constan no expediente,

RESOLVO:

Estimar o recurso de alzada interposto por Manuel Vázquez Sánchez (propietario nº 702) contra as bases definitivas da zona de concentración parcelaria de Filgueira de Barranca-Trasanquelos (Cesuras-A Coruña), no sentido de:

Modificar a planimetría da parcela nº 81 do polígono 5, que figura nas bases definitivas con 4.464 m2, e queda con 4.654 m2, todos eles de M1.

Detraer do boletín da propietaria nº 582, Andrea Sánchez Vázquez as parcelas nº 132-1 e 145-1 do polígono 5, recoñecendo o seu dominio, con carácter de bens privativos, a favor do propietario das parcelas nº 132-2 e 145-2, Manuel Vázquez Sánchez (A), pasando este a ser o titular das parcelas nº 132 e 145 do polígono 5, a primeira das cales queda cunha superficie de 3.251 m2, todos eles de M1, e a segunda con 2.520 m2, tamén de M1.

Borrar a nota de duplicidade que figura nos boletíns de propiedade de bases definitivas dos propietarios nº 582 e 702.

Contra esta resolución que lle pon fin á vía administrativa, o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 43 da Lei de concentración parcelaria para Galicia, 115.3º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que xulguen pertinente.

Notifíqueselles aos interesados, consonte o disposto na lexislación vixente, achegando boletín individual de propiedade modificado e planos.

A Coruña, 13 de outubro de 2008.

Olga María García Agra

Delegado provincial da Coruña