DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Mércores, 05 de novembro de 2008 Páx. 20.200

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2008 pola que se convocan as xornadas As administracións públicas son persoas. Cara ao emprego público do século XXI.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2008 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse as xornadas As administracións públicas son persoas. Cara ao emprego público do século XXI, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

As administracións públicas xustifícanse como servizo civil, é dicir, á cidadanía, á xente. Pero as nosas sociedades xa non son o que eran. Diversos procesos demográficos, económicos, tecnolóxicos, políticos, sociais e culturais transformaron profundamente os desafíos que o noso tempo presenta ao benestar sustentable da xente.

As nosas administracións públicas fóronse adaptando proporcionalmente a estes cambios, ao fío da construción progresiva da democracia, as autonomías, o estado do benestar, a inserción en Europa e nun mundo global cada vez máis exixente en termos de produtividade e competitividade. Pero está pendente unha verdadeira reforma estrutural das administracións españolas, cuxa matriz institucional segue fortemente arraigada no modelo de xestión burocrática que, independentemente dos seus méritos históricos, non resulta apropiado para abordar os desafíos do noso tempo.

A crise multidimensional que estamos a vivir, e que está a revalorizar a necesidade dunha xestión pública eficaz e democrática, non vén senón acentuar a necesidade de reformas estruturais capaces de poñer as nosas administracións en mellores condicións para afrontar os retos actuais do benestar. Estas reformas teñen que partir da convicción de que as administracións son, ante todo, persoas e que ningunha reforma será plenamente eficaz se non é capaz de aliñar comprometidamente as persoas ao servizo da xente na súa respectiva Administración pública. Isto significa que os cambios requiridos son integrais: legais, institucionais, de instrumentos de xestión, de mentalidade e culturais.

Estas xornadas teñen como obxectivo identificar os principais atrancos do emprego público na España actual, facelo de xeito sistémico (sen illar a reforma do emprego doutras con que se atopa intimamente relacionada) e propoñer contidos e instrumentos de políticas públicas que orienten estratexicamente a construción decidida e progresiva do emprego do século XXI. Ao facelo terase en conta o Estatuto básico do empregado público, aínda que as presentacións e debates irán máis alá do seu necesario desenvolvemento lexislativo indagando os criterios de políticas de emprego público que resulten en cada caso relevantes.

As xornadas consideran o emprego público en España e nos seus diferentes niveis de administracións públicas (estatal, autonómico e local), pero no contexto das reformas que están a ter lugar na Unión Europea, diversos países da OCDE e nos países irmáns de América Latina.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

-Emprego público, gobernanza democrática e benestar hoxe.

-A longa marcha ao Estatuto básico do empregado público:

O emprego público nas políticas de modernización e reforma da Administración desde a transición democrática.

O Estatuto básico do empregado público: balance e perspectivas.

-Temas clave das políticas de emprego público:

Os principios institucionais de igualdade, mérito e capacidade no noso tempo.

As retribucións dos empregados públicos.

Selección e formación como recursos estratéxicos das reformas estruturais do emprego público.

Directrices para un Estatuto da función directiva.

A negociación colectiva das condicións de traballo no emprego público.

-Políticas de emprego público nos gobernos locais e nas comunidades autónomas:

Emprego público e reforma dos gobernos locais en España.

Políticas de emprego público en comunidades autónomas: o caso de Galicia.

-Reformas no ámbito internacional comparado: leccións aprendidas:

Avances e bloqueos do sistema de mérito nos servizos civís latinoamericanos.

Cultura e ética do servizo público: o dereito/deber á boa Administración.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo das diferentes administracións públicas de Galicia e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública, rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela.

Datas: 27 e 28 de novembro de 2008.

Duración: 10 horas lectivas.

Horario:

-Día 27 de novembro, das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 18.30 horas.

-Día 28 de novembro, das 10.00 ás 14.00 horas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, CP 15707, Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no rexistro xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedar prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, de 8.30 a 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41-881 99 70 14.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 25 de novembro de 2008.

8. Modificacións.

A EGAP resérvase a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Será entregado un certificado de asistencia, ao final das xornadas, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data de realización.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2008.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "21500D008P032.PDF"