DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Mércores, 05 de novembro de 2008 Páx. 20.178

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 31 de outubro de 2008 pola que se modifica a Orde do 24 de marzo de 2008, pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas de protección especial en perigo de extinción, e se convocan no ano 2008, e se amplía a súa dotación orzamentaria.

No Diario Oficial de Galicia nº 63, do mércores 2 de abril de 2008 publicouse a Orde do 24 de marzo de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas para o fomento das razas autóctonas galegas de protección especial en perigo de extinción e se convocan no ano 2008.

No parágrafo primeiro do artigo 15 establécese «que as xustificacións técnicas e económicas da realización do programa deberán presentarse antes do 15 de novembro no rexistro da consellería, das súas delegacións provinciais ou nas oficinas agrarias comarcais. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Achegaranse os xustificantes orixinais de investimento total, unha relación informatizada destes e unha memoria explicativa sobre a realización do programa auxiliado, que probe a entrega efectiva dos produtos ou a prestación efectiva dos servizos. Para cada

concepto, presentarase unha táboa comparativa entre os gastos realizados, debidamente xustificados, e os presentados no orzamento de gastos inicialmente presentado».

No parágrafo segundo do artigo 16 precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas, e sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, de ser procedente, tramitando o expediente de xeración e ampliación de crédito oportuno.

Diversas dificultades de caracter técnico, así como atrasos producidos na recepción da documentación provocaron que a fase de instrución se prolongase máis alá das datas inicialmente previstas, o que afectou, en consecuencia, a resolución do procedemento. Por tal motivo cómpre ampliar o prazo de presentación da documentación de xustificación.

Co obxecto de poder amparar todas as solicitudes nas distintas liñas de axuda establecidas, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, aprobáronse os correspondentes expedientes de xeración e ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modifícase o parágrafo primeiro do artigo 15 das bases reguladoras da Orde do 24 de marzo de 2008 (DOG nº 63, do mércores 2 de abril de 2008), pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas para o fomento das razas autóctonas galegas de protección especial en perigo de extinción, que queda redactado como a seguir se expón:

«As xustificacións técnicas e económicas da realización do programa deberán presentarse antes do 19 de decembro, no rexistro da consellería, das súas delegacións provinciais ou nas oficinas agrarias comarcais. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Achegaranse os xustificantes orixinais de investimento total, unha relación informatizada destes e unha memoria explicativa sobre a realización do programa auxiliado que probe a entrega efectiva dos produtos ou a prestación efectiva dos servizos. Para cada concepto presentarase unha táboa comparativa entre os

gastos realizados, debidamente xustificados, e os presentados no orzamento de gastos inicialmente presentado».

Artigo 2º.-Ampliación orzamentaria.

1. Amplíase a dotación orzamentaria que se establece na Orde do 24 de marzo de 2008 (DOG nº 63, do mércores 2 de abril de 2008), pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas para o fomento das razas autóctonas galegas de protección especial en perigo de extinción.

2. O incremento da dotación será de:

280.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.713-C.781.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional

Única.-A ampliación de crédito e a modificación do prazo de presentación das xustificacións previstas nesta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 24 de marzo de 2008.

Disposición derradeira

Esta orden entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural