DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 06 de novembro de 2008 Páx. 20.259

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 247/2008, do 23 de outubro, polo que se declara de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de San Bartolomeu de Berrande (Vilardevós-Ourense).

A parroquia de San Bartolomeu de Berrande sitúase ao nordeste do Concello de Vilardevós, e resultar afectados polo proceso de concentración parcelaria a totalidade dos terreos de dita parroquia.

A dispersión parcelaria e o minifundio agrario que presentan os terreos da parroquia de San Bartolomeu de Berrande, posta de manifesto polo Concello de Vilardevós á consellería competente en materia de agricultura, motivou un estudo de viabilidade e de valoración das posibilidades que ofrece a zona para incrementar o rendemento dos recursos agropecuarios, deducíndose a conveniencia de levar a cabo a concentración parcelaria por razóns de utilidade pública e interese social.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro do Medio Rural, formulada conforme o establecido na Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e tres de outubro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declarar de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de San Bartolomeu de Berrande (Vilardevós-Ourense).

Artigo 2º

O perímetro da zona será, en principio, o correspondente á totalidade dos terreos da parroquia de San Bartolomeu de Berrande. O referido perímetro poderá quedar en definitiva modificado polas rectificacións, inclusións e exclusións que se acorden ao abeiro dos artigos 23 e seguintes da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, na súa nova redacción segundo a Lei 10/2001, do 10 de setembro.

Artigo 3º

O proceso de concentración parcelaria deberá supoñer a adxudicación da propiedade en predio único ou no menor número de predios de substitución posible.

Artigo 4º

Tal e como dispón o punto 1º da disposición transitoria primeira da Lei de concentración parcelaria para Galicia, a consellería competente en materia de agricultura poderá declarar a caducidade dos expedientes de concentración parcelaria.

De acordo co sinalado polo artigo 7.2º da referida lei, a consellería poderá revisar a concentración en calquera fase do proceso, e mesmo retrotraer á situación primitiva as parcelas.

Artigo 5º

Conforme o establecido pola Lei de concentración parcelaria para Galicia, a partir da entrada en vigor deste decreto, serán sancionables as infraccións que, por acción ou omisión do disposto nela, leve a cabo todo titular dun dereito de propiedade rústica de carácter agrario comprendido dentro da área de concentración e, en todo caso:

a) Por incumprimento da obriga de manter e conservar a terra cultivada conforme á súa capacidade agrolóxica e aproveitamento axeitado dos seus recursos.

b) Polos danos causados nos predios contiguos que non sexan consecuencia do normal uso do inmoble ou manter o predio inculto ou abandonado, en concordancia co disposto pola Lei 7/2007, do 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia.

c) Por dificultar os traballos de investigación e clasificación de terras, impedir o acceso do persoal de concentración ás parcelas ou predios para o desenvolvemento da súa función, ou realizar actos que diminúan o valor das parcelas.

d) Por realizar obras ou melloras nos predios sen a correspondente autorización.

e) Por cortar ou derrubar arboredo, extraer ou suprimir plantacións ou cultivos permanentes ou esquilmar a terra.

Artigo 6º

A zona seranlle de aplicación os beneficios económicos programados ou asumidos pola Xunta de Galicia, para mellorar ou modernizar as explotacións agrarias e, en concreto, os que sinale o artigo 6 da Lei de concentración parcelaria para Galicia.

Artigo 7º

Os traballos de execución desta concentración parcelaria iniciaranse nun prazo non superior aos 6 meses a partir da publicación deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería do Medio Rural para ditar as disposicións complementarias que requira a execución deste decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de outubro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural