DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 06 de novembro de 2008 Páx. 20.263

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2008 pola que se convoca un seminario sobre xestión do estrés profesional.

Dentro das actividades programadas para o ano 2008, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2008, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a realización dun seminario sobre xestión do estrés profesional, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Analizar a problemática provocada pola especifidade do traballo policial no persoal dos corpos de seguridade, fundamentalmente a relacionada coa ansiedade e co estrés como sÍntomas máis relevantes.

-Coñecer técnicas de control e loita contra o estrés policial que permitan afrontar unha situación deste tipo con garantías de poder superala.

Destinatarios.

O seminario vai dirixido ao persoal das forzas e corpos de seguridade.

Inscrición e admisión.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta. A admisión realizarase por rigorosa orde de entrada de solicitudes no rexistro da Academia Galega de Seguridade Pública.

Prazas.

80 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste seminario deberá cubrir a solicitude que figura na páxina web http://agasp.xunta.es ou enviar cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 25 de novembro de 2008, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada (fax: 886 20 61 22); ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O seminario realizarase o día 27 de novembro.

O horario será das 9.30 ás 14.00 e das 15.30 ás 19.00 horas.

Contido.

1. O traballo policial: factores estresantes e aproximación ás causas da súa aparición.

2. Repercusión da afectación do estrés no desempeño profesional: baixas laborais, absentismo, escasa calidade do traballo e outras problemáticas.

3. Mecanismos para prever a aparición e a incidencia do estrés como factor negativo.

4. Técnicas de control do estrés que permitan afrontar, minimizar e facilitar solucións de loita contra o estrés.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase pública o día 26 de novembro a partir das 14.00 horas, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública e na páxina web http://agasp.xunta.es, ou ben poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando aos teléfonos 886 20 61 17/18/24.

Lugar.

O seminario desenvolverase na Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Certificado de asistencia.

Ao remate do seminario entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do seminario para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 30 de outubro de 2008.

P.S. (Disposición primeira Orde 31-1- 2008; DOG nº 23, do 1 de febreiro)

María Isabel Durántez Gil

Directiva xeral de Interior

Ver referencia pdf "21600D009P015.PDF"

SERVICIO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER