DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 06 de novembro de 2008 Páx. 20.256

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 3 de novembro de 2008 pola que se modifica a Orde do 18 de marzo de 2008, pola que se regulan as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas á prestación de servizos sociais polas corporacións locais e se procede á súa convocatoria.

A Orde do 18 de marzo de 2008 pola que se regulan as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas á prestación de servizos sociais polas corporacións locais e se procede á súa convocatoria (DOG nº 60, do 28 de marzo), establece, no seu artigo 7, un importe total dispoñible para o exercicio 2008 de 34.414.748 €, destinado ao financiamento das subvencións que, ao seu abeiro, poderán ser concedidas aos solicitantes, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Ao abeiro do disposto neste precepto, xa foi incrementado o importe destinado a financiar estas subvencións pola contía adicional de 6.256.802,64 €, a través da correspondente orde de modificación, do 23 de abril de 2007 (DOG nº 83, do 30 de abril).

Na actualidade, a consecuencia da existencia de novas dispoñibilidades orzamentarias que poden ser utilizadas para os mesmos fins, procedentes dunha xeración de crédito nos orzamentos de gastos deste centro directivo, cómpre ampliar o importe total das subvencións que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 18 de marzo de 2008, na contía adicional de 812.147,81 € para o presente exercicio 2008, coa finalidade de facelas chegar ao maior número de beneficiarios e co maior grao de suficiencia posible para garantir unha axeitada prestación dos servizos sociais por parte das corporacións locais.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Amplíase o importe total correspondente ao exercicio 2008 destinado ao financiamento das subvencións que se van conceder ao abeiro da Orde do 18 de marzo de 2008, pola que se regulan as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas á prestación de servizos sociais polas corporacións locais e se procede á súa convocatoria, nas seguintes contías, aplicacións orzamentarias e anualidades:

Ano 2008:

05.41.313C.760.2, por importe de 812.147,81 €.

2. Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar