DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Mércores, 05 de novembro de 2008 Páx. 20.203

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2008 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, que aproba as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 23 de setembro de 2008, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único.-Publicar as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas, as cales se anexan a esta resolución.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2008.

Álvaro Álvarez-Blázquez Fernández

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Igape, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas

Artigo 1º.-Obxecto.

Estas bases regulan o contido e procedemento de tramitación de tres liñas de axuda dirixidas a facilitar o acceso ao financiamento por parte das Pemes co obxecto de adecuar e reforzar a súa estrutura financeira:

Liña 1.-Programa de apoio ao circulante.

Liña 2.-Programa de refinanciamento de pasivos.

Liña 3.-Programa de ampliación de capital social.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

2.1. Poderán acceder ás liñas de financiamento previstas nestas bases, aquelas pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías). Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de

catro anos do artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En calquera caso, deberán ter radicado o centro da súa actividade económica en Galicia e cumprir cos requisitos específicos de cada liña.

2.2. Ademais, poderán ser beneficiarios do programa de ampliación de capital, os socios actuais ou futuros, sexan persoas físicas ou xurídicas, de sociedades mercantís ou cooperativas que cumpran os requisitos establecidos nestas bases para as empresas beneficiarias.

2.3. Os solicitantes terán que estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2.4. Ademais de reunir os requisitos establecidos para cada liña de financiamento, deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

3.1. Considéranse incentivables a través de calquera das liñas, aquelas que se correspondan con algunha das sinaladas no anexo I destas bases.

Artigo 4º.-Condicións dos programas.

4.1. Programa de apoio ao circulante:

Poderán acollerse a este programa aquelas pequenas e medianas empresas que formalicen unha nova póliza de crédito ou préstamo que se destine ao financiamento do seu activo corrente, por atoparse a empresa nalgunha das seguintes situacións:

-Pemes con fluxos monetarios de entrada e saída que non se corresponden e presenten problemas de liquidez.

-Pemes cun peso considerable do activo corrente dentro da estrutura do activo que sexa habitual no sector.

-Pemes que precisen de financiamento das súas campañas de produción.

Non se considerará nova póliza a renovación dunha previa.

4.2. Programa de refinanciamento de pasivos:

Poderán acollerse a este programa aquelas Pemes con forma xurídica de sociedades mercantís ou cooperativas que formalicen un préstamo a longo prazo que se destine á cancelación ou modificación de pasivos financeiros formalizados con entidades de crédito e con vencemento a curto ou medio prazo, co obxecto de alcanzar o equilibrio financeiro e acomodar os fluxos monetarios de entrada e saída e evitar, deste xeito, problemas futuros de liquidez.

Para os efectos do establecido no parágrafo anterior entenderanse por pasivos financeiros refinanciables, os seguintes:

-Pólizas de préstamo ou crédito e contratos de leasing con vencemento non superior a 3 anos a partir da data de solicitude da axuda no Igape.

Non se consideran pasivos refinanciables aqueles que tivesen calquera tipo de subvención encamiñada a mellorar as condicións financeiras respecto das normais de mercado. Tampouco poderán acollerse a este programa aquelas empresas incursas en situación concursal ou que se atopen en algunha das situacións legais de disolución da sociedade.

4.3. Programa de ampliación de capital:

Poderán ser beneficiarios deste programa os socios actuais o futuros de Pemes con forma xurídica de sociedades mercantís ou sociedade cooperativa xa constituídas, que soliciten financiamento alleo co obxecto de obter fondos con destino exclusivo á toma de participación nunha ampliación de capital con desembolso inicial do 100% desta, no marco dun acordo de ampliación de capital adoptado pola xunta xeral da sociedade.

Os socios a que se refire o parágrafo anterior poderán ser tanto persoas físicas como xurídicas, sen necesidade de cumprir os requisitos establecidos no artigo 2º, en canto á localización, e 3º destas bases. Non obstante, no caso de tratarse de empresas deberán acreditar o requisito de Peme. Así mesmo, as sociedades que amplíen o seu capital deberán cumprir os requisitos establecidos nos citado artigos.

A solicitude presentada ao Igape deberá basearse nun diagnóstico e nun plan estratéxico da sociedade que pretende levar a cabo a ampliación de capital, do que, a xuízo do Igape, se deduza a viabilidade técnica, económica e financeira a longo prazo sobre a base dunhas perspectivas obxectivas en canto ás súas futuras condicións de funcionamento e que, en todo caso, lleve ao restablecemento do seu equilibrio financeiro.

As obrigas derivadas destes préstamos (garantías, xuros, amortizacións e outras), serán por conta exclusiva do socio, sen que de ningún modo poidan repercutir ou subrogarse na sociedade emisora da ampliación.

Non poderán subsidiarse as ampliacións de capital no caso de que a empresa emisora efectuase unha redución do capital social nos últimos tres exercicios, excepto que esta redución fose destinada a compensación de perdas.

Artigo 5º.-Características das operación de préstamo/crédito.

5.1. Programa de apoio ao circulante:

5.1.1. Modalidades.

Poderanse formalizar préstamos ou pólizas de crédito.

5.1.2. Importe.

O importe máximo de préstamo/crédito subsidiable ao abeiro desta liña será de 600.000 €. Excepcionalmente, naqueles casos en que o Igape o xulgue de especial interese socioeconómico poderanse ter en conta importes superiores. O importe mínimo atendible será de 3.000 €.

5.1.3. Prazo.

O prazo máximo en calquera das modalidades será de tres anos. Non obstante, na modalidade de póliza de crédito a subsidiación de xuros limítase ao primeiro ano de vixencia.

5.2. Programa de refinanciamento de pasivos:

5.2.1. Modalidade.

Préstamos.

5.2.2. Importe.

O importe máximo de préstamo subsidiable ao abeiro desta liña será de 1.000.000 €. Excepcionalmente, naqueles casos en que o Igape o xulgue de especial interese socioeconómico poderanse ter en conta importes superiores. O importe mínimo atendible será de 25.000 €.

Non obstante, o préstamo con dereito a subsidiación determinarao o Igape a partir da análise das necesidades financeiras que deriven do diagnóstico, dos estados financeiros da sociedade e do plan de cancelación de pasivos e limitarase en todo caso, ao importe do capital vivo na data de solicitude, no caso dos préstamos/leasing, e ao importe nominal, no caso das pólizas de crédito.

5.2.3. Prazo.

Non se establece prazo máximo. Non obstante, a subsidiación calcularase para un préstamo teórico a 7 anos.

5.3. Programa de ampliación de capital:

5.3.1. Modalidade.

Préstamos.

5.3.2. Importe.

O importe máximo de préstamo subsidiable ao abeiro desta liña será de 600.000 € por empresa que amplía o seu capital. Excepcionalmente, naqueles casos en que o Igape o xulgue de especial interese socioeconómico poderanse ter en conta importes superiores. O importe mínimo atendible por cada un dos socios solicitantes será de 3.000 €.

En todo caso, o volume do préstamo con dereito a subsidiación determinarao o Igape a partir da análise das necesidades financeiras que derivan do diagnóstico e dos estados financeiros da sociedade e limitarase ao necesario para o restablecemento do equilibrio financeiro da sociedade emisora, fixándose o límite máximo de ampliación subvencionable cando se alcance a relación 55/45 entre fondos propios e pasivo alleo.

5.3.3. Prazo.

Non se establece prazo máximo. Non obstante, a subsidiación calcularase para un préstamo teórico a 7 anos.

5.4. No caso de concorrencia de varias liñas, o límite máximo de operacións subsidiables por empresa será de 1.500.000 €.

Artigo 6º.-Tipos de xuro e comisións.

6.1. O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a estas bases e o seu sistema de variación establécense do seguinte xeito:

a) Tipo de referencia: será o Euribor a prazo de 6 meses. As revisións faranse por períodos semestrais.

b) Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes sen que en ningún caso poida exceder de 1,50 puntos cando a operación estea avalada por unha SGR e 2,00 no resto dos casos.

c) O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia, o tipo adicional que pacten as partes.

6.2. Se o Euribor ao prazo establecido deixase de determinarse, aplicarase o que legalmente o substitúa.

6.3. As entidades financeiras prestameiras poderán percibir unha comisión de apertura máxima dun 1% e as SGR unha comisión de estudo máxima dun 0,50%.

6.4. As sociedades de garantía recíproca (SGR) poderán percibir, polos avais prestados ás operacións de empréstito subscritas ao abeiro desta bases, unha comisión máxima anual do 1% sobre os saldos máximos garantidos cada ano.

Artigo 7º.-Axuda do Igape.

7.1. A aquelas operacións consideradas subvencionables polo Igape, concederánselles os seguintes beneficios:

* Subsidiación ao tipo de xuro dun máximo de 1,50 puntos porcentuais no caso de operacións avaladas por unha SGR e 2,00 puntos no resto dos casos. En calquera caso, os puntos de subsidiación non superarán o tipo adicional pactado de acordo co artigo 6.1.b).

* Subvención da comisión do aval financeiro prestado pola SGR.

* Subvención do 50% da comisión de estudo da SGR e apertura da entidade financeira.

7.2. A axuda financeira que se conceda pagarase dunha soa vez e para o seu cálculo procederase do seguinte xeito:

Operacións de préstamo:

a) Calcularanse os valores absolutos das subvencións a percibir durante o período de vixencia do préstamo, se é o caso, o período de carencia, tomando como tipo de xuro nominal os puntos de subsidiación e, se é o caso, a comisión de aval. Tomarase coma base da liquidación o ano comercial (360 días).

b) Actualizaranse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao ano da presentación da solicitude no Igape.

c) No caso de que o préstamo fose formalizado a un prazo superior a 7 anos, a subsidiación e comisión de aval da SGR calcularase de xeito teórico, coma se fose a 7 anos, incluída a carencia.

d) Aos cálculos anteriores engadirase o importe correspondente á subvención por comisión de apertura e, se é o caso, de estudo por parte das SGR.

e) O importe resultante da liquidación anticipada destinarase no caso de operación de préstamos á amortización anticipada do principal, non podendo a entidade financeira cobrar comisión ningunha pola dita amortización.

Operacións de crédito:

a) Determinarase a subsidiación en función do capital disposto e números comerciais certificados pola entidade de crédito e correspondentes ao primeiro ano de vixencia. Non se considerarán subvencionables os xuros correspondentes a saldos excedidos. Tomarase como base da liquidación o ano comercial (360 días).

b) Para o cálculo da subvención da comisión do aval financeiro procederase de xeito teórico tomando como referencia o límite de crédito concedido.

c) Actualizaranse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao ano da presentación da solicitude no Igape.

d) Aos cálculos anteriores engadirase o importe correspondente á subvención por comisión de apertura e, se é o caso, de estudo por parte das SGR.

Artigo 8º.-Compatibilidade e límite de axuda.

8.1. A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, a da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada, pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea.

8.2. A subvencións financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro de 2006). As axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite será de 100.000 € para as empresas do sector do transporte por estrada. Para as empresas que operen no sector primario pesqueiro este límite será de 30.000 €, respectando o Regulamento 875/2007 da Comisión, do 24 de xullo de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE L 337/2007).

Artigo 9º.-Tramitación das solicitudes da axuda financeira ante o Igape.

9.1. Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado cuestionario.

9.2. Co fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon á disposición do interesado o seu Servizo de Asistencia Técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Deberanse cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. Este IDE estará composto de 40 carácteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado “SHA-1 160 bits” a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

9.3. A solicitude de axuda presentarase mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo II, na que será obrigatorio a inclusión dos 40 carácteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. A solicitude que careza do IDE ou na que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) será devolta sen tramitación. Na instancia normalizada (anexo II) correspondente ao programa de ampliación de capital deberá asinar tamén o representante legal da empresa que procederá a ampliar capital.

9.4. A presentación da solicitude de axuda polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor poderanlle ser requiridos ao interesado.

9.5. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

9.6. Así mesmo, o interesado poderá asinar electronicamente o formulario de solicitude co IDE e presentalo no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia. O solicitante por esta vía telemática deberá reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de modo que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados da clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

d) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación, conforme o Decreto 164/2005.

9.7. O solicitante poderá obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario. Para iso utilizará a aplicación establecida no enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 carácteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexa recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación de axuda para xerar un cuestionario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das devanditas aclaracións.

9.8. O Igape unicamente dará curso a aquelas solicitudes que figuren cubertas na súa totalidade e cumpran os requisitos establecidos nestas bases, e devolveralle a solicitude ao interesado, no caso de que non estivese debidamente cuberta, quen poderá volver presentala unha vez que se cubra correctamente. Non obstante, o Igape poderá solicitar ao beneficiario calquera documentación e información adicional que considere oportuna para os efectos dunha correcta análise da solicitude.

9.9. Traslado de solicitudes ás entidades financeiras e SGR.

O Igape remitirá o cuestionario da solicitude cursada á entidade financeira e, se é o caso, á sociedade de garantía recíproca, designadas polo solicitante. As operacións subsidiadas poderán formalizarse, a risco do prestameiro, desde a data de remisión do Igape á entidade financeira do expediente, sen que a dita remisión supoña recoñecemento do dereito do solicitante a percibir finalmente a axuda.

Artigo 10º.-Resolución.

10.1. Unha vez que a entidade financeira e, se é o caso, a SGR formulen a súa posición de conformidade co establecido no convenio de colaboración que para tal efecto se asine, a solicitude será avaliada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á operación declarados no cuestionario anexo a esta. Unha vez avaliada a solicitude, a Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección.

10.2. Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do préstamo/crédito subsidiable, o seu prazo de vixencia e carencia, os puntos e porcentaxes de subvención e, nos casos en que poida determinarse, o importe efectivo da subvención que o Igape aboará á entidade financeira, tras a acreditación e xustificación por parte do beneficiario.

10.3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

10.4. Baseándose nas características do programa de axuda, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas, circunstancia que se publicará mediante resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Notificación, silencio administrativo e recursos.

11.1. O Igape notificará ao solicitante e comunicará á entidade financeira e SGR, se é o caso, a concesión ou denegación da axuda.

11.2. A resolución de concesión deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, a axuda entenderase tacitamente aceptada. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nestas bases e demais disposicións aplicables. A aceptación formalizarase na copia da resolución que, para tal efecto, se remitirá xunto coa resolución de concesión e que deberá ser devolta ao Igape debidamente cuberta.

11.3. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses a partir da data de presentación da solicitude de axuda no Igape. O citado prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notificase a resolución expresa, poderase entender desestimada. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante os xulgados de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución. Potestativamente, poderase interpoñer recurso de reposición ante o director xeral do Igape no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas.

11.4. Poderá ser causa de denegación da axuda a falta de comunicación pola entidade financeira da súa posición respecto á aprobación da operación, nos prazos establecidos nestas bases e no convenio asinado para o efecto (15 días hábiles para cada entidade), sen prexuízo da posibilidade do solicitante de reiterar a súa solicitude.

Artigo 12º.-Publicación.

12.1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración Pública Galega, o Instituto Galego de Promoción Económica publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, www.igape.es, expresando beneficiario, finalidade, contía e aplicación orzamentaria, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do solicitante e a súa remisión ás entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca para os efectos da formalización das operacións, así como o tratamento dos datos das entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca, e da súa publicación nos citados medios.

12.2. De conformidade cos puntos 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía publicarán no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro destas bases; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 13º.-Formalización da operación financeira.

13.1. Unha vez que o Igape traslade por vía telemática o cuestionario da solicitude á entidade financeira e, se é o caso, á sociedade de garantía recíproca correspondente, poderase formalizar a operación financeira, previamente á resolución de concesión.

13.1.1. A formalización do préstamo/crédito antes da resolución de concesión non implica o recoñecemento de ningún dereito ou cualificación do expediente respecto á concesión da subsidiación solicitada.

13.1.2. No contrato de préstamo/crédito formalizado anticipadamente de acordo co previsto no punto anterior, deberanse mencionar, polo menos, os seguintes extremos: que se presentou solicitude de axuda financeira no Igape, con indicación da data de rexistro de entrada neste instituto, e que o préstamo quedará acollido ás axudas establecidas nestas bases nos termos e condicións establecidas na resolución de concesión da axuda que, no seu día, se dite.

13.2. Se o préstamo/crédito se formaliza con posterioridade á data de notificación da resolución de concesión, deberá recoller a mención a esta.

13.3. O prazo máximo para a formalización será de 3 meses, contados desde o día seguinte á data de notificación da concesión ao beneficiario.

Finalizado o dito prazo sen que se formalizase, ditarase resolución que teña o solicitante por renunciado e ordene o arquivo do expediente, salvo que, logo da solicitude razoada de prórroga deste, presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da entidade financeira, o Igape autorice a dita prórroga.

13.4. Disposición dos fondos:

No programa de refinanciamento de pasivos o período de disposición non poderá ser superior a un mes a partir da data de formalización do préstamo. A entidade financeira unicamente permitirá a disposición dos fondos para a cancelación ou modificación dos pasivos financeiros previstos no plan de cancelación aprobado polo Igape, coa excepción do importe correspondente ás cotas de amortización vencidas desde a solicitude da axuda, que poderán ser dispostas polo beneficiario.

No programa de ampliación de capital, o período de disposición non poderá ser superior a un mes a partir da data de formalización do préstamo. A disposición do préstamo efectuarase dunha soa vez no momento do outorgamento de escritura pública de ampliación de capital.

No programa de apoio ao circulante permitirase a disposición gradual das cantidades necesarias durante o período de vixencia da póliza. Permitirase a disposición total desde o momento da formalización, no caso de operacións de préstamo.

Artigo 14º.-Solicitude de cobramento e pagamento da subsidiación.

14.1. Os beneficiarios destas axudas deberán solicitar o cobramento da subvención concedida nos prazos seguintes:

* No caso de pólizas de préstamo, no prazo de dous meses desde a data da súa formalización.

* No caso de pólizas de crédito, no prazo de dous meses computados desde o vencemento do primeiro ano de vixencia.

14.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o cuestionario de liquidación a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente o cuestionario de liquidación. Este IDEL estará composto de 40 carácteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo III, na cal será obrigatoria a inclusión dos 40 carácteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren emendadas.

O beneficiario presentará a solicitude de cobramento co IDEL no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, poderá asinar electronicamente o formulario de solicitude de cobramento co IDEL e presentalo no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, sempre que cumpra os requisitos previstos no artigo 9.6º destas bases e que a documentación que acompañe a solicitude de cobramento sexa apta para a súa presentación telemática. Neste último caso, a aplicación de xeración de cuestionarios de liquidación permitirá xuntar estes documentos e remitilos electronicamente.

Acompañando a dita solicitude deberá presentar a seguinte documentación:

Para calquera das liñas:

-Copia cotexada da póliza ou escritura de préstamo/crédito subsidiado.

-Certificación bancaria da disposición total do préstamo/crédito subsidiado.

-Fotocopia cotexada da declaración censual (modelo 036) ou último recibo do imposto de actividades económicas.

-Fotocopia cotexada das contas anuais reflectidas na solicitude da axuda.

Ademais, para o programa de apoio ao circulante:

-Certificación bancaria dos xuros devengados durante o período subsidiable, indicando os números comerciais aplicados.

Para o programa de refinanciamento de pasivos:

-Fotocopias cotexadas pola entidade financeira das pólizas correspondentes ás operacións canceladas ou modificadas.

-Certificación bancaria da súa cancelación ou modificación.

Para o programa de ampliación de capital:

-Fotocopia cotexada da escritura de ampliación de capital.

14.3. O Igape revisará a documentación xustificativa, podendo solicitar ao beneficiario, á entidade de crédito ou á SGR calquera documentación e información adicional que considere oportuna para os efectos dunha correcta análise da xustificación da realización do proxecto.

14.4. Unha vez verificada a documentación achegada, o Igape procederá ao pagamento da subsidiación, da comisión de apertura/estudo e, se é o caso, da subvención da comisión de aval, dunha soa vez, a través da entidade financeira prestameira. A subvención deberá destinarse á amortización anticipada do principal da operación de préstamo, polo que, unha vez aplicada, a entidade financeira deberá presentar no Igape, no prazo de 30 días desde a data de pagamento da subvención, certificación acreditativa da amortización do principal da operación na contía subvencionada, non podendo a entidade financeira cobrar comisión ningunha pola dita amortización. No caso de operacións de crédito, deberá ingresarse, preferentemente na propia conta de crédito, sen que o dito ingreso supoña unha minoración do límite de disposición, ou ben, de non ser posible, na conta que indiquen na solicitude de cobramento.

Artigo 15º.-Modificacións.

15.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ou da súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

15.2. O beneficiario queda obrigado a comunicarlle ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi concedida a axuda. En particular deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de cobramento.

15.3. En caso de modificación da operación aprobada, o beneficiario da axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución. No caso de que a modificación afecte os datos declarados no cuestionario deberá cubrir previamente un novo cuestionario descritivo do proxecto na aplicación de axuda na internet, e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación.

15.4. O director xeral do Igape poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases.

b) Que a modificación non cause prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

15.5. A resolución de modificación establecerá as novas condicións da concesión e, se é o caso, decretará o reintegro do indebidamente percibido. En ningún caso a resolución de modificación implicará aumentar o importe da subvención inicialmente aprobada.

15.6. O cambio de beneficiario da axuda poderá ser autorizado polo director do Igape sempre que se acredite documentalmente a subrogación na totalidade dos dereitos e obrigas derivados do proxecto subvencionado e especificamente da operación subsidiada, así como o cumprimento dos requisitos establecidos no punto 15.4. Presentarase a solicitude asinada polo novo titular, e xuntarase a documentación acreditativa da subrogación, en que conste o consentimento do anterior beneficiario.

Artigo 16º.-Perda da subvención.

16.1. Procederá o reintegro total ou parcial por parte do beneficiario das cantidades aboadas polo Igape á entidade financeira e sociedade de garantía recíproca con motivo da súa operación de préstamo/leasing, xunto cos xuros de demora devengados desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente segundo os termos contidos nestas bases.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, así como dos compromisos asumidos por este, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade ou regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou organismos internacionais.

e) Incumprimento de adoptar as medidas de difusión que se impuxesen na resolución de concesión.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro desempeñadas pola Administración ou por calquera dos seus órganos, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea, ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais casos previstos na normativa reguladora da subvención.

i) A nulidade da resolución polas causas establecidas no artigo 32 ou ter incorrido nalgunha das causas de reintegro do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

16.2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas ou privadas, supere o custo do proxecto ou o límite de intensidade de axuda establecido pola normativa comunitaria.

16.3. O alcance do incumprimento determinarase en función do grao e entidade da condición incumprida. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta.

Se o incumprimento superara o 50% do importe subvencionable aprobado, considerarase total, sendo causa de revogación da axuda e de reintegro da totalidade das cantidades percibidas. As cantidades que se reintegren terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu recobramento, se é o caso, a vía de constrinximento.

16.4. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sendo competente para a súa resolución o director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

16.5. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios, entidades financeiras e SGR colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Control.

Tanto as entidades financeiras como as sociedades de garantía recíproca, como os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que efectúen o Igape ou os órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 18º.-Adhesión mediante convenio das entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca colaboradoras.

18.1. O Igape invitará a adherirse a este convenio a todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia técnica e financeira, colaborasen co instituto nos seus programas de subsidiación ao tipo de xuro de préstamos ou créditos. Así mesmo, poderán instar a súa adhesión a este convenio todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido no convenio asinado para o efecto e nestas bases reguladoras. As ditas entidades xustificarán mediante declaración responsable o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

18.2. A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes, da declaración que se xunta como anexo IV a estas bases. O Igape daralles conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio e publicarao no Diario Oficial de Galicia.

18.3. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo V destas bases.

Artigo 19º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes na entidade de crédito iniciarase o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de decembro de 2009. No caso de esgotamento do crédito o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 20º.-Dotación orzamentaria.

As axudas reguladas nestas bases financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 02.01-E5/10/01-656700 cun crédito plurianual de 275.000 € para o exercicio 2008, de 600.000 € euros para o exercicio 2009 e de 200.000 euros para o exercicio 2010, e a súa concesión estará supeditada á existencia de crédito orzamentario suficiente. Os ditos créditos, á vista das solicitudes presentadas, poderán ser modificados e/ou ampliados polo Igape, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Ver referencia pdf "21500D010P035.PDF"

Anexo V

Relación de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca adheridas

* Caixas

Caja Ahorros de Galicia.

Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra-Caixanova.

Caixa Rural Galega, Sociedad Cooperativa de Crédito Limitada Gallega.

Caja de España de Inversiones, Caja de Ahorros y Monte de Piedad.

Caja de Ahorros de Salamanca y Soria.

Caja de Ahorros y Pensiones de Barcelona La Caixa.

Caja de Ahorros de Valencia, Castellón y Alicante Bancaja.

* Bancos

Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A.

Banco de Galicia, S.A.

Banco Español de Crédito, S.A.

Banco Espirito Santo, S.A. Sucursal en España.

Banco Gallego, S.A.

Banco Pastor, S.A.

Banco Popular Español, S.A.

Banco de Sabadell, S.A.

Banco Caixa Geral, S.A.

Banco Santander, S.A.

* SGR.

Afianzamientos de Galicia, Sociedad de Garantía Recíproca (Afigal, SGR).

Sociedad de Garantía Recíproca de la Pequeña y Mediana Empresa de Pontevedra y Ourense (Sogarpo, SGR).