DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 06 de novembro de 2008 Páx. 20.254

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 29 de outubro de 2008 pola que convocan os Premios á Solidariedade en Galicia.

A Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia, dispón no seu artigo 16 h) que lle corresponde á Xunta de Galicia establecer medidas de recoñecemento público das entidades e persoas que colaboren no desenvolvemento da acción voluntaria.

O Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se regula a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, no seu artigo 6, punto 2.2º b), establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade a xestión e coordinación das actuacións da Secretaría Xeral do Benestar en materia de voluntariado, así como a elaboración e o seguimento do Plan galego de fomento e promoción da acción voluntaria e a xestión do sistema de rexistro autonómico das entidades de acción voluntaria.

Tamén será a súa función o desenvolvemento das actuacións de promoción, investigación, asistencia e formación en materia de voluntariado e todas aquelas segundo o disposto na Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

Así mesmo, no artigo 2.2.3.1.j) do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, dispón que lle corresponde á Subdirección Xeral de Solidariedade e Participación elaborar e realizar o seguimento da execución dos programas e das accións previstos no Plan galego para a promoción e o fomento da acción voluntaria por parte dos distintos departamentos da Xunta de Galicia e das entidades públicas e privadas que obteñan financiamento da Administración autonómica de Galicia.

Por outra banda, o II Plan galego de voluntariado 2006-2010 recolle entre os seus obxectivos o de achegarlle á sociedade galega unha imaxe real das accións de voluntariado que as distintas entidades de acción voluntaria desenvolven na comunidade. Con isto búscase sensibilizar e pór de relevo a importancia do traballo do voluntariado, mostrando e premiando os proxectos máis relevantes no eido da solidariedade, razón pola que se considera de grande interese a creación dos Premios á Solidariedade en Galicia.

En virtude do exposto e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, e a Lei 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbitos.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se convocan os Premios á Solidariedade en Galicia para galardoar as persoas físicas ou xurídicas que se distinguiran de xeito extraordinario na promoción e execución da acción voluntaria nos seguintes ámbitos:

1. Desenvolvemento sustentable e/ou comunitario.

2. Proxectos innovadores.

3. Sensibilización e difusión.

Artigo 2º.-Premios.

1. Concederase un único premio en cada un dos ámbitos anteriormente descritos e non poderá recaer máis dun premio na mesma persoa. Ademais, entregarase un certificado ou diploma de recoñecemento.

2. Tamén se poderá conceder unha mención honorífica por cada ámbito.

Artigo 3º.-Contido dos premios.

1. En calquera dos ámbitos, o premio consistirá nunha escultura solidaria.

2. As mencións honoríficas consistirán nun certificado de recoñecemento.

Artigo 4º.-Destinatarios.

Poderán premiarse as persoas físicas ou xurídicas que de xeito continuado e eficaz veñan desenvolvendo proxectos nos ámbitos recollidos no artigo 1º e que desenvolvan a súa actividade dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Propoñentes.

As candidaturas serán presentadas polas persoas integrantes do xurado ou directamente por persoas ou entidades que consideren relevante destacar o labor de terceiros no ámbito da acción solidaria. Os candidatos non poderán postularse a si mesmos.

Artigo 6º.-Órganos competentes para a ordenación, instrución, valoración e proposta de resolución.

1. O órgano competente para a ordenación e instrución será a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, a cal realizará de oficio cantas actuacións xulgue precisas para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos e méritos en virtude dos cales deba efectuarse a valoración e a proposta de resolución.

2. O órgano competente para a valoración das candidaturas e para a proposta de resolución será o xurado.

Artigo 7º.-Composición do xurado.

O xurado estará composto polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Xuventude e Solidariedade.

Vogais:

-O director xeral de Acción Social.

-A directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

-Un membro da Xunta Directiva da Coordinadora Galega de ONG.

-A coordinadora autonómica de Cruz Vermella en Galicia, en representación do Consello Galego de Voluntariado.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, o/a cal participará con voz pero sen voto.

Artigo 8º.-Funcionamento do xurado.

O xurado axustará o seu funcionamento aos órganos colexiados regulados no capítulo II, título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 9º.-Solicitude, memoria, documentación e emenda de erros.

1. A presentación de candidaturas deberá formalizarse no modelo de instancia que figura como anexo.

As solicitudes, xunto coa documentación, dirixiranse a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e presentaranse no rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nas delegacións provinciais ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Para calquera información sobre a convocatoria pódese acudir ao portal web: www.voluntariadogalego.org ou ao teléfono solidario 900 40 08 00.

O prazo de presentación será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no DOG.

2. Ademais da documentación que figura no anexo, os propoñentes deberán achegar a seguinte documentación:

-Memoria en que consten os méritos alegados e a traxectoria solidaria ou promocional da persoa ou institución candidata.

-Calquera documentación en soporte audiovisual, informático ou escrito que consideren oportuna.

3. Se a solicitude non reunise algún dos requisitos establecidos nesta orde, ou ben dos previstos no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, requiriranse os solicitantes para que, no prazo de 10 días, emenden as faltas ou acompañen os documentos preceptivos, de acordo co disposto no artigo 71.1º da citada lei. Se así non o fixesen, teranse por desistidos da súa solicitude, previa notificación da resolución pola secretaria xeral do Benestar, que a ditará nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

Artigo 10º.-Criterios de valoración das candidaturas.

1. Para a adxudicación dos premios teranse en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Creatividade e innovación.

b) Efectividade e impacto na comunidade.

c) Tempo de implantación.

d) Difusión e sensibilización da acción voluntaria.

e) Viabilidade técnica, económica e de xestión.

2. Os premios poderán declararse desertos, se se considera que as candidaturas presentadas non reúnen méritos suficientes para ser galardoadas.

Artigo 11º.-Resolución.

1. O xurado, de acordo coas actuacións realizadas, emitirá a correspondente proposta, na cal se concretará o resultado da valoración efectuada.

2. Á vista da citada proposta, a secretaria xeral do Benestar procederá a ditar resolución.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento no poderá exceder tres meses. O prazo computarase a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante o vicepresidente da Igualdade e do Benestar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa resolución, de conformidade co establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 12º.-Entrega dos premios.

Os premios entregaranse no transcurso dun acto público, no mes de decembro, con motivo da celebración de Día Internacional do Voluntariado.

Disposición adicional

Coa presentación da súa candidatura (segundo o anexo) os interesados dan a súa conformidade para que os datos facilitados sexan tratados segundo o disposto na Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a secretaria xeral do Benestar para ditar cantas disposicións sexan precisas en relación a esta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "21600D001P006.PDF"