DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Luns, 10 de novembro de 2008 Páx. 20.367

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 3 de novembro de 2008 pola que se modifica a Orde do 17 de marzo de 2004 pola que se regulan os ficheiros que conteñen datos de carácter persoal existentes nesta consellería, no Fondo Galego de Garantía Agraria e na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Con data 13 de abril de 2004 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 17 de marzo de 2004, da entón denominada Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, pola que se regulan os ficheiros que conteñen datos de carácter persoal existentes na consellería, no Fondo Galego de Garantía Agraria e na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que foi modificada pola Orde do 23 de maio de 2005 (publicada no DOG do 31 de maio) e pola Orde do 27 de outubro de 2005 (publicada no DOG do 4 de novembro).

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de proteción de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro) regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as libertades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, e especialmente a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20 da devandita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, e establecen no seu punto segundo as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación e modificación daqueles.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante esta orde a Consellería do Medio Rural modifica determinados ficheiros xa existentes, que se especifican no anexo I; crea ficheiros novos de datos de carácter persoal que se relacionan no seu anexo II; e suprime ficheiros anteriores, que se detallan no anexo III.

Artigo 2º.-Contido.

A información exixida no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal para as disposicións de creación, modificación e supresión dos ficheiros está contida nos anexos desta orde.

Artigo 3º.-Finalidade e uso dos ficheiros.

Os datos de carácter persoal, incluídos nos ficheiros da Consellería do Medio Rural creados por esta orde, só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados nos anexos e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os declarados nos anexos. No suposto de cesión de datos ás administración públicas haberá que aterse ao disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5º.-Órgano responsable dos ficheiros.

A responsabilidade sobre os ficheiros creados e modificados por esta orde correspóndelle aos órganos que se especifican nos anexos, encadrados na Consellería do Medio Rural.

Nos anexos detállanse os órganos ante os que se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan nos ficheiros.

Artigo 6º.-Nivel de protección e medidas de seguridade.

O nivel dos ficheiros creados e modificados por esta orde atópase clasificado atendendo ao disposto no artigo 80 do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. Nos anexos aparece a clasificación (nivel básico, medio ou alto) dos ficheiros creados ou modificados baixo esta orde.

O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a súa confidencialidade, e os dereitos e obrigas recoñecidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "21800D002P015.PDF"

ANEXO III

Supresión de ficheiros

Suprímense os seguintes ficheiros de datos de carácter persoal recollidos na Orde do 17 de marzo de 2004:

D) Ficheiros da Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria (hoxe Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria).

Os ficheiros: 23.-Ficheiro: Avisos de recollida de animais mortos nas explotacións gandeiras e 24.-Ficheiro: Xestión dos certificados veterinarios de aptitude suprímense como tales e pasan a integrarse no ficheiro único, de nova creación, especificado no anexo 2: Ficheiro: Rexistro de avisos de información gandeira.