DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Mércores, 05 de novembro de 2008 Páx. 20.199

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 29 de setembro de 2008 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión de axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros, convocadas pola Orde do 23 de abril de 2008.

A Orde do 23 de abril de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros, e se convocan para o exercicio 2008 (DOG nº 84, do 2 de maio) establece no seu artigo 4º o importe da contía máxima das axudas que ao seu abeiro poderán ser concedidas aos solicitantes.

Ante o contexto da actual situación económica do sector pesqueiro, con problemas non só conxunturais, senón tamén de carácter estrutural, as medidas relacionadas co axuste da capacidade pesqueira á situación dos recursos adquiren unha maior relevancia. Neste contexto, e á vista de que as previsións iniciais noutras medidas financiadas polo Fondo Europeo da Pesca non se van cumprir na súa integridade, levouse a cabo unha reasignación de recursos, incrementando a dotación inicialmente prevista para a paralización definitiva. Consecuentemente, o importe inicialmente dotado para a orde de axudas do 23 de abril de 2008 pode ser incrementado, o que permitirá ofrecer axudas a un maior número de beneficiarios.

Tendo en conta o indicado no artigo 4.2º da Orde do 23 de abril de 2008, o crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Considerando todo o dito anteriormente é polo que cómpre ampliar o importe da contía máxima das axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 23 de abril de 2008, coa finalidade de ofrecelas ao maior número de beneficiarios posible.

Por todo o exposto e en uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro.-Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 23 de abril de 2008 (DOG nº 84, do 2 de maio) en 10.000.000 euros, con cargo á aplicación 14.03.723A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Segundo.-Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2008.

María Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos