DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 06 de novembro de 2008 Páx. 20.261

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 31 de outubro de 2008 pola que se crean determinados ficheiros con datos de carácter persoal existentes na Dirección Xeral de Formación e Colocación.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro) regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, e especialmente a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20 da devandita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente e no seu punto segundo establécense as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación e modificación daqueles.

Na súa virtude a Dirección Xeral de Formación e Colocación

Dispón:

Artigo 1º

Mediante esta orde créanse os ficheiros de carácter persoal especificados no anexo.

Artigo 2º

A información exixida no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal para as disposicións de creación de ficheiros está contida no anexo desta orde.

Artigo 3º

Os datos de carácter persoal, incluídos nos ficheiros da Dirección Xeral de Formación e Colocación creados por esta orde, só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º

Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os declarados no anexo. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que observar o disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5º

A responsabilidade sobre os ficheiros creados correspóndelle á Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo. No anexo detállase a unidade ante a que se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan nos ficheiros.

Artigo 6º

Os ficheiros creados por esta orde atópanse protexidos e clasificados a nivel de seguridade atendendo o disposto no artigo 80 do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, segundo se reflicte no anexo desta orde.

Artigo 7º

O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias para garantir a confidencialidade dos datos, os dereitos recoñecidos e as obrigas establecidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

ANEXO

Ficheiros de nova creación

Nome e descrición do ficheiro: videovixilancia do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia.

Finalidade: sistema de seguridade mediante CCTV para o control perimetral e interior do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia.

Responsable: Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Persoas sobre as cales se pretende obter datos: persoas físicas que accedan ás instalacións do centro.

Unidade sobre a que se pode exercitar o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición: os ditos dereitos poderanse exercer ante a xefatura técnica do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, sita na rúa Airas Nunes, s/n, Conxo, código postal 15702 Santiago de Compostela.

Nivel do ficheiro: básico.

Procedemento de recollida de datos: gravación de imaxes mediante cámaras de vixilancia.

Procedencia dos datos: o propio interesado.

Tipos de datos de carácter persoal: imaxes con indicación de data, hora e lugar de gravación.

Sistema de tratamento: mixto.

Cesión de datos: non está prevista.

Transferencia internacional de datos a outros: non está prevista.