DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 06 de novembro de 2008 Páx. 20.257

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 6 de outubro de 2008 sobre aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Arzúa (A Coruña).

I. Antecedentes.

I.1 Esta consellería mediante Orde do 9 de maio de 2008 acordou, de conformidade co punto 5.b) do artigo 85 da Lei 9/2002 (LOUG), non outorgar a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Arzúa (A Coruña) mentres non se realizasen as modificacións necesarias para corrixir as deficiencias que a propia orde establecía.

I.2 A Subdirección Xeral de Infraestruturas e Normativa Técnica da Dirección Xeral de Telecomunicacións do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio emite informe o 20 de maio de 2008 ao abeiro do artigo 26.2º da Lei 32/2003, do 3 de novembro, xeral de telecomunicacións.

I.3 O 18 de xuño de 2008 o director xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte emitiu informe favorable ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Arzúa.

I.4 O Pleno do Concello de Arzúa aprobou o 21 de xullo de 2008 as modificacións introducidas no Plan Xeral de Ordenación Municipal, logo dos informes emitidos polos servizos técnico e xurídico de data 9 de xullo de 2008.

I.5 O expediente municipal foi remitido a esta consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva mediante escrito que tivo entrada o 23 de xullo de 2008.

II. Consideracións e fundamentación.

Logo de analizar o expediente administrativo e os documentos que integran o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Arzúa, emítese o seguinte informe:

II.1 A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo eleva un informe-proposta, que se subscribe nos seus xustos termos, e no cal se fan as seguintes consideracións:

1. No documento aprobado polo Pleno do Concello de Arzúa o 21 de xullo de 2008 aparecen corrixidas as deficiencias sinaladas na Orde do 9 de maio de 2008, e completáranse as actuacións administrativas demandadas.

2. Non obstante o anterior, comprobouse que na ficha da área de repartición ARU-05, correspondente ao polígono de solo urbano non consolidado P-05, existe un erro no cálculo do aproveitamento tipo, xa que o valor unidade non está asignado ao uso característico da área de repartición, como é procedente conforme o artigo 113.3º da Lei 9/2002.

O uso característico desta área de repartición é residencial colectiva vivenda protexida; por tanto, é a este uso ao que lle corresponde o valor unidade. O plan xeral establece como criterio de fixación dos coeficientes de ponderación entre os diversos usos e tipoloxías a análise dos prezos de mercado, establecendo unha diferenza do 20% a favor da promoción libre respecto da vivenda protexida. En consecuencia, o coeficiente que se debe aplicar ao uso residencial colectivo nesta área de repartición é 1,2.

Tras aplicar estes coeficientes e calcular o aproveitamento tipo conforme o indicado no artigo 113 da Lei 9/2002, o aproveitamento tipo resultante da ARU-05 é de 0,486 m2/m2.

3. Así mesmo, e como consecuencia do informe preceptivo previsto no artigo 26 da Lei 32/2003, xeral de telecomunicacións, a referencia ao Real decreto 279/1999 no artigo 6.8.4 das normas urbanísticas debe quedar substituída polo Real decreto 401/2003, polo que se aproba o regulamento regulador das infraestruturas comúns de telecomunicacións para o acceso aos servizos de telecomunicación no interior dos edificios e da actividade de instalación de equipos e sistemas de telecomunicacións.

II.2 De conformidade co artigo 89.1º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 188/2008, do 28 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución.

De acordo co ao antedito,

RESOLVO:

1º Outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Arzúa, de acordo co punto 5.a) do artigo 85 da LOUG, nos seguintes termos:

-Na ficha do polígono de solo urbano non consolidado P-05, que se corresponde coa área de repartición ARU-05, o aproveitamento tipo queda establecido en 0,486 m2/m2.

-A referencia ao Real decreto 279/1999 no artigo 6.8.4 das normas urbanísticas queda substituída polo Real decreto 401/2003, polo que se aproba o regulamento regulador das infraestruturas comúns de telecomunicacións para o acceso aos servizos de telecomunicación no interior dos edificios e da actividade de instalación de equipamentos e sistemas de telecomunicacións.

2º De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do plan.

3º Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2008.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes